ACCIÓN 26 DE XUÑO 2015 – VIGO: ORGULLO LGTBI

Co gallo da celebración do 28 de xuño Día Internacional do Orgullo LGTBI,  a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo sumouse á festa cun acto de rúa, elaborando un tapiz sobre o chan con
materiais naturais, o venres 26 de xuño na Praza da Pedra.

As mulleres da Marcha Mundial das Mulleres seguimos en marcha por un mundo libre de violencias, odio e discriminación por mor da orientación sexual e a identidade de xénero, celebrando o día do Orgullo como da liberación. Liberarse do medo, da vergoña saíndo a rúa e, ondear ao vento a bandeira que pinta o aire que respiramos coas cores vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, lila do verán que comeza a satisfacer a pel acariñada. Cores diversas como diversas e múltiples son as persoas e as relacións-afectivas-sexuais.

O día do Orgullo é unha homenaxe as persoas presentes nas revoltas de Stonewall (Nova Iorque,1969) que cansas de sufrir ataques a súa dignidade fixeron fronte a represión policial converténdose para as persoas LGTBI sinónimo de loita, rebeldía, unha revolución nacida para provocar, para amolar ao poder.

A día de hoxe en certos países a vida das persoas LGTBI tenden a ser un pesadelo por atreverse a seguir o máis básico dos instintos humanos, buscar afecto, amor, intimidade.
Os gobernos de todo o mundo despregan gran variedade de leis e prácticas represivas para privar ás lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais da súa dignidade, e negarlles os dereitos básicos:

Represión que vai dende a cárcere en virtude de leis que non respectan a intimidade e converten un bico nos espazos públicos en delito.
Torturas polo o que consideran comportamentos desviados e as violacións para a súa cura.

Asasinatos a mans dos Estados por considerar as persoas LBTBI ameazas para a sociedade, un pecado ou unha traizón á cultura imperante. Unha cultura que pasa de xeración en xeración sustentada en piares patriarcais como a familia, as igrexas e os seus dogmas, os poderes do Estado, os medios propagandísticos…. que poñen os mecanismos de control, censura e represión social.

O feminismo é a loita no día a día por un gran cambio cultural que cimente as bases dunha nova sociedade antipatriarcal. Para ese cambio temos que cuestionarmos e revisar os nosos condicionamentos sociais e culturais que están na base da educación. Compre unha educación baseada no respecto das persoas máis alá do xénero, raza, clase e opción sexual.

A Marcha Mundial das Mulleres quere facer un recordatorio aos Estados e aos seus gobernos que cada vez somos máis e que non imos permitir represións nin violencias nin leis que induzan ao engano e abran horizontes carentes de garantías, de protección ou non visibilizen a diversidade afectivo-sexual e que só sexan documentos propagandísticos.

A VIOLENCIA É UN PROBLEMA DE TOD@S

COMUNICADO DA COORDENADORA DE VIGO DA MMM EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE MARÍA ISABEL

Estamos aquí reunidas e reunidos unha vez máis para visibilizar a nosa repulsa contra a violencia machista ao contar cunha nova morta en Galiza. María Isabel Fuentes Fernández, de 66 anos e veciña de Verín.

Unha morta máis a mans do seu home, a primeira deste ano 2015 en Galiza, parecen dicir de xeito complacente as e os locutores dos diferentes medios, con tranquilidade, como si parecera que este mal, xa que non pode ser arrincado de raíz, polo menos que cause o menor número de mortas posibles.

As persoas que estamos hoxe aquí, sabemos que é a primeira vítima galega pero non para nós, porque non queremos que María Isabel pase a formar parte dese sin fin de números que son as estadísticas do feminicídio sen máis.

María Isabel puido ter sido calquera das que hoxe estamos aquí, pero ela é unha vítima da violencia machista que pagou coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas, porque a violencia machista non remata no reconto das víctimas mortais.

Asístimos agora e coma sempre, a como os medios de comunicación, institucións e sociedade en xeral, centran a súa atención debates superfluos entre organimos que tentan exculparse neste crime, cando a mesma debería de estar posta na víctima e nas mulleres, que pese a gozar dunha lei que formalmente as ampara, unha e outra vez vemos como as desprotexe; pois as administracións non poñen os medios nin os esforzos necesarios para que así sexa.

Afortunadamente, actualmente xa se comeza a falar, porque parece que xa se decataron, de que as criaturas de nais que sofren violencia tamén son vítimas. Non sabemos como dixerirán o de violencia doméstica no ámbito hospitalario, ¿Axudaralles esto a ver que é unha violencia que vai máis alá da casa?, ¿que é estrutural?.

De verdade que non se ve?, de verdade que precisan de anos de actos de repulsa e denuncias para non ver o que pasa? ou é que os gobernos que temos, queren recrearse no diágnostico, reformulando conceptos, refacendo leis, todo para que non se note a total desprotección na que quedamos as mulleres con políticas de recortes para servizos sociais, entendidos estes do xeito máis amplo e diverso posible, dende a atención sanitaria primaria ata a continua violencia transmitida minuto a minuto nos medios de comunicación, nos actos públicos, na publicidade, no ámbito académico, etc.

Con todo, compañeiras e compañeiros aquí estamos e aquí seguiremos. Onte e hoxe son días tristes para moitas de nós, algunhas suspendemos actos públicos en sinal de protesta, outras tivemos que tirar e ir traballar cos puños apertados e cun nó na gorxa unha vez máis, pero dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos aproveitar esta ocasión para reclamar unha maior implicación de toda a sociedade civil nos actos de campañas políticas e electorais na demanda de solucións a un problema que non dí nada bo de nós como sociedade e que de non solucionalo dunha vez por todas, corremos o risco de que empeore.

Nós sempre o tivemos claro, sen políticas claras e decididas, que condenen dunha vez por todas as institucións que a día de hoxe aínda nos tratan como cidadanía de segunda clase, institucións nas que aínda a día de hoxe non somos tratadas como iguais non solucinaremos o problema.

24 HORAS DE ACCIÓN FEMINISTA

 

Rana Plaza está en todas partes!

 

Nós, activistas da Marcha Mundial das Mulleres, unidas en solidariedade, estamos xuntas para denunciar a cobiza capitalista e o patriarcado que explotan e expropian os corpos das mulleres e o seu traballo produtivo.

Este 24 de Abril, recordamos a masacre de Rana Plaza en Bangladesh onde no ano 2013, morreron e se feriron máis de 1000 mulleres ao se derrubar o edificio onde  amoreadas, en condiciones inhumanas e a cambio dun salario inmoral, traballaban para marcas occidentais tales coma Benetton, The Children’s Place, DressBarn, Mango, Monsoon e Primark, así como para empresas de distribución coma El Corte Inglés.

Solidarizámonos coas familias das vítimas, e alzamos as nosas voces ben alto, para ser oídas e para denunciar que cada día, nos cinco continentes, as causas que propiciaron este desastre se repiten.

E estas historias que nos poden parecer afastadas, non escapan a realidade da industria téxtil galega; onde observamos coma  grandes firmas coma INDITEX, deciden deslocalizar a produción de roupa en Galicia provocando graves condicións de explotacións noutras partes do mundo e numerosas perdas de emprego no país.

As poucas mulleres que quedan traballando en Galicia, no que fora noutro tempo grande sector da economía, faino agora en pequenos talleres subcontratados polo próspero imperio téxtil; onde mulleres, a maioría xa entradas en idade,  deslómbanse sen descanso (de 8 da mañá a 8 da tarde, con pausa para comer) ante as súas máquinas de coser, en locais sen rastro de medidas de seguridade, sen case dereitos laborais, para acadar un salario paupérrimo, a vez que escoitan as incesantes loubanzas  por parte das institucións e da xente que se regodean no moi campechano, sinxelo  é bo que é o Señor Amancio Ortega, que lle da traballo as mulleres, aínda que este sexa dun xeito miserable.

As mulleres somos vítimas cada día da avaricia do sistema capitalista, que pon no cumio das súas prioridades a maximización dos beneficios, por riba do benestar das persoas, dos dereitos humanos, de respecto a natureza, etc. Sufrimos discriminación no mercado laboral, a invisibilización dos coidados que desempeñamos, condicións de traballo inhumanas, dobres xornadas, etc.  As mulleres sufrimos moito máis coa precarización dos servizos públicos e dos servizos sociais, que debilitan o estado de benestar e que aumentan a carga de coidados sobre as nosas costas.

As mulleres sufrimos a usurpación das nosas terras, que son o sustento das nosas familias, pola avaricia de grandes empresas transnacionais, que especulan coa terra e as materias primas, espoliando sen piedade os recursos naturais dos nosos territorios. Multinacionais coma a Canadense Edgewater, que pretende pór as súas “gadoupas”na parroquia de Corcoesto, na comarca de Bergantiños, están a topar na resistencia das veciñas e veciños, un forte atranco, no seu plan de devastar unha zona de grande valor ecolóxico mediante unha explotación a ceo aberto con tratamento de cianuro, unha das técnicas mineiras máis agresivas das practicadas no mundo.

As mulleres sufrimos diariamente o control sobre os nosos corpos, por parte da sociedade, de grupos ultra conservadores e fundamentalistas relixiosos. En nome da tradición, dos valores morais, relixiosos e a cultura, cada día vemos atropelados os nosos dereitos sexuais e reprodutivos, o noso dereito ao pracer sexual e a liberdade de decisión sobre os nosos corpos, a nosa saúde e o noso futuro; tal e como está a acontecer coa reforma da Lei do Aborto, que pese a ter topado unha ampla oposición dos grupos feministas e de mulleres dentro do Estado Español, que conseguiron derrocar ao Ministro de Xustiza e botar por terra a un abominable proxecto de lei, segue a estar na axenda política, ignorando a voz das mulleres que tan en contra do mesmo se pronunciaron e se están a pronunciar.

As mulleres sufrimos de forma máis aguda as consecuencias do aumento da violencia, a inestabilidade e os conflitos. Notamos con extrema preocupación e carraxe cómo a violación segue sendo usada como arma de Guerra, cómo proliferan os casos de abusos e violencia contra mulleres e nenas: raptos (como o caso das máis de 200 nenas raptadas en Nixeria por un grupo terrorista), tráfico sexual, escravitude, matrimonios forzados, etc. E como consecuencia, como se feminizan os desprazamentos masivos de poboación civil, a pobreza e o VIH-Sida. Neste ano 2015, xa son 15 as mulleres asasinadas pola violencia machista en todo o Estado Español e asistimos a como son miles o número de mulleres que dende o continente africano, tentando escapar das nefastas consecuencias que para elas teñen os conflitos bélicos latentes en moitos dos seus países de orixe; topan no Mar Mediterráneo o fin dunha esperanza por escapar dos horrores das guerras creadas polo patriarcado capitalista.

Ao mesmo tempo, defendemos o noso dereito a autonomía dos nosos corpos e a nosa sexualidade, así como ao dereito a separar a sexualidade da maternidade, e ao noso dereito a decidir si/cándo ter fillos-as.

Reafirmamos a visión que entende a nosa sexualidade como socialmente construída e a nos mesmas como suxeitas que activamente repudian a hetero normatividade e defenden o dereito a vivir a  nosa sexualidade libre de coerción, estereotipos e relacións de poder.

Coas nosas raíces no feminismo, defendemos a sustentabilidade da vida humana como o principio orientador dun novo paradigma que debe estar baseado en relacións dinámicas e harmónicas entre humanidade e natureza, así como entre os seres humanos. Por elo, é fundamental aplicar cambios reais nos xeitos de produción e reprodución, así como nos patróns de consumo para concibir un novo e más amplo significado do concepto traballo. Este novo concepto debe recoñecer o traballo das mulleres e manter un equilibrio entre o traballo produtivo e reprodutivo, no que este último sexa tamén compartido cos homes e co  Estado.

Por todas estas razóns, porque o mundo necesita a loita feminista, hoxe unimos as nosas voces e esforzos colectivos para crear unha cadea de accións arredor do mundo.

Durante una hora, empezando ao mediodía, de Leste a Oeste, de Oceanía as Américas, as activistas da Marcha Mundial das Mulleres organizan diferentes accións para conectar as nosas loitas locais a causa global contra a dominación do capitalismo patriarcal.

COMUNICADO DE PRENSA CONTRA OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO E INVESTIMENTOS

As Persoas e o Planeta antes que o Beneficio Corporativo
Chamamento de acción acción global para deter os Tratados de libre comercio e investimentos

DIA DE ACCIÓN CONTRA OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO E INVESTIMENTOS (TTIP)
SÁBADO, 28 DE ABRIL, ÁS 20:00 H. NA FAROLA DE URZAIZ

Nós, organizacións da sociedade civil, sindicalistas, campesiñas e campesiños, xuventude, homes e mulleres activistas de movementos de todas partes do mundo, chamamos a un Día de acción global a realizarse o 18 de abril do 2015 co fin de parar os acordos de libre comercio e investimentos e promover unha economía que funcione para as persoas, e o medio ambiente. Ao longo das últimas décadas, as empresas transnacionais e os gobernos impulsaron tratados de libre comercio e de investimentos ás costas da cidadanía, vulnerando os nosos dereitos e os do medio ambiente. Ao longo das últimas décadas, loitamos pola soberanía alimentaria, polos nosos bens comúns, pola defensa dos nosos empregos, os nosos territorios, as liberdades en internet, mentres esixiamos democracia. No camiño, crecemos como movemento, logramos que escoiten as nosas voces e logramos moitas vitorias. Entre todas podemos parar os acordos que se están negociado e traballar para revertir os impactos nocivos dos tratados pasados. Xuntas impulsamos as nosas alternativas que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos por encima dos privilexios e beneficios das grandes empresas. acemos un chamamento ás organizacións, persoas e alianzas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas en todas as cidades, barrios, municipios e pobos directamente afectados, e aqueles que se solidaricen coa loita contra este tipo de tratados que pretenden facer aínda máis efectivo o trasvase cara as elites de riqueza. Acollémonos a unha diversidade de tácticas e accións solidarias en todo o planeta que contribúan a informar para sensibilizar, fomentar a participación e fortalecer a mobilización da xente, rumbo a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta.

Evento Caravana Feminista: Té con Kant

A CARAVANA FEMINISTA ESTÁ EN MARCHA desde o 8 de marzo e, a coordenadora local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres, nos sucesivos meses, vai levar adiante unha serie de eventos para recadar fondos de cara a súa chegada a Galiza alá pola primeira semana de outubro.

Té con Kant, un espectáculo onde o humor, a ironía e a filosofía van da man para promover á reflexión (e acción) do público asistente, pasando pola manipulación de obxetos, video-proxeccións, fotomontaxes, recortables e teatro de sombras.

Vos esperamos para pasar un rato agradable !!!!

Quen somos a Marcha Mundial das Mulleres?

A Marcha Mundial das Mulleres estivo activa na loita das mulleres dende 1998, marchando para erradicar as causas que orixinan a violencia e a pobreza na vida das mulleres.

Mediante as nosas estratexias, baseadas en debates e alianzas internacionais, reafirmámonos na resistencia, a confrontación e a construción de alternativas ao modelo patriarcal, capitalista, racista, lesbófobo e colonial.

A Caravana conectará a mulleres que resisten á misoxinia, a austeridade, o fascismo, o patriarcado e a todas as formas de violencia contra as mulleres, incluída a pobreza, a través das nosas realidades en tanto que mulleres de calquera idade, raza ou clase social.

Queremos construír alternativas de mulleres ante a crecente imposición do militarismo e da realidade masculina, para que todas poidamos vivir unha vida máis digna e pacífica.

Cremos e afirmamos que un mundo mellor é posible!

As Persoas e o Planeta antes que o Beneficio Corporativo

Día de acción global – 18 de abril do 2015
As Persoas e o Planeta antes que o Beneficio Corporativo
Chamamento de acción acción global para deter os Tratados de libre comercio e Investimentos.

 

 

A Mulleres da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, xunto con outras organizacións da sociedade civil, de todas as partes do mundo, chamamos á participación masiva no Día de acción global contra os acordos de libre comercio e investimentos, coa finalidade de reflexionar, coñecer alternativas e promover economías que atendan ás necesidades das persoas sen facer dano ó medio ambiente e rematen cun sistema económico hexemónico.

Dende que a Revolución Industrial se puxo en marcha, e en todas as rexións do Planeta, as empresas transnacionais, botando man de gobernos títeres, impulsaron tratados de libre comercio e de investimentos non só, ás costas da cidadanía, senón, que tamén privatizando os recursos que as persoas traballadoras empregamos historicamente e acotío na nosa supervivencia, privatizando usos e saberes tradicionais, que chegaron ata nós, polo esforzo conservacionista das persoas que nos precederon e que atenderon tanto aos nosos dereitos, como aos dos demais seres vivos.

Como sabemos que outro mundo non só é posible, senón que tamén é preciso, as Mulleres da Marcha Mundial traballamos para aprender e espallar nestas últimas décadas, o significado da Soberanía Alimentaria dos pobos, xunto coas loitas polos bens comúns, ás que sempre engadimos a loita contra a pobreza e a violencia contra as mulleres. Neste proceso, crecemos como movemento, acadamos alianzas e logramos que se escoiten as nosas voces, porque sabemos como o capitalismo deixa actuar ao patriarcado, no que lle resulta útil, favorece o seu desenvolvemento e o fai perpetuar.

Fomos quen de parar o ALCA( Área de Libre Comercio das Américas) en Perú, así que sabemos que coa forza de todas podemos volver parar os acordos que sempre se negocian ás nosas costas e traballar para rematar cos impactos dos tratados pasados e pór ás persoas no centro das economías. Xuntas impulsamos as nosas alternativas que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos e na defensa do Medio Ambiente por enriba dos privilexios e beneficios das grandes empresas.

Facemos un chamamento á cidadanía viguesa e a todas as organizacións da contorna a que nos mobilicemos o 18 de abril contra os tratados de libre comercio que só beneficiarán ás elites pola súa acumulación de riqueza por desposesión das demais persoas e pobos.

Sumarémonos á mobilización, que terá lugar na Farola de Urzaiz ás 20:00 horas, e  á diversidade de tácticas e accións solidarias que se preparan ao redor de todo o planeta para contribuír a informar e reflexionar, cara a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta, agora e no futuro.

DENUNCIA CONTRA O PRESIDENTE DO CLUB LEIS DE PONTEVEDRA

A MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES QUERE PÓRSE EN CONTACTO CON VÓS PARA DENUNCIAR O SEGUINTE CASO:

O pasado mes de novembro tres xogadoras do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra rachaban co seu silencio e denunciaban nos medios de comunicación e no xulgado o trato denigrante e vexatorio por parte do Presidente do devandito Club, José Antonio Nieto San Juan.

As tres xogadoras relatan algúns feitos recollidos pola Federación deportiva de Finlandia, ou polo Consell Català de l’Esport como formas de acoso:

• Pullas e insultos de connotación sexual

• Xestos ou expresións faciais ou corporais de natureza sexual

• Suxerencias e comentarios de natureza sexual en relación ao propio corpo, vestimenta, vida privada, …

• Chamadas telefónicas, mensaxes (sms) correos electrónicos, ou cartas de contido sexual

• Enviar ou amosar material fotográfico ou obxectos de contido sexual

• Bromas sexistas ou burlonas….

Este home durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade ­amparada no seu cargo dentro do Club­ as trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual.

Estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron apartadas das convocatorias do Club (aínda que non as deron de baixa, o que lles impide xogar noutro club).

A demanda foi desestimada e ­aínda que non estamos de acordo coa súa desestimación e actualmente esta recorrida­ podemos ler no auto: “…O Dereito Penal é a resposta máis grave ante determinadas condutas. É importante advertir que non se debe pretender que ante calquera conduta reprochable a reacción que teña a sociedade sexa exclusivamente o Dereito Penal. Mal irá unha sociedade que só sabe empregar tal instrumento e que só entende que se debe reprochar aquilo que é delito, como se un acto polo feito de non ser delito xa non merecera reproche social ou resposta dende as institucións.

Non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte.

Tendo en conta que o Código de Ética Deportiva da UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de velar pola implantación de garantías no contexto dun marco xeral de apoio e protección a menores, novas e mulleres, con obxecto de protexer do abuso e acoso sexual aos grupos antes mencionados.

SOLICITAMOS A VOSA SOLIDARIEDADE COAS RAPAZAS DO CLUB LEIS DE PONTEVEDRA E QUE VOS MANIFESTEDES EN CONTRA DO ACOSO .

APOIO ÁS XOGADORAS DO CLUBE LEIS 26 FUTBOL SALA. FÓRA MACHISMO DO DEPORTE

APOIO ÁS XOGADORAS DO CLUBE LEIS 26 FUTBOL SALA
FÓRA MACHISMO DO DEPORTE

O pasado mes de novembro tres xogadoras do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra rachaban co seu silencio e denunciaban nos medios de comunicación e no xulgado o trato denigrante e vexatorio por parte do Presidente do devandito Club, José Antonio Nieto San Juan.

As tres xogadoras relataban como este home durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade ­amparada no seu cargo dentro do Club­ as trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras ­raianas no acoso sexual­ buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual.

Estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron expulsadas do Club, xunto co seu adestrador e catro directivos.

As mulleres Marcha Mundial das Mulleres, cheas de rabia ao coñecer un novo caso de violencia contra as mulleres, esta vez no ámbito deportivo quere denunciar esta situación e amosar o noso apoio a estas xogadoras.

Non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte.

Esiximos as autoridades da Federación Galega de Fútbol, Secretaria Xeral de Igualdade e Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que se tomen as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra.

Lembrámoslle aos responsables deportivos e políticos que o Código de Ética Deportiva da UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de velar pola implantación de garantías no contexto dun marco xeral de apoio e protección a menores, novas e mulleres, con obxecto de protexer do abuso e acoso sexual aos grupos antes mencionados.

É absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual e trato vexatorio, tanto en espazos públicos como privados, e resulta sumamente grave que as autoridades pertinentes non tomen medidas inmediatas.

Chamamos as xogadoras e xogadores doutros clubs deportivos a manifestarse en contra do machismo e a discriminación dentro do deporte.
Non poderemos conseguir a igualdade no deporte si consentimos que condutas discriminatorias e machistas sigan permitíndose dentro do ámbito deportivo.

XUSTIZA PARA AS COMPAÑEIRAS  MÁXIMA ACUÑA E DINA MENDOZA

XUSTIZA PARA AS COMPAÑEIRAS MÁXIMA ACUÑA E DINA MENDOZA

Queridas compañeiras,

Hoxe estamos en solidariedade coa nosa irmá Máxima Acuña e a súa familia que foi denunciada pola Empresa Mineira Yanacocha, acusada de ter invadido un terreo ubicado en Tragadero Grande (distrito de Sorochuco, provincia de Celendín, Cajamarca, Perú) sobre o que Yanacocha reclama a súa propiedade.

Máxima e a súa familia adquiriron lexitimamente as terras, e así o demostraron ante a xustiza, que desestimou a demanda presentada por Máxima e pola contra aceptou a que presentou a empresa mineira. Dende 2011 Máxima sufriu acoso, violencia, ataques e intimidacións por parte das forzas de seguridade privadas da empresa que derrubou as súas casas, saqueou os seus bens e feriu a persoas da súa familia. A pesar de que Yanacocha non pode presentar probas da súa propiedade das terras, o próximo 1 de Decembro Máxima enfróntase a un xuízo decisivo no que si perdera, podería ser expropiada da súa finca.

Por solidarizarse con Máxima Acuña e a súa familia, Dina Mendoza foi denunciada por Usurpación Agravada e Entorpecemento da Vía Pública. A Corte Superior de Xustiza de Cajamarca pediu 5 anos de pena privativa da liberdade e 50.000 soles a favor do Estado Peruano. O seu xuízo celebrarase o día 2 de Decembro.

As compañeiras de Perú estanse a mobilizar para acompañar e dar apoio a Máxima e Dina. Pero as demais non podemos permanecer caladas, temos que facer oír as nosas voces fronte á inxustiza! Por iso vos pedimos que firmedes e enviedes a carta en anexo ao Presidente da Corte Superior de Xustiza de Cajamarca, apelando ao seu sentido da xustiza no tratamento do caso e das probas que se aportan.

Podedes enviar a carta por fax ao número: +51-76362475

En solidariedade feminista,

Lima, 25 de noviembre 2014

Dr. Oscar Vásquez Arana

Presidente da Corte Superior de Xustiza de Cajamarca

Respetado Sr. Xuíz:

Reciba os nosos cordiais saúdos das mulleres que subscribimos esta carta, quenes estamos moi preocupadas polo desenlace dos xuízos de Máxima Acuña de Chaupe e Dina Mendoza Bazán.

Máxima Acuña de Chaupe foi denunciada inxustamente por “usurpación de terras” pola empresa mineira Yanacocha C.I.A. e foi condeada a 2 anos e 8 meses de prisión preventiva suspendida e a unha reparación civil de 5.500 soles. Está demostrado, xa que existe documentación que o proba, que Máxima Acuña de Chaupe é lexítima propietaria do terreo polo que foi condeada e que está ubicado en “Tragadero Grande”, no distrito de Sorochuco, provincia de Celendín, Cajamarca, Perú.

Dina Mendoza Bazán foi inxustamente denunciada por “usurpación agravada” soamente por terse solidarizado con  Máxima Acuña de Chaupe e tamén por “entorpecemento da vía publica”. A Corte Superior de Xustiza de Cajamarca pediu 5 anos de pena privativa da liberdade e 50.000 soles a favor do Estado Peruano.

Dado que consideramos inxustas estas denuncias e condeas, nosoutras, mulleres de diversos territorios, rexións e países do mundo, solicitámoslle que revise os casos de Máxima Acuña de Chaupe e Dina Mendoza Bazán con detenemento e que admita as probas importantísimas que demostran que o predio da familia Chaupe non está dentro dos terreos que a empresa Yanacocha C.I.A. comprou ás comunidades. Pedíndolle de actuar de boa fe e con xustiza.

Saudámolo atentamente,

 

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram