COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE: BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE:
BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO
O pasado venres foi asasinada en Arbo Beatriz Rodríguez Mariño xunto a a súa actual parella Sergio Rodríguez. Como case sempre as autoridades policiais e xudiciais non confirman o feito de que se trate dun novo caso de violencia de xénero, pero o certo é que o seu ex-compañeiro, e pai da súa filla está detido.

Nos medios de comunicación puidemos ler algúns comentarios dos compañeiros de traballo de Beatriz. Din que o seu ex nunca aceptou o feito de que ela decidira romper, que non a tratou moi ben e que últimamente metíase moito con ela por telo deixado pero que ela nunca presentou denuncia porque non o quería prexudicar, porque era o pai da súa filla…

Estes comentarios reflicten ben o problema da violencia machista:
  • Unha mala relación, que nin a sociedade nin a vítima identifican con violencia de xénero, porque entra dentro dos parámetros aceptados socialmente. Uns parámetros que grazas ao feminismo están cambiando e que actualmente levan a que moitas mulleres, a pesar de ter moi interiorizados os estereotipos e roles de xénero, poidan detectar e identificar as mostras de abuso, que  modifiquen a súa capacidade de comprensión e de sacrificio polos demais, que non estean tan predispostas a desculpar e perdoar. Un cambio que leva a que moitas mulleres decidan rachar unha relación sentimental non satisfactoria.
  • Pero este cambio de mentalidade atópase a miúdo con un home que ten crenzas estereotipadas sobre o modelo masculino e feminino, que considera a muller como inferior e séntese dono da persoa que abusa. Unha posesión que é unha forma de negar a humanidade e a identidade da parella, que socava o respecto e o recoñecemento da persoa amada. A paixón de dominio e control, xustificada como un dereito natural, que adoita desembocar na dúbida, no sentimento de traizón e na violencia se estes desexos non se satisfán. De aí ven que moitos dos asasinatos por violencia machista prodúcense cando a muller decide rachar unha relación, ou empezar unha nova, e o home non acepta perder o seu dominio.
  • Fronte a falsa crenza de que moitas mulleres presentan denuncias falsas para obter privilexios, a inmensa maioría das mulleres que sofren malos tratos ou o acoso da súa parella ou ex-parella non o denuncian. Porque seguen predispostas a desculpar e perdoar ao seu agresor; porque séntense culpables de telo abandonado e de empezar unha nova vida; porque non queren que os seus fillos ou fillas carguen coa humillación pública de ter un pai maltratador…Porque non son conscientes de que as ofensas verbais poidan desembocar en asasinato.

Pero, aínda que o tivera denunciado, a denuncia desafortunadamente non garante a seguridade das vítimas. A policía, a xustiza, as institucións, non están a pór todos os recursos necesarios para garantir á seguridade  das vítimas de violencia de xénero. O caso de Isabel Fuentes,  asasinada nun hospital público en Ourense, no mes de maio, onde se atopaba ingresada por mor dunha agresión anterior, demostra  a desprotección que sofrimos as mulleres fronte á violencia machista e a enorme distancia entre as palabras de preocupación  pola violencia de xénero e as medidas que se adoptan -mellor dito non se adoptan- para garantir a seguridade das vítimas ou facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están a sufrir.

Pero non nos enganemos. É a sociedade quen ten que comprometerse na loita contra a violencia machista. Non vale conmoverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

En sororiedade con Beatriz, con todas, tolerancia cero coa violencia machista en todas as súas manifestacións. Debémoslle a cada unha das  mulleres asasinadas, agredidas, violadas, humilladas,  e as fillas e fillos desas mulleres  o noso compromiso firme e decidido contra a violencia  machista.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS
O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.

Deixa un comentario

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram