Curso de Autodefensa en Ferrolterra

As compañeiras de Ferrolterra continúan traballando coa autodefensa feminista. Desta volta realizarán un curso de dous meses en Neda.

Sábados 10h a 11.15h
Novembro e Decembro

Un mes 25€/mes
Dous meses 20€/mes

Lugar:
Zanshin Sport R/Coto 6. Neda

Inscríbete en mmmferrolterra@gmail.com

Crónica do 25N en Ferrolterra

25 novembro 2011 fene 058.jpg

25 novembro 2011 fene 058.jpg

Na concentración á que acudiron unhas 170 persoas, realizouse un acto reivindicativo co obxectivo de facernos reflexionar sobre as diferentes formas de violencia contra a muller. Non só é violencia a agresión física, os insultos, as ameazas… senón que hai outras formas de exercer violencia e que se diron a coñecer a través de frases que foron lídas en voz alta, expostas en diferentes paneis para logo, de xeito simbólico, ser destruídas:

-O que nos agrede

-O que nos recorta dereitos

-O que nos invisibiliza

-O que nos discrimina

-O que nos asasina

O sexto panel era o listado das mulleres asasinadas no estado español no que vai deste 2011.

Unha vez destruidos os paneis con todo o que significa violencia contra as mulleres, fixemos aparecer unha gran flor con frases en positivo para darnos conta que “xuntas podemos, queremos e o faremos”.

[ Ver Álbum fotos ]

Unha loita incesante contra a violencia machista

A diario e de maneira case invisible, discorre ao noso lado, rózanos, se entremete, nos condiciona e ata determina en tantas e tantas mulleres as nosas arelas e as nosas propias vidas: esa presenza real e inimiga é o patriarcado.

Patriarcado como orde social que fundamenta a dominación, a explotación e a violencia sobre todas nós, con independencia da fortuna da nosa condición persoal. Neste eido cómpre non se deixar seducir pola ilusión persoal de que non nos vai a afectar a nós. A todas nos afecta directa ou indirectamente.

Sexa na situación do mercado de traballo ( maiores índices de paro, máis precariedade, menores salarios, asemade de teitos de cristal nas nosas carreiras profesionais ), sexa nas tarefas cotiás nas que seguimos a empregar tempos que triplican ou cuadriplican ás dos nosos compañeiros, ou na cosificación que a sociedade fai de nós ao tratarnos como obxecto de posesión, como reclamo publicitario, como mercaduría sexual…

O patriarcado é un problema social que impón límites insuperables á liberdade das mulleres e polo tanto, ao exercicio dos nosos dereitos democráticos. É, sen dúbida, un aliado estrutural da globalización capitalista, que entende as mulleres como man de obra máis barata e como obxectos susceptibles de ser tratados nos mercados infamantes da prostitución.

Dende onte, é Montserrat Labrada a muller que sae do anonimato para entrar na listaxe interminable, das mulleres asasinadas pola violencia machista; esa violencia que non atura o voo libre da nosa vontade e coñecemento, para reducírmonos á condición de posesión, de obxecto que non ten vida, nin desexos e nin esperanzas propias.

A distancia que vai dunha legalidade formal de igualdade a unha realidade material de discriminación e violencia, esixe un combate sostido, sociais, os intereses económicos, e as compracencias e indeferenzas de demasiadas administracións públicas, que aceptan como feito natural a nosa subordinación social.

Unha sociedade vale tanto como a súa capacidade para producir unha convivencia xusta e igualitaria. Na medida en que a realidade desminta ese imperativo de igualdade e xustiza, non haberá outra esixencia cívica que a de cambiar esa realidade. Na actualidade, nas nosas sociedades, na sociedade galega en concreto, existen actitudes sistemáticas de violencia, material, física e simbólica exercida contra as mulleres. O movemento feminista é o suxeito central nesa loita, coñecedor de que os dereitos e liberdades se gañan nese combate, en modo algún son regalados por ninguén.

A superación desa triple actitude de violencia contra a muller esixe de nós, de todas nós – e de todos os compañeiros que nos queiran seguir nesa loita contra a violencia machista -, o compromiso de pelexar nas escolas, nos centros de traballo, nos diferentes movementos sociais, dende os poderes públicos democráticos; nunha pelexa cívica, política e cultural para erradicar unha infamia que nos fire a todas e imposibilita un desenvolvemento social libre. Honrando hoxe a Montserrat afirmamos a nosa determinación de continuar a loita incesante pola emancipación das mulleres ata a derrota das caducas estruturas e relacións patriarcais.

 

FERROL, 27 DE AGOSTO DE 2010

*Texto lido na concentración de repulsa polo asasinato de Montserrat Labrada veciña de lugo e víctima da violencia machista.

Crónica da palestra en defensa do dereito ao aborto en Ferrol

En Ferrol o pasado venres 15, Lola Ferreiro falounos sobre a importancia de separar sexualidade de procreación, e de como a definición de relacións sexuais está restrinxida a coital e anal excluíndo así o resto das manifestacións que forman parte da nosa sexualidade. O coñecemento do noso corpo, do que nos satisface persoalmente e sexualmente, vainos facer persoas mais libres e cunha maior seguridade en nós mesmas e nas demais persoas o que pode resultar na arma mais potente contra o capitalismo e o patriarcado os cales se sustentan na desconfianza entre as individuas e na vulnerabilidade emocional, afectiva e sexual das mulleres.

A educación sexual-reprodutiva no sistema educativo dos últimos anos, centrouse na explicación biolóxica da capacidade reprodutiva das mulleres e os homes, e a información sobre métodos anticonceptivos limitouse en moitos casos ao uso do condón, como preventor de enfermidades de transmisión sexual e embarazos en adolescentes.

Para Lola Ferreiro está claro que o anteproxecto de lei presentado polo goberno do Estado Español na última semana non garante o rol fundamental da educación sexual desde crianzas, o que resulta moi preocupante considerando que é o mais importante medio no longo prazo para previr a gravidez indesexada e portanto o aborto.

Durante o debate xurdiron reflexións sobre a necesidade de contestar os ataques da igrexa hierárquica e dos grupos anti-dereitos da muller, e mesmo regresar a debates antigos argumentando a lexitimidade do dereito ao aborto. Lola salientou a futilidade de entrar neste tipo de debates e dinámicas nun momento, no que mais que nunca, as mulleres non precisamos de axir ao son de ninguén mais que ao noso propio, e no que o noso obxectivo é avanzar na loita para conseguirmos as mellores das condicións para finalmente garantir o dereito a decidir de todas as mulleres.

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram