Negar a existencia e por tanto o dereito a unha vida feliz das persoas trans vai en contra da defensa dos dereitos humanos. Negar ás mulleres trans a súa identidade e o dereito a facer parte en pé de igualdade do movemento de emancipación das mulleres que é o feminismo nom só é discriminatorio senón que é racista e clasista.
Como feministas defendemos o fin das opresións e a construcción dunha vida feliz para todos os seres humanos e como mulleres a fin da nosa discriminación nunha sociedade que nos considera suxeitos subalternos.
Como feministas anticapitalistas non recoñecemos ás autoridades internacionais capacidade para decidir sobre as nosas identidades ou as das nosas crianzas e denunciamos o papel do capitalismo na mercantilización das nosas vidas e identidades.
Denunciamos o rol paternalista do Estado nos seus intentos de control sobre as nosas vidas e as das nosas crianzas. Non aceitamos a tutela psiquiátrica ou psicolóxica encamiñada a impedir a autonomía das mulleres en calquera das súas formas.
Rexeitamos os conceptos de “disforia de xénero”, “transtorno de identidade” ou “incongruencia de xénero” para definir ás persoas trans e que levan a procesos de patoloxización e mutilación corporal das persoas que son designadas socialmente cun xénero que non é o seu.
Demandamos atención sanitaria que non implique prácticas patoloxizantes nen itinerarios de medicación e cirurxía obrigada para a autodeterminación do xénero. Demandamos consecuentemente a desaparicións das Unidades de Transtorno de Identidade de Xénero.
Demandamos unha Lei Galega de Identidade redactada coa participación do movemento LGBT e feminista galego.Reclamamos a persecución dos delitos de odio contra as persoas trans.
Esiximos unha coeducación que visibilice a realidade das persoas trans e a eliminación dos materiais que perpetúan a estigmatización das persoas trans polo seu enfoque patoloxizante.