A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos

Manifesto da Campaña Europea
A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos
Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Nestes tempos avesíos de austeridade, constatamos con indignación o agravamento das condicións de vida das mulleres no noso continente, sobre todo no sur de Europa. En moitos países europeos a crise económica usouse para concentrar a riqueza e o poder en poucas mans, explotar ao máximo a forza do traballo, limitar prácticas democráticas, reprimir os movementos sociais e da cidadanía, e aumentar o odio e a división entre diferentes sectores da poboación.

A Europa do capital está a saquear as nosas vidas dereitos, está a levar as nosas sociedades a un estado de emerxencia no que somos as mulleres as principais afectadas tanto polos recortes como polas políticas conservadoras dos gobernos liberais que pretenden impor valores baseados na «volta ao fogar» e no modelo de familia nuclear contra o que tanto loitamos as feministas. Nós, mulleres, sufrimos de xeito diferente os efectos das crises económicas e sociais porque nos atopamos situadas de xeito diferente nas xerarquías do poder económico, político, social, cultural e simbólico. A división do traballo expresa a xerarquización de tarefas ou de persoas como ideas ou representacións sociais verbo das divisións técnicas do proceso produtivo e as relacións sociais que interveñen nel e que distribúen os e as traballadoras por distintas actividades.

Reclamamos unha vida digna que poña as persoas no centro da vida, que poña en valor os coidados fronte a unha economía que non é algo abstracto nin decisións afastadas, senón que determina e afecta ao día a día da vida das persoas. Vida que está en risco coas políticas de austeridade impulsadas desde os mercados financeiros que empurran os estados a rescatar a banca cando o deber dos gobernos é rescatar as persoas.

Marchamos polo dereito das mulleres á soberanía económica

As mulleres non podemos ter soberanía económica no sistema capitalista. As medidas de austeridade impostas poñen en causa a autonomía económica das mulleres, aumentando os seus niveis de desemprego e da súa duración, a precariedade laboral, a desigualdade salarial entre homes e mulleres, a diferenciación de xénero nas xubilacións e noutras pensións. As mulleres, que xa eran os rostros maioritarios da pobreza, serán, con estas medidas, máis pobres, e por iso tamén máis vulnerábeis ante a violencia de xénero.

Os recortes na inversión de diñeiro público, como por exemplo nos servizos e equipamentos de apoio a menores e a persoas da terceira idade, ou a mercantilización do acceso á vivenda, son un impacto claro da crise que dificultan en gran medida a autonomía das mulleres . Ademais, os recortes dos gastos sociais do estado presupoñen sempre un incremento de traballo doméstico e de coidados non remunerados (en xeral a cargo das mulleres), deste modo, as empresas dispoñen sempre dunha forza de traballo dispoñíbel en calquera momento que se contrata en períodos de expansión e que se despide en tempos de crise. O risco de agravamento da desigualdade nos usos do tempo de homes e de mulleres na familia é grande. Acentúase a idea, asumida xa de xeito cultural, de que as mulleres pertencen á esfera da reprodución e desvencéllase o home da responsabilización material e afectiva nestas cuestións do coidado da casa, das fillas e das persoas maiores da familia. Todo isto vese aumentado polo pensamento neo-conservador e austero, que busca impor valores ao «regreso das mulleres ao fogar» coas políticas «familiaristas» e asistencialistas de submisión dos dereitos individuais a un modelo familiar único e exclusivo, o que dificulta o camiño emancipador das mulleres.

As conceptualizacións sobre economía e traballo deben incluír na esfera do produtivo o traballo das mulleres, non exercido nos espazos «tradicionais» de traballo, como a fábrica, a oficina, etc. Queremos políticas de xustiza social, políticas de estímulo ao emprego, políticas non discriminatorias, senón emancipadoras, que garantan dereitos sociais e laborais e camiños de desenvolvemento económico e social.

É necesario e urxente o desenvolvemento, a nivel político e público, dunha cultura de dignificación do traballo con dereitos en todas as esferas da vida e a inclusión da dimensión da igualdade de xénero en todas as políticas públicas. Temos o dereito a unha vida digna e non á mera supervivencia.

Marchamos polo dereito das mulleres a unha vida sen violencia

Vivimos en sociedades patriarcais baseadas na violencia de xénero que mata e fere a diario a milleiros de mulleres europeas. Violencia física, sexual e psicolóxica, mais tamén simbólica que subalternizan as mulleres, ante as que os Estados se inhibiron nas súas responsabilidades.

Denunciamos a dobre, ás veces tripla discriminación da que son vítimas as mulleres inmigrantes, as mulleres negras, as mulleres portadoras de discapacidade, as mulleres lésbicas, as mulleres ciganas, as mulleres mozas, as mulleres de maior idade, as persoas transexuais, mulleres a quen aínda se lles negan os dereitos básicos de cidadanía e que se ven afectadas de xeito directo por estas políticas recesivas.

Exiximos respecto a unha vida sen violencias, nin de estado, nin policial, nin das forzas de seguridade, nin das nosas compañeira se compañeiros, nin das representacións estereotipadas e discriminatorias que confinan as mulleres a determinados papeis subalternos.

Marchamos para pór no centro da vida as persoas

O benestar das persoas debe ser o centro de toda a actividade política, económica e social. Por desgraza, asistimos a un aumento do contrario: a estigmatización das persoas, a subestimar as súas capacidades, a degradación das súas condicións de vida, a como se desperdicia todo o seu potencial para saír desta situación creada polo sector financeiro. Os intereses privados, moitas veces escuros, antepóñense ao interese colectivo e as políticas e discursos hexemónicos foron devastadores a nivel das subxectividades, xa que xeraron sentimentos de inseguridade, medo ao futuro, depresión, illamento e quebra das sociabilidades.

Queremos ser parte da solución, mais para iso non aceptamos os mitos e as narrativas hexemónicas, compracentes e derrotistas, que tratan os mercados como instancias «neutras» e «inocentes» e tendentes á lexitimación das actuais políticas de austeridade, baseadas nunha ideoloxía de competencia, maximización e centralización do lucro que rexeita calquera responsabilidade social.

Marchamos polo dereito das mulleres á saúde

Fronte á privatización da saúde e un modelo de saúde sexista e heteropatriarcal que nega os dereitos das mulleres a ser donas dos nosos corpos, exiximos que os nosos corpos deixen de ser campos de batalla das relacións de poder machistas e que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos sexan plenamente recoñecidos e asegurados.

Desde o inicio da crise asistimos en moitos países de Europa a unha redución moi preocupante e prexudicial dos investimentos nos servizos estatais de saúde públicos, chegando nalgúns casos á súa privatización, que afectan moi en particular ás áreas esenciais para a vida das mulleres como a planificación familiar, o apoio ao embarazo e a maternidade, a interrupción voluntaria do embarazo ou a prevención de enfermidades de transmisión sexual, entre outros.

O pleno aceso a coidados e servizos de saúde públicos e de calidade para todas e todos con independencia da súa orixe socioeconómica, localidade de residencia. etnia, orientación sexual, confesión relixiosa ou identidade de xénero, deben garantirse.

Tanto nesta como noutras áreas, non aceptamos nin aceptaremos que valores profundamente conservadores queiran de novo tutelar os nosos corpos e as nosas vidas.

Marchamos polo dereito das mulleres a unha vida sostíbel

Necesitamos o desenvolvemento de alternativas económicas que poñan no centro da organización económica e territorial o desenvolvemento sostíbel da vida humana, o medio e o benestar colectivo. Queremos ter o control sobre as nosas vidas!

A soberanía alimentaria dos pobos, a defensa dos sectores primarios e da pequena produción, onde as mulleres teñen desde sempre un papel fundamental e dramaticamente invisíbel, teñen que ser unha prioridade.

Rexeitamos un modelo de produción de crecemento infinito que esgota os recursos do planeta e a privatización de acceso a recursos naturais esenciais como a auga ou a terra, dos que as mulleres son as principais vítimas. A forma en como o capitalismo patriarcal e racista emprega o traballo das mulleres como un recurso inesgotábel é moi semellante á forma en como se emprega a natureza. A crise do sistema é unha crise da forma en que este está organizado. O proceso de mercantilización da relación das persoas coa natureza e cos seus corpos ten que confrontarse.

Marchamos polo dereito das mulleres á educación

Fronte ás políticas que recortan o acceso da poboación á educación, exiximos o dereito á educación pública, de acceso universal e gratuíto, unha educación non sexista e que promova a igualdade como un modelo educativo orientado ás persoas é a súa formación, e non á produción de «man de obra» para o sistema capitalista.

Rexeitamos a privatización da educación. A educación é un dereito humano central da vida, non un negocio.

Defendemos o acceso libre á cultura e rexeitamos a elitización do acceso á mesma. Reclamamos políticas que permitan a universalización do acceso á cultura e a defensa e valorización da cultura de cada pobo fronte ao discurso uniformizador da globalización capitalista.

Marchamos polo dereito das mulleres á soberanía política

Fronte a unhas sociedades cada vez menos democráticas nas que toman as decisións instancias privadas, e fronte á crise de representatividade das institucións públicas e a criminalización dos movementos sociais dicimos que as nosas democracias están capturadas e que é urxente liberalas.

Necesitamos construír mecanismos representativos de movementos da cidadanía desde unha perspectiva feminista, para o escrutinio crítico, moral e democrático das opcións políticas e financeiras. Reclamamos unha auditoría feminista cidadá da débeda pública co obxecto de anular a débeda ilexítima.

Necesitamos dunha Europa que respecte a soberanía dos seus estados e que garanta o control democrático por parte da súa cidadanía. Unha Europa dos pobos que defenda o dereito das nacións sen estado a decidir sobre o seu futuro.

Queremos democracia en todas as esferas das nosas vidas.

Nós, as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que termine co sistema capitalista e patriarcal, e que nos permita vivir a nós e a todos unha vida digna.

Feminismos como elementos centrais para solucións reais. O noso compromiso é este.

Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres
Outubro de 2012
Calendario de campaña
http://feminismo.info/feminismo/blog/2012/09/21/calendario-da-campana/

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram