As Mulleres Traballamos, As Mulleres Contamos

NON SOLUCIONAREDES A CRISE A COSTA DOS NOSOS DEREITOS

Todos os anos, o 8 de Marzo, mulleres en todo o mundo mobilizámonos para reivindicar e esixir cambios que melloren as nosas condicións de vida e conquisten e consoliden dereitos que nos son negados. As mobilizacións mundiais este 8 de Marzo van facer referencia a como nos afecta ás mulleres esta crise de dimensións múltiples: de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. Consecuencia do sistema capitalista e do neoliberalismo, da avaricia sen límites, da falta de transparencia e de control social que configuran a realidade financeira mundial.

Hoxe en día ninguén nega que as mulleres en todo o planeta, en maior ou menor grao, chegamos a esta situación de crise con clara desvantaxe. Os organismos internacionais aseguran que de cada 10 persoas pobres no planeta, 7 somos mulleres. Tamén afirman que posuímos só o 1% da propiedade da terra. O patriarcado, que historicamente mantén ás mulleres nunha situación de subordinación, encontrou no capitalismo un grande aliado.

En países occidentais como o noso, as estatísticas nos aseguran que somos maioría no paro, temos máis eventualidade e precariedade no emprego, e cobramos un 30% menos de salario. Esta realidade agudízase no caso das mulleres novas, do colectivo de mulleres ciganas ou mulleres inmigrantes. Somos maioría nos sectores laborais peor valorados e peor pagados, como son o marisqueo a pé, a conserva, o téxtil, limpeza, hostalaría e comercio, agricultura ou no servizo doméstico. Hai que sumar a todo isto que seguimos levando case toda a responsabilidade do coidado e do traballo no ámbito doméstico.

Por iso, este 8 de Marzo, ao mobilizarnos e dirixirnos á sociedade e ás institucións, queremos concienciar e convencer da necesidade de resolver a crise económica superando as limitacións do neoliberalismo e do libre mercado, e facelo con alternativas que fortalezan os dereitos das mulleres e a participación en igualdade na actividade económica.

As políticas neoliberais emanadas dos intereses das grandes corporacións e aplicadas por organismos baixo o seu control (OMC, BM e FMI), concretáronse na privatización de servizos básicos como a sanidade e a educación, de recursos como a auga e a terra, con políticas de dependencia enerxética e alimentaria, destrución de tecidos produtivos… provocando un aumento da pobreza e a desigualdade en todo o planeta.

Asistimos con preocupación á aplicación, por parte de moitos gobernos, de medidas de loita contra a crise, que trasladan grandes cantidades de fondos públicos en axudas a grandes empresas e entidades financeiras. Todo menos intentar un control público das entidades financeiras, ou un novo modelo produtivo ao servizo das necesidades das persoas e non da produción e o consumo sen límites.

Os recursos públicos son imprescindíbeis para garantir os dereitos conquistados ao longo de décadas de loita feminista, para soster as intervencións de loita contra a violencia machista, para manter os servizos básicos como a saúde e a educación, a atención ás persoas dependentes, os programas de educación afectivo-sexual, as políticas de integración…

Tamén sabemos da importancia que ten para as mulleres o mantemento do emprego público para evitar a precarización, para evitar a discriminación no acceso ao emprego e na promoción laboral, para manter mellores condicións laborais, medidas específicas de protección por maternidade ou por ser vítimas de violencia, etc. dereitos básicos que dificilmente conseguimos ou podemos exercer nas empresas privadas.

Nós tamén sabemos botar ben as contas. Todo o diñeiro público destinado a quen amasou e amasa riqueza, vai supor números vermellos para manter os servizos públicos, as políticas sociais ou a creación de emprego. Por iso imos estar atentas, organizadas e activas para denunciar as políticas que reproduzan a exclusión das mulleres da actividade económica, ou que recorten as coberturas sociais que temos alcanzado até o momento. Imos esixir políticas decididas que se aparten da doutrina neoliberal e que aseguren non só a consolidación do que temos acadado até o momento, senón que supoñan un avance en dereitos e en igualdade.

Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, imos estar mobilizadas xunto a moitas outras mulleres do planeta non para pedir unha refundación do capitalismo, senón para esixir o certificado da súa defunción. Porque queremos un modelo económico ao servizo das persoas e non do capital. Porque para o capitalismo son imprescindíbeis a produción e o consumo sen límites, mais para as persoas son imprescindíbeis os dereitos e os coidados.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram