Ante o asasinato triple feminicidio en Valga de Sandra, María Elena e Alba

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Ante o asasinato triple feminicidio en Valga de Sandra, María Elena e Alba

A violencia machista golpeunos con dureza este luns ao coñecer o asasinato de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia que nos conmociona e mobiliza para dar resposta en cada recuncho do país. Máis unha vez o feminismo galego é capaz de mobilizarse en case 40 localidades para rexeitar a violencia e reclamar medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Mas precisamos desta mobilización durante todo o ano, precisamos construír dende o local ao nacional um feminismo forte que procure avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A axenda non pode tomar descanso no verán e voltar co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa.

Fronte a este crime machista temos que lembrar que dúas das asasinadas, María Elena e Alba, non aparecerán para o estado como víctimas de violencia machista, pois pese a que este ten suscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado ate hoxe. Segue no papel. A lexislación na Galiza, por contra, si considera estes crimes como crimes machistas, e sitúanos en posicións avanzadas para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione ás nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos.

O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.

O tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás víctimas… unha cantidade de miseria que amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista. Estamos fartas de fotos e promesas, de accións cara á galería, de minutos de silencio, condenas enérxicas e iluminacións. Queremos e reclamamos medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sufren violencia machista.

Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo.

O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.

Estamos fartas de que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais. Estamos fartas da hipocresía da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia. Sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia.

Mas non son só as institucións as resposábeis, isto tamén é tarefa de todas. En ningún tema como neste o persoal é tan político. Temos que cuestionar os cimentos mesmos da nosa educación para construirnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro. Porque estamos fartas de que non se aille aos agresores nos nosos entornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias. A sociedade non pode mirar para outro lado. Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.

Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

Deixa un comentario

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram