A loita é entre o capital e a vida

17 de outubro día mundial

para a ERRADICACIÓN da POBREZA

A pobreza extrema afecta a 767 millóns de persoas no mundo. É unha cifra inhumana, inmensa, intolerable… mais isto resulta aínda máis infame cando vemos que as 8 persoas máis ricas do mundo teñen tantos cartos como case a metade da poboación mundial. Estes son datos que indignan e que nos mostran o demente e descarnado do sistema capitalista. O sistema que nos goberna. O sistema que nos alecciona en que as alternativas ou cuestionamentos contra él son utopía. O sistema que emprega a pobreza como combustible para funcionar, porque para uns ser moi ricos, outrxs teñen, por forza, que ser moi pobres.

Dende a economía capitalista manéxanse cifras macroeconómicas de PIB, balanzas de pago… que pouco ou nada teñen que ver coa calidade de vida real do groso da poboación senón coa fartura de grandes empresas, que crean desequilibrios inxustos entre países que espolian e países que son roubados, que invisibilizan o traballo dos coidados e das redes humanas que fan posible que o mundo da economía real poida funcionar e cubrir as carencias nas que desembocan os seus “axustes”.

Nestas cifras da pobreza, un 60% son mulleres ou nenas. A pobreza ten nome de muller. Pese a que colaboramos igual que os homes na creación de riqueza, no reparto desta somos marxinadas. Os nosos traballos son os máis precarios, os menos dignificados e o traballo dos coidados, que asumimos maioritariamente, é invisibizado e súmase en moitos casos nunha dobre xornada. Colaboramos pois dobremente nesa riqueza da que moitas non nos beneficiamos.

Falamos da pobreza dos países do Sur que nutren co roubo dos seus recursos o consumismo obsceno de occidente e reivindicamos o reparto xusto, o dereito a soberanía alimentaria dos pobos e o fin da cobiza imperialista. Falamos tamén da pobreza nos países enriquecidos. Na Galiza, pese a que nos inundan os discursos de recuperación económica, o ano 2017 pechou con case un 18% da poboación galega en risco de pobreza. O opio do consumo e o individualismo fainos crer que nos sitúan no lado dxs privilexiadxs, cando nunca elxs pensaron compartilo connosco. Estamos nun mundo que deciden as elites económicas no que apenas somos xs extrxs da película.

A pobreza é algo que se herda, é algo condicionado polo lugar onde naces, polo sexo, pola cor da pel, e por moitos factores que discriminan e marcan barreiras claras nas oportunidades. Son falsos os mantras do mercado de que o esforzo se remunera e xs que quedan fora do reparto é porque non producen nada: os traballos máis duros, a explotación e os abusos son anexos da vulnerabilidade económica. Na nosa sociedade ademais, aumenta cada día a cantidade de persoas con traballo en situación de pobreza. O deterioro do mercado laboral é crecente, a precariedade, temporalidade e condicións inxustas aumentan. O que autodenominan progreso e “crecemento” depredan o noso medio ambiente, asolagando vieiros de non retorno. O mercado é insaciable e todo beneficio lle resulta suficiente.

O capitalismo e o patriarcado precisan da pobreza, precisan da desigualdade, precisan da inxustiza para existir. Son contrarios a unha vida digna. O beneficio social non o miden os cartos. Por todo isto, temos que reformular as regras económicas e reapropiarnos do noso dereito a unha vida digna e reivindicar o noso espazo neste mundo que nos debe pertencer por igual a todxs.

#anticapitalistas #feminismoParaVivir

As mulleres da Coordenadora local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres, sairemos a rúa con dúas accións:

-16 de outubro- Vestiremos as estatuas da cidade para amosar que a pobreza ten nome de muller. Que creamos riqueza e queremos que reflicte nas nosas vidas.

Se queres participar con nós, achegate a Casa das Mulleres na rúa Romil, 20. Estaremos dende ás 18:00h. ate 21:00h. para preparación e recoller material que utilizaremos na acción

-17 de outubro día mundial para a erradicación da pobreza- Colocaremos siluetas de muller polo paseo peonil do Calvario ás 19:00h.

O capitalismo e o patriarcado precisan da pobreza, precisan da desigualdade, precisan da inxustiza para existir. Amosaremos a realidade das mulleres e crianzas na Galiza:

-Condicións laborais piores, salarios baixos, temporalidade, fenda de pensións, vivenda inaccesible, pobreza enerxética, depredación do territorio, apropiación dos nosos corpos como mercadorias..

Participa con nós!!
Na tua man tamén está denunciar este sitema capitalista heteropatriarcal

23 Setembro DÍA CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E TRÁFICO DE MULLERES E NENXS

[ 23 Setembro ] DÍA CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E TRÁFICO DE MULLERES E NENXS

No mundo, a abolición da escravitude, data de principios do século XX. Sen embargo, a trata de persoas no mundo sigue sendo un negocio moi rendíbel e sófrena principalmente ás mulleres e nenas, nun 80%, sendo maiormente para a explotación sexual.

No século XXI, nos países que se autoproclaman no mundo como exemplo de democracia,dereitos da cidadanía… seguen existindo escravas explotadas sexualmente. Non de xeito escondido ou soterrado, senón diante dos nosos ollos nas rúas, en pisos, ou en clubs nas estradas. Algo tan inmundo e desapiadado convive connosco sen límites nas nosas cidades e vilas. A sociedade e as administracións toleran esta situación e miran cara outro lado, actuando só cando a súa presencia é molesta ou a exhibición é demasiado evidente, reprimindo na maior parte dos casos ás vítimas e sen menoscabar os privilexios dos opresores.

O estado español é o primeiro consumidor europeo de prostitución, sendo consumidores un 39% de homes. Este porcentaxe non é inocente, queremos poñer o foco nos consumidores, nos que antepoñen os seus desexos a toda ética, nos que asumen que as mulleres están no mundo para o seu servizo. Cando falamos de prostitución ou de trata, os que demandan, os que alimentan este negocio inxente, fican nun cómodo segundo plano, exentos de toda responsabilidade. Son homes cos que convivimos, pais, fillos, veciños, amigos… e sen a súa demanda este comercio inhumano non existiría.

Dende colectivos feministas e de loita contra esta lacra levase reivindicando dende hai anos unha lei integral para as vítimas de trata e unha maior protección e dotación de medios para as prostituídas. Que non sexan precisas denuncias previas das vítimas para as actuacións, que estas teñan unha maior seguridade e protección para elas e as súas familias, alternativas e programas de axuda… Na realidade asistimos a escasas e mornas actuacións contra redes e proxenetas, á frecuente connivencia de poderes públicos cos propios proxenetas e a vítimas totalmente desprotexidas á vista de todo o mundo. Repetimos, non están agochadas, están a vista de todo o mundo.

Como sociedade, cómpre unha resposta urxente e sen físgoas contra este mercado escravista e misóxino: Esixir que se actúe e lexisle con contundencia contra algo que non podemos aceptar e normalizar no noso entorno.

Aborto para todas

???????? ABORTO PARA TODAS

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres lanzamos este 28 de Setembro unha campaña nacional pola derrogación da modificación lexislativa feita polo PP no ano 2015 e que obriga ás mulleres de 16 e 17 anos ao consentimento paterno/materno para abortar.

Este 28S queremos recuperar o aborto libre, gratuíto e na seguridade social para todas logo do paso atrás dado no 2015.

Ademáis reivindicamos que a Xunta de Galiza asuma as súas competencias e garanta:

– Educación afectivo sexual obrigatoria no curriculo escolar. Hoxe existe en primeiro da eso unha materia de libre configuración cunha hora lectiva á semana https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160804/AnuncioG0164-210716-0001_es.html e agora unha nova materia de libre configuración para primeiro de bacharelato https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180830/AnuncioG0164-170818-0001_es.html. O único que se cursa de xeito obrigatorio é Bioloxía e Xeoloxía en terceiro da ESO onde se explica a reprodución humana mas sen contido específico sobre dereitos sexuais e reprodutivos.

– Programas de divulgación e información sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM. Hoxe non existe ningunha liña nacional específica de traballo en relación á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, dereitos, maternidades, anticoncepción, etc e cada centro depende do persoal que o xestiona e do goberno local de turno para implementar programas nesta materia. Ademáis co decreto dos CIMM increméntase a poboación a atender polos mesmos e non se abren liñas de finanzamento para novos programas/actividades.

– Acceso a anticonceptivos gratuitos nos Centros Quérote +. Aí onde as traballadoras dos Centros Quérote non manteñen o impulso de campañas e liñas de traballo en relación coa saúde sexual e reprodutiva, a identidade afectivo sexual e a anticoncepción estas campañas baixan a súa intensidade. Coa chegada do PP os Centros Quérote pasaron a adicarse en exclusiva á educación sexual e asumiron temas como desordes alimentarios, drogodependencias, acoso e convivio, uso responsábel das novas tecnoloxías e condución responsábel. O que minguou os tempos empregados para a educación afectivo sexual. Reclamamos que esta volte ser unha prioridade asi como o acceso a anticonceptivos unha das funcións principais destes espazos.

Faremos mobilizacións en:

Ourense, 20h Delegación de Educación (rúa Concello)

Val Miñor, 20h Alameda da Ramallosa (Nigrán)

A Coruña, 20h Obelisco

Ferrol, 20h diante do Concello

Vigo, 20h na Porta do SoL

As Pontes, 19.30h na Praza do Hospital.

En FB Marcha Mundial Mulleres Galiza/facebook

 

Animamos a sumar localidades/colectivos feministas a esta campaña!!!

Feminismo de base para mudalo todo

 

Pacto de Estado: a favor da loita contra a violencia mais contra acordos de partidos sen debate no feminismo de base.

O movemento feminista do Estado Español comezou o pasado ano a presionar a institucións e partidos para que a violencia contra as mulleres fose cuestión prioritaria da axenda política. Nese marco de mobilizacións naceu o chamado “Pacto de Estado” que acabou convertido nun arranxo coa dereita (PP e Ciudadanos) que limita a axenda feminista e o debate aberto polos movementos feministas a unha mera cuestión orzamentaria e institucional que ademáis é de mínimos no ámbito da educación, prioritario para nós.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres defendemos o traballo na fronte institucional para garantir leis e políticas públicas que den resposta ás nosas demandas sociais e políticas mas non asumimos a axenda institucional marcada polos acordos entre partidos como a nosa axenda prioritaria.

O movemento feminista abriu debates de fondo que agora intentan ser pechados nun debate orzamentario dun acordo que se pediu con boas intencións e acabou servindo para que un goberno da dereita reaccionario e adicado estos anos a combater os dereitos das mulleres tirase unha foto e conseguise un “acordo histórico” que en pouco ou nada fixo avanzar os nosos dereitos.

As mulleres galegas, ademáis, conseguimos grazas á organización do noso movemento feminista, lexislacións máis avanzadas que as que hoxe se plantexan no “Pacto de Estado” e negámonos a dar pasos atrás e rebaixar as demandas do feminismo para dar cabida á dereita nun acordo que naceu sen orzamento e co compromiso de cumplimento de quen non cumple nen sequer as leis que xa temos en marcha. Un acordo que contempla 200 millóns de euros ao ano para a loita contra as violencias cun goberno estatal que invirte 7.000 en políticas militares.

Case un ano despóis de rubricar un acordo partidario, no que non houbo ningún mecanismo para o debate de base e as aportacións dos diferentes movementos feministas, faise máis evidente que nunca que asinar un “Pacto de Estado” coa dereita machista que rebaixa continuamento os orzamentos para a igualdade só podía ter un resultado: o fracaso. Mas ese fracaso é de quen asina o acordo non dun movemento feminista cada día máis mobilizado e activo que reclama unha transformación radical do sistema e non apenas pactar coa dereita un marco estrutural da violencia que rebaixa as nosas aspiracións.

A coordenadora galega da Marcha Mundial das Mulleres quer lembrar tamén que grazas á loita feminista no noso país temos unha lexislación (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero) que recoñece a violencia machista fóra do fogar e da parella e a diversidade de violencias que existen, cousa que non fai o “Pacto de Estado”. Ou que separa o proceso xudicial e de denuncia das prestacións e servizos para as mulleres que sufren violencia e mesmo o recoñecemento das violacións e a violencia sexual como violencias machistas algo que tampouco se dá no “Pacto de Estado”. A lei galega xa contempla a formación para as profesionais da xustiza que hoxe tanto se reclama a nivel estatal.

Para as mulleres galegas “O Pacto de Estado” esixe pouco da Xunta de Galiza, que é quen ten a responsabilidade e as competencias en materia de igualdade e un actor principal imprescindíbel para a loita polos dereitos das mulleres e contra as violencias que sufrimos e que debe asumir máis responsabilidade da que lle outorga este acordo estatal.

As mulleres galegas temos un marco político e legal que ten unha situación de partida mellor que a estatal e é nese camiño que debemos continuar avanzando, mobilizándonos e reclamando. Solidarias co resto do estado mas non permitindo que os acordos globais coa dereita nos fagan dar pasos atrás ou nos impoñan unha axenda que hoxe non é a nosa. Precisamos máis orzamento para as políticas de igualdade e para que se cumplan as leis, e por iso cremos imprescindíbel que o debate lexislativo se centre na lei galega e na necesidade do seu cumplimento, un marco avanzado que, de terse cumplido, incluiría xa grande parte das medidas agora pactadas no estado.

Chamamos a construír un debate de base nas nosas localidades e no noso país en torno desta e doutras cuestións e a construír unha axenda propia froito desas reflexións coletivas e análises das nosas condicións de vida e do marco político, social e lexislativo que xa temos acadado e no que aínda resta tanto por mellorar.

DIVERSAS E ORGULLOSAS. ORGULLO LGTBIQ+

DIVERSAS E ORGULLOSAS. ORGULLO LGTBIQ+

Un ano mais, dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos apoiar o día do orgullo LGTBIQ+ .

É preciso reivindicar neste día, como no 1969 se fixo en Stonewall en Nova York, e en tantos outros lugares se fai todos os días, como o día do orgullo: orgullo das diversas afectividades, orgullo da diversidade de corpos e sexualidades. Porque aínda que a sociedade heteropatriarcal impón con violencia, invisibilización e discriminación un só xeito de ser e sentir, dentro de nós ondea unha bandeira de seis cores que nos inspira liberdade e emponderamento.

O colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e Intersexuais segue a sufrir en todos os países do mundo distintos grados de acoso, violencia, discrimación e censura. En sociedades que se autodenominan libres, seguen a prender mensaxes de odio cara sexualidades ou identidades diferentes das que marca a norma heteropatriarcal. Asistimos a suicidios de persoas que non soportan a opresión a que as somete a sociedade, que coa súa intolerancia comete verdadeiros asasinatos sociais.

Seguimos en pé nesta loita por acadar dereitos básicos que se reflicten nas escolas, nos ámbitos laboráis, nas institucións, nas rúas… e que afectan a todos os ámbitos da vida das persoas. Ser parte do colectivo LGTBIQ+ segue a ser delito en moitos países do mundo e aínda que non estea prohibido nun papel segue a ser silenciado e discriminado nas sociedades que presumen de progresismo. A relixión, moi presente no noso sistema educativo, reprime e estigmatiza as sexualidades e afectos libres e diversas, por iso reivindicamos unha educación laica e que inclúa de xeito transversal contidos feministas educar axeitadamente na diversidade e no respecto as orientacións afectivo-sexuais e identidades de xénero das nen@s.

Parécenos que as escolas son unha ferramenta fundamental de transformación desta situación e dende as que debemos traballar valores igualitarios e integradores. Mais os continuos acosos que sofren menores nos colexios e institutos reflicten con grande crueza que neste ámbito non se está a educar axeitadamente na diversidade e no respecto as orientacións afectivo-sexuais e identidades de xénero das nen@s. Sendo un inferno para el@s un entorno que debería servir para reforzar a súa personalidade e formación. Por iso denunciamos reformas educativas que buscan unha maior presenza das relixións nas escolas e que promoven sociedades máis insolidarias e reaccionarias.

A loita contra a homofobia, lesbofobia, e transfobia debe extenderse a todos os eidos da sociedade: educación, familia, política, medios de comunicación… para rematar coa terrible inxustiza de ver mermados os teus dereitos como persoa, ser rexeitad@ ou incluso agredid@ por algo propio da túa liberdade persoal. Reivindiquemos, pois, este día, como un día de loita, mais tamén, como un día de orgullo e dignificación da diversidade afectivo-sexual, das diferentes indentidades de xénero e sexuais e da estrutura familiar escollida libremente.

Por todo isto, convidámoste a participar nas actividades organizadas pola Asociación Nós Mesmas en Vigo co gallo da celebración deste día e desfrutar de proxeccións, obradoiros, exposicións, música e poesía nos días do 19 ata o 28 de xuño.

#feminismo #LGBTQI #diversidade #dereitos #activismo #reivindicación#festa

Un ano máis chega o día do ORGULLO LGTBIQ, con unha programación ampla, para festexar a diversidade, que a felicidade acádase vivindo como se sente, amándose de xeito libre, relacionándose sen tabús e formando a familia que se soña. Máis é un traballo diario de denuncia, reivindicación, concienciación, visibilidade, de mudar un sistema que presupón que todXs somos heterosexuais, como o veñen facendo as compañeiras da  Aso Nosmesmas.

Parabéns!!!

A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES. O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

Se é machista non é xustiza

A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES.
O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

A Sección Segunda da Audiencia de Navarra decidiu dar por remate á prisión preventiva que mantiña engaiolados aos cinco integrantes da Manada, deixando en liberdade provisional desde onte aos violadores José Angel Prenda, Ángel Boza, Jesús Escudero, Antonio Manuel Guerrero e Alfonso Jesús Cabezuelo, logo de que fosen condeados a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha muller durante os Sanfermins de 2016.

O auto impón unha fianza de 6000€, decretando a súa liberdade co argumento de que “os acusados teñen a súa residencia a máis de 500 quilómetros do lugar onde reside a vítima” e que “se pode garantir a súa tranquilidade e sosiego con medidas menos gravosas que a prolongación da situación provisional”.

Desde a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza amosamos a nosa total repulsa contra este decisión e contra un sistema xudicial, o español, que ampara a violadores e desprotexe ás mulleres, e incrementando o risco para as mulleres de que calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.

A excarcelación dos violadores é coincidente, porén, co proceso xudicial ou engaiolamento de persoas por participar en mobilizacións pacíficas, por formar parte dun piquete, por manifestar críticas ao sistema nas súas cancións, por participar en mobilizacións contra o franquismo ou a prol do dereito de autodeterminación dos pobos.

Este novo golpe aos nosos dereitos é unha mensaxe directa do patriarcado, amparado no sistema xudicial. Do mesmo xeito que se puxo en dubida a veracidade da declaración da muller que tivo a valentía de denunciar, que viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, o acto de valentía que representou pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa vida privada e íntima naque a muller voltou ser violada non só durante o proceso xudicial, senón ao coñecer a sentenza que os absolvía do delito de violación, e agora coa súa posta en liberdade.

Condeamos de novo o sistema que ampara a estes violadores, condeamos que denunciar calquera tipo de violencia fique impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo, e condeamos a súa posta en liberdade. Porque con estas decisións o patriarcado afortala o seu poder contra cada unha de nós, porque detrás dunha violación reafirman o poder masculino sobre a especie. Porque a violación é unha poderosa arma do poder patriarca empregada polos homes para dominar mediante o medo, e adoutrinar a outros homes.

Porque o exercizo da crueldade sobre o corpo das mulleres (e nalgúns casos de homosexuais e persoas transxénero) é unha mensaxe aleccionadora que o capitalismo patriarcal precisa impoñer a toda a sociedade.

Por iso, irmás, as feministas galegas, nun acto de sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia contra as mulleres no mundo, saímos onte e hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta sentencia infame por parte do aparato xudicial español, que non fai máis que darnos, máis unha vez, a razón en que  sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra os violadores da Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos libres.

QUERÉMONOS VIVAS!

Solidariedade cas xornaleiras marroquies de Huelva

Desde a MMM facemos noso o sofremento das nosas irmás xornaleiras nos campos de amorodos de Huelva. Unha situación que levan padecendo anos as mulleres marroquís, sofrindo violencia de xénero, explotación sexual e laboral e racismo ante o silencio cómplice das institucións.

Abusos de todo tipo con xornadas que poden chegar a superar as 10 horas diarias, recluídas en barracóns que non cumplen as condicións mínimas de habitabilidade, baixo un réximencarcelario e totalmente illadas do resto da poboación, que chega ata o punto de non permitirlles máis que unha ducha á semana.

A contratación faise no lugar de orixe buscando ás mulleres máis vulnerables. Entre os criterios de selección están que teñan crianzas, que sexan pobres e que proveñan de zonas rurais; garantindo deste xeito unha violencia que non vai ter resposta con abusos sexuais e das condicións mínimas dunha contratación laboral.

Ante este arrebato da dignidade por parte dos históricos “señoritos andaluces”, terratenentes que controlan a vida económica e política da zona, nós as mulleres da MMM erguemos o noso berro en solidariedade coas nosas irmás e apoiamos e secundamos a mobilización do día 17 en Huelva e todas aquelas que se produzan nas próximas semanas.

Denunciamos a alianza criminal do capitalismo, racismo e machismo que se está a dar na campaña da recollida dos froitos vermellos e dicimos NON á reforma laboral que permite este tipo de abusos, NON á lei de estranxería e NON ás políticas regresivas.

MULLERES EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!!


Xuño 2018.

24 de maio: Día internacional mulleres antimilitaristas e pola paz

A Cordenadora Local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres organiza unha acción no Calvario-Vigo (Mercado), para conmemorar a data na que as mulleres visibilizamos o significado das palabras militarización – guerra – refuxiadas – explotación dos territorios e paz, dende a perspectiva de xénero.
Música, colocación de cartaces, leitura de textos e poesías a partir das 18:00hrs.

 

Este 24 de maio, Día internacional da Muller pola Paz e o Desarme, as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza como mulleres europeas esiximos o dereito a non estar en supremacía polo mero feito de non ser migrantes, ou mulleres que non están marcadas por categorías políticas de identidade derivadas de etnicidade e, malia iso, máis alá da nosa conciencia e da nosa vontade, ter unha posición social, cultural e política como seres de privilexio.

Queremos novos valores nos que a dignidade das persoas e de todos os pobos estean no centro dos intereses. A causa feminista é aliada e semellante á causa de todas aquelas minorías que cuestionan a supremacía da sociedade branca heteropatriarcal baseada no dominio.

O feminismo desde as súas orixes tivo que rebelarse contra a opresión inventando formas de loita que non estivesen baseadas na forza física nin na forza económica.

A resistencia pacífica e a determinación das sufraxistas inglesas foi un exemplo para Gandhi.

Frecuentemente escoitamos que poucos movementos sociais conseguiron tantos dereitos para a humanidade como o feminismo (dereito ó divorcio, ó sufraxio universal, ó acceso á educación, etc.). E todos conseguidos co esforzo de desmontar e desentrañar con precisión cales son os alicerces sobre os que se sustentan os mecanismos de poder na relixión, na familia, no Estado, no sistema de produción, na identidade sexual, na soberanía alimentaria…. Estes éxitos políticos do feminismo forman xa parte dos valores democráticos e do politicamente correcto.

Sen embargo estes privilexios acadados dos que gozamos algunhas mulleres, son cuestionados para aquelas que deben soportar a crueldade dun sistema que precisa máis territorios para espoliar. As guerras teñen como obxectivo a migración e o desarraigo. Que homes e mulleres se vexan obrigados violentamente a abandonar os seus territorios para seren espoliados en beneficio dos mercados. As migrantes sirias violadas, explotadas para o mercado da pornografía en Alemania, as esclavas da “huerta de Europa” en Almería, as traballadoras das maquilas en México, a violación como medio de expulsar do seu entorno as mulleres do Congo, e tantas e tantas que sofren por medio da violencia militar a violencia física, laboral e sexual. Vítimas primeiro dos conflitos bélicos e vítimas dos nosos compañeiros que as consumen como mercadoría deshumanizada.

Este maio de 2018 non podemos deixar de lembrarnos das Mulleres de Negro en Israel, e berrar contra  a masacre do pobo palestino, expulsado do seu territorio e convertido no inimigo a bater, o inimigo a exterminar.

Sabémonos beneficiadas pola catástrofe do pobo palestino. No 2017 Israel iniciou un contrato de exportación coa Unión Europea de gas palestino. Este contrato está valorado en máis de 3.000 millóns de euros, aos que hai que sumarlles os sectores industriais que beneficia: a industria militar, a construción do muro e o complexo industrial das prisións con máis de 6.000 palestinos presos (incluíndo 300 nenas e nenos).

Nós, mulleres que sabemos o que significa vivir para os donos do mundo porque o expropian, porque expropian os nosos corpos, queremos que a violencia deixe de guiar as nosas vidas, reclamamos unha ética na que a cooperación e a corresponsabilidade substitúan á agresividade e a violencia. Reclamamos unha sociedade e unha cultura que non constrúa homes machistas e violentos. Queremos un mundo  sen depredadores e sen privilexiados, querémolo todo para todas e para todos.

Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres.

Repulsa á sentencia remitida a La Manada pola violación dos San Fermíns

Se é

machista non é
xustiza

A Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza quere mostrar a súa repulsa á sentencia remitida hoxe a La Manada pola violación dos San Fermíns de 2016.

Nun contexto político no que a xustiza española a cada paso que dá demostra máis a súa incapacidade atopámonos coa sentencia que foi remitida pola Audiencia Provincial de Navarra para dar “luz” ao caso de La Manada. Esta sentencia é só unha mostra máis da incapacidade xudicial de amparar ás mulleres que sofren violencias machistas, esta incapacidade aumenta o risco para as mulleres de que calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.

Desta volta tocoulle á moza que foi violada na festa dos San Fermíns; moza, que por unha banda foi criticada e perseguida pola mass media ante a suposta pouca veracidade da súa declaración, que viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, por outra banda, o acto de valentía que representa pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa vida privada e íntima que tamén foi violada.

Neste caso foron moitas as probas aportadas das actitudes violentas e repulsivas dos membros de La Manada, até se aportou un vídeo que resultou insuficiente xunto co atestado policial e médico para calificar correctamente o delito que houbo. Dous anos despois do sucedido a sentencia que se sacou pide 9 anos de cadea para os membros da manada por “abuso sexual” xa que os xuíces non acharon que fose unha violación por entender que este “abuso” non fora violento. Condeamos esta sentencia e o sistema que a ampara, condemos que denunciar calquera tipo de violencia fique impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo.

As feministas galegas, nun acto de sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia, saímos hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta sentencia infame que non fai máis que darnos, máis unha vez, a razón en que o sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra a Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos libres.

4 anos perdidos para o avance das mulleres en Ourense. O mandato contra a igualdade.

Alcalde de Ourense e Concellala de Igualdade

4 anos perdidos para o avance das mulleres en Ourense.

O mandato contra a igualdade.


Jesús Vázquez toma posesión en xuño de 2015 como alcalde da cidade de Ourense e delega as súas competencias en Igualdade na concelleira Sofía Godoy. Xuntos comezan o seu traballo a prol da Igualdade no noso concello:

– Deixan de publicar os Cadernos de Igualdade de distribución gratuíta editados pola Concellalía de Igualdade.

– Sobrecargan de competencias o xa pouco dotado (carece de educadora e traballadora social) Centro de Información Municipal ás Mulleres, sen aumentar a súa plantilla e diluíndo o sentido mesmo de atención ás mulleres. A isto colaborou o decreto da Xunta que inclúe responsabilidades respecto ao colectivo LGTB ou a xuventude sen incrementar a dotación orzamentaria.

– Suprimen o programa Coeduca, (educación familiar en igualdade e conciliación familiar dirixido a menores de idade) en vigor dende o ano 2012 que tiña moi boa acollida e seguimento.

– Suprimen o programa Nexus de prevención de violencia de xénero, programa piloto que tiña moi boa acollida.

– Suprimen o programa Agarimos de prevención dirixido principalmente a institutos.

– Suprimen as Aulas de igualdade dirixidas á xente adulta.

– Pagan miles de euros a unha consultora polo III Plan de Promoción de equidade de xénero sen ter cumplido a maioría do reflexado no I Plan, non sendo capaces nin de emitir cartas de pago no Concello e documentación que non conteña linguaxe sexista.

– Retíranse da colaboración e financiación do festival de Voces Femeninas cando vai pola súa 10ª edición.

– Conceden o Premio Clara Campoamor por primeira vez a un home.

– Subvencionan un periódico que publica frecuentemente artículos cláramente misóxenos desoíndo as contínuas protestas que se fan no Consello Municipal de Igualdade ao respecto dende o ano 2016.

– Manipulan os programas do concello tanto en torno ao 25 N como ao 8 M logrando eso si, unha movilización social e feminista en contra das actividades que programan sen precedentes na nosa vila. Seguimos escandalizadas porque substituiran a programación do 8M por zumba e aquagym.

– Levan 8 meses sen ofertar obradoiros específicos para embarazadas dende a Concellalía de Igualdade.

– Non queren nin falar de xestionar municipalmente a casa de acollida para mulleres que sufren malos tratos que permanece, como en anteriores mandatos, baixo xestión dunha orden relixiosa.

– O pasado 1 de marzo anuncian en prensa que o concello de Ourense é pioneiro en asinar un convenio para facer unha auditoría de xénero en materia salarial. Moi sorprendente pois precisamente na Administración é onde non existe fenda salarial e onde bastaría cunha consulta da Concellalía de Persoal para coñecer os salarios de todxs xs traballadores do Concello e pór remedio aos problemas que existiran.

– No último Pleno do Concello fan pública a súa posición respecto á folga do 8M de xeito tan desastroso e vergoñento que logran que sexa emitida a nivel estatalcomo exemplo de ignorancia e incapacidade política.

– Publican unha proposta de RPT para o Concello con linguaxe sexista e onde a Concellalía de Igualdade perde a súa autonomía pasando a depender de Saúde.

Con todo, o pasado 9 de marzo na entrega do Premio Clara Campoamor tanto Jesús Vázquez como Sofía Godoy e Marisol Díaz (esta última en representación da Xunta de Galicia) afirmaron con rotundidade que dende o seu goberno seguirán traballando para lograr a igualdade entre mulleres e homes. Tamén vimos na prensa que Sofía Godoy declara ser feminista desde que naceu e o presidente Rajoy acudiu ao Congreso cun lazo lilá.

Tranquilas todas.

Tras facer públicas as súas declaracións de feministas e ou de apoio ao movemento feminista dende este goberno pretenden (segundo se pode ver na modificación da RPT que plantexan no noso Concello e que está en prazo de alegacións): suprimir de facto a concelleria de IGULADADE xa que porpoñen que o CIMM pase a depender xerárquicamente da concellería de Sanidade xunto con Cemiterios, OMIC.

Este e non as palabras baleiras é o compromiso real do Concello de Ourense gobernado por Jesús Vázquez e xerido no ámbito de igualdade por Sofía Godoy. Catro anos perdidos e de pasos atrás no xa raquítico desempeño institucional na loita contra a violencia machista.

Máis unha vez os feitos desminten as boas palabras, das que xa estamos máis que fartas.

Por unha cidade comprometida co feminismo e a loita das mulleres, traballaremos para que no 2019 Ourense recupere as políticas de igualdade que merecemos.

Alcalde de Ourense e Concellala de Igualdade

Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres

Ourense, abril de 2018

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram