Hidralia Energía, viola e asasina

Imaxes correspondentes ás accións de denuncia realizadas na mañá de hoxe na cidade da Coruña, no marco da xira europea que as lideresas guatemaltecas Natalia Atz SunucAsociación CEIBA- e Paula Irene del Cid Vargas -asociación feministaLa Cuerda– están a realizar nestas semanas coma representantes da Confluencia Nuevo Baqtun -na que se atopan representadas máis de 50 organizacións guatemaltecas-, e que mesmo as levou a entrevistarse co Servicio Europeo de Acción Exterior da Unión Europea en Bruxelas.

Na concentración convocada ás 12.00hrs. na Praza da Palloza, ademais de faixas cos lemas Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Galiza-Guatemala e Hidralia Energía: cantas mulleres precisan violar para producir luz?, visualizouse a través de varias siluetas de militares a ocupación militar baixo a que vive a poboación de Santa Cruz Barillas, expuxéronse fotografías correspondentes ás mobilizacións contra Hidralia Energía que están a facer as e os habitantes desta rexión, e repartíronse panfletos informativos sobre a vulneración de dereitos humanos por parte desta transnacional galega -propiedade dos irmáns Castro Valdivia- en Guatemala.

Posteriormente acudiuse en manifestación ata a sede que Hidralia Energía ten na Coruña, onde as convocantes lembraron que dende as mobilizacións realizadas na cidade o ano pasado a empresa retirou a placa identificativa que figuraba á entrada do edificio. Alí permaneceuse por espacio de máis de media hora identificando a localización da sede matriz desta transnacional, cantando consignas como “Galiza e Guatemala, esta loita non se cala”, “Mulleres unidas, contra as presas, contra as minas” ou “Patriarcado e Capital, alianza criminal”.

Nas súas intervencións Natalia Atz e Paula Irene del Cid, ademais de lembrar que mañá, un de maio, cúmprese un ano do asasinato do líder indíxena Andrés Francisco –opositor á central eléctrica que os irmáns Castro Valdivia queren construír en Santa Cruz Barillas-, denunciaron que a violencia segue a día de hoxe igual de forte na rexión, xa que o pasado 7 de abril o líder indíxena Daniel Pedro Mateo foi secuestrado e tamén asasinado e, a día de hoxe, un terceiro líder, Rubén Herrera -detido durante o Estado de Sitio decretado en maio de 2012-, segue no cárcere.

Ámbalas dúas lideresas chamaron tamén a atención sobre o feito de que Hidralia Enería estea a violar os dereitos dos pobos indíxenas recollidos no Convenio 169 da Organización Internacional do Traballo (OIT), pese a tratarse dun acordo internacional ratificado tanto polo Goberno español coma polo de Guatemala.

 

 

No coloquio celebrado na tarde do martes 30 de abril na Casa Museo Casares Quiroga, que contou cas intervencións das guatemaltecas Natalia Atz Sunuc -coordinadora daAsociación para la Promoción y el Desarrollo de la Comunidad CEIBA-, Paula Irene del Cid Vargas -asociación feminista La Cuerda– e a galega Isabel Vilalba -Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-.

Baixo o lema “Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Guatemala e Galiza” as lideresas contextualizaron o ataque das transnacionais enerxéticas, tanto na rexión guatemalteca de Barillas como na galega Corcoesto, destacando a consciencia e coordenación da sociedade civil para opoñerse a este tipo de proxectos.

En ámbolos dous casos, transnacionais de capital estranxeiro, ca connivencia e apoio dos distintos gobernos, decidiron instalarse en zonas de grande valor ecolóxico e produtivo, ofertando a cambio desta destrución a posibilidade duns poucos postos de traballo ou, no caso de Barillas, unha ínfima cuantía económica ca que pretenden soterrar a oposición social ao proxecto.

Novamente as compañeiras guatemaltecas destacaron a violencia á que se vén sometidas as persoas que participan nas mobilizacións contra Hidralia Energía, lembrando o asasinato de varios líderes indíxenas e as reiteradas agresións sexuais ás mulleres que se opoñen ao proxecto hidráulico desta transnacional galega.

Isabel Vilalba, pola súa parte, fixo fincapé na manipulación dos datos que se están publicitando sobre o impacto que tería a mina de ouro que a transnacional Edgewater quere explotar en Corcoesto, minimizados ata o extremo dende o Goberno da Xunta de Galicia. Ademais, salientou que sería moi importante contar co dereito á consulta dos pobos afectados por estes proxectos, ferramenta ca que si contan as compañeiras guatemaltecas a través do Convenio 169 da Organización Internacional do Traballo (OIT), que garante o dereito á consulta para os pobos indíxenas. Neste senso, para Vilalba a iniciativa máis similar sería a Declaración de Dereitos das Labregas e Labregos que está a impulsar internacionalmente La Vía Campesina.

No coloquio participaron un cento de persoas, contando tamén ca presencia de varias organizacións sociais da Coruña.

*Texto da Coordenadora de loitas da Coruña*

Deixa un comentario

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram