25-N “A violencia obstétrica é violencia de xénero”

O 25-N participa desta reclamación conxunta esixindo un decálogo de medidas para eliminar a violencia obstétrica garantindo os máis altos coidados nos procesos de embarazo, parto e posparto.

Copia o seguinte texto e únete á reclamación telemática premendo no enlace, usando o teu certificado dixital/ chave365: https://contacte.sergas.gal/QUEREW/main.do

Se non posúes certificado dixital nin chave365, podes facelo como achega. Lembra que podes facer por vía telefónica no 012 ou de xeito presencial cubrindo os modelos normalizados.Axúdanos e difunde.

Grazas pola túa colaboración.

Aos responsables da ÁREA SANITARIA DE OURENSE, VERÍN E O BARCO DE VALDEORRAS que competa, ESIXO:

1. Promoción e protección da lactación materna. Seguimos recibindo información falsa e contraditoria, baseada en mitos e opinións persoais, non respaldada pola evidencia científica e as guías clínicas propias do Ministerio de Sanidade e a OMS.Neste punto esiximos a publicación inmediata da Guía de Apoio á Lactación Materna para Profesionais, redactada polos profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras en 2019.

2. Acompañamento para probas diagnósticas e partos. O contexto da Covid-19 está a servir de excusa para realizar ecografías e partos sen acompañante, separacións da díada nai/bebé, interferencias na lactación materna, parto coa colocación de mascarilla e sen posibilidade de mobilidade… Actuacións todas elas, contrarias á evidencia actual. Solicitamos a reapertura da Sala de Parto Natural para tódalas nais, ata o de agora en uso só para nais con PCR positiva.

3. Acompañamento e pel con pel coa nai nas cesáreas. Salvo situacións moi graves, o pel con pel coa nai é unha práctica posible e beneficiosa para ambos. O pel con pel co outro proxenitor/ proxenitora, debería usarse como última opción.

4. Información e consentimento expreso para a realización de manobras ou intervencións, como tactos vaxinais, canalizacións de vías venosas, administración de medicamentos, etc.

5. Cese inmediato da realización de prácticas desaconselladas pola OMS e o propio Ministerio de Sanidade, como a manobra Kristeller ou a manobra Hamilton, episiotomías de forma rutinaria, puntos do canal do parto innecesarios e non consentidos, etc.

6. Revertir o proceso de “acortamento” dos embarazos deixando por protocolo como mínimo ata a semana 42 e priorizar sempre o manexo expectante ante as intervencións innecesarias en embarazos saudables.

7. Que se priorice a alimentación de prematuros co leite materno e se deixe de obstaculizar ás nais e familias estar cas súas crianzas e realizar o método nai-canguro, que isto non “dependa do turno que che toca”.

8. Que se cumpla cos protocolos da IHAN e que a Unidade de Neonatos sexa realmente aberto asá 24 horas, que se ingrese às nais cos seus fillos e se permita a lactación materna a libre demanda, sen que todo isto, de novo, “dependa do turno que che toca”.

9. Que se pare o desmantelamento da Unidade de Lactantes que leva meses pechado e convivindo en camas supletorias creando habitacións triples, onde ubican bebés de 2 meses con nenas de 14 anos.

10. A inclusión dun sistema de cribado e seguimento que asegure e sosteña a saúde mental e emocional nos procesos de embarazo/ parto/ posparto/ aborto/ perda xestacional.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram