A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES. O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

Se é machista non é xustiza

A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES.
O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

A Sección Segunda da Audiencia de Navarra decidiu dar por remate á prisión preventiva que mantiña engaiolados aos cinco integrantes da Manada, deixando en liberdade provisional desde onte aos violadores José Angel Prenda, Ángel Boza, Jesús Escudero, Antonio Manuel Guerrero e Alfonso Jesús Cabezuelo, logo de que fosen condeados a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha muller durante os Sanfermins de 2016.

O auto impón unha fianza de 6000€, decretando a súa liberdade co argumento de que “os acusados teñen a súa residencia a máis de 500 quilómetros do lugar onde reside a vítima” e que “se pode garantir a súa tranquilidade e sosiego con medidas menos gravosas que a prolongación da situación provisional”.

Desde a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza amosamos a nosa total repulsa contra este decisión e contra un sistema xudicial, o español, que ampara a violadores e desprotexe ás mulleres, e incrementando o risco para as mulleres de que calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.

A excarcelación dos violadores é coincidente, porén, co proceso xudicial ou engaiolamento de persoas por participar en mobilizacións pacíficas, por formar parte dun piquete, por manifestar críticas ao sistema nas súas cancións, por participar en mobilizacións contra o franquismo ou a prol do dereito de autodeterminación dos pobos.

Este novo golpe aos nosos dereitos é unha mensaxe directa do patriarcado, amparado no sistema xudicial. Do mesmo xeito que se puxo en dubida a veracidade da declaración da muller que tivo a valentía de denunciar, que viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, o acto de valentía que representou pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa vida privada e íntima naque a muller voltou ser violada non só durante o proceso xudicial, senón ao coñecer a sentenza que os absolvía do delito de violación, e agora coa súa posta en liberdade.

Condeamos de novo o sistema que ampara a estes violadores, condeamos que denunciar calquera tipo de violencia fique impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo, e condeamos a súa posta en liberdade. Porque con estas decisións o patriarcado afortala o seu poder contra cada unha de nós, porque detrás dunha violación reafirman o poder masculino sobre a especie. Porque a violación é unha poderosa arma do poder patriarca empregada polos homes para dominar mediante o medo, e adoutrinar a outros homes.

Porque o exercizo da crueldade sobre o corpo das mulleres (e nalgúns casos de homosexuais e persoas transxénero) é unha mensaxe aleccionadora que o capitalismo patriarcal precisa impoñer a toda a sociedade.

Por iso, irmás, as feministas galegas, nun acto de sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia contra as mulleres no mundo, saímos onte e hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta sentencia infame por parte do aparato xudicial español, que non fai máis que darnos, máis unha vez, a razón en que  sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra os violadores da Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos libres.

QUERÉMONOS VIVAS!

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram