MANIFESTO ORGULLO LGTBIAQ+

Un ano mais, dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos apoiar o día do orgullo LGTBIQ+ . Sempre é preciso a reivindicación deste día, pero agora debemos facelo se cabe, con maior intensidade, xa que, no noso entorno, asistimos nestes anos a un aumento de agresións e LGTBIQ fobia. Queremos denunciar, que baixo un manto de maior visibilidade e aceptación, segue a esconderse a intolerancia e discriminación máis feroz. O Colectivo de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Intersexuais continúa a ser acosado, invisibilizado, discriminado e rexeitado no ámbito laboral, nas escolas, nas institucións, nas rúas…e en todos os ámbitos da vida dunha persoa.

Conmemoramos neste día os disturbios de Stonewall, acontecidos no 1969 en Nova York, cando un grupo de lesbianas, gais, travestis e transxéneros alzaron a súa voz, fart@s de sufrir continuos abusos. Ao longo da historia repetíronse moitos Stonewall e agardamos ver o día en que non faga falla reivindicar algo tan de sentido común, como que todas as persoas somos diversas e diferentes mais debemos ter iguais dereitos e dignidade.

En moitos países segue a ser un delito que os teus afectos ou sexualidade non sigan as normas obrigadas polo heteropatriarcado e relixión. Así, moitas persoas son torturadas, apresadas, violadas ou asasinadas polo simple feito de expresar a súa sexualidade. Son moitas as normas escritas que legalizan e promoven a represión contra o colectivo LGTBIQ+ . Son moitas as mensaxes de odio que se difunden con total impunidade. Seguen a existir supostas clínicas onde se “curan” comportamentos denominados por estas como “desviados”. Son moitas as persoas que sofren todas estas violencias e humillación e somos cada vez máis as que queremos mudar esta inxustiza.

Parécenos que as escolas son unha ferramenta fundamental de transformación desta situación e dende as que debemos traballar valores igualitarios e integradores. Mais os continuos acosos que sofren menores nos colexios e institutos reflicten con grande crueza que neste ámbito non se está a educar axeitadamente na diversidade e no respecto as orientacións afectivo-sexuais e identidades de xénero das nen@s. Sendo un inferno para el@s un entorno que debería servir para reforzar a súa personalidade e formación. Por iso denunciamos reformas educativas que buscan unha maior presenza das relixións nas escolas e que promoven sociedades máis insolidarias e reaccionarias.

A loita contra a homofobia, lesbofobia, e transfobia debe extenderse a todos os eidos da sociedade: educación, familia, política, medios de comunicación… para rematar coa terrible inxustiza de ver mermados os teus dereitos como persoa, ser rexeitad@ ou incluso agredid@ por algo propio da túa liberdade persoal. Reivindiquemos, pois, este día, como un día de loita, mais tamén, como un día de orgullo e dignificación da diversidade afectivo-sexual, das diferentes indentidades de xénero e sexuais e da estrutura familiar escollida libremente.


Por todo isto, convidámoste a participar nas actividades organizadas pola Asociación Nós Mesmas en Vigo co gallo da celebración deste día e desfrutar de proxeccións, obradoiros, exposicións, música e poesía nos días do 19 ata o 28 de xuño.

#feminismo #LGBTQI #diversidade #dereitos #activismo #reivindicación#festa

POLA PAZ E CONTRA A GUERRA

 

POLA PAZ E CONTRA A GUERRA

Chamado para 24 horas de acción en solidariedade feminista en todo o mundo

O sábado 3 de xuño, de 12:00 a 13:00h, únete a nós nunha acción solidaria pola paz en todo o mundo. Podes manifestarte, escribir unha mensaxe…ou só sacar unha foto ou gravar un vídeo e colgalo no noso facebook.

e enviánolo ao correo electrónico: info@marchemondiale.org


Ser muller é vivir constantemente nun período de guerra. Repetimos esta frase durante a nosa Cuarta Acción Internacional en 2015 ao explicar o contexto no que vivimos as mulleres nos nosos fogares, comunidades e territorios. Durante o noso X Encontro Internacional en Maputo, que se celebrou en outubro de 2016, existiu consenso sobre que a violencia e o terrorismo están a estenderse no mundo a pasos axigantados. A ofensiva conservadora e a militarización da vida cotiá das mulleres pasaron a ser unha tendencia habitual en todos lados.

De norte a sur, de leste a oeste, as mulleres sofren os efectos e as consecuencias da ocupación territorial por parte dos réximes imperialistas coloniais, que subxuga os pobos en condicións infrahumanas e a través de asasinatos e encarceramentos traumáticos mentres o resto do mundo contempla en silencio. Isto é unha guerra.

Estamos a ser testigas da subida dos gobernos de extrema dereita e populistas de dereita en moitos países do globo, que impoñen un retroceso nos dereitos conquistados durante moitas décadas grazas a loitas populares pola xustiza, a liberdade e a igualdade. Por unha banda, incitan á intolerancia, o odio e a guerra contra minorías, migrantes, negras, indíxenas e persoas disidentes. Por outro, estes gobernos están a forzar a entrada dunhas axendas neoliberais moito máis radicais que defenden os intereses de corporacións transnacionales que apoiaron as súas campañas electorais.

Enfrontámonos a novas formas de colonialismo, onde eses gobernos, en conivencia con Corporacións Transnacionales (TNC), invaden nacións en África, Asia e América Latina aducindo investimentos directos e cooperación ao desenvolvemento. Manipulan a gobernos nacionais cuxas eleccións financiaron a través de mecanismos de axuda e baixo o paraugas dos Tratados de Libre Comercio e políticas neoliberais. Acaparan terras; desposúe e despraza familias e comunidades enteiras da súa forma de gañarse a vida e de todos os recursos naturais que son esenciais para a vida. Nestes contextos, as comunidades teñen que soportar extrema pobreza, violencia e medo sobre o seu presente e futuro. As mulleres págano caro mentres loitan para asegurar medios de supervivencia para as súas familias, son explotadas en traballos non remunerados e moitas veces acaban en prostitución, matrimonios temperáns e forzosos cun futuro embargado.

A militarización das nosas vidas cotiás ten pasado a ser habitual en todo o mundo. As superpotencias producen armamento e véndenllo a países onde posúen intereses económicos sólidos. As nacións africanas son os seus mercados preferidos, en particular os países de África Occidental e outros países como República Centroafricana, a República Democrática do Congo, e Mozambique. Fomentan a débeda ao prover armas aos gobernos nacionais e grupos rebeldes, que á súa vez sementan guerras civís e ataques terroristas en todo o territorio.

Mentres os pobos loitan entre eles, as TNC intensifican as súa operacións extractivistas e recuperan o pouco diñeiro que pagan como impostos en forma de pagos de débeda. Neste contexto, os gobernos nacionais carecen de capacidade para ofrecer servizos básicos, como sanidade, educación, auga e saneamento, vivenda, transporte público; non queda espazo para o proceso de construción de institucións democráticas. Aumentan a violación dos dereitos das mulleres e crimes xerais cando os sistemas xudiciais só defenden e protexen os intereses de elites políticas e a impunidade das TNC. Isto é unha forma de guerra.

Democracia foi deostada e non conseguiu que se celebren unhas eleccións xustas, mantendo gobernos ditatoriais no poder durante moitos anos. Os dereitos constitucionais e as leis manipúlanse e cambian conforme aos intereses dunhas elites minoritarias. Somos testigas de detencións e asasinatos de activistas políticas e do peche das súas organizacións en Turquía, Burundi e en moitas outras partes do mundo. As institucións rexionais e mundiais non conseguiron mediar nos conflitos nin fomentar a rendición de contas. En lugar diso, seguen lexitimando esas ditaduras.

Miles de persoas venxe forzadas a migrar. Vivimos un período histórico de mobilidade das persoas en busca dun lugar onde salven a vida e a vida das súas familias. África é o continente que recibe maior número de migrantes: nenos, mulleres e homes de zonas rurais a urbanas, e dun país a outro.

Miles de migrantes de África e Oriente Medio morren no mar Mediterráneo tentando chegar a Europa para salvar a vida, tentando escapar de toda a brutalidade que causan as guerras, a fame e as persecucións provocadas polas mesmas forzas capitalistas que se mencionaron antes. As migrantes viven nunhas condicións moi vulnerables e enfróntanse a todas as formas de discriminación: non se lles recoñece a cidadanía, non teñen acceso a empregos, non poden vivir coas súas familias, están expostas á fame negra, a enfermidades e a moitas outras cousas. As persoas migrantes son seres humanos con coñecementos, cultura, valores e teñen un papel que desempeñar no proceso de construír un mundo mellor para todas.


Nós, activistas da Marcha Mundial das Mulleres, facemos un chamado a todas as activistas, compañeiras e aliadas de todo o mundo para que se unan a nós nunha acción solidaria pola paz o sábado 3 de xuño, de 12:00- 13:00h. Colgade as vosas mensaxes ou as vosas fotos na nosa páxina de Facebook:


Comparte as túas mensaxes/ demandas en solidariedade pola paz, contra a guerra, polos dereitos das migrantes, por mulleres que viven en territorios ocupados, polos pobos afectados polas TNCs…..

Seguiremos en Marcha ata que todas sexamos libres!

24 DE MAIO- Día Internacional das Mulleres Antimilitaristas

 

Dende a Marcha Mundial das Mulleres, conmemoramos neste 24 de maio, como todos os anos, o día da muller antimilitarista. E denunciamos a violencia e guerras nas que o poder económico amasa beneficios a costa do sufrimento dos nosos pobos.

A industria armamentística, da que os estados son cómplices, move miles de millóns sendo unha das máis rendíbeis do mundo. Como vender todo este arsenal nun mundo en paz? Precisamos conflitos consumidores. Así, aliméntanse guerras como as de Siria, Sudán, Yemen, Congo…onde o beneficio é dobre. Un mundo en paz, enriquece ao pobo. Un mundo en guerra, enriquece ao grande capital. Da guerra e o conflito come a empresa armamentística, máis tamén come a petroleira, e todos os sectores que dispoñen de materias primas a prezo de espolio.

Nos conflitos armados as mulleres sufrimos dobremente. Un mundo en paz, empondera as mulleres. Na guerra, as mulleres somos saqueadas: os nosos fogares, o noso traballo e, o máis terrible, o noso corpo, convértense en botín de guerra. En todos os conflitos armados, miles de mulleres son violadas, escravizadas, prostituídas… sufrindo abusos inimaxinables. Esta violencia goza, porén, de total impunidade, sendo inexistentes os casos nos que os culpables son xulgados ou os seus actos teñen algunha consecuencia.

Denunciamos, así mesmo, que non consideramos que vivimos en paz nun mundo desigual e inxusto. É violencia a explotación laboral, a pobreza. Cando se apoia un réxime corrupto ou autoritario, estase a disparar contra a poboación. Cando se desposúe a un país dos seus recursos, está a ser bombardeando. A fame nun país, é guerra. A falta de liberdade de expresión é guerra. A opresión e falta dos dereitos das mulleres é guerra.

“Nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”

NON SOMOS INCUBADORAS

NON SOMOS INCUBADORAS

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos posicionarnos e deixar clara a nosa postura fronte ao debate aberto sobre os “ventres de aluguer”. Primeiro, reivindicamos esta denominación para esta práctica fronte a outros termos moito máis asépticos, nos que, con clara intención, se busca eliminar o compoñente mercantil e a figura da muller como nai. Así nun principio “maternidade subrogada” e, de seguido, “xestación subrogada” pretenden edulcorar esta realidade, equiparándoa ademais, a unha técnica de reprodución asistida. A maternidade subrogada non é unha técnica, non é equiparable á fecundación in vitro, nin á inseminación artificial, que si o son. Son entón todos os embarazos técnicas de reprodución asistida? Xa que a muller xestante, ten un embarazo e un parto exactamente igual que se non houbera ningún tipo de acordo entre as partes. O embarazo non é aséptico. A muller no seu corpo sofre grandes cambios físicos, hormonais, psicolóxicos e emocionais, podendo ser algúns irreversibles. Enfróntase así, a riscos para a súa saúde (cesáreas, embolias, ter que extirpar o útero…) que poden supor, incluso, a súa morte.

Queremos destacar que este non é un debate inocente. Un poderoso lobby e moitas empresas están a facer moita presión para que sexa este un tema central, xa que son moitos os millóns que se están a ganar grazas a explotación dos corpos das mulleres. En Madrid, o 6 de maio deste ano, vaise celebrar a feira Surrofair sobre este tema. Neste tipo de feiras pódense consultar catálogos de mulleres para a doazón de óvulos e aluguer de ventre como se de gando se tratara. Ademais, sendo este un procedemento prohibido no Estado Español, as empresas participantes explican impunemente cómo facer este procedemento noutro país e empregar despois subterfuxios legais para legalizar @s menores. Cómo se permite celebrar este evento? Podería facerse unha feira sobre o traballo infantil ou sobre a compra de órganos? Isto demóstranos o poder que este sector está a ter.

Os defensores dos “ventres de aluguer” falan de liberdade de elección das partes e do dereito a ser nai/pai. A palabra liberdade neste tipo de ámbitos, ensucia a súa cor. O capitalismo sempre defende a liberdade de mercar/vender. O mercado xa domina os nosos recursos naturais, grandes partes da nosa vida e precisa tamén poñer prezo ao corpo das mulleres, á nosa capacidade de ser nais, aos nosos óvulos, tratándonos como incubadoras. O argumento é que se as dúas partes queren, hai que respectar a liberdade individual. O problema é que si vemos unha clara liberdade na parte d@s que mercan, pero non se ve esa libre elección na muller xestante. Vemos a mesma capacidade de elección no caso das persoas que venden un órgano do seu corpo, nas persoas que traballan na India con míseros salarios ou no traballo infantil. Ti escolles facelo, si, pero dentro das túas inxustas alternativas. Os casos da chamada “maternidade subrogada altruista” son anecdóticos nos países nos que está legalizada, fronte a comercial, que é o verdadeiro debate e onde está situada a verdadeira demanda. Non nos enganemos, se non hai retribución monetaria, ningunha muller pasa por este proceso difícil e con riscos, salvo con persoas moi achegadas, familia… mais nunca con descoñecidos. Falemos entón con propiedade: Non maquillemos esta práctica coas fermosas imaxes de altruísmo que mostran as empresas, de familias felices pola súa maternidade e unha xestante encantada de ter feito posible esa familia. Se non hai cartos polo medio, iso vólvese anécdota.

O outro concepto é a reclamación do dereito a ser nai/pai. Entendemos o duro e frustrante que é para unha familia que desexa ter fill@s o non poder materializalo. Mais isto non é un dereito, é un desexo. E consideralo doutro xeito si suplanta o dereito a integridade física de outras mulleres, que se vexan forzadas a aceptar esta situación por necesidades económicas. Ademais, nunca pode un dereito ser exclusivo de ric@s, os dereitos deben ser universais, non d@s que teñen poder económico para pagalos.
Cómo podemos defender un dereito no que @s pobres sexan unicamente as produtoras e @s ricas exclusivamente as consumidoras?

As mulleres da MMM reivindicamos que o mercado non pode regulalo todo, e o noso corpo é un límite claro. Por qué non facer tamén un mercado d@s nen@s xa nacidas? A adopción é un proceso regulado polo estado, no que se valora a idoneidade da familia adoptiva, mais, seguindo o tipo de razoamentos do neoliberalismo, por qué non facilitarlle a familias desexosas de maternidade o acceso a unha crianza sen máis trámites? Ou, por qué regular a doazón de órganos? Se unha persoa decide vender un dos seus riles, e outra persoa decide compralo, por qué impedir o que el@s decidiron “libremente”? por qué nese caso nos resulta grotesco e non no caso do uso do corpo dunha muller?

Creemos que o camiño ao que se deben dirixir estes casos é o da adopción. Sabemos que é un camiño non exento de dificultades, máis é o único defendible eticamente. Manéxanse datos, que collemos con cautela, que indican que a demanda de adopción diminuíu en favor da práctica do aluguer de ventres. Son varios os factores que provocan este cambio, mais cabe subliñar un que non nos parece en absoluto defendible: o factor xenético. A perpetuación da túa descendencia como necesidade por riba de criterios éticos e os dereitos de outras persoas. Se unha persoa quere realmente ser nai/pai non debería ser o factor xenético algo fundamental.

Fóra do debate da legalización desta práctica no estado español, no que nos manifestamos rotundamente en contra. Cabe a denuncia do que estas empresas están a facer en países máis pobres. Como en todo mercado, hai unha guerra de prezos, sendo India e Ucrania os países máis baratos. Non fai falla ter moita imaxinación para supor as condicións e situación das nais xestantes: os abusos son norma. Na India, están a funcionar auténticas “granxas de mulleres”, recluídas e hacinadas nun espazo por 9 meses, sen contacto coa súa familia, ata que paren á criatura que lles garantirá levar cartos para a súa casa. En EEUU, país modelo desta práctica, o prezo é moito maior. Nel entran mulleres de clase baixa ou media que precisan ingresos para o pago de seguros de sanidade, colexios, universidade…a pesar de que este é o modelo das garantías para comprador e vendedora, non hai casos de mulleres “felices e orgullosas de axudar a unha familia”, tal como di o lobby a favor, que pertenzan a unha clase social alta. Así mesmo, neste país, e por ende aplícase a toda a esfera neoliberal, fírmase un contrato que obriga á muller xestante ferreamente. Non pode arrepentirse, non pode abortar … polo que se conculcan gravemente os seus dereitos como persoa. Fronte a todos os testemuñas de familias felices tras mercar un bebé, ocúltanse totalmente todos os casos de mulleres xestantes traumatizadas por este proceso: ben por non querer finalmente ceder á súa fill@ pero ser obrigada, ben por danos físicos ou psicolóxicos. Outra situación completamente aberrante son os casos que se deron de compradores que finalmente non aceptaron ao bebé por ter malformacións ou algún tipo de enfermidade, como se de calquera tipo de mercadoría se tratara. Os casos de mulleres e menores vítimas desta práctica son numerosos, máis, sospeitosamente, nunca se lle da voz.

Finalmente, convidamos á reflexión de como neste sistema heteropatriarcal e capitalista, o sufrimento e saúde das mulleres é sempre secundario. Así falamos de doazón de óvulos e esperma coma se foran equiparables, cando no caso das mulleres, requiren unha intervención con anestesia, un tratamento hormonal moi potente e supón riscos graves para a saúde. Así, o procedemento da subrogación tamén se propón como un procedemento totalmente inocuo e cheo de garantías, cando amplos sectores da medicina, da ética e da xustiza se manifestan claramente en contra.

Porque non somos incubadoras, porque o noso corpo non é un campo de venda para o capital, dende a MMM denunciamos e posicionámonos en contra dos “ventres de aluguer”

Rana Plaza está en todas partes!!

 

Desmantelar o poder das corporacións

na vida das mulleres

 

O 24 de abril lembramos o masacre ocorrida en Rana Plaza, Bangladesh, onde máis de 1000 mulleres resultaron feridas e mortas no 2013 por causa do derrube do edificio no que traballaban en condicións infrahumanas e por un salario inmoral. Nós, activistas da Marcha Mundial das Mulleres, xuntas, en solidariedade elevamos as nosas voces para denunciar o lucro do capitalismo por medio da expropiación e a explotación do traballo produtivo que este está empregando de diversas maneiras, en todos os recunchos do mundo e na nosa vida diaria.

O capitalismo reestrutúrase permanentemente e utiliza os mesmos mecanismos violentos de acaparamiento presentes desde a súa orixe: apropiación das terras e da natureza, explotación laboral, control dos corpos das mulleres; violencia e poder militar. Isto significa que este sistema nas súas diversas manifestacións está directamente relacionado co neo-colonialismo e o patriarcado.

As compañías organizan o súa producción e toda a cadea de valores de maneira diseminada ao redor do mundo e teñen como obxectivo os países do Sur considerados como “paraísos fiscais” con man de obra barata. Con todo, a forza de traballo non pode ser a máis barata se os dereitos das e dos traballadores non están garantidos. Mulleres, en particular negras, asiáticas e /ou inmigrantes, inclusive dos países do Norte, sofren polas condicións precarias de traballo, realizan longas xornadas e reciben baixo salario.

Isto tamén débese á usurpación das terras das comunidades, á transformación da agricultura familiar en agricultura para a exportación, á deforestación e a contaminación dos ríos por as devanditas actividades das multinacionais e son as mulleres as que sofren a ausencia de recursos básicos como alimentos e auga necesarios para o sostén e o benestar das súas familias. Así, vimos depender do mercado para poder comer sen que teñamos poder adquisitivo e temos que percorrer longas distancias para abastecernos de auga. A clase traballadora de inmigrantes urbanos – na súa maioría composta por homes – que xorde da presenza destas compañías nas comunidades, favorece á súa vez a prostitución, os matrimonios precoces, é dicir o sexo multinacional, para liquidar as dificultades financeiras vividas polas mulleres e as súas comunidades.

Así mesmo, a industria alimentaria que apoia os alimentos xeneticamente modificados (OXM) instalouse plenamente nos nosos mercados. Nesta industria, a aparencia estética dos alimentos é máis importante que a súa calidade nutricional, o que significa que a nosa saúde e benestar véxanse gravemente comprometidos. A industria da moda e da tecnoloxía por medio da manipulación mediática para garantir un consumo acelerado crea necesidades superfluas e convéncenos que tal consumo concédenos un status elevado, levándonos a un modo de culto do noso amor propio.
Rexeitamos esta falsa idea que pretende que a feminidade mídese pola cantidade e o prezo do que compramos.

Este contexto, que afecta cada día ás Mulleres de distintas formas, é consecuencia do que se chama “libre intercambio”, que non é ningunha novidade e que ademais non ten nada de libre. Os acordos de libre intercambio (ALC ) son instrumentos que establecen normas moi ríxidas formuladas a través dun proceso extremadamente antidemocrático cuxo obxectivo é que tales normas sexan irreversibles para que as empresas multinacionais poidan ampliar a súa poder sobre as nosas vidas, controlar as políticas dos estados e a explotación da forza de traballo das mulleres. Con estes tratados de libre comercio (ALC), as sociedades tenden a apropiarse cada vez máis dos coñecementos ancestrais dos nosos pobos. Queren patentar a vida, as sementes, o coñecemento e detentar o monopolio das patentes polo maior tempo posible. Exemplos disto son o Acordo Tras Pacífico (TPP), o Tras-Atlántico (TTIP) e o Acordo sobre comercios e servizos ( TISA ).

Nós as Mulleres, loitamos contra os TLC xa que estes acordos son máis que simples regulamentacións do comercio entre países, son estratexias de dominación das persoas. Tales acordos amplían o alcance do mercado, aumentan as desigualdades entre os países e os pobos e son unha ameaza para a sustentabilidade da vida, contribúen ao aumento do efecto invernadoiro e repercuten na preservación da vida, a natureza e a súa diversidade terrestre e mariña. Representan un interese desmesurado de conquistar e explorar lugares como a lúa e outros planetas. As multinacionais ademais contan coa impunidade: violan os dereitos humanos, corpos, contaminan a natureza, os nosos corpos e non son castigados. Cambian os seus nomes, as súas marcas e os seus lugares de producción para aumentar as súas ganancias.

Ao opoñernos ao libre comercio, cuestionamos tamén un modelo de desenvolvemento que ao asociar o machismo e o racismo no mercado capitalista beneficia unicamente a unha pequena élite.
Así, denunciamos as estratexias do avance permanente do capital sobre os territorios e a
biodiversidade dos países do sur e a mercantilización da vida.

Nós, mulleres da MMM, reafirmamos a data do 24 de abril como data de Resistencia e de loita contra o poder e a impunidade dos TNC e contra todas as formas de explotación capitalista neoliberal. Convidamos ás nosas activistas e ás súas aliadas para unirnos ao redor desta reflexión/acción sobre o seu contexto específico incorporando as súas loitas locais neste debate máis amplo. O noso cuestionamiento está na base das alternativas que construímos ao redor da soberanía alimentaria, a agro-ecoloxía e a economía solidaria desde onde defendemos o traballo como un espazo para a liberdade das persoas que son produtoras e das que son consumidoras.

A nosa acción refórzanos e estimula as loitas e resistencias na nosa diversidade como mulleres que somos e representamos a nivel local e internacional.

Declaración 8M

DECLARACIÓN 8 MARZO

QUERIDAS COMPAÑEIRAS, AMIGAS, ACTIVISTAS E LOITADORAS

Nós, mulleres da Marcha Mundial das Mulleres, unimos as nosas voces para render homenaxe ás loitas históricas e cheas de vigor das mulleres e dos movementos feministas de todo o mundo.

Denunciamos o contexto politico mundial, marcado pola crecente toma de control de gobernos por parte de partidos de dereitas, que expresan odio, racismo, misoxinia, intolerancia e demas formas de discriminación. Tamén afrontamos a agudización e radicalización da violencia militarista que se emprega para controlar os nosos territorios: corpo, mente, terra, auga, bosques, coñecemento e mesmo o noso pasado histórico, o noso presente e futuro, para manter o patriarcado, o capitalismo neoliberal e o neocolonialismo como paradigmas prevalentes. Ao mesmo tempo, o discurso do desenvolvemento perde sentido cando as elites políticas acumulan riqueza, empañadas de corrupción e impunidade e cando as fráxiles institucións nunca renden contas aos pobos.

As inxustizas climáticas tamén aumentan en todas as rexións, destruíndo formas de subsistencia e provocando mortes sobre todo nas comunidades pobres. Os Estados-nación non logran avanzar nos seus compromisos coa xustiza climática e seguen propoñendo falsas solucións. Instamos o mundo a avergoñar ao presidente dos Estados Unidos polo retroceso que supón o seu rexeitamento do programa de acción para o clima. Igualmente, o seu discurso de “Estados Unidos primeiro” concede máis poder ás empresas estadounidenses para que sigan contaminando, desposuíndo a comunidades locais e explotando man de obra por todo o mundo, igual que se fixo hai séculos coa escravitude. Como ben sabemos, as mulleres do sur, as migrantes, as mulleres de cor, indigenas e as que representan unha minoría sexual pagan cos seus propios corpos e co seu traballo o prezo do crecemento económico, sen ningunha recompensa.

Neste contexto, as mulleres do norte e do sur afrontan hoxe en día á maior agresión contra os seus dereitos, que repercute na crecente violencia en forma de feminicidio, migración forzada (que desemboca na explotación das mulleres), traumas e morte.

Estas razóns son suficientes para solidarizarnos coas nosas compañeiras e con todas as mulleres que loitan.

– En toda África, as mulleres resisten a numerosas formas de violencia neocolonial perpetradas por compañías transnacionales do sector extractivo e da agroindustria, que invaden as comunidades e destrúen os seus medios de sustento, empobrecéndoas. Ante estas realidades, as mulleres e nenas sofren violacións, matrimonios forzados e embarazos precoces, o cal limita o seu acceso á educación e impídelles levar unha vida digna.

– No Mundo Árabe e no Oriente Medio, as mulleres resisten aos grupos fundamentalistas que sementan o terror nas comunidades e expoñen ás mulleres a numerosas formas de violencia e brutalidade, incluída a escravitude. As mulleres están respondendo con mecanismos de autodeterminación e autodefensa.

– Nas Américas, a esquerda está sendo substituída por gobernos de extrema dereita que están destruíndo importantes logros de varias décadas e volven traer axendas neoliberais que serven aos intereses capitalistas. As mulleres resisten defendendo os dereitos fundamentais e os dereitos da natureza e os bens comúns, e en consecuencia enfróntanse a que se criminalice a súa loita, mutilaciones e asasinatos.

– Asia sofre historicamente os efectos do colonialismo e do neoliberalismo. Na actualidade, mentres a pobreza aumenta a consecuencia de que as multinacionais intensificasen o control territorial, coa protección das políticas neoliberais globais, as mulleres están moito máis expostas á explotación laboral, a violencia sexual e a trata.

– En Europa, en distintas rexións, as mulleres estanse opoñendo ao retroceso no seu dereito ao aborto, imposto por forzas cada vez máis fundamentalistas, sobre todo radicais que se están facendo co control dos procesos de toma de decisións nos Estados. Se están utilizando as medidas de austeridade e a seguridade para xustificar o renacemento do neofascismo que provoca intolerancia cara ás migrantes e outras minorías.

Para celebrar o Día Internacional das Mulleres, apoiamos a proposta dun Paro Internacional de Mulleres porque cremos na necesidade de construír e reforzar o noso movemento internacional feminista como motor de solidariedade internacional de mulleres. Valoramos a autogestión de mulleres nos seus contextos de loita locais, nacionais e rexionais.

Unímonos como mulleres globais, coa mesma voz que alzamos no noso X Encontro Internacional “mulleres en resistencia, construíndo alternativas para un mundo mellor” porque, como dixemos, o noso movemento é a nosa alternativa. Cremos que ao unir esforzos con outros movementos de mulleres activos neste chamado, reforzaremos a loita ao redor de preocupacións comúns e recuperaremos as esperanzas!

Con todo, seguimos destacando as Accións Globais que planificamos durante o noso X Encontro Internacional, como:

– O 24 de abril, – Rana Praza está en todas partes!, Día Internacional no calendario da MMM, onde actuamos sobre a economía das mulleres (tendencias económicas mundiais): o mundo laboral, a autonomía económica das mulleres, etc.;

– O 3 de xuño – Acción Global: 24 horas de Acción Global sobre Paz e Migración.

Namentres, apoiamos os chamados ás accións organizadas no contexto rexional para abordar preocupacións rexionais.

SEGUIREMOS EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!

SOLIDARIEDADE coas nosas irmás do sahara occidental

18th Febreiro
Día das mulleres Saharauís

Unha loita incansable pola liberdade.
Desde a Marcha Mundial das Mulleres queremos enviar ás nosas irmás Saharauís un enorme abrazo solidario na celebración do seu día e expresarlles todo o noso recoñecemento e admiración pola forza e constancia coa que levan loitando décadas pola súa liberdade e a de o seu pobo.

As mulleres saharauís levan décadas defendendo o seu territorio e a liberdade das súas xentes ao tempo que combaten a cara máis brutal do sistema patriarcal que afecta en maior medida sempre ás desposuídas. A dignidade destas mulleres contrasta coa violencia e a miseria dos estados marroquí e español, responsables directos da situación do pobo saharauí.

Nun momento político no que tanto se fala da construción de muros para separarnos queremos lembrar que desde 1980 existe no Sahara Occidental un muro ao longo de 2.700km que separa o territorio e divide ás familias. Neste día das mulleres saharauís pedimos a desaparición deste muro da vergoña como de todos aqueles muros construídos no mundo pola guerra e o capitalismo contra a vida.

As mulleres do Sahara Occidental son un exemplo de loita contra as guerras imperialistas e o capitalismo que se reparte o mundo como un negocio máis para o enriquecemento das elites e de como a vida e a acción das mulleres convértese en resistencia e en defensa do presente e o futuro dos pobos.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres sumámonos á denuncia internacional contra o acordo comercial de Marrocos e a Unión europea que saquea e expolia os recursos naturais e riquezas do Sahara Occidental e reclamamos o cumprimento da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que afirma que o acordo comercial non se pode aplicar a este territorio pois non pertence a Marrocos.

Reclamamos responsabilidades políticas ao Estado Español e Marrocos pola repartición ilegal das terras saharauís que provocan xa 41 anos de ilegal ocupación e empobrecimiento das mulleres e os homes saharauís.

Reclamamos novamente a retirada de Marrocos dos territorios ocupados e a liberdade para as mulleres e o pobo saharauí.

En sororiedade feminista,

Seguimos en Marcha ata que todas sexamos libres!

Secretariado Europeo da Marcha Mundial das Mulleres

A SITUACIÓN DAS MULLERES CURDAS HOXE E A SÚA RESISTENCIA

A SITUACIÓN DAS MULLERES CURDAS HOXE E A SÚA RESISTENCIA

O que acontece en Oriente Medio, é un reto da sociedade, unha ameaza contra a democracia. En tódalas partes do mundo o crecemento dos extremos relixiosos, políticos e económicos é moi inquedante.

Preocupadas polo futuro dos dereitos democráticos en Europa o que sucede en Turquía, podería parecer unha etapa de experimentación da dominación dos pobos que coma sempre comenza polo asoballamento das mulleres. Así como o xenocidio armenio do 1915 antecedeu ó xenocidio nazi do pobo xudío, tememos que a cegueira da UE fronte ò incremento do totalitarismo turco vaia favorecer a instalación doutros rexímenes autoritarios en Europa.

O ano 2016 foi un ano terrible e cruel para Oriente Medio e para o pobo curdo, particularmente para as mulleres. O centro de Dyiarbakir foi destruido, as familias foron queimadas vivas, as militantes políticas, sindicais e asociativas foron arrestadas e dimitidas das súas función.

Os locales das asociacións, os seus medios de acción e de comunicación foron expoliados, as persoas electas foron remprazadas por funcionarias às ordes do goberno. Baixo pretexto do estado de urxencia 370 asociacións foron pechadas dentre elas as mais coñecidas: o KJA (congresos das mulleres libres), VAKAD (asociación das mulleres de Van), Rainbow Women’s Association, Selis Women’s Association, Mus? Women’s Roof, Bursa Panay?r Women’s Solidarity , Association, Ad?yaman Women’s Life Association and Ceren Women’s Association.
O peche das asociacións de mulleres neste período de violencia contra as mulleres, onde as violacións e o acoso sexual están en constante crecemento, é un ataque contra os avances e o traballo do movemento das mulleres. A sociedade civil turca está igualmente atinxida, os medios de comunicación acalados, as xornalistas, as universitarias, as creadoras, as escritoras son arrestadas co gallo de facer calar toda expresión de oposición ò rexime de Erdogan.

O estado de urxencia e as medidas lexislativas por delegación deben parar inmediatamente e a vía democrática ser reinstalada de urxencia.
Sabemos como as mulleres curdas levan a loita pola democracia, pola laicidade, pola igualdade, ata nas unidades combatentes contra a barbarie do estado islamista contra as dictaduras de Erdogan e de Bachar el Assad.

A pesar do enemigo extraordinariamente armado, protexido por potentes apoios e ademáis apoiándose sobre métodos dignos dos antigos bárbaros, as mulleres curdas fan progresar a esperanza no interior do seu pobo e no mundo.

O que acontece en Rojava è portador de esperanza. A Carta establecida, fundada sobre o principio do “confederalismo democrático”, é un contrato social que existe dende xaneiro do 2014 en tres cantóns (Djezire, Kobanê et Efrin) en Siria. A Carta integra os valores de igualdade entre as mulleres e os homes e constrúese ò redor dos comités locais e considera a diversidade étnica e relixiosa. A economía baséase nas cooperativas a nas iniciativas das mulleres.

Chamamos a tódalas mulleres a erguerse, para expresar a súa solidaridade e a súa sororidade así como a súa oposición a este horrendo réxime machista e coercitivo.

MARCHAREMOS ATA QUE TODAS AS MULLERES SEXAMOS LIBRES


Carta da Marcha Mundial das Mulleres en solidariedade coas mulleres curdas

Carta da Marcha Mundial das Mulleres en solidariedade coas mulleres curdas

O 09 de xaneiro do 2013 tres mulleres kurdas militantes foron atopadas mortas con feridas de bala no pescozo e peito no centro de información do Kurdistán, en Paris. Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membra do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez unha rapaza militante kurda foron asasinadas no momento no que o goberno turco tivo que  reiniciar as negociacións de paz co dirixente kurdo Abudallah Ocalan, preso dende 1999.Foi palpábel que a matanza das tres mulleres que dedicaron as súas vidas a defenderen os dereitos políticos e culturais do seu pobo só podería favorecer o Estado que as oprimiu.

O día 5 de xaneiro do 2016, o exército turco en Silopi, Norte do Kurdistán, volveu a asasinar  a tres militantes kurdas. Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para a IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP), cumpriu quince anos de prisión, sobreviviu a 68 días en folga de fame, e foi militante no movemento político kurdo; Pakize Nayir, vicepresidenta da Asamblea Popular de Silopi; e Fatma Uyar, membra da Unión de Liberación das Mulleres, foron asasinadas durante unha redada turca no barrio de Ye?iltepe.

Os asasinatos das activistas kurdas , que dedicaron as súas vidas a loitar pola liberdade e emancipación das mulleres revelan a brutalidade do goberno turco contra os kurdos, e a falta de vontade para chegar a calquera acordo de paz.No 11 de setembro do 2016, foron arrestados 37 co-alcaldes de municipios kurdos e se nomearon fideicomisarios non elexidos en 35 municipios. O primeiro que fixeron os administradores nestes municipios foi pechar os departamentos de política para as mulleres e os centros de mulleres.As directoras dos departamentos de mulleres foron custodiadas durante 26 días e interrogadas sobre as actividades de igualdade de xénero.As mulleres son os primeiros obxectivos. Pecharon todos os centros de mulleres destes municipios e as mulleres profesionais que traballaban neles foron despedidas.Os fideicomisarios incautaron ademais todos os documentos, incluindo información clasificada sobre 2000 vítimas de violencia. Non foron atacados só os dereitos á auto-determinación e autonomía, si non tamén as conquistas históricas do movemento das mulleres.Erdogán-AKP tamén detivo a deputados do HDP, e aos seus copresidentes Selahattin Demirtas e Figen Yuksekdag.

Foi declarado o estado de excepción, e o presidente Erdogan está a polarizar aínda máis á sociedade, afondando en conflitos étnicos e sectarios, coa finalidade de consolidar a extremadamente reaccionaria alianza ultranacionalista e islámica, traballada por el tras o intento de golpe o 15 de xullo, unha alianza que el ve como garantía para acadar o seu obxectivo de un “sistema presidencialista de tipo turco” – unha ditadura total.

Neste sentido, é fundamental recoñecer a importancia das nosas irmás kurdas asasinadas na súa loita pola liberdade, poñendo en perigo as súas vidas para loitar polos dereitos do seu pobo. As matanzas destas mulleres son un ataque á loita das mulleres kurdas pola liberdade, máis tamén son un ataque a tódalas mulleres militantes de todo o mundo. Polo tanto, a Marcha Mundial das Mulleres incluíu o 09 de xaneiro no calendario das súas actividades, como un día para lembrar a tódalas irmás mortas mentres loitan por un mundo mellor.

Seguiremos marchando ata que todas sexamos libres !

Solidariamente.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram