Repugnáncia à Igualdade

Matilde Herrero Barcia, foi finalmente assassinada tras sofrer case umha década de situaçons de violência que denuncias, detençons e ordes de afastamento, nom puiderom evitar. Matilde foi abatida quando saia do trabalho, aguardada coma umha presa polo seu caçador. Atrás ficaram arrependimentos envoltos em promessas nom cumpridas; atrás ficaram perdons construídos em trampas de fracassos, responsabilidades, compaixom e autoculpa.

O machismo mata. É mesmo tam destrutivo, que mata também ao machista. Na sociedade de “eres o que possuis”, “tanto tens, tanto vales”, muitas mulheres som simbolicamente, e também fisicamente, convertidas numha propriedade mais. Até tal punto, o machismo construí o pensamento e a acçom de muitos homens, que a sua auto-estima e estabilidade emocional, depende única e exclusivamente da continuidade dessa possessom. Mal-ensina-se-nos a amar, a enamorar-nos… e somos analfabetas e analfabetos na gestom do desamor. No espelho no que temos que olhar-nos, aparece a historia feliz onde deves comer perdizes. A historia onde todo é para sempre. E seguimos a confundir romanticismo com tenrura, ciumes com amor, controlo com cuidado. O feminismo sabe desde hai tempo, que este tempo de Natal é de alto risco para as mulheres. Nom só polo número de assassinadas, também porque os valores machistas, associados a crenças religiosas, imponhem o modelo de família tradicional na maneira de viver estas datas. Umhas festas onde a convivência forçada, o trabalho extra, e o rol de facilitadoras que se supom às mulheres, som um caminho de poucos dias, mas de custosa peagem. Neste tempo, onde as cores grises volvem a tingir a realidade social que puxava por nascer multicolor, nom podemos instalar-nos ante o assassinato de mulheres, com a resignaçom que nasce da ignoráncia ou da análise errada das causas do acontecido.

O privado é político. Nada do que ao nosso redor sucede, é alheo às decisons colectivas ou às decisons impostas. Cumpre sinalar aos culpáveis, cumpre despejar o caminho de obstáculos, cumpre ailhar ao machismo organizado nas instáncias políticas, religiosas e sociais. Essas instáncias que vomitam sobre a vida das pessoas leis Wert ou privatizam a Justiça. Se nos quere vender que a soluçom à pobreza está na caridade, e nom no reparto da riqueza. Do mesmo jeito que se nos quere vender também que a erradicaçom da violência machista descansa só na vitimizaçom das mulheres que a sofrem, e nom no exercício pleno, na vida de todas as mulheres e nenas, do direito à Igualdade. Esse direito, ao que o poder financeiro, a Igreja católica e o Partido Popular sintem tanta repugnáncia.

Lupe Ces
http://lupeces.blogspot.com.es/2012/12/repugnancia-igualdade.html

 

Concentración Denuncia Asasinato de Mati. Mércores 26 ás 20 diante do MARCO

A COORDENADORA COMARCAL DE VIGO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

CONVOCA O MÉRCORES 26 DE DECEMBRO ÁS 20H. NO MARCO

CONCENTRACION DE REPULSA POLO ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MATI

A nosa veciña, Mati de 42 anos, foi asasinada polo seu marido nunha das rúas da cidade de Ferrol.

Que a indignación de toda a sociedade saia á rua para rexeitar o cruel asasinato de Mati e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra elas polo simple feito de selo!!

 

 

Por un aborto libre e gratuito, nen un paso atrás

A Cordenadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres convídavos a participar nas concentracións que faremos todos os martes a partires do 7 de agosto, ás 20:30 diante do MARCO (Vigo), para visibilizar o noso total desacordo coas restriccións á actual Lei de Aborto anunciadas hai poucos días polo ministro de xustiza, Gallardón.

As mulleres non descansaremos ata que os escasos logros que obtivemos nos últimos anos sexan inamobibles e interiorizados polos gobernos presentes e futuros, como algo normalizado e fundamental dunha sociedade democrática e igualitaria.

As mulleres da Marcha Mundial das Mulleres constatamos con rabia que os discursos machistas, hipócritas e cargados de noxento paternalismo, estanse a extender en todos os pobos, máis iso non é para nosoutras causa de abafamento, máis ben ao contrario, levamos loitando máis de dez anos en diferentes terras e en diferentes frentes, por iso unha vez máis na Galiza berramos:

¡¡¡MULLERES EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!!!

O Inquisidor

O ministro Gallardón quere converter em lei o que é simplesmente doctrina de fe. Segue o caminho planeado polo nacional-catolicismo, amplamente representado nas instituiçons. Um caminho planeado longe da transparência e da democracia, nos sombrios espaços das seitas mais poderosas, chamem-se Opus Dei, Comuniom e Libertaçom ou Neocatecumenato. A vida das mulheres e das nenas, graças a este obediente inquisidor, vai estar constringida à moral dumha Igreja que é capaz de obrar o milagre de recolher mais dum milhom de euros nos seus cepilhos.

Assim, como no tempo onde nos mandavam torturar e queimar nas praças públicas, para liberar as nossas almas possuídas polo mal da bruxaria, agora o inquisidor, quere liberar-nos da violência estrutural que nega os nossos direitos, dando-lhe de beber à opinom pública um vinho de arrecendos democráticos que agocha o mortal veleno da misoginia, mentres mulheres e nenas, quedam expostas ao lume da maternidade imposta.

Chega a sua perversom ao extremo de converter a malformaçom do feto num problema de discriminaçom. As leis e os direitos que nelas tenhem que estar garantidos, estam em mans de mentes obsessionadas em legislar, acotar e dominar, o que consideram o espaço-força origem do pecado: a sexualidade e o corpo das mulheres. A Inquisiçom carga de novo contra as cidadás livres, que poidam decidir, com toda a informaçom necessária, levar a termo ou nom um embaraço, com malformaçons ou sem elas, é o seu direito.

Lupe Ces, fonte Caranza Free Opiniom

Ofrenda floral ás irmás Fandiño Ricart

Actividade da Libraría Lila de Lilith e AS DUAS soc. coop. galega:

O 18 de xullo (aniversario do levantamento fascista), queremos realizar unha actividade moi especial xunto con AS DUAS soc. coop. galega:

Às Dùas en punto (14h), e na escultura conmemorativa de Coralia e Maruxa Fandiño (As Duas, As Marías) na Alameda, convidamos a que traiades flores vermellas e violetas para depositar alí como recoñecemento da historia destas dúas mulleres compostelanas.

Contaremos coas voces de Sonia Lebedisnki (cantando) e de Luz Fandiño, que lerà o manifesto.

As “Dùas en Punto” son lembradas como parte da paisanaxe da cidade, dándose delas unha imaxe superficial e anecdótica que agocha unha historia de violencia e represión.

Con esta actividade queremos lembrar que as irmàs Fandiño son sobre todo un símbolo das terribles consecuencias que o fascismo trae sobre a cidadanía, especialmente sobre as mulleres.

Convidámovos a difundir esta información ben a través das redes sociais (das reais e das virtuais), ben imprimindo e colando cartaces, etc…

Temos un evento no facebook neste sitio

Concerto Solidario – Marcha Mundial das Mulleres

Xoves, 12 de Xullo de 2012

22:00h

Vigo – Torreiro da Festa

Concertos e Poesias de mulheres artistazas pola autogestom do Campamento Europeo de Jovens feministas em Rumania. Asiste, convida e difunde!

Este xoves día 12 de Xullo faremos un concerto solidario en Vigo co fin de recadar fondos para financiar as viaxes das mulleres galegas que desexen asistir a Romanía. Teremos o pracer de contar coas voces de Wöyza e Alba, escoitaremos poesía con Silvia Penas e Elvira Riveiro, sesión con Cristal Arts e máis sorpresas!
Achégate ata o Torreiro da Festa o xoves ás 22h e colabora cos 3€ da entrada.

Todas a Moroieni do 6 ao 16 de agosto!

[ Evento en Facebook ]

[ Fotos do Primeiro Campamento ]

[ Manifesto do Primeiro Campamento ]

Chamado das mulleres de Honduras

Compañeiras feministas de todos os territorios:

Saludámolas con apertas de xuño, cálido nalgunhas partes, frío noutras, pero ao fin apertas de quenes sabémonos co corazón latindo pola alegría de facer o que nos toca para vivir ben con outras e outros cos que partillamos esta casa azul.

Mandamoslles este chamamento que é ben exixente e agora explicamoslles por que.

A chamada é á acción solidaria en espazos onde se evidencia esta solidariedade e non só na virtualidade.

Non só queremos que nos manden a súa sinatura, queremos que nos axuden a reoller máis sinaturas de quenes se acheguen a este texto, para que chamemos de novo a mirada a Honduras e ás compañeiras e compañeiros que, nunha total indefensión, viven unha guerra cotidiana, froito do golpe de estado, cun saldo diario de polo menos 20 persoas, as veces máis, entre eles de 10 a 12 mozas e mozos e polo menos 2 mulleres por actos feminicidas.

Os asasinatos de odio a persoas trans e das disidencias sexuais tamén aumentaron.

Pola experiencia nestas voltas sabemos que se poden perder firmas con demasiada facilidade, para recuperalas todas abrimos un blogue: http://www.llamadafeministahonduras.blogspot.com.es onde iremos ‘colgando’ as adhesións.

Vostedes teñen que envialas ao mail llamadafeministahonduras@gmail.com e nós faremonos cargo de ilas engadindo

Quenes queiran e podan, convidámolas a autoconvocarnos o 28 de xunho, fronte ás embaixadas de Honduras, nas prazas, nas rúas, onde lles pareza, para facer público este chamamento.

E unha solicitude máis queremos facerlles. Posto que isto de enfrentar cada día a estas chamadas, estas mortes, tan espantosas inxustizas e tan dignas loitas ás veces resulta agotador, queremos proporlles que para darlle vida ao blogue e con elo darlle máis á nosa, nos envien aqueles recursos dos que botan man para seguir adiante e así intercambialos. Quizáis cancións, nomes de libros, imaxes, poemas, videos, palabras que lles trouxeron as súas avoas, etc. O que vostedes queiran.

Quixéramos que esta chamada se convirta nun fío cálido entre nós e non só unha firma máis entre a maraña distante do activismo cibernético. É un desexo que ogallá podamos partillar.

A chamada é a solidarizarnos e a estar acompañadas. Se nos cubrimos de beleza, música e palabras de resonancias do mundo que se resisté á guerra, entón farémonos unha homenaxe a todas por ser, pensar e andar camiñando sobre esta terra.

A ver que lles parece a idea. Novamente o email para enviar as súas firmas e demáis envíos: llamadafeministahonduras@gmail.com e o blogue para que vaiamos partillando:http://www.llamadafeministahonduras.blogspot.com.es

Con cariño, nós.

Facebook
Facebook
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram