8M: 8 reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres

EN MARCHA PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES

No marco da campaña nacional 25 anos en marcha pola vida das mulleres, este 8M, día internacional da muller traballadora a Marcha Mundial das Mulleres coloca o foco en OITO destas 25 reivindicacións: as que apuntan máis cara as demandas inmediatas e urxentes que, cren, cómpre defender desde o feminismo galego neste 8 de marzo. 

8M: 8 REIVINDICACIÓNS URXENTES PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES. 

  1. Reivindicamos un traballo digno: con salarios dignos en centros de traballo libres de violencias, cunha xornada laboral que nos permita conciliar e termos vida, cunha remuneración igualitaria, con protección para as nosas vidas e con adaptación de medios con perspectiva de xénero, que sexa compatíbel coas discapacidades, coas maternidades, coa lactación, etc.
  2. Reivindicamos un sistema público de coidados: que atenda en todas as etapas da vida (escolas infantís, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos). Demandamos retribucións e condicións de traballo dignas para as traballadoras do fogar, demandamos tamén que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído, teña cotización e acceso a prestacións sociais. 
  3. Reivindicamos o acceso universal a unha  vivenda digna. Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero, demandamos tamén unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista. 
  4. Reivindicamos un servizo galego de saúde que atenda as necesidades do conxunto da poboación en todo o territorio e que garanta a prevención e a atención á saúde física e mental das mulleres e as nenas. Con especial atención aos dereitos reprodutivos e á eliminación da violencia obstétrica. 
  5. Demandamos o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), a Rede Galega de Acollemento e o aumento dos recursos para acceso á vivenda das mulleres en situación de violencia, a atención psicolóxica integral na Atención Primaria e reverter a privatización dos centros de crise 24h para vítimas de violencia sexual que o PP puxo en mans de multinacionais.
  6. Reivindicamos a regularización de todas as persoas migrantes e demandamos a derrogación inmediata da Lei da Estranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea.
  7. Aspiramos a construír un novo paradigma de sustentabilidade da vida, cunha xestión pública da auga e a enerxía e unha transición enerxética xusta, social e ambientalmente. Exiximos a paralización dos proxectos extractivistas e de industrias de enclave na Galiza que atentan contra o noso territorio e a vida das mulleres, nomeadamente o proxecto de ALTRI, a Mina de Touro e o cese de actividade doutros proxectos altamente contaminantes e devastadores como a pasteira ENCE. Polo contrario, defendemos un desenvolvemento económico baseado na transformación das nosas materias primas, complementario e harmónico coa produción agrícola, gandeira e mariñeira, que propicie emprego de calidade para que as mozas do noso país non teñan que emigrar.
  8. Demandamos o cumprimento da lei intregral contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais. Exiximos unha resposta social contundente fronte aos discursos de odio e reaccionarios que normalizan a violencia. 

Mobilizacións confirmadas: 

  • A Coruña 20h Obelisco
  • Compostela 18h Praza 8 de Marzo
  • Ferrol 20h Praza da Armada
  • Ponteceso 12h Praza do Recheo
  • O Porriño 20h Diante do Concello
  • Ourense 19h Castañeira (subdelegación)

Seguimos traballando para concretar e sumar o resto de mobilizacións deste 8M ao longo do país. 

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram