Concentracións denuncia polo asasinato de Matilde Herrero Barcia

Texto que lido en Ferrolterra de onde era veciña Mati:

Vivimos nunha comarca sen demasiados problemas de violencia, somos unha das comarcas co índice de delitos máis baixa do estado. Máis este ano, converteuse esta terra nun lugar de morte, pero non de calquera tipo, neste ano, houbo tres veciñas, tres mulleres asasinadas polos seus compañeiros, maridos ou exparellas.

Este é o caso de Matilde Herrero Barcia, Mati, así se chamaba esta veciña nosa, moitos e moitas das que estades hoxe aquí coñeciádela ben, unha muller traballadora que, a pesar das dificultades, sempre foi quen de sacar adiante á súa familia. Ela puxera denuncias por malos tratos no 2006, estivo separada do seu asasino dous anos, pero volveu con el, intentouno, pensou que o podería cambiar. Máis a realidade é teimuda, non se pode volver co maltratador, lembrádeo todas, non é posible, non se pode ceder.

A denuncia desafortunadamente tampouco garante a seguridade das vítimas. A policía, a xustiza, as institucións, non son quen de poñer todos os recursos necesarios para facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están sufrindo. Pero hai responsabilidades por un lado políticas, neste caso do Partido Popular, que está a recortar todos os dereitos e recursos dos que dispoñiamos as mulleres, así como as campañas de sensibilización da sociedade contra a violencia machista e por outra banda a sociedade en si mesma, porque non nos engañemos. Nin as leis nin os tribunais poden solucionalo todo. Non dariamos abasto para denunciar, xulgar e castigar nos tribunais tantas pequenas e grandes agresións. A xustiza non pode xulgar todos os comportamentos, as predisposicións, os valores e as actitudes machistas, pero a sociedade si. Tamén a sociedade ten que comprometerse nesta loita contra a violencia machista. Non vale só con conmoverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Todas as persoas que estamos aquí hoxe, e moitas que non están, condenamos este acto pola súa brutalidade e fatal desenlace; pero temos que ser conscientes de que a este tipo de accións sempre lle acompañan condutas que igualmente teñen que ser condenadas dun xeito unánime e sen fisuras por toda a sociedade.

Hoxe só quedan lamentos, pero tamén hoxe é un día para a esperanza de que MATI sexa a última asasinada por ser muller. É traballo de todas e todos que así sexa, e así debemos camiñar na nosa vida privada e pública, condenando as condutas machistas e esixindo ás administracións a súa responsabilidade social e xurídica, non só para garantir a cobertura necesaria as vítimas de maltrato e así, asegurar o fin dos asasinatos, senón tamén para poñer todos os medios necesarios para avanzar cara unha sociedade libre de machismo.

Debémoslle a Mati, e a cada unha das mulleres que foron asasinadas,así como as que a diario somos agredidas, violadas, humilladas, o noso compromiso firme e decidido contra a violencia machista.

A nosa compañeira Bárbara, que non pode estar hoxe aquí, coñecía a Mati, traballaron xuntas hai moitos anos… Ela pediunos que lésemos estes versos, adaptados a partir dun poema que lle pediu prestado a Mario Benedetti, por Mati e por todas as mulleres asasinadas polo terror machista:

Así estamos,
consternadas,
aínda que esta morte sexa
un dos absurdos previsibles

Dá vergoña mirar os cadros, os sillóns, as alfombras,
sacar unha botella do frigorífico,
teclear as letras do teu nome, Mati
na ríxida computadora,
que nunca estivo tan pálida

Vergoña ter frío
e arrimarse á estufa coma sempre.

Ter fame e comer,
esa cousa tan simple…

Dá vergoña o confort
cando ti caíches, Mati.

Ti es a nosa conciencia acribillada.
Así estamos,
consternadas,
rabiosas…

Claro que co tempo, a abafante consternación
irásenos pasando…

Pero a rabia quedará,
farase máis limpa,
e xuntarémola a todas as rabias que nos moven, e que mantemos acesas por cada muller asasinada polo machismo.

Manterémola acesa por ti, Mati.

 

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS O MACHISMO MATA, NON SEXAMOS CÓMPLICES!!!

Estivemos en Ferrolterra

E estivemos tamén nas rúas de Vigo

Video da concentración de Vigo

Deixa un comentario

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram