En todo o mundo o feminismo prepara este Día Internacional das Mulleres Traballadoras con mobilizacións e actividades de todo tipo para colocar na axenda a necesidade dun feminismo forte para conquistar dereitos reais para as mulleres traballadoras.
Tamén o movemento feminista galego se prepara para ocupar as rúas e prazas con concentracións e mobilizacións ao longo de todo o territorio.
En marcha para transformar a vida das mulleres, até que todas sexamos libres!
8 de marzo
· A Coruña 20h Obelisco
· As Pontes 18.30h diante do Concello
· Betanzos 18h Paco da Música
· Catoira 20h baixo Multiusos
· Celanova 13:30h Praza das Pitas (Antigo cárcere de Mulleres)
· Compostela 18h Praza 8 de Marzo
· Ferrol 20h Praza Amada García
· Lalin 12.30h KM 0
· Lugo 20h diante da Xunta
· Marín 18h Praza 8 de marzo
· Melide 20h na Praza do Convento
· O Porriño 20h Diante do Concello
· Ourense 19h Castañeira (subdelegación)
· Ponteceso 12h Praza do Recheo
· Pontevedra 17h Praza 8 de Marzo
· Ribadavia 13h diante do Castelo
· Ribadeo 18h Instituto de Ribadeo
· Ribeira 19h Praza Porta do Sol
· Val Miñor 12.30h no cruce da Ramallosa
· Vigo 18.30h Praza dos Cabalos
· Vilagarcía de Arousa 12h Praza Galicia
· Vilalba 13h Templete – Praza da Constitución
9 de marzo
· Carnota 11.30h Cadea de Mulleres, Praia de Carnota
No marco da campaña nacional 25 anos en marcha pola vida das mulleres, este 8M, día internacional da muller traballadora a Marcha Mundial das Mulleres coloca o foco en OITO destas 25 reivindicacións: as que apuntan máis cara as demandas inmediatas e urxentes que, cren, cómpre defender desde o feminismo galego neste 8 de marzo.
8M: 8 REIVINDICACIÓNS URXENTES PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES.
Reivindicamos un traballo digno: con salarios dignos en centros de traballo libres de violencias, cunha xornada laboral que nos permita conciliar e termos vida, cunha remuneración igualitaria, con protección para as nosas vidas e con adaptación de medios con perspectiva de xénero, que sexa compatíbel coas discapacidades, coas maternidades, coa lactación, etc.
Reivindicamos un sistema público de coidados: que atenda en todas as etapas da vida (escolas infantís, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos). Demandamos retribucións e condicións de traballo dignas para as traballadoras do fogar, demandamos tamén que o tempo destinado ao coidado familiar sexa retribuído, teña cotización e acceso a prestacións sociais.
Reivindicamos o acceso universal a unha vivenda digna. Demandamos a creación dun banco galego de vivenda social cuxo reparto responda a criterios obxectivos e con perspectiva de xénero, demandamos tamén unha rede habitacional de urxencia para mulleres vítimas de violencia machista.
Reivindicamos un servizo galego de saúde que atenda as necesidades do conxunto da poboación en todo o territorio e que garanta a prevención e a atención á saúde física e mental das mulleres e as nenas. Con especial atención aos dereitos reprodutivos e á eliminación da violencia obstétrica.
Demandamos o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), a Rede Galega de Acollemento e o aumento dos recursos para acceso á vivenda das mulleres en situación de violencia, a atención psicolóxica integral na Atención Primaria e reverter a privatización dos centros de crise 24h para vítimas de violencia sexual que o PP puxo en mans de multinacionais.
Reivindicamos a regularización de todas as persoas migrantes e demandamos a derrogación inmediata da Lei da Estranxeiría e das políticas de fronteira criminais da Unión Europea.
Aspiramos a construír un novo paradigma de sustentabilidade da vida, cunha xestión pública da auga e a enerxía e unha transición enerxética xusta, social e ambientalmente. Exiximos a paralización dos proxectos extractivistas e de industrias de enclave na Galiza que atentan contra o noso territorio e a vida das mulleres, nomeadamente o proxecto de ALTRI, a Mina de Touro e o cese de actividade doutros proxectos altamente contaminantes e devastadores como a pasteira ENCE. Polo contrario, defendemos un desenvolvemento económico baseado na transformación das nosas materias primas, complementario e harmónico coa produción agrícola, gandeira e mariñeira, que propicie emprego de calidade para que as mozas do noso país non teñan que emigrar.
Demandamos o cumprimento da lei intregral contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais. Exiximos unha resposta social contundente fronte aos discursos de odio e reaccionarios que normalizan a violencia.
Mobilizacións confirmadas:
A Coruña 20h Obelisco
Compostela 18h Praza 8 de Marzo
Ferrol 20h Praza da Armada
Ponteceso 12h Praza do Recheo
O Porriño 20h Diante do Concello
Ourense 19h Castañeira (subdelegación)
Seguimos traballando para concretar e sumar o resto de mobilizacións deste 8M ao longo do país.
A Marcha Mundial das Mulleres ven de presentar a campaña que desenvolverá ao longo deste ano 2025 en torno á celebración e reivindicación do seu 25 aniversario como organización feminista na Galiza e no mundo.
Con inicio neste 8M a campaña desenolverá máis de 30 actividades ao longo do país cunha manifestación nacional o 5 de outubro exixindo medidas reais para transformar a vida das mulleres traballadoras.
A Marcha Mundial das Mulleres naceu no ano 2000 en resposta a un chamado á movilización mundial das feministas anticapitalistas do mundo por parte das compañeiras do Quebec. Cando aínda non existían os fenómenos virais nen as posibilidades que hoxe existen de organización a nivel global feministas de todos os continentes uniron a súa voz para loitar contra a violencia machista e o empobrecimiento das mulleres.
Naquela altura o feminismo galego respondeu a este chamado constituíndo a Coordenadora Nacional Galega da Marcha que leva 25 anos traballando a nivel local e internacional en pé de igualdade con compañeiras de máis de 60 países, dende Brasil a Moçambique, o Sahara Occidental, Kurdistán, Palestina, Cuba ou Guatemala até as Filipinas ou o Xapón. Elaborando análises colectivas e tamén trasladando a realidade e as alternativas feministas das mulleres galegas ao resto de compañeiras do mundo.
Ao longo destes 25 anos foron moitas as reivindicacións e accións que desenvolveu, dende a mobilización de mulleres de aquel 9 de marzo de 2003 na que mulleres de todo o país se desprazaron a Cee para berrar xuntas “Nem Guerras, nem machismo nem marés. Nunca máis chapapote patriarcal”, aos diferentes momentos chave na loita polo dereito ao aborto coa campaña de autoinculpacións de 2008 ou o impulso da plataforma galega polo dereito ao aborto ante a ameaza do PP en 2014, a Marcha iniciou a resposta coordenada fronte aos feminicidios no noso país, hoxe parte da axenda do conxunto do feminismo galego, reivindicou o 8M e o 25N con campañas nacionais e coa mobilización coordenada ao longo do país moito antes que estas datas tivesen a relevancia social que hoxe teñen. Tamén visibilizou o 24 de maio de rana plaza, reivindica días como a visibilidade lésbica galega, ou o día internacional para a erradicación da pobreza. A Marcha elabora un calendario nacional de accións co foco centrado no local. Organizou xornadas de formación, de debate, de partilla e reflexión colectiva e fixo parte da vida de centos de mulleres que se achegaron ao longo destes anos ao colectivo para loitar xuntas polos seus dereitos. A Marcha ten sido quen de poñer unha axenda feminista galega no centro da vida das galegas.
As militantes da Marcha Mundial das Mulleres non queren que este 25 aniversario sexa só unha celebración da súa memoria, senón que sirva de impulso para seguir traballando e sumando mulleres á loita feminista na Galiza. Adicarán todo este ano, a partir do 8 de marzo, a desenvolver actividades por todo o país nas que colocar na axenda as que seguen a ser hoxe, 25 anos despóis, reivindicacións e exixencias que consideran imprescindíbeis para mudar a vida das mulleres traballadoras.
Inician esta campaña este 8 de marzo, co lanzamiento de 8 reivindicacións urxente para transformar a vida das mulleres, e continuarán ao longo do ano desenvolvendo os 25 eixos de traballo que nestes anos de historia as teñen levado a percorrer o país e a realizar infinidad de actividades por todo o territorio. A Coordinadora Galega da Marcha ven de elaborar para este aniversario unha nova táboa reivindicativa que a través de 25 bloques ou temáticas de traballo desenvolve a maior parte das cuestións sobre as que colocan o foco como colectivo feminista. Queren que sexa tamén a súa folla de ruta para a acción nos próximos anos e que lles permita articular accións máis globais con demandas concretas ás institucións co fin de conquistar mudanzas e transformacións reais.
A Marcha Mundial das Mulleres fai un chamamento á sociedade galega á mobilización activa en favor dos dereitos das mulleres. Após 15 anos de goberno do Partido Popular na Galiza fan un balanzo tremendamente negativo para os dereitos das mulleres, o máis recente o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres, a privatización dos centros de crise 24 horas ou a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade. Analizan que vivimos momentos de crise do capitalismo que impactan de forma devastadora na vida das mulleres, sen sistema de coidados público son as mulleres quenes soportan toda esa carga e ademáis cos salarios e pensións máis baixas do estado o que dificulta o sostén da vida a nivel de alimentación saudábel, acceso a vivenda, independencia económica e benestar emocional.
Por todo isto convocan a construír un camiño colectivo que teña como resultado unha mobilización nacional o 5 de outubro para colocar no centro da axenda social a necesidade de mudanzas reais para mellorar a vida das mulleres. Convidando a todas as compañeiras do feminismo galego e a toda a socidade galega a sumarse a esta mobilización.
Até finai de ano programarán máis de 30 actividades ao longo do país, que irán anunciando unha vez que pase o 8 de marzo, data na que ocuperán as rúas, como levan facendo dende hai 25 anos, co conxunto do movemento feminista galego, para seguir loitando pola vida das mulleres.
Como di o lema internacional: até que todas sexamos libres.
Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres, colectivos feministas e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Traballamos de forma asemblearia e por consenso en coordenadoras locais.
Desde o ano 2000 as mulleres da Galiza mobilizámonos a través de accións internacionais, nacionais e locais, en torno á loita anticapitalista, pola xustiza económica, o cambio político e social e os dereitos reprodutivos das mulleres.
25 anos despois, e aínda recoñecendo os avances conquistados, fican moitos dereitos por conseguir para garantir unha igualdade real.
Esta é a nosa táboa reivindicativa, froito dun proceso de reflexión e acción en común por parte de todas as mulleres que integramos as Coordenadoras Locais da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, onde combinamos reivindicacións mundiais coas problemáticas galegas para que os gobernos da Xunta e do estado se fagan eco das nosas demandas.