Non á guerra na Ucraína! Non á OTAN!

A tensión e a escalada militar que se está a producir na Europa do Leste nos últimos días e que alcanzou a súa cimeira a raíz das declaracións de Vladimir Putin ten consecuencias perigosas para os pobos da Europa. Rusia e Ucraína. O envío diario de soldados e a carreira armamentística no medio do belicismo do imperialismo fan que a situación sexa moi preocupante. O mundo está de novo ao borde dunha guerra, tras as ambicións imperialistas, polos intereses económicos, desexosas de demostrar as súas pretensións de gran Estado. O custo desta guerra será moi elevado, especialmente para os pobos da Ucraína, Rusia, Europa e todos os países da rexión. 

Nós, da Marcha Mundial das Mulleres sempre afirmamos o noso compromiso coa loita pola paz e o rexeitamento á guerra e á militarización da sociedade. Porque a guerra é unha das expresións máis vivas da discriminación das mulleres e das crianzas. 

A coordenación da Marcha Mundial das Mulleres da rexión de Oriente Medio e Norte de África – MENA denuncia a guerra contra o pobo ucraíno, que se dirixe especialmente a mulleres e crianzas. Destacamos a magnitude do impacto desta guerra na rexión árabe, especialmente as zonas de conflito nas mulleres e crianzas de Palestina, Iemen, Líbano e Siria. Expresamos a nosa preocupación polos ataques ás mulleres e crianzas contra o seu dereito á paz e á seguranza; e tamén o temor de que a poboación sufra o mesmo destino que as mulleres e os nenos palestinianos polo roubo das súas terras e os ataques diarios contra as necesidades básicas da vida, respectando os dereitos humanos e a lexitimidade universal desde 1974, a guerra da entidade sionista contra o pobo palestiniano. 

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, rexeitamos calquera ameaza e ataque militar contra un Estado soberano. A independencia e a integridade territoriaol de Ucraína deben ser respectadas. Estados Unidos e a OTAN deben anunciar que retiran as súas mans da Ucraína, e deben deixar de enviar armas e municións ao país o antes posíbel. O imperialismo está repetindo o que fixo no Iraque e Siria, esta vez de forma diferente na Ucraína, e unha vez máis causando sufrimento aos pobos do mundo. O conflito entre as grandes potencias fai que a humanidade pague un alto prezo. 

A Marcha Mundial das Mulleres solidarízase con todas as forzas políticas e sociais da Ucraína, Rusia e de todo o mundo que defenden unha solución pacífica á guerra. 

Nós, coa nosa posición antiimperialista e antibélica, mobilizaremos ñas mulleres na loita contra a guerra na Ucraína e na rexión. 

Resistimos para vivir, marchamos para transformar!

Resolucións do Encontro Aberto celebrado na Estrada en novembro de 2021

1. Cómpre pór freo á instrumentalización do feminismo por parte dos partidos políticos, nomeadamente do PSOE, a través dun feminismo institucional que se apropia das nosas reivindicacións para marcar a súa propia axenda.

2. Defendemos un feminismo incómodo e combativo que se ben pode colaborar puntualmente con algunha institución en cuestións concretas, manteña sempre unha posición independente e autónoma que permita facer as críticas pertinentes. As subvencións e colaboracións económicas non poden entenderse por parte das administracións como mecanismos para apagar a crítica.

3. Todas as nosas convocatorias deben ser un espazo seguro para as compañeiras trans. O posicionamento da Marcha Mundial das Mulleres é claro e inamovíbel e non cabe debate, o noso feminismo é un feminismo construído tamén por mulleres trans. Todas debemos ser coherentes con esta posición colectiva e asumir como propios os posicionamentos da Marcha Mundial das Mulleres a nivel nacional e Internacional.

4. Apostamos por reforzar os nosos eixos de traballo e os nosos principios ideolóxicos (feminismo, anticapitalismo, antiracismo, antiimperialismo) como base para a construción do noso feminismo.

5. Cómpre reforzar a formación feminista non só a nivel teórico senón tamén na nosa práctica política diaria apostando polo asemblearismo, a horizontalidade e os espazos de escoita e debate como marcos de traballo colectivo.

6. Defendemos a necesidade de manter o protocolo galego de respostas ante os feminicidios e non ceder ás urxencias mediáticas que procuran respostas inmediatas. A nosa aposta de transformación é de longo percorrido e precisamos construír respostas útiles non só viscerais. Recoñecendo a dificuldade ante os casos máis mediáticos e a demanda de resposta apostamos por un feminismo que non só dé resposta senón que constrúa un axenda propia.

7. Entendemos que é preciso pasar a unha fase de construción feminista que interpele ás estruturas do poder patriarcal logo de estos anos de acumulación de forzas. Poremos especial foco nos xulgados, concellos, sistema de saúde, ensinanza… Coa fin de que o feminismo sexa un suxeiro político que interpele, vixíe , sinale e dé respostas concretas en tódolos eidos da vida. Precisamos mudanzas reais no día a día da vida das mulleres.

8. Cómpre tecer espazos de encontro a nível local colectivizando o traballo e atopando puntos de encontro, respecto e coidados, dende o amor e a construción e non dende a confrontación. Conscientes de que existen diverxencias construír axendas propias e respeitar ás das outras debe ser parte da nosa construción política.

9. Defendemos a necesidade de que o espazo de encontro que é Galegas 8M para o feminismo galego se oriente cara un feminismo combativo de acción en torno desa data, profundizando na loita polos dereitos das mulleres galegas traballadoras.

10. En relación á folga de mulleres do 8M de 2022, tras analizar o desenvolvemento destas en 2021, 2020, 2019 e o paro de 2018 pensamos que o desenvolvemento das xornadas do 8M non responden ás dinámicas dunha folga senón a unha xornada de mobilizacións. Entendemos que cómpre deseñar estratexias máis útiles e eficaces de aquí en diante

Até que todas sexamos libres!

28S // Dereitos sexuais e reprodutivos para todas!

O 28 de setembro é o Día de Acción Global polo acceso ao aborto legal e seguro. Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres reivindicamos a necesidade de facer efectivo o dereito conquistado polo movemento feminista no ano 2010 a través da lei de interrupción voluntario do embarazo.

Coa posterior modificación do Partido Popular en 2015 hoxe as mulleres de 16 e 17 anos ven privada a súa capacidade decisión sobre os seus corpos pois deben conseguir un permiso paterno (ou xudicial) para interromper un embarazo. Reiteramos que estas mulleres, que poden decidir libremente sobre todos os aspectos das súa vida deben ter dereito a decidir sobre a súa maternidade. A derogación da modificación da lei de 2010 debe ser inmediata por parte do goberno do Estado do PSOE e Unidas Podemos.

Para alén diso a sanidade pública galega, amparada na incompleta lei do 2010, esta a financiar abortos en clínicas privadas debido a casos de obxección de conciencia do persoal sanitario. En casos de interrupcións voluntarios de embarazos de máis de 9 semanas no que a motivación é a saúde psicolóxica da muller a sanidada pública non é quen de garantir a realización da intervención e acaba financiando a mesma en centros privados. Así dende Ourense e Lugo as mulleres teñen que desprazarse fóra da provincia. En casos nos que se superan as 14 semanas os desprazamentos son mesmo fóra da Galiza, coa dificuldade engadida que ten o desprazamento a tantos kilómetros para unha intervención médica. Esiximos que o SERGAS garanta a IVE libre e todos os casos médicos que a lei permite. 

Así o dereito ao aborto seguro e na sanidade pública aínda é hoxe unha conquista pendente no noso país. Cómpre mudar a lexislación para que o personal sanitario non poda negarse a facer unha intervención legal e impedir asi que a IVE se convirta nun negocio máis para as clínicas privadas, financiado co diñeiro de todas, incrementando o gasto que implicaría unha intervención no centro máis próximo ao lugar de residencia da muller. 

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres reivindicamos a necesidade de facer efectivo o dereito conquistado polo movemento feminista no ano 2010 a través da lei de interrupción voluntario do embarazo tamén garantindo medios para que exista educación afectivo sexual nas escolas, acceso a anticonceptivos nos centros quérote e recursos e programas sobre reproducción nas institucións locais como os CIMM, co fin de colocar todas as ferramentas ao dispor das mulleres que permitan reducir as IVE, e en todo caso, garantilas na sanidade pública.

Alén de todo isto, denunciamos:

❌ O desenvolvemento do Real Decreto Lei 7/2018 sobre Acceso universal ao sistema nacional de saúde é insuficiente e xera situacións de vulneración do dereito á saúde, concretamente o dereito á atención da saúde sexual e reprodutiva, con trabas administrativas a mulleres embarazadas en situación de irregularidade ou petición de asilo.

Este tipo de atención depende da vontade das e dos profesionais e isto provoca situacións de descoñecemento e irregularidades na atención.

❌ Que Galiza sexa a CA que menos matronas ten no Estado Español, hai tan só 1 por cada 10.000 habitantes.

❌ Que malia a moción presentada no Parlamento Galego no 2019 a día de hoxe a Xunta segue aplicando a obxección de conciencia por cuestións ideoloxicas para non practicar IVEs.

❌ Que partir da semana 14 o sergas non practica abortos euxenésicos.

❌ Que educación sexual segue sen ser obrigatoria nin estar presente no currículo escolar na ensinanza obrigatoria.

Exiximos tamén que a Xunta de Galiza abandone a súa pasividade e desinterese para asumir as súas competencias e garantir:

✅ Unha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM en colaboración coas entidades locais.

✅ Campañas especificas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectivo sexual a través dos Centros Quérote +

✅ Unha materia obrigatoria no Ensino Obrigatorio con contidos específicos sobre educación afectivo-sexual, relacións, identidade e xéneros.

AMOS FARTAS DE AGARDAR. ABORTO LIBRE E GRATUITO FORA DO CÓDIGO PENAL, NA GALIZA E EN TODOS OS PAÍSES DO MUNDO!

28 de xuño, Dereitos para todas!

🌈🌈 28 de xuño. Dereitos para TODAS.

Neste 28 de xuño, Día do Orgullo, dende a coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres reclamamos o compromiso de toda a sociedade coa loita por conquistar Dereitos para TODAS.

En momentos nos que os discursos fascistas atopan altofalantes e medran nunha sociedade na que o lucro e o consumo vertebran a vida das persoas é máis importante que nunca alzar a voz e posicionarse con claridade contra as ideoloxías reaccionarias que negan dereitos.

O feminismo é a ferramenta máis potente que temos para loita contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e o imperialismo, e para conquistar dereitos sociais e políticos para todas. Non seremos unha voz cómoda para quen pretenda, en nome do feminismo, decidir quen debe ou non conquistar os dereitos que lle corresponden e estaremos en fronte de todo feminismo LGBTFóbico que pretenda excluír a compañeiras de loita.

💜Como mulleres lésbicas esiximos visibilidade e o fin das discriminacións que sufrimos, como os problemas que se colocan ao rexistro das crianzas cando non estamos casadas.

🧡Como mulleres trans esiximos unha Lei Trans que poña fin ás violencias institucionais que se exercen sobre nós e os nosos corpos para o recoñecemento da nosa identidade. Nengunha sen dereito a existir!

💙 Como mulleres bisexuais esiximos o fin da estigmatización e a invisibilidade dentro e fóra do movemento e o recoñecemento das violencias que recibimos da heteronorma.

💛 Como mulleres con diversidade funcional esiximos o fin da invisibilización e o paternalismo machista que nos considera mulleres de segunda.

🖤 Como mulleres negras esiximos o fin do racismo en todas as súas expresións, as nosas vidas importan!

❤️Como mulleres migrantes esiximos o fin das Leis de Extranxería que nos criminalizan e someten a procesos de violencia institucional e xenofobia impedindo que podamos procurar unha vida digna.

💙Como mulleres empobrecidas esiximos o fin dun sistema criminal como o capitalista que coloca o lucro por diante das vidas.

💚 Como mulleres rurais esiximos o dereito á terra e a vivir con dignidade e servizos públicos de calidade nas nosas aldeas.

❤️Como mulleres galegas esiximos que o noso pobo poda exercer o seu dereito á autodeterminación en pé de igualdade co resto de pobos do mundo.

Como mulleres que somos organizámonos para transformar a sociedade e construír un mundo de xustiza social sen violencias no que sermos plenamente libres.

24M- Día da muller pola paz e o desarme

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das mulleres, conmemoramos neste 24 de maio o Día da Muller pola Paz e o Desarme. 

Neste día as mulleres galegas queremos lembrar as guerras nas que viven mulleres irmás de todo o mundo. Vivimos en tempos de auxe da extrema dereita, da xenofobia, do racismo e do imperialismo. 

No capitalismo é libre a circulación de mercadorías, polo que os espolios das guerras transitan libremente, non así as persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de conflitos bélicos e do sistema económico que crea carencias para as civís durante os conflitos.

As guerras van moito máis aló do propio conflito, non ten nin que ser unha guerra per se para que as consecuencias da barbarie se visibilicen entre a poboación, as persoas mutiladas, as mulleres agredidas sexualmente, as crianzas… a poboación sobrevive aos conflitos e queda unha terra arrasada, contaminada, espoliada e condeada a outra guerra: a da fame e a precariedade.

O caso do recentemente acontecido en Colombia, onde o pobo se ergueu contra unha política tributaria inxusta onde se condeaba á clase traballadora deixou milleiros de imaxes da barbarie que poden provocar as forzas armadas dun Estado corrompido polo capitalismo máis feroz e que non conta coas vidas das persoas. 

No caso palestino, máis de 70 anos de barbarie contra un pobo fixeron estoupar a situación, as feministas e internacionalistas sempre estivemos con Palestina, hai pouco se cumpriron 73 anos da Nakba e a barbarie sionista continúa en Gaza e Cisxordania, mentres que a poboación palestina se refuxia no Líbano, Xordania e noutros moitos países fuxindo da guerra. 

Libia, Iraque, Afganistán, Siria… guerras promovidas polo mundo libre nas que o lucro é maior para o capital occidental: a venda de armas e o espolio dos países en conflito. As chamadas intervencións humanitarias pola paz deixaron e fomentaron conflitos internos alleos aos intereses dos propios países mais si aos do imperialismo. 

É grande a hipocrisía da prensa internacional nos conflitos arredor do mundo, silencian e ignoran os conflitos provocados por estados aliados da NATO e da UE (como os de Iemen, Siria, Libia, Palestina, Sáhara…), terxiversan a información dos procesos revolucionarios que se dan noutros (Venezuela, Cuba, Nicaragua, Bolivia…) e ignoran os procesos democráticos do continente africano. Onde se cumpren os acordos da soberanía dos pobos e da veracidade da información da que tanto se enorgullecen os países occidentais?

Coa pandemia tamén se evidenciaron contradicións en Occidente, a mercantilización das vacinas que se reparten de xeito desigual e arbitrario entre os Países do mundo, os sistemas represivos de liberdades cos que contan todos os países do mundo (toque de recoller, estados de alarma, emerxencia, sitio…), evidenciouse máis unha vez que o sistema atenta contra as nosas vidas e xoga coa nosa saúde.

Por último, denunciar a situación inhumana que se está a vivir nas fronteiras europeas, milleiros de persoas entran na Europa continental escapando de conflitos creados en grande parte polos intereses de Occidente e a resposta é pechar as fronteiras con barreiras físicas ou coa pura desatención do auxilio humanitario que deixa milleiros de mortes nas nosas costas e fronteiras. A criminalización das persoas, das menores e das súas migracións evidencian que a vontade occidental é ficar cos beneficios das guerras que se provocan e cos recursos que alí se espolian mentres se nega a axuda para combater as consecuencias das súas políticas.

Por iso, neste 24 de maio. as mulleres facemos un chamado internacional baixo o lema “nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”, porque mentres existan estas políticas criminais de intervención imperialista e de espolio impune seguiremos en marcha. 

Violencia machista no Land Rober!

Onte no programa Land Rober Tunai Show da TVG os responsábeis do programa fixeron vivir un episodio de violencia a unha muller ao pretender que se encontrase cun ex-compañeiro baixo a premisa de “facer triunfar o amor”. O resultado foi unha muller agredida que acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas exposta públicamente.

Animámosvos a enviar este pequeno texto ao correo info@crtvg.es

Aos responsábeis da CRTV, TVG e Land Rober Tunait Show: Por medio desta comunicación queremos expresar o noso rexeitamento e denuncia da situación vivida no programa emitido o 08/04/2021 no que unha muller se viu violentada polo programa ao intentar convecela de reunirse públicamente cun home que a agredira previamente.

Os responsábeis deste programa de televisión non valoraron en ningún momento o consentemento desta muller ante a petición dunha exparella de reunirse de novo con ela mediante o programa.

Non valoraron tampouco asegurarse que non existían problemas entre esas persoas que pretendían reunir e, como foi o caso, se non existían ademáis antecedentes de agresións cara á muller por parte do seu ex, ao que permitiron e axudaron a violentar novamente a esta persoa.

Unha vez máis vemos a irresponsabilidade dos medios de comunicación que ignoran sistemáticamente a necesaria prevención á hora de colocar ás mulleres neste tipo de situacións.

A historia audiovisual ten escrito páxinas moi negras en relación a colaborar con agresores para voltar colocar ás persoas violentadas en situacións comprometidas e semella que segue sen entenderse a necesidade de non acceder a ningunha petición que non conte coa aprobación da outra persoa ou persoas involucradas.

Solicitamos á CRTVG que se coloquen os medios necesarios para que ningunha muller volte vivir este tipo de situacións.

Os medios recollen a nosa proposta de protestar ante a CRTVG polo acontecido no programa Land Rober Tunai Show ->

https://www.nosdiario.gal/…/20210409144735119238.html

PETRA e a Marcha Mundial das Mulleres alíanse para reforzar a defensa dunha maternidade feminista

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza queremos manifestar o noso compromiso conxunto de reforzar a nosa loita e as nosas organizacións a través dunha alianza que recoñece mutuamente o noso labor no movemento feminista. 

Ambas organizacións compartimos a imprescindíbel perspectiva anticapitalista da loita feminista e a necesidade de que esta perspectiva estea presente en todas as reivindicacións que realizamos na loita polos dereitos das mulleres. 

Nunha sociedade capitalista e patriarca, como a nosa, a maternidade desde posicións feministas é un acto político de rebeldía contra a lóxica individualista e mercantilista das nosas vidas e dos imprescindíbeis coidados que todas precisamos. As crianzas son un ben social pois encarnan o noso futuro colectivo, e como tales os seus coidados deben interpelarnos a todas e temos que garantir colectivamente as mellores condicións en que eses coidados poidan desenvolverse.

Tanto a Marcha Mundial das Mulleres como PETRA defendemos o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seus corpos e a súa maternidade, garantindo por un lado a todas as mulleres unha interrupción voluntaria do embarazo segura e gratuíta na sanidade pública e por outro as condicións sociais e económicas necesarias e dignas para exercer unha maternidade libre. Como feminismos anticapitalistas denunciamos a mercantilización dos corpos das mulleres a través dos ventres de alugueiro, unha forma de compra venta de crianzas que ademáis despreza ás mulleres como suxeitos de dereitos. 

Con esta alianza queremos expresar o noso compromiso de loita por unha maternidade libre e profundamente política que coloque a vida e a súa reproducción no centro das políticas reclamando: 

  • A ampliación dos permisos por nacemento e a súa transferibilidade nun tempo non inferior ao recomendado como período de lactancia (6 meses). Con especial atención ás familias monomarentais.
  • Protección das mulleres e as crianzas fronte á violencia obstétrica pola súa condición de violencia machista revisando as prácticas e protocolos do SERGAS de cara a garantir a eliminación desta violencia dos procesos de embarazo-parto-puerperio. 
  • Garantías no eido laboral para as embarazadas e mulleres nais: reduccións de xornada co 100% do salario, aumentar o tempo dos permisos retribuídos por enfermidade das crianzas, reducción da xornada laboral a 30 horas para traballador@s con crianzas menores de 12 anos e asignacións universais por crianzas a cargo. E sobre todo garantír un sistema laboral que non penalice a maternidade e o coidado das crianzas que son un ben social e colectivo. 
  • Transformacións no eido educativo e social eliminando a ollada adultocéntrica sobre as crianzas e entendendo a necesidade dunha corresponsabilidade social para a crianza. 

O compromiso que adquirimos desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza con este alianza é traballar xuntas e colaborar en que os nosos obxetivos políticos sexan acadados a través da mobilización social, a intervención política e a reflexión e debate colectivo sempre desde a sororidade e o apoio mútuo. 

Galiza, marzo de 2021.

Por un #8M combativo!

Nós estamos nas rúas, e na folga, este 8 de marzo. Manifestarémonos e ocuparemos o espazo público porque sen mobilización social non hai transformación social. Até que haxa cambios reais, até que todas sexamos libres nunha sociedade xusta e nun pobo libre!!

Na Galiza levamos décadas de recortes en igualdade, o PP ocupouse de facer desaparecer ou baleirar de contido e orzamentos a diversos organismos públicos de igualdade e atención á diversidade, favorecendo a entidades relixiosas e anti-abortistas no canto de garantir unha anticoncepción e unha interrupción voluntaria do embarazo na rede pública; somos vítimas de violencia obstétrica, sen que poidamos garantir coidados e atención permanente nos procesos de embarazo, parto, postparto e perdas xestacionais; seguimos a padecer recortes en materia de servizos públicos e os efectos de políticas privatizadoras nos servizos sociosanitarios e de atención ás persoas por parte do Partido Popular; políticas ultraconservadoras adoptadas co obxectivo de que sexamos unha vez máis, as mulleres, as encargadas do coidado das crianzas e persoas dependentes, sexa de xeito precarizado, con salarios míseros e condicións de traballo ínfimas, ou sexa de balde, ante a imposibilidade de poder acceder a servizos públicos, sen ter en conta a dispersión xeográfica da poboación galega e a concentración destes servizos nas cidades; ao avellentamento da poboación temos que engadirlle a emigración da nosa mocidade, por mor da inexistencia de alternativas que posibiliten o seu desenvolvemento socioeconómico no noso país.

Por outra banda, a primeira decisión política adoptada polo goberno do estado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 consistiu en devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. Colocando novamente a vida das mulleres ao servizo dunha sociedade que sequera dá valor a estes coidados.

Tamén engadir que pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobre-explotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde, e sen que meses despois fosen recompensadas.

Desde o feminismo esiximos que se poña a sostenibilidade da vida no centro da análise das políticas públicas. Nós perseguimos o obxectivo político de transformar a realidade en sentido igualitario, mais non a costa de explotar ás mulleres ou de desposuírnos dos dereitos que temos conquistado.

Debemos continuar denunciando e combatendo o capitalismo, o racismo, o colonialismo, o imperialismo e o patriarcado, na busca da conquista da igualdade e da xustiza social. Debemos reclamar aos partidos políticos, aos movementos sociais e populares, que é imprescindíbel asumir a loita das mulleres para construír procesos realmente xustos, participativos e emancipatorios. Non imos renunciar aos avances, e non imos contentarnos con actos institucionais de recoñecemento, se non van acompañados de reformas tanxíbeis. As demandas de igualdade entre os xéneros e a loita contra o patriarcado deben ser parte da axenda do movemento feminista, mais tamén das axendas dos gobernos, e da sociedade en xeral.

Por todos estes motivos consideramos que non podemos ficar inmóbiles. O sistema agarda de nós que sigamos confinadas e que aceptemos a situación como inevitábel cando non o é. Por iso facemos un chamamento a encher as vilas e cidades da Galiza de columnas de mulleres, que a distancia social imposta pola xestión da pandemia non impida a mobilización, coidándonos entre nós, como levamos feito ata agora. Salvagardando a nosa saúde, fagamos que xurda un novo modelo de mobilización, na que recuperemos a nosa visibilidade no espazo público, poñendo no foco da atención as nosas demandas, as nosas denuncias e unha advertencia aos gobernos: non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.

Avante LGBT e a Marcha aliánse para reforzar a loita feminista e LGBT

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e Avante LGBT+ queremos manifestar o noso compromiso conxunto de reforzar as nosas loitas e as nosas organizacións a través dunha alianza política que nos recoñece mutuamente como referentes das mesmas.

En momentos difíciles para ambas as loitas por dinámicas moitas veces alleas ás nosas propias realidades entendemos que é máis importante do que nunca dialogar, reflexionar e actuar xuntas nalquelas cousas que nos unen e escoitarnos e aprender unhas das outras nas que poidan estar máis distantes no camiño conxunto de acabar co patriarcado, o capitalismo, o racismo e o imperialismo.

Desde ambas as organizacións comprometémonos a traballar na creación dunha axenda propia que reforce a unión do movemento feminista e LGBT+ en Galiza. Tamén queremos contribuír a impulsar un marco de diálogo permanente que nos permita afrontar os retos de futuro con alianzas sólidas que contribúan con coidados e afectos entre nós a dar os debates con sororidade.

Xuntas queremos colaborar na elaboración de documentos políticos, pronunciamentos, actividades e materiais formativos que fornezan ás nosas activistas de recursos políticos para a reflexión e a acción política.

Con esta alianza entre iguais comprometémonos a:

  • Realizar xornadas formativas conxuntas que liguen as nosas loitas e nos permitan un diálogo fluído e sororo.
  • Elaborar posicionamentos conxuntos sobre aquelas loitas que nos atravesen.
  • Impulsar un protocolo galego de resposta ante as agresións LGBTFóbicas.
  • Afortalar as nosas loitas e mobilizacións así como a relación entre as nosas activistas.

O compromiso que adquirimos desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e Avante LGBT+ con este alianza quere ser ademais dun compromiso de traballo das nosas organizacións un símbolo da necesidade de afortalar en Galiza un marco propio de acción política e colaboración entre movementos sociais.

Galiza, febreiro de 2021.

8M // Mobilizarnos para transformar a vida das mulleres.

O feminismo galego ten demostrado unha gran capacidade de mobilización, a través da cal fomos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente en varias xornadas históricas, revolucionarias, que marcaron un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como se comezou a concibir a celebración desta data, marcando con forza unha axenda propia co obxectivo de construír un feminismo anticapitalista da Galiza para o mundo.

O noso obxectivo foi sempre o de denunciar a violencia institucional que sufrimos as mulleres, sinalar a quen ten responsabilidade política de reverter a situación de discriminación que padecemos, e artellar propostas que rachen con ela. As convocatorias de folga de mulleres perseguían identificar o espazo baleiro que deixan estas non só na actividade produtiva, retribuída, senón tamén no fogar, cando non se ocupan dos coidados, e ao tempo, facilitar a participación activa das mulleres nas diferentes mobilizacións convocadas en vilas, pobos e cidades galegas, rachando coas dinámicas de convocatoria de actos institucionais, e devolvendo o protagonismo ás mulleres nas súas demandas.

Mais a pesares de termos convocado as mobilizacións máis masivas da historia recente, os gobernos foron incapaces de adoptar medidas dirixidas a mellorar a nosa situación e a sociedade mantén unha distancia aínda abismal entre o que di e o que fai en relación á igualdade.

Na Galiza levamos décadas de recortes en igualdade, o PP ocupouse de facer desaparecer ou baleirar de contido e orzamentos a diversos organismos públicos de igualdade e atención á diversidade, favorecendo a entidades relixiosas e anti-abortistas no canto de garantir unha anticoncepción e unha interrupción voluntaria do embarazo na rede pública; somos vítimas de violencia obstétrica, sen que poidamos garantir coidados e atención permanente nos procesos de embarazo, parto, postparto e perdas xestacionais; seguimos a padecer recortes en materia de servizos públicos e os efectos de políticas privatizadoras nos servizos sociosanitarios e de atención ás persoas por parte do Partido Popular; políticas ultraconservadoras adoptadas co obxectivo de que sexamos unha vez máis, as mulleres, as encargadas do coidado das crianzas e persoas dependentes, sexa de xeito precarizado, con salarios míseros e condicións de traballo ínfimas, ou sexa de balde, ante a imposibilidade de poder acceder a servizos públicos, sen ter en conta a dispersión xeográfica da poboación galega e a concentración destes servizos nas cidades; ao avellentamento da poboación temos que engadirlle a emigración da nosa mocidade, por mor da inexistencia de alternativas que posibiliten o seu desenvolvemento socioeconómico no noso país.

Por outra banda, a primeira decisión política adoptada polo goberno do estado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 consistiu en devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. Colocando novamente a vida das mulleres ao servizo dunha sociedade que sequera dá valor a estes coidados.

Tamén engadir que pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobre-explotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde, e sen que meses despois fosen recompensadas.

Desde o feminismo esiximos que se poña a sostenibilidade da vida no centro da análise das políticas públicas. Nós perseguimos o obxectivo político de transformar a realidade en sentido igualitario, mais non a costa de explotar ás mulleres ou de desposuírnos dos dereitos que temos conquistado.Debemos continuar denunciando e combatendo o capitalismo, o racismo, o colonialismo, o imperialismo e o patriarcado, na busca da conquista da igualdade e da xustiza social.

Debemos reclamar aos partidos políticos, aos movementos sociais e populares, que é imprescindíbel asumir a loita das mulleres para construír procesos realmente xustos, participativos e emancipatorios. Non imos renunciar aos avances, e non imos contentarnos con actos institucionais de recoñecemento, se non van acompañados de reformas tanxíbeis. As demandas de igualdade entre os xéneros e a loita contra o patriarcado deben ser parte da axenda do movemento feminista, mais tamén das axendas dos gobernos, e da sociedade en xeral.

Por todos estes motivos, a uns meses vista dunha nova conmemoración do 8 de marzo, consideramos que non podemos ficar inmóbiles. O sistema agarda de nós que sigamos confinadas e que aceptemos a situación como inevitábel cando non o é. Por iso facemos un chamamento a encher as vilas e cidades da Galiza de columnas de mulleres, que a distancia social imposta pola xestión da pandemia non impida a mobilización, coidándonos entre nós, como levamos feito ata agora. Salvagardando a nosa saúde, fagamos que xurda un novo modelo de mobilización, na que recuperemos a nosa visibilidade no espazo público, poñendo no foco da atención as nosas demandas, as nosas denuncias e unha advertencia aos gobernos: non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.

Nós estaremos nas rúas, e na folga, este 8 de marzo. Manifestarémonos e ocuparemos o espazo público porque sen mobilización social non hai transformación social. Ata que haxa cambios reais, ata que todas sexamos libres nunha sociedade xusta e nun pobo libre.

Coordenadora Nacional Galega, 20 xaneiro de 2021.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram