Ante o asasinato de Estela Blach Silva en Baiona:

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, ante o asasinato de Estela Blach Silva, de 36 anos, en Baiona, queremos reiterar a nosa solidariedade e apoio aos seus seres queridos. Asemade, esiximos ás institucións que aceleren as investigacións sen dilatar ou relegar a confirmación do caso como un feminicidio oficial.

O recoñecemento da violencia machista como tal e o seu sinalamento público é clave para visibilizala e combatela. Da mesma maneira que noutros casos nos que o retraso na actuación, a falta de transparencia ou a existencia de prexuízos de clase invisibilizaron as vítimas, desde o feminismo galego temos o compromiso de estar pendentes deste caso e reclamar xustiza para Estela Blach. Non permitiremos que ese asasinato quede no esquecemento ou na indiferenza.

A violencia machista asasinou en Galiza xa máis de 70 mulleres desde que temos estatísticas oficiais. Ademais, sabemos que moitas desas estatísiticas borraron durante anos a moitas vítimas por non existir unha relación de parella, polos prexuízos nos operadores policiais e xudiciais e pola demora por parte do Estado español en comezar a aplicar o Convenio de Istambul e unha definición ampla e transversal da violencia machista.

Este sería o cuarto asasinato machista no que levamos de ano. Antes, o femismo galego saímos ás rúas en marzo ante o asasinato de Andrea Yturry Alave. Antes, o feminismo galego saímos ás rúas en agosto ante o asasinato de Mercedes Ríos Muñiz. Antes, saímos ás rúas en outubro ante o asasinato de Fadoua Akkar.

Nesta ocasión permanecemos alerta á espera de confirmación oficial. Alerta máxima porque sabemos había unha denuncia e que había unha orde de afastamento. Sabemos que a vítima fixo todo o que, ás portas deste 25N, imos oír que se lle esixe ás vítimas. Porén, iso non serviu para protexela.

Permaneceremos atentas para que se esclareza este caso e ESIXIMOS QUE SEXA O ANTES POSÍBEL, reclamamos xustiza e reparación e activaremos a resposta nas rúas se non hai confirmación oficial nos próximos días.

Nin unha menos!
Querémonos libres e querémonos vivas!

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram