COORDENADORA
GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
Ante o asasinato triple feminicidio en Valga de Sandra, María Elena e Alba
A
violencia machista golpeunos con dureza este luns ao coñecer o
asasinato de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7
anos de Sandra. O asasino José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido,
disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio
de violencia que nos conmociona e mobiliza para dar resposta en cada
recuncho do país. Máis unha vez o feminismo galego é capaz de
mobilizarse en case 40 localidades para rexeitar a violencia e
reclamar medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.
Mas
precisamos desta mobilización durante todo o ano, precisamos
construír dende o local ao nacional um feminismo forte que procure
avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en
celebracións rutinarias ou meras medidas simbólicas. A axenda non
pode tomar descanso no verán e voltar co ritmo da pugna polo poder
nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se
constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que
falla e pór recursos ao servizo desta causa.
Fronte
a este crime machista temos que lembrar que dúas das asasinadas,
María Elena e Alba, non aparecerán para o estado como víctimas de
violencia machista, pois pese a que este ten suscrito o convenio de
Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no
Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado ate hoxe. Segue no papel.
A lexislación na Galiza, por contra, si considera estes crimes como
crimes machistas, e sitúanos en posicións avanzadas para reclamar
dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que
tensione ás nosas institucións e dote de recursos as ferramentas
das que xa dispomos.
O
tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.
O
tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga
1766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais,
prevención, sensibilización, atención ás víctimas… unha
cantidade de miseria que amosa a absoluta falta de compromiso dese
documento co combate real da violencia machista. Estamos fartas de
fotos e promesas, de accións cara á galería, de minutos de
silencio, condenas enérxicas e iluminacións. Queremos e reclamamos
medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que
se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na
educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que
sufren violencia machista.
Tres
mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta
ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas
se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas
transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da
violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro
familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados
se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se
chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias
compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos
para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos
feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa
ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que
combaten os avances do feminismo.
O
tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades.
Estamos
fartas de que se use o feminismo para dar cor á acción política
sen que iso redunde en melloras ou avances reais. Estamos fartas da
hipocresía da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di
sumarse á repulsa da violencia. Sen recursos non hai combate da
violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate
da violencia.
Mas
non son só as institucións as resposábeis, isto tamén é tarefa
de todas. En ningún tema como neste o persoal é tan político.
Temos que cuestionar os cimentos mesmos da nosa educación para
construirnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das
mulleres e de todas, debe estar no centro. Porque estamos fartas de
que non se aille aos agresores nos nosos entornos máis próximos,
onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación
machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a
través das familias. A sociedade non pode mirar para outro lado.
Todas aquelas persoas que negan a violencia
machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos
asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.
Estamos
na rúa porque urxe considerar a violencia machista como
problema social e político de extrema gravedade, pero para esixir
cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un
máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a
cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos,
máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia
machista. Máis de 1000 no estado español.
Esiximos
que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos
recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo
machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos
pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito.
Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.
Querémonos
Libres! Querémonos Vivas!
E
seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!