Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das mulleres, conmemoramos neste 24 de maio o Día da Muller pola Paz e o Desarme.
Neste día as mulleres galegas queremos lembrar as guerras nas que viven mulleres irmás de todo o mundo. Vivimos en tempos de auxe da extrema dereita, da xenofobia, do racismo e do imperialismo.
No capitalismo é libre a circulación de mercadorías, polo que os espolios das guerras transitan libremente, non así as persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de conflitos bélicos e do sistema económico que crea carencias para as civís durante os conflitos.
As guerras van moito máis aló do propio conflito, non ten nin que ser unha guerra per se para que as consecuencias da barbarie se visibilicen entre a poboación, as persoas mutiladas, as mulleres agredidas sexualmente, as crianzas… a poboación sobrevive aos conflitos e queda unha terra arrasada, contaminada, espoliada e condeada a outra guerra: a da fame e a precariedade.
O caso do recentemente acontecido en Colombia, onde o pobo se ergueu contra unha política tributaria inxusta onde se condeaba á clase traballadora deixou milleiros de imaxes da barbarie que poden provocar as forzas armadas dun Estado corrompido polo capitalismo máis feroz e que non conta coas vidas das persoas.
No caso palestino, máis de 70 anos de barbarie contra un pobo fixeron estoupar a situación, as feministas e internacionalistas sempre estivemos con Palestina, hai pouco se cumpriron 73 anos da Nakba e a barbarie sionista continúa en Gaza e Cisxordania, mentres que a poboación palestina se refuxia no Líbano, Xordania e noutros moitos países fuxindo da guerra.
Libia, Iraque, Afganistán, Siria… guerras promovidas polo mundo libre nas que o lucro é maior para o capital occidental: a venda de armas e o espolio dos países en conflito. As chamadas intervencións humanitarias pola paz deixaron e fomentaron conflitos internos alleos aos intereses dos propios países mais si aos do imperialismo.
É grande a hipocrisía da prensa internacional nos conflitos arredor do mundo, silencian e ignoran os conflitos provocados por estados aliados da NATO e da UE (como os de Iemen, Siria, Libia, Palestina, Sáhara…), terxiversan a información dos procesos revolucionarios que se dan noutros (Venezuela, Cuba, Nicaragua, Bolivia…) e ignoran os procesos democráticos do continente africano. Onde se cumpren os acordos da soberanía dos pobos e da veracidade da información da que tanto se enorgullecen os países occidentais?
Coa pandemia tamén se evidenciaron contradicións en Occidente, a mercantilización das vacinas que se reparten de xeito desigual e arbitrario entre os Países do mundo, os sistemas represivos de liberdades cos que contan todos os países do mundo (toque de recoller, estados de alarma, emerxencia, sitio…), evidenciouse máis unha vez que o sistema atenta contra as nosas vidas e xoga coa nosa saúde.
Por último, denunciar a situación inhumana que se está a vivir nas fronteiras europeas, milleiros de persoas entran na Europa continental escapando de conflitos creados en grande parte polos intereses de Occidente e a resposta é pechar as fronteiras con barreiras físicas ou coa pura desatención do auxilio humanitario que deixa milleiros de mortes nas nosas costas e fronteiras. A criminalización das persoas, das menores e das súas migracións evidencian que a vontade occidental é ficar cos beneficios das guerras que se provocan e cos recursos que alí se espolian mentres se nega a axuda para combater as consecuencias das súas políticas.
Por iso, neste 24 de maio. as mulleres facemos un chamado internacional baixo o lema “nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”, porque mentres existan estas políticas criminais de intervención imperialista e de espolio impune seguiremos en marcha.