Ante o asasinato de Clara María Expósito Vilanova, nas Gándaras en Lugo

Disponibilizamos o texto que leremos nas concentracións polo feminicidio de Clara María Expósito Vilanova en Lugo este 8 de xaneiro de 2020.

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Ante o asasinato de Clara María Expósito Vilanova, nas Gándaras en Lugo

Aínda non pasou un mes do feminicidio de Manuela Iglesias Fernández, na Pastoriza, e sen embargo vémonos de novo nas rúas para participar dunha nova xornada de loita e reivindicación do feminismo galego dando resposta á violencia machista.

Este sábado, a nosa compañeira Clara María Expósito Vilanova, de 49 anos, era atopada no baño do seu fogar, logo de ser degolada pola súa parella, F.J.B.F., de 46 anos.

Grazas á loita feminista conseguimos visibilizar os feminicidios dun xeito global e transversal, e que non se vexan como un suceso íntimo. Conseguimos reunir á poboación neste berro conxunto, nesta denuncia colectiva de que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, porque hai un sistema de opresión estrutural que se filtra en todos e cada uns dos comportamentos que mantemos na nosa vida e que moitas veces leva á peor e máis tráxica das consecuencias, o asasinato.

As mulleres somos o 51% da poboación mundial e precisamos vivir cos mesmos dereitos, non somos cidadás de segunda. Non queremos vivir con medo, queremos saír á rúa sempre que nos pete, emprender relacións e dalas por rematadas cando así o consideremos, sen que se atente contra as nosas vidas, porque temos dereito a vivir libremente, e porque mentres as mulleres non sexamos libres, o mundo non vivirá en paz.

Estamos cansas de denunciar as agresións machistas, as violencias institucionais, o acoso, as fendas salariais, a desvalorización dos traballos que realizamos as mulleres, todo aquilo que nos discrimina e que algúns non están dispostos a mudar porque lles beneficia, porque non queren perder os seus privilexios. Por iso precisamos que cada unha e cada un de nós mudemos os nosos comportamentos, que non toleremos ningún tipo de comentario nin actitude machista, violenta, discriminatoria, que non miremos para outro lado.

Temos que soterrar o patriarcado e apartalo das nosas vidas. Reclamamos medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista. Repetimos unha vez máis que só coa educación e con cambios radicais estaremos en disposición de dar pasos reais para acabar coas causas da violencia machista. Que seguimos estando soas cando denunciamos, que as nosas crianzas sofren as consecuencias da violencia cando se lles nega protección fronte aos maltratadores. Que a sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato deixe de ser apenas unha anécdota.

Non valen as boas palabras de condena pronunciadas ao día seguinte dun feminicidio, as declaracións institucionais, os minutos de silencio, queremos feitos, queremos unha lexislación con perspectiva de xénero, queremos que se apliquen medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista, queremos avances e non compromisos.

Fronte aos discursos de odio que negan existencia da violencia, organicémonos e mobilicémonos, porque non podemos deixar de facelo mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, e se fala máis de pins parentais que de educación afectiva e sexual, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores que visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se branquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo.

A mensaxe que de verdade precisamos reiterar hoxe é que a mobilización e a loita pola transformación social dende o feminismo é unha tarefa que ten que ocupar os 365 días do ano. Que hai que organizarse para construír dende o local ao nacional un feminismo forte que procure avances reais e medidas transformadoras e non fique apenas en celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A axenda non pode ter descanso, non pode descansar tampouco na única aspiración de ocupar unhas institucións incapaces de ser transformadoras. As mudanzas e as transformacións sociais só son posíbeis dende a base, organizadas, e con poder para tensionar ao poder e arrincarlle os dereitos que queremos conquistar. Como arrincamos o voto, o dereito ao divorcio ou o aborto, teremos que arrincarlle a un poder machista os recursos e as medidas que contribúan para o fin da violencia machista.

Estamos e seguiremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista, mais dun millar no no estado español.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram