O aborto baixo ameaza en Europa!

Declaracion do III Acampamento de novas da Marcha Mundial das Mulleres en Europa

abortobaixoameazaeneuropa.png

O aborto está baixo ameaza en Europa!

En países nos que o aborto era legal e libre no pasado, agora está prohibido.

En países nos que o seu acceso xa estaba restrinxido, non hai vontade política de legalizalo e tamén hai tentativas de restrinxilo aínda máis.

Noutros países onde o seu acceso é libre, hai ameazas legais e prácticas.

O dereito e o acceso ao aborto, xunto coa contracepción e a educación sexual, son dereitos reprodutivos fundamentais necesarios para garantir a nosa liberdade para dispor dos nosos propios corpos e vidas. A nosa integridade corporal é un dereito humano inalienábel; a futura hipotética vida (feto) non pode estar máis valorada que a vida existente dunha muller.

As mulleres seguen tendo abortos, sexa ou non sexa legal. As leis restritivas que prohiben o aborto non fixeron decrecer estes números e incrementaron as desigualdades económicas coas mulleres que non poden permitirse pagar abortos ilegais ou viaxar ao estranxeiro. Os abortos clandestinos practícanse a miúdo en condicións perigosas e son un perigo para a vida e saúde das mulleres.

Por que está o aborto baixo ameaza?

Os poderes políticos e patriarcais empregan a chamada “crise” como argumento para destruír o sistema do benestar e as estruturas sociais. A liberdade das persoas está a ser atacada, así como a solidariedade existente. Unha vez máis, a precariedade das persoas oprimidas vai incrementando. Ao tempo que os nacionalismos de dereitas seguen subindo, sufrimos cada vez máis ataques á nosa liberdade de escolla e dereitos reprodutivos. As políticas estatais de natalidade están implementándose basándose no desexo de incrementar a poboación nacional, promovendo a domesticación das mulleres e tratándonos como incubadoras ou “as nais das nacións”.

Para o Estado (económica e ideoloxicamente) é útil que as mulleres fiquen na casa ou leven a tripla carga de ser traballadoras, nais e coidadoras non remuneradas. O Estado instrumentalízanos, ponos e sácanos do mercado laboral para servir as políticas estatais e ao sistema económico capitalista.

O Estado, os partidos de dereitas así como a Igrexa empregan argumentos nacionais (“temos que protexer a nación”), conservadores (“o aborto vai en contra dos nosos valores”) e económicos (“non podemos permitirnos abortos gratuítos”) para lexitimar a restrición para as mulleres de decidir sobre os seus corpos. O Estado, a Igrexa e outras organizacións relixiosas, os partidos de dereita únense ao sistema patriarcal para acadar un mesmo propósito: o mantemento dos privilexios do home-branco-eurocéntrico.

Estados: quedádevos coas vosas conciencias, mantédevos lonxe dos nosos úteros e devolvédenos a nosa saúde, a escolla libre e o acceso equitativo á lei, xa que non debe depender dos cartos que teñamos nos nosos petos. Queremos aborto legal en TODA Europa. AGORA e para SEMPRE. Esta é a nosa esixencia mínima!

Chamada de solidariedade

Chamamos á solidariedade das mulleres e homes para fortalecer a rede feminista que xa existe en Europa e para manter o contacto cos movementos globais co fin de reforzar os dereitos das mulleres en todo o mundo. Temos que ser conscientes dos perigos e reaccionar a cada cambio na lei ou no discurso público – cada pequena restrición dos nosos dereitos, liberdades ou autonomía.

Solidarizámonos con todas as mulleres que, en todo mundo, loitan polo acceso ao aborto libre e gratuito. A nosa loita non rematará ata que todas teñamos os mesmos dereitos.

Chamamos a cada muller de Europa preocupada polo dereito ao aborto libre e grauito a que se informe e defenda o seu dereito. Chamamos a todas as mulleres a seren solidarias.

Os nosos úteros non son campo de probas para servir ao Estado e aos intereses de dominación masculina. Non somos propiedade nin dos homes nin dos estados!

 

**Preme na imaxe para descarregar o texto**

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram