Crónica do Peche da 3ª Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en vigo (Galiza)

Onte, domingo 17 de Outubro de 2010 tivo lugar o Peche da 3ª Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres con actividades-espello en todas as partes do mundo do acto central que aconteceu en Sud Kivu na República Democrática do Congo.

Na Galiza ocupamos a Praza da Princesa de Vigo como símbolo da visibilización pública que queriamos facer da situación de guerra, opresión e violencia que sofren as nosas irmás congolesas, así como todas as irmás do mundo que viven en zonas de conflito armado. A través de exposicións que trataban os catro campos de acción do plano estratéxico no que temos traballado durante os últimos anos entre grupos de mulleres dos cinco continentes -Paz e desmilitarización, Autonomía económica das mulleres, Servizos Públicos e aceso aos recursos e Violencia contra as mulleres- presentamos non só as desigualdades das que as mulleres continuamos a ser obxecto, senón tamén as nosas propostas de accións alternativas para mudar un mundo inxusto, desigualitario e violento onde todas as persoas poderemos vivir, compartir e traballar con dignidade.

As bonecas feitas polos diferentes grupos da Coordenadora Nacional Galega foron tamén expostas ao redor da praza coas motivacións e valores que incentivaron a súa elaboración en cada unha das coordenadoras locais.

A auto-organización das mulleres é un dos eixes principais da Marcha Mundial das Mulleres que consideramos imprescindíbel a conscientización da propia situación de opresión para xerar iniciativas e dinámicas de loita e resistencia que sirvan para construír un mundo mellor desde a transformación das nosas comunidades mais próximas sen esquecer a interrelación global de todos os seres que habitamos este planeta chamado Terra.

Por iso iniciamos a xornada con un obradoiro participativo no que entre todas, de forma individual e colectiva, exploramos as nosas capacidades e habilidades para facer fronte ás limitacións e tamén ás oportunidades que se nos presentan durante a nosa vida. A compañeira Antolina xunto coas mulleres que participamos nesta actividade soubemos crear espazos de dialogo, reflexión, intercambio e participación popular e política a través dos valores e obxectivos das mulleres da Marcha, e todo en menos dunha hora, así somos as mulleres.

O Tribunal de Acusación contra as violacións dos dereitos das mulleres na RD do Congo levou ao público na traxectoria de violencia, horror e inxustiza que viven os diferentes sectores da sociedade congolesa ao mesmo tempo que foi identificando as causas dos conflitos armados e pobreza nun país con unha grande riqueza en materias primas e incuestionábel potencial humano. Neste conflito como en moitos outros que están a ocorrer en outros lugares, os responsábeis ten cara e nome e deben ser acusados, xulgados e condenados: o capitalismo, o machismo, o racismo, os gobernos corruptos, as multinacionais, os gobernos e institucións occidentais e internacionais que ollan para outro lado por conseguir manter un estilo de vida consumista e neoliberal onde o pobo fica desprovisto de toda capacidade de acción, todos foron xulgados e condenados neste Tribunal de Mulleres, onde a xustiza fíxose realidade.

Para finalizar cunha xornada intensa e emotiva o grupo de musica tradicional galega “Tanxedoras” animou un feche de xornada, compartindo con todas as presentes a mellor das herdanzas que pasan dunhas mulleres a outras, e que nos serven para construír entre todas unha comunidade forte, loitadora e independente: a lingua e a cultura galega, pois só construíndo desde o que somos poderemos conectar coa dor, sufrimento, mas tamén esperanza e alegría de outras mulleres, en outras partes do mundo, que senten e pensan, como nós, que un outro mundo mais xusto e libre é posíbel.

Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres!!

[ Album de fotos ]

 

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram