🌈28X // DEREITOS PARA TODAS 🌈

Neste 28 de xuño, Día do Orgullo, dende a coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres reclamamos o compromiso de toda a sociedade coa loita por conquistar Dereitos para TODAS.

En momentos nos que os discursos fascistas atopan altofalantes e medran nunha sociedade na que o lucro e o consumo vertebran a vida das persoas é máis importante que nunca alzar a voz e posicionarse con claridade contra as ideoloxías reaccionarias que negan dereitos.

O feminismo é a ferramenta máis potente que temos para loita contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e o imperialismo, e para conquistar dereitos sociais e políticos para todas. Non seremos unha voz cómoda para quen pretenda, en nome do feminismo, decidir quen debe ou non conquistar os dereitos que lle corresponden e estaremos en fronte de aquel feminismo LGBTFóbico que pretenda excluír a compañeiras de loita.

💜Como mulleres lésbicas esiximos visibilidade e o fin das discriminacións que sufrimos, como os problemas que se colocan ao rexistro das crianzas cando non estamos casadas.

🧡Como mulleres trans esiximos unha Lei Trans que poña fin ás violencias institucionais que se exercen sobre nós e os nosos corpos para o recoñecemento da nosa identidade.

💙 Como mulleres bisexuais esiximos o fin da estigmatización e a invisibilidade dentro e fóra do movemento e o recoñecemento das violencias que recibimos da heteronorma.

💛 Como mulleres con diversidade funcional esiximos o fin da invisibilización e o paternalismo machista que nos considera mulleres de segunda.

🖤 Como mulleres negras esiximos o fin do racismo en todas as súas expresións, as nosas vidas importan!

❤️Como mulleres migrantes esiximos o fin das Leis de Extranxería que nos criminalizan e someten a procesos de violencia institucional e xenofobia impedindo que podamos procurar unha vida digna.

💙Como mulleres empobrecidas esiximos o fin dun sistema criminal como o capitalista que coloca o lucro por diante das vidas.

💚 Como mulleres rurais esiximos o dereito á terra e a vivir con dignidade e servizos públicos de calidade nas nosas aldeas.

❤️Como mulleres galegas esiximos que o noso pobo poda exercer o seu dereito á autodeterminación en pé de igualdade co resto de pobos do mundo.

Como mulleres que somos organizámonos para transformar a sociedade e construír un mundo de xustiza social sen violencias no que sermos plenamente libres.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram