Maio reivindicativo en Ourense

 Este fin de semana participamos da Festa dos Maios 2019 cun maio artístico reivindicativo da Casa de Acollida de Ourense (hoxe xestionada polas Adoratrices cunha subrrogación do Concello cedida á Xunta de Galiza) e ademáis aproveitamos a xornada para recoller sinaturas da campaña para pedir que a Xunta de Galiza revise a xestión do Punto de Encontro Familiar (asina aqui: http://feminismo.info/puntoencontro/apoia-coa-tua-sinatura). Porque na loita e na festa o machismo sempre apesta nós queremos festas e cultura popular feminista e comprometida. Que vivan os Maios! #Maios2019#Ourense

Violencia Obstétrica en Ourense

[ Ourense ] Chamamento para recoller relatos de partos no hospital de Ourense onde xa se teñen denunciado prácticas de violencia obstétrica. Colaboras?

Queridas amigas mamás,

Son plenamente consciente das dificultades de abrirse, expresar e “expulsar”, en definitiva, PARIR emocionalmente, de novo, os nosos partos.

Sen embargo, atópome na necesidade de contar a miña experiencia e tamén de facelo dende a comunidade, sentindo o respaldo da tribu! E creo que esta necesidade compartímola moitas de nós!

Por iso, gustaríame construir un relato de relatos, un recopilatorio no que todas vos contedes abertamente as vosas experiencias de parto dando nomes ou dende o anonimato, dende o positivo ou dende o que botachedes en falta, dende a denuncia ou dende o agradecemento, ou dende calquera prisma que vexades posible.

Esta iniciativa está dirixida a calquera Muller que parira no Complexo Hospitalario de Ourense, de calquera idade sen importar a data de parto co fin de:
– Axudar na reflexión sobre a propia experiencia, xerando un espazo para a aceptación e a sanación.
– Facer públicas as experiencias para dar apoio a outras mulleres que se creen solas neste tránsito.
– Aportar información que pode ser valiosa para futuras mamás do noso entorno.
– Facer públicas as prácticas neste ámbito sanitario, co fin de que se podan valorar boas e malas praxes e axudar na mellora dos servizos perinatais.

Se sintes que é o momento de contar a túa historia, non o dubides!
Escríbeme a parimosnos@gmail.com

Imaxe de Ximena Silva para El Parto es Nuestro**

Campaña de denuncia do PEF de Ourense

[ Ourense ] Roda de Prensa coa que inciamos unha campaña de denuncia da situación que mulleres e crianzas vítimas de violencia machista viven no Punto de Encontro Familiar de Ourense.‼️‼️

🖋Asina: http://feminismo.info/puntoencontro/apoia-coa-tua-sinatura

💻Máis info: http://feminismo.info/puntoencontro/

En Ourense detectamos dende hai tempo que a situación no Punto de Encontro Familiar esta lesionando a dignidade de mulleres e crianzas.

4 anos perdidos para o avance das mulleres en Ourense. O mandato contra a igualdade.

Alcalde de Ourense e Concellala de Igualdade

4 anos perdidos para o avance das mulleres en Ourense.

O mandato contra a igualdade.


Jesús Vázquez toma posesión en xuño de 2015 como alcalde da cidade de Ourense e delega as súas competencias en Igualdade na concelleira Sofía Godoy. Xuntos comezan o seu traballo a prol da Igualdade no noso concello:

– Deixan de publicar os Cadernos de Igualdade de distribución gratuíta editados pola Concellalía de Igualdade.

– Sobrecargan de competencias o xa pouco dotado (carece de educadora e traballadora social) Centro de Información Municipal ás Mulleres, sen aumentar a súa plantilla e diluíndo o sentido mesmo de atención ás mulleres. A isto colaborou o decreto da Xunta que inclúe responsabilidades respecto ao colectivo LGTB ou a xuventude sen incrementar a dotación orzamentaria.

– Suprimen o programa Coeduca, (educación familiar en igualdade e conciliación familiar dirixido a menores de idade) en vigor dende o ano 2012 que tiña moi boa acollida e seguimento.

– Suprimen o programa Nexus de prevención de violencia de xénero, programa piloto que tiña moi boa acollida.

– Suprimen o programa Agarimos de prevención dirixido principalmente a institutos.

– Suprimen as Aulas de igualdade dirixidas á xente adulta.

– Pagan miles de euros a unha consultora polo III Plan de Promoción de equidade de xénero sen ter cumplido a maioría do reflexado no I Plan, non sendo capaces nin de emitir cartas de pago no Concello e documentación que non conteña linguaxe sexista.

– Retíranse da colaboración e financiación do festival de Voces Femeninas cando vai pola súa 10ª edición.

– Conceden o Premio Clara Campoamor por primeira vez a un home.

– Subvencionan un periódico que publica frecuentemente artículos cláramente misóxenos desoíndo as contínuas protestas que se fan no Consello Municipal de Igualdade ao respecto dende o ano 2016.

– Manipulan os programas do concello tanto en torno ao 25 N como ao 8 M logrando eso si, unha movilización social e feminista en contra das actividades que programan sen precedentes na nosa vila. Seguimos escandalizadas porque substituiran a programación do 8M por zumba e aquagym.

– Levan 8 meses sen ofertar obradoiros específicos para embarazadas dende a Concellalía de Igualdade.

– Non queren nin falar de xestionar municipalmente a casa de acollida para mulleres que sufren malos tratos que permanece, como en anteriores mandatos, baixo xestión dunha orden relixiosa.

– O pasado 1 de marzo anuncian en prensa que o concello de Ourense é pioneiro en asinar un convenio para facer unha auditoría de xénero en materia salarial. Moi sorprendente pois precisamente na Administración é onde non existe fenda salarial e onde bastaría cunha consulta da Concellalía de Persoal para coñecer os salarios de todxs xs traballadores do Concello e pór remedio aos problemas que existiran.

– No último Pleno do Concello fan pública a súa posición respecto á folga do 8M de xeito tan desastroso e vergoñento que logran que sexa emitida a nivel estatalcomo exemplo de ignorancia e incapacidade política.

– Publican unha proposta de RPT para o Concello con linguaxe sexista e onde a Concellalía de Igualdade perde a súa autonomía pasando a depender de Saúde.

Con todo, o pasado 9 de marzo na entrega do Premio Clara Campoamor tanto Jesús Vázquez como Sofía Godoy e Marisol Díaz (esta última en representación da Xunta de Galicia) afirmaron con rotundidade que dende o seu goberno seguirán traballando para lograr a igualdade entre mulleres e homes. Tamén vimos na prensa que Sofía Godoy declara ser feminista desde que naceu e o presidente Rajoy acudiu ao Congreso cun lazo lilá.

Tranquilas todas.

Tras facer públicas as súas declaracións de feministas e ou de apoio ao movemento feminista dende este goberno pretenden (segundo se pode ver na modificación da RPT que plantexan no noso Concello e que está en prazo de alegacións): suprimir de facto a concelleria de IGULADADE xa que porpoñen que o CIMM pase a depender xerárquicamente da concellería de Sanidade xunto con Cemiterios, OMIC.

Este e non as palabras baleiras é o compromiso real do Concello de Ourense gobernado por Jesús Vázquez e xerido no ámbito de igualdade por Sofía Godoy. Catro anos perdidos e de pasos atrás no xa raquítico desempeño institucional na loita contra a violencia machista.

Máis unha vez os feitos desminten as boas palabras, das que xa estamos máis que fartas.

Por unha cidade comprometida co feminismo e a loita das mulleres, traballaremos para que no 2019 Ourense recupere as políticas de igualdade que merecemos.

Alcalde de Ourense e Concellala de Igualdade

Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres

Ourense, abril de 2018

A LGTBIQfobia mata, a islamofobia remata

Onte houbo unha matanza LGTBIfóbica en Orlando na que, máis unha vez, ponse de manifesto a faciana máis sádica e cruel do heteropatriarcado. Máis de 50 mortas e preto de 60 feridas que foron acorraladas e acribilladas polo simple feito de participar nunha festa do Orgullo no bar de ambiente ‘Pulse’. Unha violencia homofóbica, lesbofóbica, bifóbica e transfóbica que pretende barrer a sexodiversidade dos nosos pobos.

Nós, feministas internacionalistas, ben sabemos o urxente que é afondar no internacionalismo, a solidariedade e a contrainformación. Temos que rachar co bloqueo informativo e derrubar a islamofobia que é empregada como arma de destrución masiva. Porque o Islam non é violencia, o xihadismo sí.

En moitas ocasións os medios de comunicación de masas banalizan e polarizan os discursos e os debates en torno ás violencias que sufrimos as persoas sexodiversas. Non estamos ante un choque de relixións ou de de civilizacións, estamos ante as consecuencias dramáticas das guerras imperialistas e a materialización dos discursos do odio. O odio duns fronte ao odio doutros, todos vinculados por intereses comúns. ¿Que diferencia hai entre a LGTBIfobia de Donald Trump ou Erdogan? A LGTBIfobia do Estado turco dase a man coa LGTBfobia máis cerril dos EEUU.

As nosas compañeiras sexodiversas de Siria, Kurdistán, Turquía ou Afganistán levan máis de tres anos tentando escapar da LGTBIfobia e o fundamentalismo relixioso que ocupa os seus pobos. Odio cara as persoas LGTBI que foi exportado polos intereses xeoestratéxicos de Occidente, sempre co apoio da OTAN e o gran capital.

  • ¿Cantos gais foron lanzados dende as azoteas na Siria ocupada cos ollos ven/***/dados e as mans atadas á espalda?

  • ¿Cantas xadizíes foron secuestradas víctimas do mercado sexual patrocinado polo DAESH?

  • ¿Cantas kurdas lésbicas ou bisexuais son torturadas nas comisarías turcas?>

  • ¿Cantas persoas LGTBI quedaron nas fronteiras sen posibilidade de tramitar un asilo ou denunciar casos de tortura en orixe polas políticas da UE?

Os discursos de odio están no cerne do sistema capitalista, que os empega a vontade para os seus intereses económicos e de control social onde a disidencia é sempre perseguida, sobre todo aquela que desmonta as estruturas xerárquicas do patriarcado escollendo outros modelos de relación e vida, libres e diversos.

Estamos ante unha campaña permanente de invisibilización e criminalización: da unión entre a LGBTQIFobia e o racismo nacen discursos como o que hoxe espallan os grandes medios por todo o planeta, ou discursos que falan das agresións só cando se cometen en lugares nos que hai interese político en sinalar: ben polo control dos seus recursos, ben pola necesidade de exercer presión internacional para condicionar as políticas públicas.

Negámonos a graduar o noso rexeitamento ás violencias que sufrimos. Aas asasinadas de Orlando, Florida, convócannos porque por desgracia non temos capacidade de estar cada día na rúa mas teñen para nós o mesmo valor que as compañeiras asasinadas en Arabia Saudí, Afganistán, Libia, Turquía, Colombia, México, Ucrania, Curdistán, Rusia ou Francia.

E non só: tamén rexeitamos os diferentes tipos de violencias e discursos de odio que padecemos aquí mesmo, en Galiza, en Ourense, onde tamén vivimos e sufrimos agresións LGBTQIFóbicas. O 70% dos delitos de odio no noso país son pola orientación ou identidade sexual da vítima, seguidos do racismo.

Negámonos a que o discurso racista sexa empregado para condicionar á sociedade por intereses económicos e políticos, ignorando os efectos que sobre a vida de todas ten construír discursos de odio nos que sempre somos nós: as lésbicas, gais, transexuais, mulleres, migrantes, exilaidas ou obreiras as sinaladas.

Reclamamos para nós e para todas, en todo o planeta, unha vida sen violencia, sen agresións e sen odio que desmonte a lóxica heteropatriarcal que nos xerarquiza en función dos nosos desexos.

Todos os desexos, todos os dereitos!

O acoso sexual é delito

bannerbaltar.png

Ante o debate social aberto coa denuncia contra o presidente da Deputación de Ourense

Dende o feminismo traballamos nunha resposta social ao debate aberto en relación á denuncia interposta contra José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais.

Ante este suceso as mulleres da Marcha Mundial vemos con fonda preocupación que o debate social, lonxe de cuestionar ao denunciante e a violencia machista que supón exercer presión dende unha posición de poder para procurar favores sexuais, coloque o seu foco na muller que denuncia, cuestionándoa e banalizando a gravidade dunha acusación de acoso sexual e por tanto de violencia machista.

Co fin de contribuír a explicar socialmente o que significa o acoso sexual e que é outra forma de violencia machista vimos de pór en marcha unha campaña que levará por lema “O Persoal é Político. O acoso sexual é delito” mediante a cal queremos facer chegar a toda a sociedade este debate desmontando os argumentos falaces de pechalo no ámbito privado, de restarlle importante e o peor: de criminalizar á muller que denuncia.

bannerbaltar.png

Para iso elaboramos un cartaz que tentaremos visibilizar en toda a cidade, estamos preparando unha palestra sobre o acoso sexual na lexislación que terá lugar o 2 de decembro ás 20.0hh no Liceo (Ourense) e queremos facer público o seguinte comunciado:

O persoal é político

Demandamos do Partido Popular unha posición clara contra a violencia machista e o acoso sexual

O artigo 3 da Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero fala de formas de violencia machista e sinala como unha das formas de violencia o «acoso sexual, que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta». Tal definición de acoso sexual está inspirada e coincide no esencial coa tipificación do delito de acoso sexual contido nos apartados 1 e 2 do artigo 184 do vixente Código Penal.

Como forma de violencia machista, o acoso sexual non pode ser tratado só como unha cuestión relegada á esfera doméstica ou privada e por tanto persoal, senón que constitúe un problema social e como tal debe afrontarse. Debe ser no ámbito público no que se visibilice e denuncie e no que se trate calquera cuestión referida a denuncias desta índole por parte de calquera cidadán, e con maior rigor se cabe as relacionadas con representantes públicos nunha institución.

A sociedade debe demandar das autoridades todo o esforzo en esclarecer calquera circunstancia relacionada con denuncias sobre violencia machista, e máis sabendo que en moitos casos non tomar en conta os testemuños das mulleres que a sufren leva a terríbeis consecuencias como pode ser a dos asasinatos machistas.

Ante unha muller que denuncia violencia machista, e o acoso é unha forma de violencia, todos os resortes da xustiza deben colocarse no obxectivo de investigar, contrastar e resolver sobre as consecuencias do posíbel delito protexendo en todo momento tanto o anonimato como a integridade da muller e loitando por evitar a dobre criminalización que se produce cando quen se xulga social e mediaticamente é a muller que sufre e denuncia a agresión e non o seu agresor. Neste sentido, o artigo 30 da citada lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece no seu apartado 1 que «a Administración da Xunta de Galicia poderá exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia de xénero» e o artigo 31.1 da mesma lei insiste en que «nos casos en que proceda, a Xunta de Galicia poderá acordar o seu personamento nos procedementos penais instados por causa de violencia de xénero, en calidade de parte prexudicada civilmente, de conformidade co establecido no artigo 110 da Lei de Enxuizamento Criminal».

A denuncia feita contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificada na lei como acoso sexual e por tanto é unha forma de violencia que constitúe un delito. As abaixo asinantes consideramos que un representante público acusado dun delito de violencia machista non pode permanecer nin un día máis á fronte da institución nin da súa responsabilidade política. Tanto el como o Partido Popular deben asumir as responsabilidades políticas e aclarar publicamente a súa posición en relación á violencia machista e ao acoso sexual.

Como parte dunha sociedade crítica e comprometida que se nega a ser cómplice do silenciamento da violencia e de retorcidos debates que criminalizan aos máis débiles amosamos todo noso apoio á denunciante, ao seu dereito a expresarse e a non ser xulgada pola súa acción xudicial e expresamos ás veciñas e veciños de Ourense cales son as nosas demandas.

Demandamos do Partido Popular Galego que proceda a:

  • O cese inmediato do actual presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.

  • O remate da campaña de criminalización da denunciante e que deixe actuar á xustiza libremente.

  • Esixir ao presidente do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo que realice unhas disculpas públicas polas declaracións nas que sinalou a inexistencia de delito por non ter conseguido a denunciante un emprego, restando importancia ao feito da existencia da promesa que puido ser empregada como presión para violentar a liberdade sexual da denunciante.

Demandamos da Xunta de Galicia que proceda a:

  • Exercer a acción popular en caso de que se abra un proceso xudicial derivado da denuncia presentada contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais a unha ex traballadora da Deputación de Ourense.

 

Ourense, novembro de 2015

colante1redes.png

En sororiedade feminista

Seguimos en Marcha ata que todas vivamos libres de violencias.

Reclamamos unha investigación profunda sobre a denuncia de acoso sexual a José Manuel Baltar e que remate a campaña de revictimización da denunciante

Este mércores 4 de novembro denunciamos ante os meios de comunicación e a opinión pública a grave situación que vivimos en Ourense ante a denuncia a José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, de ofrecer postos de traballo a cambio de relacións sexuais.

Dende a coordenadora local da Marcha Mundial das Mulleres quixemos achegar unha serie de reflexións que resumimos a continuación:

– O solo feito de que sexan mencionados amaños nos procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense nas gravacións realizadas pola denunciante son suficiente motivo para que o Partido Popular asuma a responsabilidade política de retirar do seu cargo a José Manuel Baltar.

– Sumado ao anterior a denuncia por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais esta tipificada na lei como acoso sexual e por tanto unha forma de violencia que constitúe un delito. Un representante público acusado disto non pode permanecer nen un día máis á fronte da institución.

– A violencia machista nunca foi nen debe ser tratada como algo relegado á esfera doméstica ou privada. A violencia machista é un problema social e como tal debe afrontarse. Non aceptamos que se pretenda enmarcar na “vida persoal” algo que nos afecta como mulleres e como sociedade.

– Se José Manuel Baltar non dimite é responsabilidade do Partido Popular, de Ourense a Madrid, de cesalo e se non o fan serán tamén responsábeis de contribuír a normalizar a violencia e o acoso sexual como xa fixo o presidente galego Feijóo ao decir que o feito de non conseguir a denunciante o emprego significaba que non existía delito. Por se o presidente non o sabe delito é ofrecer as prevendas a cambio de relacións sexuais sexan estas finalmente concedidas ou non.

– Rexeitamos a campaña de revictimización da denunciante e colocámonos a disposición do que ela precise cando o precise. É intolerábel que se desacredite o seu testemuño como víctima de violencia para dar cobertura a un responsábel público. Á marxe do que suceda co proceso xudicial para nós unha muller que denuncia violencia debe ser respectada e investigarse o sucedido ata as últimas consecuencias.

– Demandamos do fiscal que evite realizar consideracións á marxe do tratamento xudicial do caso. O que ten que facer a xustiza é iniciar o procedemento de investigación, chamar ás testemuñas e facer todas as averiguacións que leven a coñecer a verdade e logo falar a través das sentenzas xudiciais. En ningún caso aceptaremos que se quite valor a esta denuncia por estar realizada por unha mulleres agredida fronte a membro destacado do Partido Popular.

– Reclamamos da sociedade unha resposta contundente ante a desproteción que sufre a denunciante. Pedimos ás veciñas e veciños de Ourense que non miren para outro lado e que non criminalicen á denunciante e si ao denunciado pois os audios son proba evidente do seu trato vexatorio cara a denunciante e a xustiza dirá se ademáis se proban os feitos da denuncia de acoso sexual.

Nos próximos días convocaremos unha reunión cos diferentes colectivos da cidade para dar resposta e anunciamos ante os meios de comunicación que xa estudamos a posibilidade de comparecer como acusación particular contra José Manuel Baltar para reclamar que se investigue sobre a denuncia de acoso sexual.

Ademáis as parlamentarias presentes na rolda de prensa para denunciar a discriminación da lingua galega na reclamación polo asasinato de Isabel Fuentes, Carme Adán (BNG) e Carmen Iglesias (grupo Mixto) expresaron o seu rexeitamento á campaña de apoio do PP a José Manuel Baltar desprezando á denunciante e explicaron que ambos grupos realizarán este xoves preguntas ao presidente galego Alberto Núñez Feijóo sobre a denuncia e dimisión de José Manuel Baltar en sesión parlamentaria.

En sororidade feminista
SE TOCAN A UNHA RESPOSTAMOS TODAS!
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram