No Día Internacional contra a violencia machista a Marcha Mundial das Mulleres quere colocar o foco na multitude de formas que toma a violencia machista e que ten como resultado máis terríbel o feminicidio.
O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como máxima expresión da violencia machista, mas esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.
A maior parte das agresións non teñen lugar en espazos alleos ao cotiá senón nos entornos máis próximos: familia, lecer, traballo, ensino, espazos de participación social e política. E son estos espazos onde é máis difícil enfrontala e combatela.
Negación da violencia machista.
Fronte ao avance do movemento feminista colocando no debate público a centralidade do combate da violencia machista para a transformación social existe unha reacción da dereita e dos sectores máis reaccionarios da sociedade de negación da mesma.
Esta posición avanza na destrución de conquistas como o consenso social sobre a necesidade dunha educación en igualdade nunha sociedade activa no combate da discriminación e a violencia machista.
Desaparición das políticas públicas.
Após unha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia.
Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista.
Normalización da violencia
Na última década o feminismo colocou nun espazo central da vida pública a denuncia dos feminicidios e das agresións machistas. Hoxe asistimos á normalización desta violencia extrema contra as mulleres onde a reacción social se limita a continuar o reconto de asasinatos sen mover nada da axenda pública.
Malia que o feminismo convoca en ducias de localidades do país unha resposta contundente a cada crime a participación social é escasa e as institucións empregan a mobilización social para “cumplir” mentres desmantelan as súas políticas de igualdade.
Agresións e debate social.
Após a vaga mobilizadora que o feminismo reimpulsou en 2018 os debates sobre a violencia machista, especialmente a sexual, ocupan parte do debate público o que permite visibilizar que a violencia é sistemática e transversal.
O avance no debate público permitiu colocar no foco non só as diferentes violencias machistas (sexuais, institucionais, xudiciais, sociais) senón a transversalidade de moitas delas a nivel social.
A prioridade é organizarse.
Logo dunha gran vaga mobilizadora que incorporou a moitas mulleres á axenda feminista e incrementou a potencia nas rúas o feminismo vive unha fase de repregamento e desaparición de moitos grupos nacidos ao abeiro desas mobilizacións.
Factores externos como a reacción conservadora e os ataques constantes que o movemento feminista sufriu nos últimos anos e internos como a necesaria clarificación ideolóxica e a orientación estratéxica da loita feminista en cada territorio multiplicaron o seu efecto desmovilizador nun contexto de crise global da participación política e do incremento das propostas e apostas individuais, virtuais ou non.
Dende a Marcha Mundial das Mulleres analizamos que estos anos de grandes mobilizacións serviron para incorporar compañeiras pero non para fixar reivindicacións e axendas comúns e propias que nos permitan interpelar as diferentes esferas do poder patriarcal para impugnar alén das grandes consignas.
Os avances sociais e as transformacións son lentas mas requiren de mudanzas sociais e mudanzas materiais concretas, neste contexto defendemos que manter o pulso e a estructura organizativa é o maior reto que o feminismo enfronta e ao que debemos adicar a maior parte do noso esforzo militante.
Tomar as rúas, construír asembleas e organizazción e crear alternativas concretas para mudar a vida das mulleres é o traballo que temos por diante.
Este 25 N estas son as nosas demandas inmediatas para o combate da violencia machista:
- Fronte á violencia psicolóxica: educación en igualdade e medidas de autoprotección que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia.
- Fronte á violencia sexual: acceso ao traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución.
- Fronte á violencia xudicial: para evitar a revitimización reclamamos formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero ao conxunto das cidades do país; garantías de protección para as vítimas e para as súas crianzas, nin custodia nin réxime de visitas para os pais denunciados por maltrato. Ante a privatización da xestión dos centros de atención ás vítimas por parte da Xunta, reclamamos que todos os medios que se poñan a disposición, así como a súa xestión, deben de ser públicos, única forma de que prime o interese de servizo fronte a intereses de lucro.
- Fronte á violencia na saúde: a saúde das mulleres debe terse en conta na ciencia médica e farmacolóxica, que historicamente só tiveron unha perspectiva androcéntrica. Demandamos servizos públicos de saúde que garantan o coidado do conxunto da poboación, con medios e prazos razoábeis, que eviten sobrecargar as mulleres cos coidados de doentes e dependentes. Precisamos que a educación sexual forme parte da saúde, que se garanta o dereito ao aborto na rede sanitaria pública máis cercana e que se poña fin a prácticas médicas que constitúen violencia obstétrica.
- Fronte á violencia no traballo: que se obrigue ás empresas a teren protocolos de acoso, se fagan públicos e se poñan en práctica; que se difundan todas as formas de violencia e se garanta que todas as persoas que conviven no traballo as identifiquen e coñezan os mecanismos para denuncialas e, sobre todo, que as vítimas conten sempre con todas as medidas de protección.
- Fronte á incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e á supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no goberno do PP na Xunta, reclamamos que as políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. E engadimos que a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas para o combate de todas as formas de discriminación das mulleres, entre as que se encontran as violencias contras as mulleres.
MOBILIZACIÓNS
A Coruña, 20h Obelisco
Cee, 20h Praza 8 de marzo
Compostela, 20h Praza 8M
Fene, 19h Praza do Concello
Laxe, 20h Praza Ramón Juega
O Porriño, 20h Praza do Concello
Ourense, confirmada
Ponteceso, 20h Praza do Recheo