A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego dá a benvida á Caravana Feminista na súa chegada a Galiza

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego quere dar a benvida ás compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres que, o pasado 8 de marzo, partiron do Kurdistán coa Caravana Feminista e que hoxe, 5 de outubro, chegan a Galiza.

Dende o Sindicato Labrego Galego colaboramos na organización das actividades que, dende hoxe até o vindeiro 12 de outubro, se desenvolverán na nosa terra ao redor deste evento, e cuxo programa se pode descargar na web da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza (www.feminismo.info), que é a organización encargada de coordinar todo. Neste senso, a Secretaría das Mulleres do SLG terá unha especial participación nos actos que se celebrarán ao redor da Caravana Feminista en Betanzos, o 7 de setembro, organizando un mercado de alimentos por labregas da comarca na praza de Betanzos -ou no Liceo, en caso de mal tempo- ás 11:30, e un xantar con produtos cultivados e traídos polas propias esmulleres participantes a partir das 13:30. Aproveitando esa comida, as labregas manterán un diálogo coas mulleres da Caravana Feminista sobre a súa experiencia.

Tamén haberá compañeiras do Sindicato Labrego Galego que participarán directamente en actividades ligadas ao paso da Caravana Feminista na Galiza, como a palestra sobre ecofeminismo que terá lugar no café-teatro do Pazo da Cultura de Narón, o 6 de setembro ás 19:30, na que falará a coordinadora da loita contra a minaría salvaxe no SLG, Margarida Prieto Ledo; ou no coloquio sobre ecofeminismo e soberanía alimentaria que terá lugar en Compostela o 7 de setembro, pola tarde, e que contará coa participación de Pura Seoane, labrega que ten ocupado diversas responsabilidades no SLG, entre as que se atopan a de ter estado á fronte da Secretaría das Mulleres antes do ano 2003, ou ser responsábel da Dirección de Horta entre 2007 e 2011. Tamén, esa mesma tarde en Compostela, haberá unha merenda organizada por labregas do SLG da bisbarra que utilizarán alimentos cultivados por elas mesmas para elaborar os petiscos.

http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=1189

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram