Mulleres libres en pobos libres.

En sororidade coas nosas irmás catalanas e a súa loita por construír en liberdade e paz o futuro da súa nación.

As coordenadoras da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza, Portugal e Euskalherria queremos amosar a nosa sororidade e afecto coas compañeiras da Coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres en Catalunya e ao pobo catalán este 14 de outubro, data na que se coñece a sentenza que condea a máis de 100 anos de prisión ás representantes políticas e sociais do movemento soberanista.

O noso movemento feminista, cunha historia da vinte anos, ten como un dos seus principios fundacionais a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos e por iso nacións sen estado como Euskalherria, Catalunya, Galiza o Curdistán ou o Sahara Occidental teñen recoñecidos na nosa organización os seus dereitos políticos e a súa voz en pé de igualdade co resto de pobos do mundo.

Hoxe coñecemos a sentenza do xuízo do “procés” pola que líderes políticas e sociais encarceladas polo Estado Español por promover un referendun de autodeterminación en Catalunya son condeadas a máis de 100 anos de cárcere, polo exercicio do dereito a decidir sobre o seu futuro por vías democráticas e pacíficas.

Nós, mulleres comprometidas cos dereitos humanos, das mulleres e dos pobos, queremos trasladar a nosa aperta sorora ás presas, ás súas familias, organizacións, colectivos sociais e movemento popular nestes difíciles momentos e amosar todo o noso apoio á loita pola democracia e os dereitos civís e políticos do pobo catalán.

Observamos con preocupación como se perseguen accións democráticas e lexítimas como o dereito a manifestación e a desobediencia civil, ferramentas de loita que sempre formaron parte da loita feminista e que deben ser defendidas de xeito insobornábel polos nosos pobos fronte ao exercicio do poder autoritario dos estados.

Ás mulleres que constrúen o futuro dos seus pobos en Catalunya e o mundo o noso recoñecemento e apoio incondicional na defensa da liberdade, a democracia e a vida.

En Rojava, Quito ou Barcelona, o dereito dos pobos a erguerse contra a opresión e a represión é o dereito das mulleres a vivir en pobos libres.

En sororidade feminista

Marcha Mundial das Mulleres Galiza
Euskal Herriko Emakumeon Mundu Martxa
Marcha Mundial das Mulheres Portugal.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram