Matar contra o futuro. No asasinato das tres militantes curdas.

Sakine Cansiz, fundadora do PKK (Partido das Traballadoras do Curdistán), Fidan Dogan, representante do KNK (Congreso Nacional do Curdistán) e Leyla Soylemez, ativista, foron executadas cun disparo na cabeza. Estas tres mulleres poñen cara e nome a todas as mulleres anónimas que loitan pola independencia do pobo curdo. A execución destas tres mulleres en Francia producese no momento en que o estado Turco e Abdullah Ocalan, líder do PKK encarcelado dende 1999, retoman as conversas para iniciar un proceso de paz. Para isto o PKK reclama que o Estado turco recoñeza os dereitos políticos e culturais do pobo curdo e unha mellora substancial nas condicións en que se atopa Abdullah Ocalan como primeiro paso para iniciar un proceso que poda dar no fin do conflito.

foto-ativistas-curdas.jpg

Neste contexto os asasinatos das ativistas curdas en Franza espertan todo tipo de especulacións sobre o “bando” que cometou tal atrocidade e a finalidade da mesma. Cómpre ter claro que o asasinato de mulleres independentistas que defenden os dereitos políticos e culturais do seu pobo só pode beneficiar o estado opresor ou calquera dos seus aliados para non perdermos de vista que estamos a falar dunha guerra non declarada en que máis de 40.000 curd@s perderon xa a súa vida.

En xuño de 2010 tiven a oportunidade de viaxar a Istambul como delegada da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e coñecer a numerosas ativistas curdas, entre elas algunha compañeira do PKK. Naquel Encontro Europeo enmarcado na III Acción Internacional mulleres de toda Europa xuntámonos en Turquía para analisar a situación política e social dos diferentes pobos. Entre todos os obradoiros e palestras a máis interesante á que asistin foi a das ativistas curdas que propuxeron, tamén no seo do movemento feminista, as súas reivindicacións políticas e culturais como pobo.

As mulleres curdas mostraron a outras mulleres vidas de todos os rincóns da xeografía europea a forza e a convicción dun pobo que loita pola súa independencia, o papel fundamental que as mulleres xogan nesa loita e a súa valentía, saíndo á rúa cada día nun estado, o turco, que lles nega a identidade e a cultura e prohibe todas as manifestacións públicas que recoñezan a existencia do pobo curdo.

dscf1826.jpg

Durante aquela semana, como sempre fixeron e como fan cada día, aquelas mulleres desafiaban as leis e as autoridades e saian á rúa, coas imaxes dos seus familiares e compañeir@s, xogándose a vida, para reclamar a súa liberdade e os dereitos políticos do seu pobo. Xogándose a vida porque as mulleres curdas son arrestadas polo seu ativismo político e a acción dunhas forzas policiais con poderes discrecionais outorgados polo goberno no contexto do conflito e, en moitos casos, son asasinadas.

En varias conversas que tivemos con elas relataban a participación das mulleres tanto nos combates como nas direcións políticas dos partidos como parte importante do movemento político, reclamando indisociábel a loita pola emancipación das mulleres coa loita polos dereitos políticos do pobo curdo cun papel protagonista. Unha das mobilizacións que tiveron lugar foi a das “Nais dos Sábados” (Saturday Mothers of Turkey) un grupo de mulleres que dende 1995, cada sábado, realizan concentracións silenciosas para denunciar a desaparición de familiares e amig@s. Tamén na denuncia d@s desaparecid@s son as mulleres as que lideran o movemento político curdo.

O Encontro Europeo rematou coincidindo co inicio do Foro Social Europeo cunha grande manifestación, naquela mobilización, unha das máis numerosas da historia de Istambul, as ativistas curdas foron as protagonistas, vestidas cos seus panos tradicionais, algo que teñen prohibido facer públicamente, e berrando na súa lingua, algo tamén prohibido, desafiaron ao Estado turco e encheron as rúas da cidade como nunca antes se fixera para pedir liberdade para o pobo curdo e liberdade para as mulleres curdas perseguidas, maltratadas, detidas e asasinadas por defender os dereitos do seu pobo.

Pensei en todas elas ao coñecer o asasinato das tres ativistas en París. Tres mulleres máis que deixan as súas vidas loitando pola liberdade. De xustiza é recoñecer e reivindicar a todas as que, como elas, poñen cada día a súa vida en risco por defender a súa identidade e lembrar o papel protagonista que teñen as mulleres na loita polos dereitos políticos do Curdistán.

*artigo de Ximena González, militante feminista e nacionalista.

1 comentario en “Matar contra o futuro. No asasinato das tres militantes curdas.”

Deixa un comentario

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram