Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e Avante LGBT+ queremos manifestar o noso compromiso conxunto de reforzar as nosas loitas e as nosas organizacións a través dunha alianza política que nos recoñece mutuamente como referentes das mesmas.
En momentos difíciles para ambas as loitas por dinámicas moitas veces alleas ás nosas propias realidades entendemos que é máis importante do que nunca dialogar, reflexionar e actuar xuntas nalquelas cousas que nos unen e escoitarnos e aprender unhas das outras nas que poidan estar máis distantes no camiño conxunto de acabar co patriarcado, o capitalismo, o racismo e o imperialismo.
Desde ambas as organizacións comprometémonos a traballar na creación dunha axenda propia que reforce a unión do movemento feminista e LGBT+ en Galiza. Tamén queremos contribuír a impulsar un marco de diálogo permanente que nos permita afrontar os retos de futuro con alianzas sólidas que contribúan con coidados e afectos entre nós a dar os debates con sororidade.
Xuntas queremos colaborar na elaboración de documentos políticos, pronunciamentos, actividades e materiais formativos que fornezan ás nosas activistas de recursos políticos para a reflexión e a acción política.
Con esta alianza entre iguais comprometémonos a:
- Realizar xornadas formativas conxuntas que liguen as nosas loitas e nos permitan un diálogo fluído e sororo.
- Elaborar posicionamentos conxuntos sobre aquelas loitas que nos atravesen.
- Impulsar un protocolo galego de resposta ante as agresións LGBTFóbicas.
- Afortalar as nosas loitas e mobilizacións así como a relación entre as nosas activistas.
O compromiso que adquirimos desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e Avante LGBT+ con este alianza quere ser ademais dun compromiso de traballo das nosas organizacións un símbolo da necesidade de afortalar en Galiza un marco propio de acción política e colaboración entre movementos sociais.
Galiza, febreiro de 2021.