Reivindicamos o 8 de Marzo para sermos libres!!

ACTOS DO 8 DE MARZO

Vigo: Manifestación venres 8 de Marzo as 8:00 dende a Praza de Portugal a Porta do Sol. Lectura de Manifesto e actuaciçon de Ses con dúas cancions… e logo festa feminista no Caribia!)

Ourense: Representación reivindicativa venres 8 de Marzo ás 18.30h na Rúa do Paseo, diante de novagalicia banco.

Compostela: Concentración venres 8 de Marzo ás 20.00h na Praza 8 de Marzo (San Pedro)

Ferrolterra: Concentración Venres 8 de Marzo ás 20.00h no Cantón

Costa da Morte: (Organiza Buserana) Venres 8 de marzo, na Praza 8 de marzo, de Cee 18 horas: taller de globoflexia pola igualdade para nenas e nenos. 19 horas: concentración. 20.30 horas: Festa na Bombonera, Cee.

E O 9 MANI MANCIONAL EN COMPOSTELA

ÁS 12.30H DENDE A ESTACIÓN DO TREN!!!

capaface.png

Manifesto do 8 de Marzo da Marcha Mundial das Mulleres

 

8 de marzo
DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

A participación das mulleres na historia da humanidade, na construción das habilidades e saberes humanos foi achantada ou ignorada durante séculos. Con moitísimo traballo e esforzo tivemos que loitar contra os muros da exclusión, da inferioridade, da falta de recoñecemento social e político, individual e colectivo. Unha

loita incesante que non nos dá un momento de acougo, xa que no intre en que se recoñecen algunhas das nosas demandas vemos como, cunha rapidez asombrosa, érguense de novo os vellos muros pero con outros nomes: crise, recortes, paro, peche de servizos sociais, economía submerxida, violencia de xénero… e moitos máis que enredan e obstaculizan o que parecía que xa era noso e que toda a sociedade tiña asumido: que as mulleres somos seres humanos libres e con dereitos.

Nesta complexa engrenaxe as mulleres xa notabamos e alertabamos das poucas bondades dun “estado do benestar” capitalista, patriarcal, heterosexual e belicista que perpetuaba as desigualdades norte-sur, ricos-pobres, homes-mulleres. Pero estas desigualdades eran “asumidas” como un mal menor, en grande parte polas vantaxes de estar situadas nesta parte do planeta e nesta época de “bonanza económica.

Hai décadas que as mulleres da marcha mundial encabezamos a loita en contra a mercantilización e a privatización dos bens comúns, a defensa da terra e da soberanía alimentaria; hai anos que acompañamos ou formamos parte das mulleres que se negan a que lles roube o seu territorio para ser ocupado por plantacións de transxénicos ou bases militares; as que loitamos dentro dos movementos sociais para que se nos recoñeza en igualdade. Todas estas loitas xa nos alertaban da podremia do sistema, de que ese “estado do benestar” estaba asentado sobre a lama.

Agora constatamos con indignación o agravamento das condicións de vida das mulleres do noso continente. A Europa do capital está a saquear as nosas vidas e os nosos dereitos. Os recortes e as privatizacións dos servizos públicos dificultan a autonomía das mulleres. Os recortes dos gastos sociais supoñen case sempre un incremento do traballo doméstico e de coidados non remunerados (en xeral a cargo das mulleres). O pensamento neoconservador busca impor valores que dificulten o camiño emancipador das mulleres.

Por todo isto, neste 8 de marzo de 2013, as mulleres feministas, que formulamos a necesidade da corresponsabilidade no coidado das persoas e nas tarefas domésticas; as que esiximos un novo modelo social sen división do traballo en función do sexo; as que propoñemos un novo modelo social no que as persoas sexan o cerne das políticas públicas, COMPROMETÉMONOS a seguir loitando para derrubar os muros que protexen aos banqueiros e ao corruptos; aos especuladores e aos que botan a outras persoas dos seus fogares, aos que fan uso da violencia e criminalizan aos movementos sociais.

Sabemos o que queremos e temos o reto de atopar o xeito de logralo, pero SABEMOS QUE O IMOS LOGAR, VAIA SE O IMOS LOGRAR, que llo digan a todas as nosas antepasadas e contemporáneas que sacrificaron as súas vidas para acadar os dereitos que nos queren arrincar, que llo digan as nosas avoas, ás nosas nais, ás nosas irmáns do Congo, Malí, Colombia, México; ás mariscadoras do Val Miñor, ás redeiras do Morrazo e A Guarda, as que traballan na conserva e no téxtil, ás labregas de toda Galiza, as costureiras, enfermeiras, obreiras, avogadas, xornalistas, artistas, mestras, alumnas…. que nos digan se imos permitir que nos metan outra vez na casa, que nos rouben os dereitos conseguidos, que nos obriguen a calar e a non ter nada que dicir sobre as nosas liberdades sexuais e reprodutivas. Que non pensen que imos ficar mudas e quietas deixando que nos agridan.

Nós, mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta que termine co sistema capitalista e patriarcal, que nos permita vivir a nós e a todas e todos unha vida digna.AS MULLERES, NON COA BANCA

A DÉBEDA DOS GOBERNOS É COAS MULLERES,

NON COA BANCA

MARCHAMOS POR UNHA VIDA DIGNA E SOSTIBLE

Ata que todas sexamos libres!!!

 

 

Concurso: Lema e cartel 8 de marzo

A Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo, convoca o concurso “Lema e cartel 8 de marzo” por mor da conmemoración do 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres”.
Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a participación da mocidade na celebración do día 8 de marzo achegando visións plurais sobre a realidade das mulleres e sobre a conmemoración dese día.
Bases:
1) Poderán participar mozas e mozos. As obras presentadas deberán ser  orixinais e inéditas. (Primarase a mensaxe sobre a calidade artística)
2) As obras que se presenten no concurso deberán estar en lingua galega.
3) Todas as obras pasarán a ser propiedade da MMM, reservándose esta o dereito de publicalas, facéndose sempre mención ao nome da autora ou autor.
4) As presentes bases difundiranse a través dos medios de comunicación local e estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web da MMM: http://www.feminismo.info/
5) As obras entregaranse na CASA DAS MULLERES (rúa Romil, 20, Vigo) ou remitiranse  por correo electrónico ao seguinte enderezo: 8demarzoconcurso@gmail.com (cubrindo a ficha de inscrición que abaixo se achega).
6) O prazo da admisión das obras finaliza o 1 de marzo do 2013
Premios
Só hai un único premio de 150€ (cento cincuenta euros).
No caso de empate o xurado valorará un accésit.
Xurado
O xurado estará formado polas compoñentes da Marcha Mundial das Mulleres.
Outorgamento do premio
Se fará ao remate dos actos do 8 de marzo
Tratamento dos datos de carácter persoal
Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro

Concurso: “Mulleres que deixaron pegada na túa vida”

Con motivo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, a coordinadora da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo convoca o concurso “Mulleres que deixaron pegada na túa vida” co fin de amosar as achegas que as mulleres fan a cotío á vida de outras persoas.
O concurso consiste en que cada participante reflexione sobre as mulleres que máis influíron ou inflúen na súa vida, na súa forma de ser ou pensar, etc. e que nos achegue unha foto e un texto explicativo que poña en valor a esa muller que tivo esencial importancia na túa vida.
Bases:
1) Poderán participar mozas e mozos. As obras presentadas deberán ser  orixinais e inéditas.
2) As obras que se presenten no concurso deberán estar en lingua galega.
3) Todas as obras pasarán a ser propiedade da MMM, reservándose esta o dereito de publicalas, facéndose sempre mención ao nome da autora ou autor.
4) As presentes bases difundiranse a través dos medios de comunicación local e estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web da MMM: http://www.feminismo.info/
5) As obras entregaranse na CASA DAS MULLERES (rúa Romil, 20, Vigo) ou remitiranse por correo electrónico ao seguinte enderezo: 8demarzoconcurso@gmail.com (cubrindo a ficha de inscrición que abaixo se achega).
6) O prazo da admisión das obras finaliza o 1 de marzo do 2013
Premios
Só hai un único premio de 150€ (cento cincuenta euros).
No caso de empate o xurado valorará un accésit.
Xurado
O xurado estará formado polas compoñentes da Marcha Mundial das Mulleres.
Outorgamento do premio
Se fará ao remate dos actos do 8 de marzo
Tratamento dos datos de carácter persoal
Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro

24 horas de acción feminista a través do mundo

24horasaccionfeminista.jpg

24horasaccionfeminista.jpg

24 HORAS DE ACCIÓN FEMINISTA A TRAVÉS DO MUNDO: DECLARACIÓN INTERNACIONAL DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

O 10 de Decembro as mulleres da MMM realizaremos accións en todos os países do mundo ao longo de todo o día. Comezando por Nova Caledonia e chegando ata Seattle, estaremos mobilizadas durante 24 horas, como símbolo de que estamos alerta do que acontece no mundo, dos ataques aos dereitos das mulleres, e para dar a coñecer as nosas resistencias e alternativas.

Participa na nosa acción en VIGO o luns 10 de decembro diante do MARCO a partir das 19:30.

Oito anos atrás, no 2004, reunidas en Kigali, Rwanda, aprobamos a nosa Carta Mundial das Mulleres para a Humanidade despois dun longo proceso de construción colectiva. Naquel momento afirmamos que: “Nós, as mulleres, fai moito tempo que estamos marchando para denunciar e esixir a fin da opresión á que somos sometidas por ser mulleres, para que a dominación, a explotación, o egoísmo e a busca desenfrenada do lucro que traen inxustizas, guerras, conquistas e violencias teñan fin…Estamos a construir un mundo que teña por forza motriz a igualdade, a liberdade, a solidaridade, a xustiza e a paz. Un mundo que, coa nosa forza, somos capaces de crear”.

Ata que todas sexamos libres, estaremos unidas ata logralo!

Mulleres en Resistencia, decembro do ano 2012.

+ Info: http://www.24heures2012.info/index.php/es/videos

A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos

Campaña Europea
4 de outubro – 8 de marzo

Lema: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos
Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Países envolvidos na Campaña: Galiza, Portugal, Catalunya, Euskalherria, Grecia, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, Rumanía, Macedonia, Turquía…

Nós as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que termine co sistema capitalista e patriarcal e que nos permita vivir a nós e a tod@s unha vida digna. Para loitar por esa vida digna que queremos, dende a Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres vimos traballando nunha campaña que poña no centro dos debates sociais a vida e os dereitos das mulleres.

Con esta campaña ‘A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos’ queremosdenunciar a situación das mulleres nos nosos países e o agravamento desa situación coas políticas que os diferentes gobernos conservadores están a pór en práctica coa escusa do crise económica. Crise que para nós non é máis que un novo saqueo aos nosos povos para acumular as riquezas en mans dos poderosos e para eliminar gran parte dos dereitos conquistados polas traballadoras ao longo das últimas décadas.

Tras meses de traballo conxunto e a implicación de mulleres de máis de 10 paíseselaboramos o manifesto que acompaña este texto e un calendario de accións conxuntas que partillaremos nos nosos países para visibilizar a nosa loita e trasladala ás nosas realidades concretas e ás nosas loitas nacionais.

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamado a toda a sociedade galega, individual e organizada a apoiar esta Campaña Europea no marco da loita que dende diversos sectores se leva a cabo na Galiza contra este sistema inxusto e criminal que saquea as nosas vidas e os nosos dereitos. Concretando este apoio en aderir ao manifesto e na colaboración e coorganización das actividades nos días de mobilización programados no calendario da campaña.

Porque temos dereito á soberanía económica e alimentaria, a vivir sen violencias, á educación e á sanidade, a que a vida sexa o centro das políticas, a unha vida sostíbel e á soberanía política, queremos demostrar e visibilizar xuntas que non imos permitir que nos rouben o futuro, que lexislen sobre os nosos corpos e as nosas vidas.

Estaremos na rúa en toda Europa defendendo os dereitos das mulleres, porque para mudar o mundo é imprescindíbel mudar a vida das mulleres e porque para mudar a vida das mulleres é imprescindíbel mudar o mundo.

E porque a vida que queremos para as mulleres é a vida que queremos para tod@s,queremos chamar a participar nesta campaña a todos os colectivos sociais da Galiza.

A tod@s @s que apoiades esta campaña convidámosvos á presentación da mesma que terá lugar de xeito simultáneo en máis de 10 países. A presentación na Galiza será o 4 de outubro na Galería Sargadelos, Compostela.

Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
15 de Setembro de 2012
Galiza
PODEDES ADERIR A ESTA CAMPAÑA A TRAVÉS DA WEB (MENÚ LATERAL) OU DO CORREO nacional@feminismo.info

Calendario da Campaña

Calendario da Campaña Europea

4 Outubro (xoves)
Rolda de Prensa Nacional de presentación da Campaña
(Simultánea en toda Europa)
Cidade: Compostela
Lugar: Galería Sargadelos
Formato: Rolda de prensa con representación de colectivos que apoien a Campaña.

17 Outubro (mércores)
Día Internacional para a erradicación da pobreza
Data de acción europea simultánea
Tema: Tratar como afecta a situación económica ás mulleres na europa
Obxectivo: Banca / Mercados / Entidades financeiras
Acción Local (Vigo, Ourense, Ferrolterra, Compostela…)

25 Novembro (domingo)
Día Internacional contra a violencia machista
Data de acción galega simultánea
Obxectivo: Visibilizar a violencia machista (inserido na Campaña Europea)
Acción Local (Vigo, Ourense, Ferrolterra, Compostela…)

10 Decembro (luns)
Acción internacional da MMM: 24 horas de acción feminista no mundo
Día dos Dereitos Humanos e a firma da Carta Mundial das Mulleres
Data de acción internacional coordenada
Tema: Tratar a Saúde das Mulleres
Obxectivo: Hospitais, Centros de Saúde, Ministerios, Institucións relacionadas coa Saúde, etc
Acción Local (Vigo, Ourense, Ferrolterra, Compostela…)

8 de Marzo 
(FECHE DA CAMPAÑA)
Data de acción europea simultánea
Tema: Actos/Accións de peche da Campaña Europea
Obxetivo: A definir en cada coordenadora nacional co conxunto de movementos que apoian a Campaña.

 

A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos

Manifesto da Campaña Europea
A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos
Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Nestes tempos avesíos de austeridade, constatamos con indignación o agravamento das condicións de vida das mulleres no noso continente, sobre todo no sur de Europa. En moitos países europeos a crise económica usouse para concentrar a riqueza e o poder en poucas mans, explotar ao máximo a forza do traballo, limitar prácticas democráticas, reprimir os movementos sociais e da cidadanía, e aumentar o odio e a división entre diferentes sectores da poboación.

A Europa do capital está a saquear as nosas vidas dereitos, está a levar as nosas sociedades a un estado de emerxencia no que somos as mulleres as principais afectadas tanto polos recortes como polas políticas conservadoras dos gobernos liberais que pretenden impor valores baseados na «volta ao fogar» e no modelo de familia nuclear contra o que tanto loitamos as feministas. Nós, mulleres, sufrimos de xeito diferente os efectos das crises económicas e sociais porque nos atopamos situadas de xeito diferente nas xerarquías do poder económico, político, social, cultural e simbólico. A división do traballo expresa a xerarquización de tarefas ou de persoas como ideas ou representacións sociais verbo das divisións técnicas do proceso produtivo e as relacións sociais que interveñen nel e que distribúen os e as traballadoras por distintas actividades.

Reclamamos unha vida digna que poña as persoas no centro da vida, que poña en valor os coidados fronte a unha economía que non é algo abstracto nin decisións afastadas, senón que determina e afecta ao día a día da vida das persoas. Vida que está en risco coas políticas de austeridade impulsadas desde os mercados financeiros que empurran os estados a rescatar a banca cando o deber dos gobernos é rescatar as persoas.

Marchamos polo dereito das mulleres á soberanía económica

As mulleres non podemos ter soberanía económica no sistema capitalista. As medidas de austeridade impostas poñen en causa a autonomía económica das mulleres, aumentando os seus niveis de desemprego e da súa duración, a precariedade laboral, a desigualdade salarial entre homes e mulleres, a diferenciación de xénero nas xubilacións e noutras pensións. As mulleres, que xa eran os rostros maioritarios da pobreza, serán, con estas medidas, máis pobres, e por iso tamén máis vulnerábeis ante a violencia de xénero.

Os recortes na inversión de diñeiro público, como por exemplo nos servizos e equipamentos de apoio a menores e a persoas da terceira idade, ou a mercantilización do acceso á vivenda, son un impacto claro da crise que dificultan en gran medida a autonomía das mulleres . Ademais, os recortes dos gastos sociais do estado presupoñen sempre un incremento de traballo doméstico e de coidados non remunerados (en xeral a cargo das mulleres), deste modo, as empresas dispoñen sempre dunha forza de traballo dispoñíbel en calquera momento que se contrata en períodos de expansión e que se despide en tempos de crise. O risco de agravamento da desigualdade nos usos do tempo de homes e de mulleres na familia é grande. Acentúase a idea, asumida xa de xeito cultural, de que as mulleres pertencen á esfera da reprodución e desvencéllase o home da responsabilización material e afectiva nestas cuestións do coidado da casa, das fillas e das persoas maiores da familia. Todo isto vese aumentado polo pensamento neo-conservador e austero, que busca impor valores ao «regreso das mulleres ao fogar» coas políticas «familiaristas» e asistencialistas de submisión dos dereitos individuais a un modelo familiar único e exclusivo, o que dificulta o camiño emancipador das mulleres.

As conceptualizacións sobre economía e traballo deben incluír na esfera do produtivo o traballo das mulleres, non exercido nos espazos «tradicionais» de traballo, como a fábrica, a oficina, etc. Queremos políticas de xustiza social, políticas de estímulo ao emprego, políticas non discriminatorias, senón emancipadoras, que garantan dereitos sociais e laborais e camiños de desenvolvemento económico e social.

É necesario e urxente o desenvolvemento, a nivel político e público, dunha cultura de dignificación do traballo con dereitos en todas as esferas da vida e a inclusión da dimensión da igualdade de xénero en todas as políticas públicas. Temos o dereito a unha vida digna e non á mera supervivencia.

Marchamos polo dereito das mulleres a unha vida sen violencia

Vivimos en sociedades patriarcais baseadas na violencia de xénero que mata e fere a diario a milleiros de mulleres europeas. Violencia física, sexual e psicolóxica, mais tamén simbólica que subalternizan as mulleres, ante as que os Estados se inhibiron nas súas responsabilidades.

Denunciamos a dobre, ás veces tripla discriminación da que son vítimas as mulleres inmigrantes, as mulleres negras, as mulleres portadoras de discapacidade, as mulleres lésbicas, as mulleres ciganas, as mulleres mozas, as mulleres de maior idade, as persoas transexuais, mulleres a quen aínda se lles negan os dereitos básicos de cidadanía e que se ven afectadas de xeito directo por estas políticas recesivas.

Exiximos respecto a unha vida sen violencias, nin de estado, nin policial, nin das forzas de seguridade, nin das nosas compañeira se compañeiros, nin das representacións estereotipadas e discriminatorias que confinan as mulleres a determinados papeis subalternos.

Marchamos para pór no centro da vida as persoas

O benestar das persoas debe ser o centro de toda a actividade política, económica e social. Por desgraza, asistimos a un aumento do contrario: a estigmatización das persoas, a subestimar as súas capacidades, a degradación das súas condicións de vida, a como se desperdicia todo o seu potencial para saír desta situación creada polo sector financeiro. Os intereses privados, moitas veces escuros, antepóñense ao interese colectivo e as políticas e discursos hexemónicos foron devastadores a nivel das subxectividades, xa que xeraron sentimentos de inseguridade, medo ao futuro, depresión, illamento e quebra das sociabilidades.

Queremos ser parte da solución, mais para iso non aceptamos os mitos e as narrativas hexemónicas, compracentes e derrotistas, que tratan os mercados como instancias «neutras» e «inocentes» e tendentes á lexitimación das actuais políticas de austeridade, baseadas nunha ideoloxía de competencia, maximización e centralización do lucro que rexeita calquera responsabilidade social.

Marchamos polo dereito das mulleres á saúde

Fronte á privatización da saúde e un modelo de saúde sexista e heteropatriarcal que nega os dereitos das mulleres a ser donas dos nosos corpos, exiximos que os nosos corpos deixen de ser campos de batalla das relacións de poder machistas e que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos sexan plenamente recoñecidos e asegurados.

Desde o inicio da crise asistimos en moitos países de Europa a unha redución moi preocupante e prexudicial dos investimentos nos servizos estatais de saúde públicos, chegando nalgúns casos á súa privatización, que afectan moi en particular ás áreas esenciais para a vida das mulleres como a planificación familiar, o apoio ao embarazo e a maternidade, a interrupción voluntaria do embarazo ou a prevención de enfermidades de transmisión sexual, entre outros.

O pleno aceso a coidados e servizos de saúde públicos e de calidade para todas e todos con independencia da súa orixe socioeconómica, localidade de residencia. etnia, orientación sexual, confesión relixiosa ou identidade de xénero, deben garantirse.

Tanto nesta como noutras áreas, non aceptamos nin aceptaremos que valores profundamente conservadores queiran de novo tutelar os nosos corpos e as nosas vidas.

Marchamos polo dereito das mulleres a unha vida sostíbel

Necesitamos o desenvolvemento de alternativas económicas que poñan no centro da organización económica e territorial o desenvolvemento sostíbel da vida humana, o medio e o benestar colectivo. Queremos ter o control sobre as nosas vidas!

A soberanía alimentaria dos pobos, a defensa dos sectores primarios e da pequena produción, onde as mulleres teñen desde sempre un papel fundamental e dramaticamente invisíbel, teñen que ser unha prioridade.

Rexeitamos un modelo de produción de crecemento infinito que esgota os recursos do planeta e a privatización de acceso a recursos naturais esenciais como a auga ou a terra, dos que as mulleres son as principais vítimas. A forma en como o capitalismo patriarcal e racista emprega o traballo das mulleres como un recurso inesgotábel é moi semellante á forma en como se emprega a natureza. A crise do sistema é unha crise da forma en que este está organizado. O proceso de mercantilización da relación das persoas coa natureza e cos seus corpos ten que confrontarse.

Marchamos polo dereito das mulleres á educación

Fronte ás políticas que recortan o acceso da poboación á educación, exiximos o dereito á educación pública, de acceso universal e gratuíto, unha educación non sexista e que promova a igualdade como un modelo educativo orientado ás persoas é a súa formación, e non á produción de «man de obra» para o sistema capitalista.

Rexeitamos a privatización da educación. A educación é un dereito humano central da vida, non un negocio.

Defendemos o acceso libre á cultura e rexeitamos a elitización do acceso á mesma. Reclamamos políticas que permitan a universalización do acceso á cultura e a defensa e valorización da cultura de cada pobo fronte ao discurso uniformizador da globalización capitalista.

Marchamos polo dereito das mulleres á soberanía política

Fronte a unhas sociedades cada vez menos democráticas nas que toman as decisións instancias privadas, e fronte á crise de representatividade das institucións públicas e a criminalización dos movementos sociais dicimos que as nosas democracias están capturadas e que é urxente liberalas.

Necesitamos construír mecanismos representativos de movementos da cidadanía desde unha perspectiva feminista, para o escrutinio crítico, moral e democrático das opcións políticas e financeiras. Reclamamos unha auditoría feminista cidadá da débeda pública co obxecto de anular a débeda ilexítima.

Necesitamos dunha Europa que respecte a soberanía dos seus estados e que garanta o control democrático por parte da súa cidadanía. Unha Europa dos pobos que defenda o dereito das nacións sen estado a decidir sobre o seu futuro.

Queremos democracia en todas as esferas das nosas vidas.

Nós, as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que termine co sistema capitalista e patriarcal, e que nos permita vivir a nós e a todos unha vida digna.

Feminismos como elementos centrais para solucións reais. O noso compromiso é este.

Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres
Outubro de 2012
Calendario de campaña
http://feminismo.info/feminismo/blog/2012/09/21/calendario-da-campana/

Chamado: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos. Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Campaña Europea

4 de outubro – 8 de marzo

Lema: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos. Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Países envolvidos na Campaña: Galiza, Portugal, Catalunya, Euskalherria, Grecia, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, Rumanía, Macedonia, Turquía…

Nós as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que termine co sistema capitalista e patriarcal e que nos permita vivir a nós e a tod@s unha vida digna. Para loitar por esa vida digna que queremos, dende a Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres vimos traballando nunha campaña que poña no centro dos debates sociais a vida e os dereitos das mulleres.

Con esta campaña ‘A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos’ queremos denunciar a situación das mulleres nos nosos países e o agravamento desa situación coas políticas que os diferentes gobernos conservadores están a pór en práctica coa escusa do crise económica. Crise que para nós non é máis que un novo saqueo aos nosos povos para acumular as riquezas en mans dos poderosos e para eliminar gran parte dos dereitos conquistados polas traballadoras ao longo das últimas décadas.

Tras meses de traballo conxunto e a implicación de mulleres de máis de 10 países elaboramos o manifesto que acompaña este texto e un calendario de accións conxuntas que partillaremos nos nosos países para visibilizar a nosa loita e trasladala ás nosas realidades concretas e ás nosas loitas nacionais.

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamado a toda a sociedade galega, individual e organizada a apoiar esta Campaña Europea no marco da loita que dende diversos sectores se leva a cabo na Galiza contra este sistema inxusto e criminal que saquea as nosas vidas e os nosos dereitos. Concretando este apoio en aderir ao manifesto e na colaboración e coorganización das actividades nos días de mobilización programados no calendario da campaña.

Porque temos dereito á soberanía económica e alimentaria, a vivir sen violencias, á educación e á sanidade, a que a vida sexa o centro das políticas, a unha vida sostíbel e á soberanía política, queremos demostrar e visibilizar xuntas que non imos permitir que nos rouben o futuro, que lexislen sobre os nosos corpos e as nosas vidas.

Estaremos na rúa en toda Europa defendendo os dereitos das mulleres, porque para mudar o mundo é imprescindíbel mudar a vida das mulleres e porque para mudar a vida das mulleres é imprescindíbel mudar o mundo.

E porque a vida que queremos para as mulleres é a vida que queremos para tod@s, queremos chamar a participar nesta campaña a todos os colectivos sociais da Galiza.

A tod@s @s que apoiades esta campaña convidámosvos á presentación da mesma que terá lugar de xeito simultáneo en máis de 10 países. A presentación na Galiza será o 4 de outubro na Galería Sargadelos, Compostela.

 

Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
15 de Setembro de 2012
Galiza

 

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram