Ante o anuncio do Concello de Ourense de abandonar o programa VioGen

Un goberno irresponsábel que atenta contra os dereitos das mulleres

A Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres quere denunciar as políticas do goberno bipartito PP+DO en relación ás mulleres e os nosos dereitos.

En primeiro lugar queremos manifestar que as deficiencias nos servizos públicos do Concello de Ourense destinados ás mulleres non son algo novo senón que veñen xa do mandato anterior con goberno en solitario do PP. O problema vese agora porque a institución esta en mans dun Alcalde misóxino e irresponsábel como Gonzálo Jácome esta executando a demolición programada por Jesús Vázquez.

Primeiro sufrimos o intento de demolición da propia Concellería de Igualdade, hoxe baleirada de contido e inexistente na práctica pois vemos como as decisións das políticas de igualdade se toman dende Alcaldia.

E agora anunciase a retirada do Concello de Ourense do programa VioGen para protección de mulleres que sufren violencia machista dende o que se atenden neste momento a 31 mulleres, para ás 24h rectificar amosando a absoluta improvisación nas políticas municipais e unha grave irresponsabilidade coa vida destas mulleres.

A Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Género, sinala “”O Goberno, con fin de facer máis efectiva a protección das víctimas, promoverá as actuacións necesarias para que as Policías Locais, no marco da súa colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, cooperen en asegurar o cumplimiento das medidas acordadas polos órganos xudiciaies cando estas sexan algunhas das previstas na presente lei”” indicando a imprescindíbel coordenación das administracións públicas na atención e protección das mulleres.

Mas o problema non se resolve só dando marcha atrás ao anuncio que este martes facía o alcalde de Ourense sen atender ao conxunto de problemáticas que hai hoxe no Concello de Ourense en relación ás políticas de igualdade.

Ante esta situación queremos facer as seguintes consideracións:

– É unha obriga da administración local colaborar para a protección das víctimas de violencia machista, tal e como recolle a A Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Género.

– Este anuncio é un paso máis no desmantelamento das políticas de igualdade no Concello de Ourense que se iniciaron no pasado mandato.

– Esta demolición dos servizos inclúe deixar morrer programas e servizos aos que se retiran recursos materiais e humanos para o seu correcto funcionamento.

– Temos o CIMM nunha situación de precariedade de recursos e persoal que esta facendo que non se poda atender a todas as mulleres que o solicitan.

– Non existen informes recomendando o abandono do programa VioGen pero si os hai reclamando máis recursos para a atención das mulleres que sufren violencia machista e que son ignorados antes polo goberno do PP e agora polo bipartito PP+DO.

– Unha unidade que chegou a ter 5 policías sufriu recortes chegando a atender un só policía a 52 mulleres provocando isto a imposibilidade de que o servizo poda ser prestado.

– Hoxe en día hai un só axente atendendo a 31 mulleres.

– A imposibilidade de levar adiante as medidas de protección provocan que se derive fóra do Concello de Ourense a atención a estas mulleres.

– De non aumentarse os recursos materiais e humanos destinados á unidade de VioGen seguirá sen existir un servizo de calidade para atender ás mulleres.

– As mulleres, nomeadamente as que sufriron ou sofren violencia machista, son as usuarias máis habituais dos servizos sociais, é imprescindíbel a implicación das concellalías de Educación, Saúde e Servizos Sociais pola importancia da educación para a súa erradicación, a importancia de fomentar hábitos saludables e de autocoidado.

A responsabilidade de pór solución a estes problemas é do goberno da Cidade de Ourense e por iso reclamamos do mesmo:

– Unha rectificación pública do goberno sobre o anuncio de abandono do programa VioGen por parte do Concello de Ourense.

– Dotar á unidade do VioGen de axentes suficientes para revertir o desmantelamento sufrido nestes anos.

– Un aumento do orzamento do CIMM que permita aumentar o personal e os recursos destinados á atención, prevención e acompañamento de mulleres que sufren violencia machista asi como do conxunto de servizos destinados ás mulleres.

– A implicación transversal e coordinada por parte de concellarías como sanidade, educación e benestar social na loita contra a violencia contra as mulleres e as súas crianzas.

Non nos sirven as rectificacións en prensa do mesmo que provocou a alarma social, queremos un posicionamento claro do goberno da cidade en relación á continuidade do programa Viogen e do aumento de recursos destinados a este.

Ademáis no día de hoxe rexistramos varios escritos dirixidos aos grupos políticos que forman a corporación municipal, ao goberno e á Xunta de Galicia e o Ministerio de Presidencia e Igualdade do Estado para que as administracións que deben colaborar na protección da vida das mulleres que sufren violencia machist anon permanezan ao marxe das políticas irresponsábeis do Concello de Ourense.

Anunciamos tamén a mobilización do venres 18 ás 19h na Praza Maior convocada polos colectivos feministas de Ourense (Marcha Mundial das Mulleres, As do 8 e Foro Falando Nós) denunciando a improvisación e o desleixo das políticas de igualdad no Concello de Ourense.

17 de outubro

Un goberno que improvisa e pretende desvincularse aínda máis da protección das mulleres que sufren violencia machista. 🛑

En 48h o Alcalde de Ourense ven decidir abandonar o programa VioGen de protección ás mulleres que sufren violencia machista, non facelo e agora incorporar o único axente da policía local que traballa nel na unidade da policía nacional, mellorando as condicións do axente e das mulleres atendidas pero DESVINCULANDO aínda máis ao Concello de Ourense das súas obrigas de colaborar e destinar recursos para a protección das mulleres. Esta nova proposta significa que o Concello atenderá menos casos e que manterá o desmantelamento continuo ao que se viu sometida a unidade de VioGen en contra do que ten obriga de facer: aumentar os recursos materiais e humanos da unidade para garantir a atención de máis mulleres.

[ Ourense ] O feminismo de Ourense responde ás medidas do goberno PP+DO de desmantelamento da igualdade. Queremos servizos públicos que garantan a atención das mulleres! Sen recursos non hai igualdade!

#feminismoParaVivir #LoitaFeminista #FronteAoDesmantelamento #Ourense

[ Ourense ] O desmantelamento da igualdade en Ourense non é cousa dun día, levamos anos mobilizándonos contra as políticas reaccionarias do PP local ás que se ven de sumar DO a través dun alcalde irresponsábel e cobarde que tras anunciar o abandono municipal do protocolo VioGen fala de recuar culpando á xefa de policía cando o Alcalde é a máxima autoridade municipal. Daremos resposta nas rúas e tamén nos dirixiremos ás administracións para frear a decisión mas non só. Levamos anos de desleixo na participación do Concello no protocolo VioGen, sen efectivos e se recursos para levar adiante as tarefas necesarias das mulleres que poñen as súas vidas nas mans deste servizo.

#NenUnPasoAtrás #OurenseFeminista #ContraODesmantelamentoAcción

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram