Colocar a vida no centro das políticas públicas. En apoio das mulleres do SAF Ourense

Dende a Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres queremos amosar o noso apoio ás reivindicacións das traballadoras da Axuda no Fogar do Concello de Ourense que se mobilizan estes días reclamando a recuperación a mans públicas do servizo e a mellora nas condicións de traballadoras e usuarias.

Este servizo municipal estase prestando en precario e renova cíclicamente os problemas cando rematan as concesións públicas o que o convirte xa nun problema crónico na cidade. Máis de 500 usuarias e 168 traballadoras que estan á espera da decisión que tome o Concello, temendo por que nova empresa asumirá o servizo e que implicacións vai ter iso na atención e condicións de traballo.

A vida é absolutamente imposíbel sen coidados, sempre son precisos, máis cando xa non temos a autonomía suficiente e precisamos de outras para poder soster as nosas vidas con dignidade. O sistema capitalista convertiu nun negocio a atención e os coidados de aquelas que os precisan e as medidas de “beneficios” e “rendabilidades” asaltan a atención á dependencia mentres as institucións invirten enormes cantidades de diñeiro en privatizar esta atención.

Dende a Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres sumámonos á reclamación de que este servizo sexa xestionado de forma pública e as condicións de usuarias e traballadoras sexan dignas. Reclamamos ademáis que se traslade socialmente a importancia destes traballos (maioritariamente desenvoltos por mulleres) para a vida coletiva e que se lle dé o valor que merece: non hai ninguén máis importante que quen coida e sustenta a vida.

En sororidade feminista.
Novembro de 2019

Estamos en Ourense na mobilización das auxiliares de axuda no fogar, polo cumprimento do convenio e pola municipalización dos servizos!
#AxudaDoFogarEnLoita

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram