Feminicidio en Vilalba. Concentracións

[ Alerta Feminista 🛑*En Actualización 34 concentracións* ] 📢📢📢Estas son as convocatorias xa confirmadas para as mobilizacións deste martes 23 de xullo na Galiza ante o feminicidio de Vilalba que o feminismo galego convoca en aplicación do protocolo nacional de resposta.

CONVOCATORIAS
➡️A Coruña, 20 h, no Obelisco.
➡️A Estrada, 21 h diante do Concello.
➡️A Guarda, 21h Praza do Concello
➡️Ames, 19.30h Praza da Peregrina.
➡️Allariz, 20h Praza do Concello.
➡️As Pontes, 20 h, Praza do Hospital.
➡️Betanzos, 20 h, a carón do Palco da Música.
➡️Burela, 20:30 horas, na Praza da Mariña.
➡️Carballo, 20h Praza do Concello.
➡️Celanova, 20h, na Praza Maior.
➡️Chantada, 20.30h Rúa Leonardo Rodríguez.
➡️Compostela, 20h Praza 8 Marzo.
➡️Cuntis, 21h Praza das Árbores.
➡️Ferrol, 20 h Praza de Amada García (diante do Edificio da Xunta de Galiza).
➡️Lalín, 21h Praza da Igrexa
➡️Laxe, 21h Praza Ramón Juega.
➡️Lugo, 20 h diante do Concello.
➡️Melide, 20h, Praza do convento .
➡️Miño, 21h Praza do Parchís.
➡️Moaña, 19.45 h Praza do Concello.
➡️Mondoñedo, 20.30h Praza do Concello.
➡️Monforte, 20:30 h, diante do Concello.
➡️O Barco de Valdeorras, 20h Praza do Concello.
➡️Ourense, 20 h, na Castañeira.
➡️Pontevedra, ás 20h na Audiencia Provincial.
➡️Porriño, 20:30h Praza do Concello.
➡️Redondela, 21h Praza do Concello.
➡️Ribadavia, 20h Praza Maior.
➡️Sada, 20h Praza San Roque
➡️Val Miñor, ás 20h, no Cruce da Ramallosa.
➡️Vigo, 20h, no Marco.
➡️Vilagarcía de Arousa, 20.30h Praza de Galicia.
➡️Vilalba, 20h Praza da Constitución.
➡️Verín, 20.30h Praza da Alameda.

Querémonos vivas! E queremos un sistema xudicial que acompañe e protexa a quen denuncia pois neste caso un quebrantamento de orde de afastamento remata da peor das maneiras posíbeis. Por María del Carmen, Por todas! #FeminismoParaVivir #Feminicidio #OfeminismoResposta #NenUnhaMenos #NenUnhaMáis #MachismoMata.

Ante o asasinato de María José Aboy Guimarey en Valga

COORDENADORA GALEGA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

Ante o asasinato de María José Aboy Guimarey en Valga

Compañeiras, hai tan só catro días todo o país vivía as manifestacións máis numerosas da súa historia. Milleiros de persoas mobilizámonos para denunciar as discriminacións, a desigualdade e a violencia que sufrimos as mulleres.

Cando aínda resoan os berros das mulleres a favor da nosa vida, a nosa independencia e liberdade, os nosos dereitos… desgrazadamente voltamos á rúa para denunciar o feminicidio da nosa veciña do municipio pontevedrés de Valga, de 43 anos, asasinada dun disparo no peito o pasado domingo polo seu marido, Javier B.F. De 46 anos, quen despóis de asasinala disparouse un tiro na cabeza. E desgraciadamente non somos tantas como o pasado día 8. Esa xornada moitas quixemos crer que outro mundo era posíbel. Que por fin tiñamos aliados dispostos a rachar co machismo, acorralar a violencia, aillar aos machistas e que as feministas somos capaces de parar tanta violencia.

María Xosé xa non está, decidiron por ela que a súa tiña que rematar. Decidiron que xa non podía gozar da vida en compañía d @s propios fillos, familia, e amigas.

Mas aquí estamos novamente, somos teimudas, sairemos ás rúas as veces que faga falta até conseguir que toda a sociedade galega repita o histórico 8 de marzo e de unha resposta similar e igual de contundente fronte aos feminicidios.

Os asasinatos machistas non son loucura, son control. Control da vida das mulleres, dos nosos desexos, do noso tempo. Nós non temos valor como suxeitos para os machistas porque non somos máis que un instrumento ao servizo dos desexos masculinos, do patriarcado e do mercado, tres patas que fan de nós, as mulleres, vidas prescindíbeis. Somos a propiedade privada que se pode vender, mudar, usar, manipular e explotar. Podemos ser agredidas, violadas e asasinadas, porque se encargou moi ben o sistema de sinalarnos e atopar adxectivos adecuados para xustificar os seus actos criminais, somos malas, putas, provocadoras, malas nais, malas mulleres, malas fillas… calquera excusa serve para xustificar asasinarnos, tamén a enfermidade.

Nos vindeiros días escoitaremos que non constaban denuncias previas de violencia. Posibelmente depositaremos parte da culpa na muller que non denunciou e non en todas as persoas que dun ou doutro xeito compartían espazos cun asasino e non viron tampouco o perigo nen fixeron nada para impedilo. Porque é preciso que dunha vez por todas poñamos o foco da atención no violento, no maltratador, no asasino e non nas vítimas.

Política, mercado, publicidade, prensa, tv, películas, novelas, xeran un imaxinario de posesión e de dominación do home sobre a muller, que fai que calquera de nós poidamos ser aquelas nas que se materialice a supremacía masculina, a masculinidade hexemónica dominante. Todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato.

Necesitamos máis medios para protexer aquelas que denuncian si, pero é fundamental arrincar de raíz a ideoloxía que permite que existan: esiximos coeducación nas escolas e formación en xénero para profesionais da medicina, para profesionais da xustiza, en definitiva, formación en todos os ámbitos. Xa temos nomeada a violencia. Agora toca loitar verdadeiramente contra ela cos medios suficientes. As mulleres non somos persoas para outros, reclamamos sermos persoas de pleno dereito, a violencia que padecemos ten que ser a primeira prioridade das políticas dos nosos gobernos. Xa está ben de que o sistema político e económico utilice a violencia que padecemos para que sigamos sendo cidadás de segunda. Cidadás que se ocupen dos traballos non remunerados que sosteñen a sociedade.

Estamos na rúa porque é urxente que dunha vez por todas se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se abran discusións sobre o machismo e a violencia nas escolas. Porque é preciso que se aborde desde idades temperás a violencia de xénero, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder, as relacións, a violencia machista, que se fale das opresións, dos privilexios de xénero, de educación sexual nas escolas e aulas deste país.

Estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravedade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 800 no estado español.

Porque aínda que desde as filas da dereita neguen a realidade dos feminicidios, e pretendan amosar que son asasinatos que se dan entre calquera xénero ou no ámbito doméstico, o certo é que os presos por violencia machista son o terceiro maior grupo nos cárceres do estado: actualmente hai case vinte mil reclusos por esta causa, fronte a once mil por homicidios.

Queremos poder ser libres. Para circular pola noite, para andar soas polas rúas, para separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten. Estamos fartas da violencia mas tamén da resposta das institucións ás agresións machistas.

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

Estamos aquí para amosar a nosa raiba contra a violencia machista que nos asasina. Para que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que esta en perigo. Que non lle pertencemos, nen nós nen a nosa vida, a ninguén. Que podo ser eu a próxima, que podes ser ti.

Que non imos ficar caladas. Que seguiremos saíndo ás rúas tras cada asasinato machista. Farémolo todos os dias que sexan necesarios, esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respecto, contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia que nos atravesa.

Querémonos Libres! Querémonos Vivas!

E seguiremos en marcha, ata que todas sexamos libres!

nacional@feminismo.info | @MMMGaliza | marchamundialmulleres

#Feminicidio #Valga #QuerémonosVivas #feminismogalego #machismomata#MMM #nenunhamenos

 

A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES. O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

Se é machista non é xustiza

A XUSTIZA ESPAÑOLA LIBERA AOS VIOLADORES.
O FEMINISMO RESPONDE NAS RÚAS

A Sección Segunda da Audiencia de Navarra decidiu dar por remate á prisión preventiva que mantiña engaiolados aos cinco integrantes da Manada, deixando en liberdade provisional desde onte aos violadores José Angel Prenda, Ángel Boza, Jesús Escudero, Antonio Manuel Guerrero e Alfonso Jesús Cabezuelo, logo de que fosen condeados a nove anos de prisión por un delito de abuso sexual a unha muller durante os Sanfermins de 2016.

O auto impón unha fianza de 6000€, decretando a súa liberdade co argumento de que “os acusados teñen a súa residencia a máis de 500 quilómetros do lugar onde reside a vítima” e que “se pode garantir a súa tranquilidade e sosiego con medidas menos gravosas que a prolongación da situación provisional”.

Desde a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza amosamos a nosa total repulsa contra este decisión e contra un sistema xudicial, o español, que ampara a violadores e desprotexe ás mulleres, e incrementando o risco para as mulleres de que calquera violencia cometida contra nós quede impune ou mal calificado.

A excarcelación dos violadores é coincidente, porén, co proceso xudicial ou engaiolamento de persoas por participar en mobilizacións pacíficas, por formar parte dun piquete, por manifestar críticas ao sistema nas súas cancións, por participar en mobilizacións contra o franquismo ou a prol do dereito de autodeterminación dos pobos.

Este novo golpe aos nosos dereitos é unha mensaxe directa do patriarcado, amparado no sistema xudicial. Do mesmo xeito que se puxo en dubida a veracidade da declaración da muller que tivo a valentía de denunciar, que viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpábel e a cuestionada, o acto de valentía que representou pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa vida privada e íntima naque a muller voltou ser violada non só durante o proceso xudicial, senón ao coñecer a sentenza que os absolvía do delito de violación, e agora coa súa posta en liberdade.

Condeamos de novo o sistema que ampara a estes violadores, condeamos que denunciar calquera tipo de violencia fique impune ante terminoloxías absurdas que cambian os feitos, porque a violencia machista é violencia exercida sobre as mulleres por selo, e condeamos a súa posta en liberdade. Porque con estas decisións o patriarcado afortala o seu poder contra cada unha de nós, porque detrás dunha violación reafirman o poder masculino sobre a especie. Porque a violación é unha poderosa arma do poder patriarca empregada polos homes para dominar mediante o medo, e adoutrinar a outros homes.

Porque o exercizo da crueldade sobre o corpo das mulleres (e nalgúns casos de homosexuais e persoas transxénero) é unha mensaxe aleccionadora que o capitalismo patriarcal precisa impoñer a toda a sociedade.

Por iso, irmás, as feministas galegas, nun acto de sororidade e repulsa a calquera tipo de violencia contra as mulleres no mundo, saímos onte e hoxe ás rúas para mostrar a nosa repulsa a esta sentencia infame por parte do aparato xudicial español, que non fai máis que darnos, máis unha vez, a razón en que  sistema xudicial, o estado e o sistema económico son quen alimentan e protexen baixo a impunidade práctica calquera tipo de violencia sobre nós. Saímos ás rúas contra os violadores da Manada, contra un sistema que nos mata e exerce violencia contra nós, contra unha xustiza machista, saímos ás rúas polas voces das que xa non están, porque imos seguir en marcha até que todas sexamos libres.

QUERÉMONOS VIVAS!

Asasinato machista na Coruña

Máis unha vez as peores consecuencias do machismo golpea en Galiza: o asasinato dunha muller.

Nesta ocasión a veciña de Coruña asasinada tiña 79 anos e era sogra do asasinato que ademáis tentou secuestrar á súa crianza de 21 meses, cando o capturaron tiña billetes para viaxar con ela fóra do estado.

O machismo é a principal causa de morte das mulleres no mundo. Unha violencia que non cesa e que cando consigue continuar na sombra destrúe a vida das mulleres mesmo que non se dé a peor das súas consecuencias, o asasinato.

Por iso, e porque as respostas institucionais son absolutamente insuficientes e non cremos xa nas mentiras dos pactos de estado, voltamos mobilizarnos para reclamar solucións de futuro: unha coeducación que comece na escola e que sirva para criar unha sociedade de iguais coa vida como valor supremo, recursos para atender ás mulleres que sufren violencia, xulgados con profesionais e recursos, xuízos xustos e rápidos, acabar coa presión das custodias compartidas impostas e cunha cultura que segue a ter o machismo como piar básico do relacionamento entre persoas.

Convidámosvos a participar da CONCENTRACIÓNS que terán lugar este mércores 23 ás 20H e a denunciar cada día e en cada espazo a violencia machista.

#NenUnhaMenos

#NenUnhaMáis

#QuerémonosVivas

#BastaDeViolencia

Resposta nas rúas ante un novo feminicidio

Espertamos cunha muller asasinada polo seu compañeiro en Becerreá, outro brutal crime machista que nos trae a violencia diaria ao primeiro plano golpeando coa forza desgarradora que a violencia bate nas mulleres. Voltamos convocarnos para saír á rúa este sábado a reclamar vidas libres de violencias, de todas as violencias. Porque só así deixaremos de espertar estremecidas cada vez que unha de nós (todas) é asasinada.

CONCENTRACIÓNS SÁBADO 23 FEBREIRO ÁS 20 HORAS:
  • Vigo, no Marco
  • Lugo, na Praza do Concello
  • A Coruña, no Obelisco.
  • Compostela, na Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
  • Ferrol, na Praza do Concello.
  • Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).
  • Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, R/ Rosalía de Castro.
  • O Carballiño, na Praza Maior
  • Vilalba, na Praza da Constitución
  • Val Miñor, no Parque Ramallosa (ás 18 horas)

 

 

Resposta nas rúas ante o asasinato en Narón

asasinatocaridadnaron.png

Soubemos da detención do marido de Caridad Pérez de 79 anos asasinada en Narón o pasado 29 de decembro. Saímos pois novamente á rúa visibilizar un asasinato machista e reclamar o fin da violencia contra as mulleres. Paremos o feminicidio!! Basta de violencia machista!! Querémonos vivas!! ?#?machismomata? ?#?bastadeviolencia? ?#?stopfeminicidio?

Venres 15 ás 20h
– VIGO, diante do marco, convoca Marcha Mundial das Mulleres
– OURENSE, Castañeira (subdelegación), convoca Marcha Mundial das Mulleres
– FERROL, diante do concello, convoca Marcha Mundial das Mulleres
– PONTEVEDRA, diante da Audiencia Provincial, convocan feministas de pontevedra
– LUGO, praza do concello, convocan feministas de Lugo 
– A CORUÑA, Obelisco, convoca acción feminista da Coruña
– COMPOSTELA, na porta do camiño, convoca feminismos Compostela

asasinatocaridadnaron.png

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

O luns erguiámonos coa descorazonadora noticia doutra muller asasinada en Vigo, na rúa Zamora, Inmaculada Cendón Rodríguez, de 56 anos.

Esta vez o asasino non foi o seu marido, nin o seu ex-marido, nin noivo, nin ex-noivo, non, foi o seu fillo pequeno de 27 anos, que foi trasladado ao Hospital Alvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, aínda que non estaba tomando ningunha medicación, nin tiña ningún diagnóstico previo de ningunha enfermidade mental.

E as interrogantes de sempre, ou mais que nunca. Por que? Foi un brote de loucura ou temos que considerar a Inmaculada Cendón, unha vítima máis da violencia machista?

Nas estadísticas oficiais de vítimas de violencia de xénero non aparecerá o seu nome, unha menos nesa longa lista de vítimas, pero para nós o asasinato de Inmaculada Cendón foi un feminicidio, definido como o asasinato de mulleres por razóns asociadas ao seu xénero.

Non sabemos se con este feminicidio o seu fillo quixo impor o seu dominio sobre a súa nai. Non sabemos se foi froito do machismo e a misoxinia que alimenta o medo e a desconfianza cara a liberdade das mulleres.

Pero si sabemos que Inma era a encargada do seu coidado, que foi a responsable de lidar día a día cos seus dous fillos, de aturar e mesmo ter que denunciar, as súas agresións.

Hai moitas persoas interesadas en que as mulleres sigan vivindo a violencia machista como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Hai moitos anos que as feministas ao analizar as causas da opresión das mulleres chegaron a conclusión de que o privado é político, pero con cada caso de feminicidio é necesario recordalo.

Cada vez que unha muller é asasinada, non podemos evitar a dor, a tristeza, a frustración e a rabia que sentimos por eses que queren impor o seu dominio asasinando.

Pero non queremos estar soas fronte a tanto sufrimento. Xa é hora de que a sociedade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio.

Convocamos a toda a sociedade para que sinta a indignación, a insatisfacción e o desasosego cando se exerce a violencia contra as mulleres, cando se asasina a nenas, avoas, as nosas irmás, mulleres, para esixir que se tomen medidas.

Convocamos a todas as forzas políticas para que tomen conciencia da magnitude do

feminicidio e tomen medidas de xeito urxente para protexernos da violencia machista e para garantir todas as axudas, recursos e medidas necesarias para combater o feminicidio dun xeito real.

Convocámosvos a todas e todos para que xunto a outras e outros soñemos a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia contra as mulleres. Por que non é natural, non é bo continuar con tanta dor, medo, impotencia, rabia, tristeza e frustración polas múltiples violencias que acotío vivimos.

Convocamos a todas as mulleres para que se ergan, para que asuman a conciencia da súa autonomía, para que se xunten con outras mulleres, collan forzas, e poidan liberarse das opresións a través do pensamento transgresor.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

E tempo de buscar acougo e forzas, de alentar a resistencia e a rebeldía, de non deixar soas as máis vulnerables, e de loitar contra a os feminicidios.

Porque o día que nos venza o medo, o día que nos conformemos, que creamos que nada se pode facer. O día que nos calemos, ese día estaremos perdidas.

Convocámosvos para seguir achegando á construción dunha vida libre de violencias.

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

As mulleres somos asasinadas polos soldados do patriarcado e cales son as novas que máis se partillan pola rede social twitter?, o cambio de hora e o partido de fútbol(Celta-R.Madrid). Nos xornais en papel aparécemos cunha pequena reseña, no apartado de sucesos como algo anecdótico e cunha forma de encauzar a nova como se fora un chisme de taberna e non como tería que ser baseada nunha análisis en profundidade porque os asasinatos de mulleres que acotío acontece non é algo casual está sucedendo no noso día a día e se chama feminicidio. Termo acuñado por Diana Russell e Jane Caputi como “O asasinato de mulleres realizado por homes motivado por odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade das mulleres. Sentimento este de propiedade que os leva ao control das amizades, da hora de chegada, do teléfono…..e a arrebatarlles as vidas como donos do seus destinos.
Día a día nos asasinan , imos caendo como nun campo de batalla. Berramos nun mundo onde non somos escoitadas. Isto nos fai pensar, que pouco valemos no ámbito público as mulleres!, uns minutos de silencio institucional, unhas palabras condenatorias, uns teléfonos para denunciar….Acaso dende as institucións non teñen meiores ideas para rachar co feminicidio nos distintos ámbitos onde as súas alas pousan?
Mentras tanto, as que seguimos vivas por Concha e por todas as que xa non veran máis a luz do día, nin sentiran os raios de sol a quentar a súa pel, nin apertaran na ledicia do reencontro nin nas despedidas, nin bicarán os seus beizos cando asi o corpo o desexase e a quen desexase… Por elas e por nós temos que unirnos en redes e baixo o parauguas feminista para empoderarnos, para facermonos fortes, desafiar e loitar contra un exercito, dentro deste modelo social de guerra no que estamos socializadas, denunciando e concienciando como asi o ven facendo a Marcha Mundial das Mulleres

Non consentiremos que a violencia machista continue asasinándonos!!!!

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE: BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE:
BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO
O pasado venres foi asasinada en Arbo Beatriz Rodríguez Mariño xunto a a súa actual parella Sergio Rodríguez. Como case sempre as autoridades policiais e xudiciais non confirman o feito de que se trate dun novo caso de violencia de xénero, pero o certo é que o seu ex-compañeiro, e pai da súa filla está detido.

Nos medios de comunicación puidemos ler algúns comentarios dos compañeiros de traballo de Beatriz. Din que o seu ex nunca aceptou o feito de que ela decidira romper, que non a tratou moi ben e que últimamente metíase moito con ela por telo deixado pero que ela nunca presentou denuncia porque non o quería prexudicar, porque era o pai da súa filla…

Estes comentarios reflicten ben o problema da violencia machista:
  • Unha mala relación, que nin a sociedade nin a vítima identifican con violencia de xénero, porque entra dentro dos parámetros aceptados socialmente. Uns parámetros que grazas ao feminismo están cambiando e que actualmente levan a que moitas mulleres, a pesar de ter moi interiorizados os estereotipos e roles de xénero, poidan detectar e identificar as mostras de abuso, que  modifiquen a súa capacidade de comprensión e de sacrificio polos demais, que non estean tan predispostas a desculpar e perdoar. Un cambio que leva a que moitas mulleres decidan rachar unha relación sentimental non satisfactoria.
  • Pero este cambio de mentalidade atópase a miúdo con un home que ten crenzas estereotipadas sobre o modelo masculino e feminino, que considera a muller como inferior e séntese dono da persoa que abusa. Unha posesión que é unha forma de negar a humanidade e a identidade da parella, que socava o respecto e o recoñecemento da persoa amada. A paixón de dominio e control, xustificada como un dereito natural, que adoita desembocar na dúbida, no sentimento de traizón e na violencia se estes desexos non se satisfán. De aí ven que moitos dos asasinatos por violencia machista prodúcense cando a muller decide rachar unha relación, ou empezar unha nova, e o home non acepta perder o seu dominio.
  • Fronte a falsa crenza de que moitas mulleres presentan denuncias falsas para obter privilexios, a inmensa maioría das mulleres que sofren malos tratos ou o acoso da súa parella ou ex-parella non o denuncian. Porque seguen predispostas a desculpar e perdoar ao seu agresor; porque séntense culpables de telo abandonado e de empezar unha nova vida; porque non queren que os seus fillos ou fillas carguen coa humillación pública de ter un pai maltratador…Porque non son conscientes de que as ofensas verbais poidan desembocar en asasinato.

Pero, aínda que o tivera denunciado, a denuncia desafortunadamente non garante a seguridade das vítimas. A policía, a xustiza, as institucións, non están a pór todos os recursos necesarios para garantir á seguridade  das vítimas de violencia de xénero. O caso de Isabel Fuentes,  asasinada nun hospital público en Ourense, no mes de maio, onde se atopaba ingresada por mor dunha agresión anterior, demostra  a desprotección que sofrimos as mulleres fronte á violencia machista e a enorme distancia entre as palabras de preocupación  pola violencia de xénero e as medidas que se adoptan -mellor dito non se adoptan- para garantir a seguridade das vítimas ou facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están a sufrir.

Pero non nos enganemos. É a sociedade quen ten que comprometerse na loita contra a violencia machista. Non vale conmoverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

En sororiedade con Beatriz, con todas, tolerancia cero coa violencia machista en todas as súas manifestacións. Debémoslle a cada unha das  mulleres asasinadas, agredidas, violadas, humilladas,  e as fillas e fillos desas mulleres  o noso compromiso firme e decidido contra a violencia  machista.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS
O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.
YouTube
YouTube
Instagram
Telegram