Contra a censura da exposición “Corpos, Feminismos e Territorios”

[ Baiona ] Lume á censura e aos censores

O Partido Popular de Baiona denunciou a exposición “Corpos, Feminismos e Territorios” que se expuña no Concello de Baiona no marco do Outubro Diverso sob o pretexto de resultar ofensiva aos sentimentos relixiosas e amosar corpos de mulleres nús nun espazo habilitado para todos os públicos. Dende a Marcha Mundial das Mulleres e como coorganizadoras destas xornadas queremos achegar algunhas reflexións:

>> A exposición ocupa un lugar público porque é no espazo público que o feminismo precisa facerse visíbel para disputar co discurso machista, remover, provocar e transformar. Logo de séculos relegadas ao íntimo e doméstico as mulleres estamos decididas a ocupar o espazo público, asi rexeitamos calquera intento de “ocultar” ou “esconder” o que temos que decir, neste caso unha reflexión en torno dos nosos corpos.

>> A moral e as ideas relixiosas son, estas si, unha cuestión do ámbito privado de cada quen e non poden afectar nen influír nas decisións políticas. Non ven ao caso apelar a unha suposta ofensa dos sentimentos relixiosos para demandar a retirada da exposición. As mulleres padecemos durante séculos a mirada das relixións sobre os nosos corpos, sufrimos o estigma e a perversa división (santas vs putas) pola inxerencia da relixión nos asuntos civís. Rexeitamos que no nome de calquera crenza, se censure a nosa ollada e a das compañeiras sobre a nosa vida e a nosa existencia, e iso inclúe os nosos corpos.

>> A exposición “Corpos, Feminismos e Territorios” é unha exposición fotográfica que aúna arte e reflexións e intervención política, e mesmo que non o fose a censura da súa exposición pública no Concello de Baiona é inaceptábel.

>> Apelar, como fai o Partido Popular á gravidade de que as crianzas podan ver corpos de mulleres nús é a mellor proba do necesario deste tipo de intervencións políticas a través da arte. Vivimos nun mundo no que os corpos das mulleres son mercantilizados, agredidos, mutilados, sexualizados e maltratados precisamente pola falta de normalización da diversidade dos nosos corpos, pola falta de olladas desexualizadas sobre eles e pola falta de normalizar a visión do corpo fóra da ollada patriarcal.

>> Sabemos que o Partido Popular non é feminista, e tamén sabemos que asume os avances que o feminismo consegue pola presión social dun movemento cada vez máis grande e potente. A pretensión de censurar esta exposición é a enésima mostra do conservadurismo da dereita e apelamos ao resto de forzas políticas a non ceder ante estas posicións.

>> Estamos orgullosas de ter colaborado na organización destas xornadas e dos contidos das mesmas, ademáis tanto no traballo colectivo que deu como resultado a exposición “Corpos, Feminismos e Territorios” como no Fanzine Galiza Nación Cuir para o que foi feito estan envolvidas compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres, outro motivo de orgullo para nós.

#Censura#Baiona#OPPCensura#Corpos#Territorios#Machismo#Libres#LumeÁCensuraConcello de Baiona, Casa Colorida

As imaxes da exposición son de Alexandre Folgoso. Grazas tamén a el por colocar o seu talento ao servizo deste proxecto.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram