Concentración en repulsa doutro asasinato machista no noso país

A Coordenadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres convoca unha concentración para o XOVES 13 de OUTUBRO ás 20h diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) en repulsa polo asasinato da veciña da parroquia de Coruxo, Vigo a mans da súa parella.
Agradeceríamos a súa máxima difusión nos medios e a sensibilización e concienciación da sociedade coa participación na mesma, xa que é intolerábel que siga habendo vítimas de violencia de xénero en pleno século XXI, só polo feito de sermos mulleres.
Cordenadora Local de Vigo.

Palestra no Val Miñor

A charla realizouse nunha das salas do piso alto da Vella estación do tranvía en A Ramallosa, Val Miñor. Éramos ao redor de 30 mulleres. A exposición de Carmela Garrido foi sinxela e expositiva da situación na que se desenvolve a interrupción do embarazo na actualidade, tamén estivo chea de referencias a experiencias e vivencias comúns a todas as mulleres, o que propiciou que na parte do coloquio se deran varias intervencións, complementarias e profundizando no que se dicía na anterior.

Resaltaría a que agradecía o traballo da MMM na difusión e explicación do borrador da Lei do Aborto, así como de ser as que levamos esta información ás mulleres do pobo.

Próximas Convocatorias:

Charla – Coloquio en Vigo o 28-05-09 ás 20:30 no Centro Veciñal Eduardo Chao, Praza da Princesa, Vigo. Falará Lola Ferreiro.

Charla – Coloquio en Vigo o 29-05-09 ás 20:00 no Centro Social A Revolta, Rúa Real, Vigo.

Obradoiro de relaxación “Vivir o corpo non ten idade”

A Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres en Vigo pon en marcha por 2ª vez o obradoiro de relaxación “Vivir o corpo non ten idade” dende o 10 de Novembro até o 3 de Decembro, ambos inclusive.

O curso impartiráse luns e mércores de 10 a 11:30h na Casa das Mulleres de Vigo (Romil, 20 baixo) e ten como finalidade mellorar as vivencias corporais e con elas a calidade de vida. Trátase de afortalar o corpo e axilizar a mente: espertando a sensibilidade do corpo estimulando os sentidos, a expresión corporal e a relaxación para favorecer a saúde e equilibrar todo o organismo tanto a nivel físico como emocional. Respectando as necesidades e as capacidades de cada persoa, descubriremos as múltiples posibilidades corporais para recuperar a vitalidade, gozar do movemento, liberar tensión e favorecer a mobilidade natural do corpo, desenvolvendo ao mesmo tempo habilidades creativas, físicas e expresivas.

III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres

A III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres celebrouse o pasado domingo 11 de Maio de 2008 no peirao do porto de Bueu (Pontevedra).

Inscritas dez tripulacións, no último momento só participaron oito, por enfermidade dunha remeira de Amegrove e as da vila de Cangas, tiveron problemas “técnicos” que consideramos que máis que técnicos foron machistas, xa que non puideron participar por falta de barco e podrían facelo compartindo barco co dos rapaces; pero ao cambiar en orde a regata e adiantar ás rapazas despois dos xuvenís “non lles daba tempo a cambiar o barco”. De tódolos xeitos, a MMM considerou que tiñan que levar premio por estar ali e querer participar aínda que non puideran facelo.

Destacar tamén, que as remeiras de Cesantes (Redondela) e Coruxo (Vigo) uníronse para poder formar a tripulación dunha traiñeiriña.

A clasificación foi a seguinte:
  • 1º clasificadas (Bandeira de Traiñeiriñas da MMM) : C.R. Cabo Cruz de Boiro (Boiro)
  • 2º clasificadas: C.R. Chapela
  • 3º clasificadas: C.R. Sanmertolomeu de Meira
  • 4º clasificadas: C.R. Mecos do Grobe
  • 5º clasificadas: C.R. De Vilaxoán
  • 6º clasificadas: C.R. O Mar de Bueu
  • 7º clasificadas: C.R. A Cabana do Ferrol
  • 8º clasificadas: C.R. Cesantes-Coruxo
  • 9º clasificadas: C.R. Vila de Cangas

Contamos coa presenza de moitas mulleres con cargos de responsabilidade dentro das distintas administracións, algunhas das cales entregaron os premios como: Carmen Adán (Secretaria Xeral de Igualdade), Marta Souto (Directora Xeral de Deportes da Xunta de Galicia), Mª Xesús López Escudeiro (Delegada de Deportes de Pontevedra), Laura Ogando, Rebeca Gago, Teresa Madaleno (concelleiras de Igualdade, Educación e Servizos respectivamente do concello de Bueu), así como o alcalde e concelleiros do concello de Bueu.

A pesar do mal tempo, foi un día alegre e festivo para as remeiras e o público que estivemos ali en xeral.

Cursos gratuítos polas mañás na Casa das Mulleres

A Marcha Mundial das Mulleres en colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Vigo organiza dous cursos gratuítos polas mañás para mulleres na Casa das Mulleres (Romil, nº20 baixo).

1) “Vivir o corpo non ten idade”:
Ten como finalidade mellorar as vivencias corporais e con elas a calidade de vida. Trátase de afortalar o corpo e axilizar a mente: espertando a sensibilidade do corpo estimulando os sentidos, a expresión corporal e a relaxación para favorecer a saúde e equilibrar todo o organismo tanto a nivel físico como emocional. Respectando as necesidades e as capacidades de cada persoa, descubriremos as múltiples posibilidades corporais para recuperar a vitalidade, gozar do movemento, liberar tensión e favorecer a mobilidade natural do corpo, desenvolvendo ao mesmo tempo habilidades creativas, físicas e expresivas. Será os martes e venres de 10 a 11:30h do mes de Xuño.

2) Taller de Autocoñecemento que se impartirá tódolos mércores de Xuño e Xullo de 10 a 13h e que pretende autocoñecernos como mulleres a través do corpo (traballando a relaxación a través da respiración,etc.), nun espazo que nos permita o intercambio de experiencias que faciliten a comprensión e compartir as nosas emocións, percepcións e sentimentos. Traballaremos a autoestima, coñeceremos o noso propio corpo e aprender a escoitalo, coñecer e desarrollar os nosos propios recursos (capacidade de autoaxuda), favorecer vínculos de bo trato con nós mesmas e cos demáis, aprender a desfrutar dos praceres cotidiáns, etc. Único requisito esixido é a idade que será a partir de 30 anos.

Agardámosvos!

Videofórum: “Grbavica: o segredo de Esma”

A Marcha Mundial das Mulleres organizou un videofórum, con bastante asistencia de público, o pasado mércores 28 de Maio ás 20h na Casa das Mulleres en Vigo proxectando o filme “Grbavica: o segredo de Esma” (2005) da directora bosnia Jasmila Znabic, como actividade final polo pasado 24 de Maio Día Internacional das Mulleres pola Paz.

A través do filme, coñecemos a historia dunha nai e a súa filla que viven as consecuencias da guerra nun barrio de Saraxevo chamado Grbavica. En palabras da directora: “Grbavica é sobre todo unha historia de AMOR. Un amor impuro porque está mesturado co odio, o noxo, o trauma, a desesperación. Tamén fala desas VÍCTIMAS que, a pesar de non ter cometido ningún crime, non son de todo inocentes aos ollos das novas xeracións. Ademáis, fala da VERDADE, un poder cósmico sen o que non hai progreso, algo tan necesario para unha sociedade como a de Bosnia-Herzegovina que se esforza por alcanzar a madurez”. Grbavica é a súa primeira longametraxe e gañou o Oso de Ouro no festival de Berlín no 2006.

Mulleres de Negro en Vigo

Con motivo do 24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz, a Marcha Mundial das Mulleres organiza unha conferencia sobre a situación das mulleres nos países en guerra, impartida por Elvira Vázquez e María Huertas, membras da Rede Internacional Feminista e Antimilitarista Mulleres de Negro o venres 23 de maio ás 20h no salón de actos da Sede Fundación Caixa Galicia ( Policarpo Sanz, 21 Vigo).

Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelíes e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflicto bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insumisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centroamérica, Asia e Oceanía.

Elvira Vázquez Martínez é terapeuta corporal e psicopedagoga e María Huertas Zarco, psiquiatra e psicóloga, as dúas son feministas e activistas contra a violencia e a guerra da Rede Internacional de Mulleres de Negro, así como membras do comité de organización do XIV Encontro Internacional de Mulleres de Negro celebrado en agosto do 2007 en Valencia.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram