A Marcha Mundial das Mulleres de Compostela convoca á manifestación do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres, con saída ás 20h desde a Praza 8 de marzo, cun percorrido similar ao dos últimos anos, e rematando na Praza de Praterías.
Neste 25 de novembro do 2025, mobilizámonos sob o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista, porque sabemos que a violencia institucional constitúe o carácter estrutural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos dereitos. Precisamos reconstruír con perspectiva feminista toda a engrenaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres galegas. Con esta tarefa e a organización como a nosa mellor ferramenta seguimos en marcha, até que todas vivamos libres de violencia.
Desde o feminismo organizado, desde a Marcha Mundial das Mulleres, levamos décadas denunciando os crimes machistas como máxima expresión da violencia machista, mais esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista.
A violencia institucional ocorre cando axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder. Neste sentido, calquera autoridade pode incorrer neste tipo de prácticas que teñen efectos discriminatorios e negativos directos nos dereitos das mulleres e que poden afectar tanto a integridade individual como a colectiva.
Velaí os eixos polos que este ano saímos ás rúas no 25N. En Compostela será nunha manifestación convocada pola MMM que sairá da Praza 8 de marzo ás 20h. No que respecta a esta convocatoria, queremos trasladar que nos últimos anos, tanto nas datas do 8M como do 25N a MMM ven convocando manifestación en solitario despois de situacións vividas en convocatorias conxuntas, pola disensión existente con outros colectivos na abordaxe de cuestións como a transexualidade. Na manifestación do 25 de novembro do ano 2023 e en aras da unidade do feminismo, decidimos dar pasos para acadar unha manifestación única, como así tivo lugar. Mais, lamentabelmente houbo quen aproveitou esa convocatoria conxunta para amosar condutas transfóbicas, cousa que desde a MMM non toleramos. Tivemos coñecemento de feitos moi desagradábeis acontecidos nesa manifestación do 25N de 2023, entre eles agresións ao colectivo LGTB+, polo que a nosa organización decidiu non volver convocar conxuntamente cos outros colectivos implicados, que acollen persoas con esas condutas transfóbicas.
Por iso, igual que fixemos o pasado 25 de novembro de 2024 e o 8 de marzo deste ano, de cara a este 25 de novembro desde a MMM preparamos a manifestación conmemorativa do 25N en Compostela. A MMM de Compostela, comunicou en tempo e forma á Subdelegación do Goberno a celebración dunha manifestación o 8M, con saída ás 20h desde a Praza 8 de marzo. Mais a nosa sorpresa foi atoparnos con outra convocatoria, que se lanza para a mesma hora e lugar, e coa pretensión de ser unitaria, mais na que figura como organizadora algunha das mesmas plataformas que en varias ocasións e concretamente na manifestación do 25N 2023 ampararon as condutas tránsfobas polas que decidimos non volver convocar conxuntamente.
A nosa sorpresa foi maior, ademais, ao coñecer que a Subdelegación do Goberno, logo do informe favorábel da Policía Local de Compostela, autorizou dúas manifestacións que concordan en hora, lugar e percorrido, algo que no pasado xa supuxo confusión e mesmo problemas de seguridade e que, desde logo, non é o proceder habitual nestes casos.
Facemos un chamamento a aquelas mulleres que consideran, coma nós, que o feminismo é unha loita diaria que busca estabelecer e mellorar os dereitos das mulleres. Para a MMM o suxeito político do feminismo é a muller, sen importar o pasaporte, nin o q diga o D.I., nin o que se lea socialmente negando a nosa voz. Para nós muller é a persoa que coida, que é nai se quere, que aborta se lle peta, que non ten descendencia se así o decide, solidaria, sacrificada, que non promociona no traballo porque hai barreiras que llo impiden, que sofre violencia machista, institucional, obstétrica, e que loita todos os días para derrubar un patriarcado que a oprime pola súa condición, sexa esta biolóxica ou non. Esas son as mulleres polas que loitamos as mulleres da MMM. E non imos pasar por sumarnos a convocatorias que baixo a aparencia da unidade agochan condutas que van en contra desta cuestión fundamental para as mulleres e para a nosa organización, ademais de pretender invisibilizar o traballo de organizacións que loitamos todo o ano pola fin do patriarcado.
Tamén queremos comunicar publicamente algo que xa trasladamos tanto á Subdelegación do Goberno como á Policía Local: non entendemos como se autorizan dúas manifestacións concorrentes en hora e lugar e, desde logo, facemos responsábeis a estas institucións que así o autorizaron das incidencias ou problemas que poidan xurdir na xestión e transcurso destas manifestacións.
Nese sentido, cobra aínda máis valor o lema da campaña da Marcha Mundial das Mulleres para este 25N: Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista.
