[DÍA DO ORGULLO LGTB] Querémonos ceibes e orgullosas!
Coma sempre, a Marcha Mundial das Mulleres facemos nosa a loita do día do orgullo LGTBIQ+ e este ano con máis forza aínda porque as agresións están aumentando ao mesmo tempo que aumentan as políticas fascistas e de dereitas.
Entre todas temos que darlle valor ao respecto da diversidade sexual e as identidades de xénero entendendo estas como o recoñecemento de todas as variables da sexualidade humana. Temos que rexeitar dun xeito contundente a intolerancia e a discriminación en todos os ámbitos das nosas vidas: na casa, nas escolas, no eido laboral, na xustiza, nas institucións, nas rúas.
Os dereitos humanos teñen que ser iguais para todas as persoas, nada ten que ver a orientación sexual e identidade de xénero das mesmas, temos que asumir que todas somos diversas e diferentes e todas temos que acadar os mesmos dereitos e dignidade.
O negar os mesmos dereitos a comunidade LGTBIQ+ ten como consecuencia a exposición destas persoas a outro tipo de riscos colocandoas nunha posición de vulnerabilidade ante o resto da sociedade.
Debemos mudar os patróns socioculturais de condutas que so sosteñen o binomio homes/mulleres impulsando programas educativos e gubernamentais para concienciar as persoas e eliminar calquera tipo de discriminación.
Que volten a aparecer supostas “clínicas” onde o seu fin é “curar” determinado tipo de orientacións sexuais amosa que a nosa sociedade está a dar pasos atrás promovidos polas políticas de dereitas e as relixións as cales temos que desbotar dunha vez por todas.
Pulamos porque nas escolas comezen a impartirse valores igualitarios e integradores, educando axeitadamente na diversidade e no respecto ás diferentes orientacións afectivo-sexuais e identidades de xénero das crianzas.
Reivindiquemos, pois, este día, como un día de loita, mais tamén, como un día de orgullo e dignificación da diversidade afectivo-sexual, das diferentes indentidades de xénero e sexuais e da estrutura familiar escollida libremente.
Cada día somos máis as persoas que loitamos polas nosas liberdades e berramos polas inxustizas, por iso, todas xuntas, conseguiremos eliminar todas as formas de discriminación.
A Marcha Mundial das Mulleres convídate a participar nas actividades organizadas en todo o país e nomeadamente pola Asociación Nós Mesmas en Vigo co gallo da celebración deste día e desfrutar de proxeccións, obradoiros, exposicións, música e poesía nos días do 10 ata o 28 de xuño.,así como participar na manifestación o propio 28 de xuño que sairá dende a Porta do Sol.
