8M | Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres

Todos os días, as mulleres estamos en loita: para sobrevivir nun mundo cheo de guerra, machismo e pobreza, para vivir a vida que queremos e para transformar o mundo con xustiza. igualdade e liberdade. O 8 de marzo é o Día internacional das mulleres. Todos os anos, nesa data, saímos ás rúas organizadas para loitar. 

O 2023 non é un ano calquera. Enfrontamos, a diario, ataques e agresións a un estado de benestar que se derruba por momentos. Enfrentamos tamén unha economía galega ao servizo de intereses alleos a Galiza. Como resultado das últimas crises fica desaparecido o suposto papel protector do sistema público de servizos sociais e a importancia dos servizos públicos no sistema capitalista vese relegada a un segundo, terceiro ou cuarto lugar. 

Levamos moitos anos denunciando o desmantelamento dos servizos públicos fronte ao lucro do grande capital, alertamos das reformas, da queda do público fronte o privado. A resistencia feminista continua alerta na Galiza. Por iso nós, da Marcha Mundial das Mulleres, dicimos: Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres!

Queremos axudas ás rendas mínimas na Galiza

Un bo exemplo de do desmantelamento dos servizos públicos son os datos da Xunta de Galiza nas axudas ás rendas mínimas. A aparición das axudas estatais repercutiu nunha redución en todas as comunidades autónomas, mais só se ergue Galiza como avantaxada ao ser a que menos está a gastar na parte máis vulnerábel da nosa sociedade. 

Queremos unha sanidade pública.

Vivimos cun sistema sanitario debilitado até a asfixia. Cal é o resultado? Listas de espera eternas nunha crise sanitaria que levamos moitos anos vivindo e que neste momento está nunha situación dramática. Somos as mulleres as que máis pagamos os recortes no sistema sanitario, como usuarias coa nosa saúde e, como traballadoras coa precariedade. A situación deficitaria da atención primaria obrigounos a asumir unha mior atención a persoas idosas, crianzas e doente ante a falta de recursos sanitarios esenciais. O atrasamento nas citas, os desprazamentos a outros centros sanitarios ou mesmo áreas sanitarias por non funcionar adecuadamente, implica que sexamos as mulleres as que teñamos que estar sempre pendentes dos coidados das persoas coas que convivimos e temos que dedicar moito do noso tempo (e da nosa carga mental) dentro e fóra da xornada laboral. Unha vez máis vémonos obrigadas a poñer a atención doutras persoas por diante dos propios autocoidados pola carencia de recursos públicos. 

O noso sistema sanitario reflite a practica as desigualdades propias da sociedade patriarcal cando as doentes somos nós. A subordinación que as mulleres sufrimos na sociedade reprodúcese nun sistema sanitario deseñado con valores masculinos e por homes. 

Queremos un sistema educativo público.

Os recortes tamén lastran o sistema educativo: merman os cadros de persoal, pechan escolas no rural, aumenta a impartición de materias por profesorado non especialista, a desatención ás necesidades educativas especiais, etc. Todo isto non fai máis que dificultar un ensino público de calidade para as crianzas e mocidade das clases populares. 

Tamén a imposibilidade de cursar estudos superiores pola dificultade de acceso e de recebimento de bolsas en prazo, que afectan a moitas clases populares na Galiza que teñen que deixar os estudos por imposibilidade económica.

Queremos un sistema público de ensinanza con perspectiva feminista que garanta a non discriminación e unha aprendizaxe libre.

Queremos centros xeriátricos. 

Calcúlase que na Galiza hai un défice de máis de 14.000 prazas nos centros de atención a idosas. A xestión da maior parte das prazas existentes está en mais privadas, igual que en moitos centros de día. Esta aposta pola privatización repercuten nas usuarias, que teñen que padecer uns servizos que priman o lucro e non a atención.

Queremos unha vida sen violencia.  

A violencia non cesa na Galiza. É a violencia contra as mulleres e nenas nas cidades, vilas e aldeas do país, a violencia contra a poboación LGBT. Vivimos agresións físicas, acoso sexual no traballo, somos asasinadas. A causa desta violencia é a desigualdade e o machismo crecente na sociedade e impregnado neste sistema, na que as mulleres non temos cabida. 

Queremos a fin da violencia machista: uns servizos públicos que traballen na prevención, acompañamento e atención das mulleres que sofren violencia machista. Exiximos máis recursos e programas públicos para traballar na erradicación da violencia machista.

Queremos unha vida libre e autonomía das mulleres sobre os nosos corpos e sexualidades. 

Queremos que as mulleres teñamos o dereito á vida que desexemos. Isto ten que ver, inclusive, co dereito a decidir ser nais e decidir como queremos maternar, cun sistema público de escolas infantís e baixas xustas e remuneradas para a crianza e a conciliación. 

Queremos os nosos dereitos sexuais e reprodutivos garantidos.

Queremos dereitos, empregos, salarios e pensións dignas. 

Queremos un sistema público de protección para o desemprego con cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación e subministracións.

Queremos que sexan para todas, precisamos dun sistema público que garanta os dereitos de todas, o fin dos discursos de odio e a desaparición das leis de estranxería. 

Estas son as nosas exixencias inmediatas!

Somos as grandes vítimas destas políticas non-sociais. Nós debemos paliar a pobreza de recursos que ofrecen as administracións, somos nós as que máis traballos ocupamos neses servizos de coidados sobreexplotas, nós somos as empobrecidas e é o noso deber darlle resposta ás carencias do sistema.

O que acontece cando fallan os servizos públicos? Debemos reducir a xornada de traballo ou mesmo renunciar a ter unha vida laboral para desenolver os coidados que os gobernos non garanten. Isto ten consecuencias: a curto prazo, na capacidade económica reducida, na sobrecarga mental, nas dificultades de poder promocionar no noso posto laboral; a longo prazo, na calidade das pensións, as galegas as máis baixas do estado e de media 350€ inferiores ás dos homes.

Neste sistema non temos a posibilidade de ter unha vida digna, con dereitos e libres de violencia. Só o feminismo e a clase traballadora unida, organizada e na rúa podemos poñer fin a un sistema de miseria e retroceso. 

Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres. 

MANIFESTO 8 DE MARZO

[LISTAXE DE MOBILIZACIÓNS] actualización 08/03

A Coruña, 20h Obelisco
As Pontes, 20:30h saída do Concello
Allariz, 20h Praza do Concello
Ames, 18h Praza do Concello
Betanzos, 20h detrás do palco da música
Catoira, 20h Alameda
Cee, 20h Praza 8 de marzo
Chantada, 20h Praza Santa Ana
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza Amada García
Lalín, 20h KM0
Lugo, 20h Multiusos da Xunta
Monforte, 20h Praza de España
Noia, 20h Coliseo Noela
O Porriño, 20h diante do Concello
Ordes, 20:30h Alameda
Ourense, 12:30h na Praza Maior | 20h manifestación Subdelegación
Padrón, 21:30h saída da Estatua Rosalía
Ponteceso, 20h saída do IES Eduardo Pondal
Pontevedra, 20h Praza de Ourense
Ribadavia, 20:30h Praza Maior
Ribadeo, 20h Aparcadoiro público na rotonda do instituto
Ribeira, 19:30h Praza do Concello
Val Miñor, 12:30h no cruce da Ramallosa
Verín, 12h Praza do Concello
Vigo, 20h Praza dos Cabalos
Vila de Cruces, 20:30h Praza do Concello
Vilagarcía de Arousa, 20:30h Praza de Galiza
Vilalba, 20h Praza Constitución

https://twitter.com/MMMGaliza/status/1633071853622247424

IDENTIFICADAS NA CONCENTRACIÓN EN OURENSE!

Este martes 14 de febreiro rexistramos unha queixa ante a Subdelegación do Goberno de Ourense por identificar a compañeiras o pasado martes 8 de febreiro logo da concentración polo feminicidio que tivo lugar en Baiona.

A Marcha Mundial das Mulleres cando organiza activdades reivndicativas faino de xeito responsabel. Por exemplo a manifestación do 8 M o ano 2021 en Ourense, en plena pandemia. Manifestación moi nutrida, que arrancando de Juan XXIII, percorreu as rúas da nosa vila ate o Complexo Hospitalario. Foi un exemplo de bon proceder e así foi recollido na prensa escrita. En todo momento mantivemos as esixencias que se nos fixeron de seguridade -baixo ameaza de sanción-, como a distancia de dous metros entre todas e cada unha das numerosas persoas que participaron foran ou non foran convivintes, e toda a xente acudiu ca obrigatoria mascarilla e amosou disposición a facilitar o benestar coletivo.

Dende o ano 2010 contamos 69 mulleres asainadas por violencia machista na Galiza. Cada un deses terribles asasinatos motivou a mesma convocatoria por pate da MMM en Ourense:

“Concentración ás 20h na Castañeira”

Estas convocatorias da MMM en resposta aos feminicidios non se limitan á vila de Ourense, convocouse neste caso en 32 localidades da Galiza, noutras ocasións en máis ou menos cidades mas nos últimos 8 anos nunca en menos de 20 por convocatoria. Sabemos que co mesmo motivo outras organizacións, partidos políticos, colexios, sindicatos, concellos e institucións autonómicas e estatais convocan concentracións e minutos de silenzo na nosa cidade sen que reciban o trato que vivimos o pasado 8 de febreiro.

Estas concentracións realizadas tras un feminicidio, son de raiba e de dor, e o sentimento que nos invade ante a cara máis cruel da violencia é a desolación, a impotencia, a indignación….

O pasado día 8 de febreiro por desgraza houbo que convocar xa que Beatriz Lijó Gesteira, de 47 anos foi asasinada diante das súas fillas menores. En Ourense non foi das concentracións máis numerosas que temos realizado, e ao remate, cando a xente xa andaba medio dispersa, dous axentes uniformados pedíronnos a nosa identificación.

Repítesenos cada vez que hai ocasión que non hai efectivos suficientes dos corpos de seguridade do Estado para garantir a seguridade das mulleres con ordes de afastamento… semella que si son abondo para presentarse ao finalizar unha concentración e ocupar o seu tempo e o noso identificando activistas feministas.

Hai moito tempo que a policia non interviña nunha das nosas actividades/accións e menos para identificar a compañeiras. Perplexas, preguntamos o motivo obtendo como resposta que ao ser máis de vinte persoas e non termos tramitado o permiso tiñan que proceder á identificación.

Negámonos a que a ocupación dunha acera (onde realizamos as concentracións) teña que estar tutelada polo Estado, e xa temos manifestado en máis ocasións que a ocupación de espazos que non implican alteración algunha da cidade non deben ser obxeto da actuación policial. Nunca antes se nos requerira a identificación ao finalizar a concentración ante un feminicidio e agardamos que non volte reptirs

Mas non só a policia uniformada nos pediu identificarnos senón que de entre a xente que aínda quedaba arredor da Castañeira, apareceron dous axentes máis, sen uniforme que insistiron en identificarnos, e un deles recoñece ser él o que dá a orde.

Ante isto a nosa queixa na Subdelegación do Goberno de Ourense, en mans do PSOE para coñecer os motivos que levan a esta actitude cara o feminismo organizado na cidade. Que provocou este cambio de actitude na policía, que motivou que viñeran a interceptar a tres mulleres da organización, con que finalidade?

Non comprendemos esta acción policial cando estamos fartas de escoitar que contamos cun Pacto de Estado pola Igualdade que compromete a todas as Institucións a volcarse na loita contra a violencia de xénero, e que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están especialmente implicados nesta loita.

Esiximos saber por que se envían axentes de paisano ás nosas mobilizacións.

Ourense, 15 de febreiro de 2023

Ante o feminicidio de Beatriz Lijó en Baiona.

CONCENTRACIÓNS convocadas polo feminismo alego en resposta ao feminicidio de Beatriz Lijó, veciña de Baiona. Súma a túa localidade/colectivo e demos unha resposta galega contundente a este novo crime!

LISTAXE DE MOBILIZACIÓNS:

A Coruña, 20h Obelisco
A Fonsagrada, 20h diante do Concello
A Guarda, 20.30h Praza do Reloxo
A Gudiña, 20h fronte o Concello
As Pontes, 20.30h Praza do Hospital
Ames, 20h Praza do Concello
Betanzos, 20h detrás do Palco da música
Burela, 20h Praza da Mariña
Cabanas, 20h diante do Concello
Catoira, 20h Alameda do Concello
Carballo, 20.30h Praza do Concello
Carnota, 18h na Praza da Pedra
Celanova, 20.30h Praza Maior
Chantada, 20.30h na Praza do Cantón
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Praza Amada García
Lalín, 20.30h Praza da Igrexa
Lugo, 20h diante do Concello
Melide, 20h Praza do Convento
Moaña, 19h Praza do Concello
O Porriño, 20h Praza do Concello
Ourense, 20h Castañeira
Padrón, 21h enfronte do Concello
Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
Rianxo, 18h Praza de Padrón
Ribadeo, 20h Praza 8 de marzo
Ribadavia, 20h Praza Maior
Ribeira, 20h Praza do Concello
Val Miñor, 20h Rotonda da Ramallosa
Vigo, 20h MARCO
Vilagarcía de Arousa, 20.30h na Praza de Galiza
Viveiro, 19h Praza da Fontenova
Xinzo de Limia, 20.30h no mural do Centro de Saúde

CARTACES.

CONSIGNAS.

En resposta ante o ASASINATO de Cristina Cabo Buján en Lugo

🔴🔴 ALERTA FEMINISTA!

As compañeiras de Lugo chaman a mobilizarnos masivamente para dar resposta ao asasinato de Cristina Cabo Buján o pasado domingo.

As últimas informacións que coñecemos hoxe mesmo parecen indicar que o asasinato pode ter tintes machistas e por tanto entendemos que cómpre dar resposta colectiva a este crime!

🔴🔴 MOBILIZACIÓNS ANTE O ASASINATO DE CRISTINA CABO EN LUGO

Desde o feminismo galego chamamos a mobilizarnos masivamente para dar resposta ao asasinato de Cristina Cabo o pasado domingo en Lugo

Nin un paso atrás contra a violencia! Suma a túa localidade!

LISTAXE DE MOBILIZACIÓNS: [EN ACTUALIZACIÓN]

A Coruña, 20h Obelisco
A Gudiña, diante do Concello
As Pontes, 20:30h Praza do Hospital
Ames, 20h Praza da Maia
Betanzos, 20h detrás do palco da música
Cabanas, 19:30h diante do Concello
Carnota, 19h Praza da Pedra
Celanova, 19:30h Praza Maior
Compostela, 20h Praza 8 de marzo
Ferrol, 20h Amada García
Lugo, 20h diante do Concello
Moaña, 18:30h Praza do Concello
Noia, 20:30h diante do Concello
O Porriño, 20h diante do Concello
Ourense, 20h Castañeira
Outes, 20:30h diante do Concello
Padrón, 21h fronte ao Concello
Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
Ribadeo, 20:30h Praza 8 de marzo
San Cibrao (Cervo), 20:30h diante da casa da cultura
Vigo, 20:30h no MARCO

Manifesto

Compostela // Non temos que pedir permiso!

De cara ao 25N a MMM anunciou unha ruada nocturna na que un grupo de mulleres sairíamos a percorrer as rúas de Compostela, ataviadas con mandis, fachos e fouciñas. A nosa acción tiña a intención da denuncia social manifestando a outra cara do medo, a de arrepoñernos a el, deixando claro que estamos fartas de ser acosadas, de non poder saír á rúa pola noite sen ser violentadas, humilladas e en casos extremos, agredidas, violadas ou asasinadas.

A piques de comezar a polícia nacional incautou as nosas fouciñas por orde da Subdelegación do Goberno e recriminou non ter solicitado permiso á mesma. Cabe destacar que o alcalde de Compostela, do mesmo partido que ostenta a Subdelegación, estivo na manifestación preto de nós, e non se achegou en ningún momento para explicarnos as suas intencións ocultas de sancionarnos. O PSOE acude ás nosas manifestacións mentres maquina ás nosas costas como pode sancionarnos, como pode facernos calar, como pode castigarnos.

Fomos identificadas pola polícia nacional, que advertiu que recibiremos sanción administrativa, malia terlle exposto que era unha actuación pacífica polas rúas, como se puido comprobar cando a levamos a cabo. Este é o patriarcado e a súa dobre cara: por un lado, a propia Subedelgación concédenos o recoñecemento Meninas 2022 uns dias antes, que rexeitamos porque non cremos en institucións machistas e, polo outro, cando loitamos contra a súa opresión, veñen a por nós ás agochadas, intimidándonos e sancionándonos, con covardía. Estas son as mesmas institucións que se fartan a dicir que non hai medios para protexer ás vítimas da violencia machista mais que, pola contra, poden escoltar a menos de 20 mulleres cunha grilleira chea de policías nunha ruada pacífica.

Cando loitamos contra o patriarcado, sempre está a se reinventar, este 25N foi coa escusa da nosa propia protección, pero o feminismo é máis forte, somos moitas, moi bravas e, aínda nos quedan máis fouciñas coas que recoller o froito da semente de vencer.

QUÉRENNOS CON MEDO BRAVAS NOS TERÁN! Até que todas sexamos libres.

Compostela, 27 de novembro de 2022.

Institucións Machistas // Non debería pasar pero pasa

No marco do 25 de Novembro Día Internacional de loita contra a violencia machista atopamos nas institucións exemplos de discursos revictimizadores que responsabilizan da violencia a quen a recibe. Como exemplo a Xunta de Galiza e o Concello do Carballiño con estas campañas terríbeis que deberan ser retiradas. As mulleres non nos deixamos matar nen agredir porque non somos nós as responsábeis da violencia que se exerce sobre nós!

Do mesmo xeito que a violencia non se produce pola escolla no vestir das mulleres nen o contexto no que se dé senón que responde ao exercicio do poder e a dominación patriarcal. Saímos ás rúas este 25N tamén para combater estes discursos! #25N

Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres ante o recoñecemento Meninas 2022 concedido pola Subdelegación do Goberno en Galiza.

Premio Meninas 2022

Hai poucos días recibimos unha comunicación na que se nos informaba do recoñecemento que nos é outorgado desde a Subdelegación do Goberno en Galiza co motivo dos premios Meninas 2022 que pretenden “poñen en valor a persoas e institucións que incorporan estratexias, iniciativas ou proxectos para combater a violencia sobre as mulleres e promover a igualdade”. 

Sempre é satisfactorio que institucións que habitualmente dan as costas ao traballo que os colectivos facemos na rúa e que mesmo o complican en ocasións -lembramos o 8M no que decidimos manifestarnos e fomos ameazadas con sancións- ollen para nós e o noso traballo e atopen o espazo e o momento de darlle o valor que ten. 

A nosa relación, como organización anticapitalista e feminista que aspira a transformar o mundo, é complicada coas institucións. Entendemos que desde as institucións poden porse en marcha tímidas políticas ás que podemos nomear como feministas mais tamén a maior parte dos resortes institucionais responden ao reforzo e reprodución do sistema socio-ecómico e político no que vivimos e que nós combatemos. Para nós, os rituais do institucionalismo que non implican un maior compromiso coa nosa causa non supoñen un avance no recoñecmento do noso traballo, sabemos que os dereitos das mulleres se conquistan nas rúas e que o mundo se transforma transformando tamén as actuais institucions que sustentan unha orde machista, clasista e capitalista. 

Neste sentido o chamado a recibir un premio deste tipo supón para nós unha oportunidade para analizar que papel xoga no desenvovemento da nosa acción política un recoñecemento institucional que, sentimos, non recolle nengunha das nosas demandas e preocupacións. Agradecemos que se nos diga que facemos un bo traballo no combate da violencia machista, mas o que queremos é que se dote de meios e recursos esta loita, que se escoiten as nosas demandas sobre a denuncia da xustiza patriarcal, que artefactos como o Pacto de Estado pasen da propaganda aos feitos, que os procesos de denuncia de violencia non nos revictimicen e mesmo que se analice de forma crítica os poucos avancen que teñen suposto nos últimos anos os mecanismos postos en marcha dende as institucións para combater a violencia machista. 

Así, decidimos colectivamente agradecer o recoñecemento do labor de máis de 20 anos de traballo político en Galiza que leva feito a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres grazas a todas as compañeiras que fixeron e fan parte dela que é o que nos dá prestixio e unha voz no movemento feminista deste país mais non imos recoller este recoñecemento institucional, para nós o maior recoñecemento é que se abran as portas cuando chamamos a elas demandando ou reclamando medidas ou accións concretas, que se dispoñan recursos para o traballo de profesionais e colectivos sociais, que non se dificulte o noso traballo na rúa e que se adiquen máis esforzos a políticas eficaces e útiles contra a violencia machista que a organizar unha gala para tirarnos unha foto e decir o moito e ben que o estamos facendo. 

Seguimos en marcha, até que todas sexamos libres. 

25N // Se o presente é loita, o futuro será libre!

Mobilízate este #25N: [en actualización]

→ A Coruña, 20h no Obelisco.
→ A Estrada, 20h30 Praza do Concello
→ As Pontes, 19h30 Praza do Hospital
→ Betanzos, 20h30 detrás do palco da música
→ Carnota, 19h30 Praza da Pedra
→ Catoira, 20h Alameda do Concello
→ Cee, 20h na Praza 8 de marzo
→ Celanova, 19h30 Praza Maior
→ Compostela, 20h Praza 8 de marzo
→ Lalín, 20h30 Praza da Igrexa
→ Lugo, 20h diante da Subdelegación do Goberno
→ Narón, 19h30 Praza da Gándara
→ Noia, 20h30 diante do Concello
→ O Porriño, 20h Praza do Concello
→ Ordes, 20h30 Alameda
→ Ourense, 20h Castañeira
→ Ponteceso, 20h Praza do Recheo
→ Pontevedra, 20h Audiencia Provincial
→ Ribadavia, 20h Praza Maior
→ Sarria, 20h30 Praza da Vila
→ Val Miñor, 20h no Cruce da Ramallosa
→ Vigo, 20h Vía Norte
→ Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza
→ Vila de Cruces, 19h Praza da Igrexa
→ Vilalba, 20h30 na Praza da Constitución

Poderás descargar aquí o noso manifesto

Material descargábel

Posicionamento político da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres:

A data 25 de novembro, escollida no 1981 no I Encontro Feminista Latino – Americano e do Caribe, presta homenaxe ás irmás Mirabal, vítimas do feminicidio e da ditadura. Elas foron ecarceradas, violadas e asasinadas a mando da ditadura da República Dominicana nos anos 60. En nome da memoria colectiva, o día marca as loitas polo fin das violencias contra as mulleres. 

Neste momento, vivimos nun contexto de crise no que sentimos a devastación causada polo capitalismo, que se tornou aínda máis visíbel nestes últimos 3 anos desde a pandemia e que se incrementou cos movementos xeopolíticos no leste do continente europeo que agudizaron a inflación e a carestía da vida até chegar uns niveis sen precedentes e que de novo, aumentou a situación de emerxencia social e crise. 

Hoxe, as contradicións acumuladas polo capitalismo chegaron ao punto de ser insostíbeis, o aumento do desemprego, da inseguranza,  a inestabilidade económica… volveu evidente que o sistema precisa aumentar a explotación e o empobrecemento xeral da poboación para poder sobrevivir. A privatización e mercantilización dos servizos públicos, a crise ecolóxica e climática, os intereses capitalistas e corporativos colocados por diante da nosa saúde, o poder imparábel das transnacionais… son efectos do agravamento do conflito capital-vida. 

Sabemos que son tempos difíciles para facer traballo fóra das lóxicas do sistema mais é a nosa obriga, neste 25 de novembro, seguir sinalando as violencias que nos atravesan a todas e cada unha de nós e que cada día son agravadas por un sistema no que non poderemos nunca sermos libres. 

É por isto que escollemos o lema Se o presente é loita, o futuro será libre, para podermos ser quen de analizar todas as violencias que nos atravesan e ter a capacidade de dar unha resposta contundente e alzar a voz en denuncia de todas elas. Porque ningunha pode ter cabida na nosa vida. 

A violencia psicolóxica: as emocións anteceden e, a súa vez, forman parte de todas as violencias coas que o patriarcado nos agrede. Algunhas destas violencias correspóndense con iso que Bourdieu definiu como violencia simbólica; aquela indirecta e dificilmente identificábel, que nos converte en persoas agredidas mais sen consciencia de selo. Esta violencia, aínda que non se exerce de xeito directo sobre todas nós, sirve como un aviso, a través do medo, sobre aquilo que non debemos ser ou facer; aconteceu no verán, coas picadas denunciadas masivamente por mozas cuxo obxectivo era, fundamentalmente, reforzar a posición de poder do xénero masculino sobre as mulleres e arrebatarnos a liberdade de gozar seguras do noso tempo de ocio.

Neste caso co medo e noutros milleiros con diversas emocións, o patriarcado tenta anularnos coma suxeito de noso, tendo como ferramenta fundamental a violencia psicolóxica que sobre nós se exerce. En moitos casos esta violencia diríxese á nosa individualidade, como acontece nos casos de violencia machista que moitas mulleres sofren nas súas relacións de parella. Porén, todas nós sufrimos unha violencia psicolóxica estrutural, non individualizada, que determina en certa medida a nosa relación co mundo e a nosa autoconcepción.

Esta violencia psicolóxica estrutural viría representada polos canons de beleza, polo mito do amor romántico, pola división do traballo e pola idea mesma de feminidade. Consistiría na imposición duns estándares -físicos, románticos, laborais e emocionais- imposíbeis de acadar e mesmo prexuizosos para nós e o noso entorno. Estes estándares reforzarían os roles de xénero que nos sitúan nunha situación de dependencia e subordinación ao home na que este exerce violencia sistemática sobre nós. A súa vez, os medios de comunicación, a arte e toda manifestación na que o capital ostenta a hexemonía viría a reproducilos e reforzalos.

De igual modo, estas ideas, en tanto en canto a división público-privada non existe realmente, virían a manifestarse na nosa vida persoal de diferentes formas. A nivel individual, cunha maior tendencia das mulleres a situacións de depresión ou trastornos como os da conducta alimentaria, relacionándose coa carga mental, o traballo no eido dos coidados que se complentaría co propio traballo asalariado ou a imposición dun canon imposíbel de acadar. A nivel relacional, coa vixencia dun mito acerca do amor romántico que reforza os roles de xénero na esfera da parella, romantiza as situacións de abuso e maltrato sufridas por moitas mulleres e xustifica a violencia exercida polo home.

Para pór fin a todas estas violencias baixo a violencia psicolóxica, acreditamos na existencia de institucións que faciliten a loita contra este sistema e por iso reclamamos:

  • Reforzo da atención psicolóxica nos CIM
  • Reforzo da atención psicolóxica nos centros Quérote +
  • Atención psicolóxica con perspectiva de xénero garantida na seguridade social. 

A violencia na saúde mental das mulleres: a ausencia de perspectiva de xénero na medicina é un serio problema para a nosa saúde. No día a día, sabemos que a atención a homes e mulleres ante síntomas similares relacionados co malestar emocional, non se analizan co mesmo rigor nas consultas médicas, e a miúdo trivialízanse ou menosprézanse as expresións de malestar das mulleres. Aliás, padecemos todas as persoas unha atención sanitaria que carece de recursos suficientes para prestar a atención necesaria e que habitualmente recorre á saída fácil do tratamento farmacolóxico, negando o acceso a outro tipo de solucións verdadeiramente terapéuticas. 

Historicamente a psiquiatría converteu en doenzas mentais os malestares que padecemos as mulleres por efecto das violencias machistas que sufrimos ao longo de toda a nosa vida. O invento da histeria como doenza mental propia das mulleres dá boa mostra do papel da psiquiatría como ferramenta coercitiva ao servizo do patriarcado. Non só coas mulleres, tamén coas persoas homosexuais e trans actuou como correctora das disidencias coa norma. En nome da ciencia médica practicouse o illamento en centros psiquiátricos, as técnicas como o electroshock, a contención mecánica, as terapias de conversión, a droga dura da medicación, etc. A crenza popular de seren as tolas persoas agresivas facía aceptábel o uso destas prácticas e arredalas da sociedade, ficando así oculta a doenza psíquica e o seu estigma para a persoa e a familia. Aínda persisten as prácticas que anulan a vontade destas persoas, que lles negan calquera capacidade de decisión, convertendo as familias ou os profesionais nos seus enterradores en vida. 

A patoloxización do malestar emocional está máis presente que nunca. É a consecuencia das dinámicas sociais do sistema capitalista e patriarcal, que só obedecen á máxima do beneficio económico das minorías, unha sociedade a cada paso máis deshumanizada, onde a atención e os coidados que todas precisamos non teñen cabida.

A depresión e a ansiedade son diagnósticos que se multiplican por tres no caso das mulleres. E non é estraño se temos en conta que a atención ás persoas dependentes seguímola asumindo case exclusivamente as mulleres, que multiplicamos as nosas tarefas coas dobres xornadas, que o noso traballo está infravalorado, que soportamos a presión das exixencias dos canons de beleza e da suposta feminidade a través da obxectualización do noso corpo, que convivimos co medo ou coa experiencia de sermos vítimas de agresións sexuais e outras violencias… Todo isto non se cura con psicofármacos, o que nos cómpre é derrubar o sistema capitalista e patriarcal e nese camiño aspiramos á realización dos seguintes obxectivos inmediatos:

  • Unha atención sanitaria con perspectiva de xénero que dea prioridade á saúde mental.
  • Que se aborde a saúde mental desde  terapias humanizadas, desde a atención, a comunicación e o respecto.
  • Unha educación inclusiva, que ensine o autocoñecemento do corpo e das emocións, co que se aprenda a situar nun lugar central o coidado propio e o coidado das outras.

A violencia sexual:  Hai unha problemática que atinxe á totalidade do territorio galego, Galiza é a quinta comunidade con máis mulleres en situación de prostitución e con máis burdeis, colocándose por diante doutras do Estado Español con maior poboación. O emprego de substancias para inhibir a vontade das mozas nos espazos de ocio, os ataques sistémicos ás xogadoras de equipos deportivos, as agresións sexuais… son exemplos da mesma problemática: a obxectificación e hipersexualización das mulleres. 

Somos vistas como un obxecto de pracer, sen vontade nin opinión, categorizadas como humanas de segunda, as eternas vítimas rexulgadas nun sistema baseado na cultura da violación. O dedo acusador nunca sinala o agresor, sempre á agredida. Somos as agredidas quen debemos readaptarnos para encaixar nos roles que nos impoñen, quen temos que xustificar o non ser agredidas para encaixar nun sistema no que o patriarcado nos explota e agrede. 

Fronte á violencia sexual que golpea na vida de moitas mulheres de diferentes xeitos pedimos: 

  • Programas que favorezan a superación da situación de mulleres en situación de prostitución e de trata. 
  • Acceso das persoas prostituídas e as súas crianzas a mecanismos de protección social (vivenda, saúde, escolarización, formación profesional…)
  • Creación, por parte do Estado Español, de programas de saída da prostitución que garantan ás mulleres a oportunidade de iniciar un novo proxecto de vida, libre de todo tipo de violencia. 
  • Talleres e obradoiros de educación sexual que se impartan a axentes orgánicos que traballen con calquera tipo de violencia sexual. 

A violencia institucional: A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva. 

Quen goberna e lexisla, actúa e traballa en suposto beneficio da totalidade da poboación. Este tipo de agresións contra a vida das mulleres pode darse de xeitos moi diferentes, unha das máis visibles é a que exercen as forzas policiais e que a maior parte das veces se dan en contextos de desigualdade. Deste xeito, actúan violando os seus propios límites e controlan ou maltratan sectores populares dun modo co que non actuarían cos sectores poderosos. A violencia que exercen as propias forzas de seguridade vaise sumando ás das propias institucións públicas que en moitos casos se manifesta con neglixencias, falta de solucións, indiferenza, mal proceder a mantenta…

Un exemplo moi recorrente da violencia institucional é a chamada revitimización, cando ocorre un dano a cause dun delito, é a vítima a que ten que falar disto. Isto quere dicir que a vítima volve padecer un perxuízo ao ser cuestionada polo delito que se cometeu contra ela, isto é aínda maior cando falamos da violencia machista na xustiza. 

  • Violencia xudicial

Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares que na mesma orden se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revictimizan ás mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …

Todo isto sucede cada día no noso país, marcando a vida de mulleres e crianzas para as que a violencia nunca remata coa denuncia senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo á violencia machista a institucional. Non se trata só de que se emitan sentenzas machistas; trátase de todo o proceso xudicial que lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas acaba por sometelas a máis violencias.

A responsabilidade de que isto remate é colectiva, comezando por todas e cada unha unha das persoas que interveñen no proceso: dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.

Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.

Por isto reclamamos ás institucións:

  • Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
  • Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
  • Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
  • Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
  • Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
  • Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
  • Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
  • Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
  • Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
  • Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
  • Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
  • Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
  • Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.

Tamén a violencia na saúde e no sistema de saúde galego que nos priva sistematicamente do acceso a un sistema sanitario autocentrado en nós. Un sistema sanitario que é desmantelado por momentos desde o goberno da Xunta de Galiza, que precisa maior investimento, que precisa pór atención na saúde das mulleres. Condeamos a violencia que se desenvolve no sistema de saúde, desde a falta de investimento e educación sexual, como a falta de formación de moitas das profesionais no SERGAS, a aínda non garantida práctica de interrupción do embarazo en todos os hospitais do noso país, a violencia xinecolóxica e obstétrica, o incumprimento sistemático dos plans de parto, a vulneración dos dereitos en todos os aspectos na saúde das mulleres. Para isto reclamamos: 

  • Unha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM en colaboración coas entidades locais.
  • Campañas especificas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectivo sexual a través dos Centros Quérote +
  • Unha materia obrigatoria no Ensino Obrigatorio con contidos específicos sobre educación afectivo-sexual, relacións, identidade e xéneros.
  • Maior investimento en saúde das mulleres, é dicir, máis investigación en patoloxías que afectan especialmente ás mulleres.
  • Dereito ao aborto garantido na sanidade pública galega
  • A exixencia do cese da violencia obstétrica cara as mulleres

Conecta connosco!

8M e 25N son todos os días do ano!

Precisamos máis feminismo e máis organización para enfrontar o machismo. Queres contactar connosco? Queres organizarte? Escríbenos!

Correo electrónico: nacional@feminismo.info

Instagram: https://www.instagram.com/marchamundialmulleres/

Canle de telegram: https://t.me/mmmgaliza

Teléfono de contacto / WhatsApp: 639 78 76 26

Facebook: https://www.facebook.com/MMMGaliza/

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram