O acoso sexual é delito

Ante o debate social aberto coa denuncia contra o presidente da Deputación de Ourense

Dende o feminismo traballamos nunha resposta social ao debate aberto en relación á denuncia interposta contra José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais.

Ante este suceso as mulleres da Marcha Mundial vemos con fonda preocupación que o debate social, lonxe de cuestionar ao denunciante e a violencia machista que supón exercer presión dende unha posición de poder para procurar favores sexuais, coloque o seu foco na muller que denuncia, cuestionándoa e banalizando a gravidade dunha acusación de acoso sexual e por tanto de violencia machista.

Co fin de contribuír a explicar socialmente o que significa o acoso sexual e que é outra forma de violencia machista vimos de pór en marcha unha campaña que levará por lema “O Persoal é Político. O acoso sexual é delito” mediante a cal queremos facer chegar a toda a sociedade este debate desmontando os argumentos falaces de pechalo no ámbito privado, de restarlle importante e o peor: de criminalizar á muller que denuncia.

bannerbaltar.png

Para iso elaboramos un cartaz que tentaremos visibilizar en toda a cidade, estamos preparando unha palestra sobre o acoso sexual na lexislación que terá lugar o 2 de decembro ás 20.0hh no Liceo (Ourense) e queremos facer público o seguinte comunciado:

O persoal é político

Demandamos do Partido Popular unha posición clara contra a violencia machista e o acoso sexual

O artigo 3 da Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero fala de formas de violencia machista e sinala como unha das formas de violencia o «acoso sexual, que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta». Tal definición de acoso sexual está inspirada e coincide no esencial coa tipificación do delito de acoso sexual contido nos apartados 1 e 2 do artigo 184 do vixente Código Penal.

Como forma de violencia machista, o acoso sexual non pode ser tratado só como unha cuestión relegada á esfera doméstica ou privada e por tanto persoal, senón que constitúe un problema social e como tal debe afrontarse. Debe ser no ámbito público no que se visibilice e denuncie e no que se trate calquera cuestión referida a denuncias desta índole por parte de calquera cidadán, e con maior rigor se cabe as relacionadas con representantes públicos nunha institución.

A sociedade debe demandar das autoridades todo o esforzo en esclarecer calquera circunstancia relacionada con denuncias sobre violencia machista, e máis sabendo que en moitos casos non tomar en conta os testemuños das mulleres que a sufren leva a terríbeis consecuencias como pode ser a dos asasinatos machistas.

Ante unha muller que denuncia violencia machista, e o acoso é unha forma de violencia, todos os resortes da xustiza deben colocarse no obxectivo de investigar, contrastar e resolver sobre as consecuencias do posíbel delito protexendo en todo momento tanto o anonimato como a integridade da muller e loitando por evitar a dobre criminalización que se produce cando quen se xulga social e mediaticamente é a muller que sufre e denuncia a agresión e non o seu agresor. Neste sentido, o artigo 30 da citada lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece no seu apartado 1 que «a Administración da Xunta de Galicia poderá exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia de xénero» e o artigo 31.1 da mesma lei insiste en que «nos casos en que proceda, a Xunta de Galicia poderá acordar o seu personamento nos procedementos penais instados por causa de violencia de xénero, en calidade de parte prexudicada civilmente, de conformidade co establecido no artigo 110 da Lei de Enxuizamento Criminal».

A denuncia feita contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de favores sexuais está tipificada na lei como acoso sexual e por tanto é unha forma de violencia que constitúe un delito. As abaixo asinantes consideramos que un representante público acusado dun delito de violencia machista non pode permanecer nin un día máis á fronte da institución nin da súa responsabilidade política. Tanto el como o Partido Popular deben asumir as responsabilidades políticas e aclarar publicamente a súa posición en relación á violencia machista e ao acoso sexual.

Como parte dunha sociedade crítica e comprometida que se nega a ser cómplice do silenciamento da violencia e de retorcidos debates que criminalizan aos máis débiles amosamos todo noso apoio á denunciante, ao seu dereito a expresarse e a non ser xulgada pola súa acción xudicial e expresamos ás veciñas e veciños de Ourense cales son as nosas demandas.

Demandamos do Partido Popular Galego que proceda a:

  • O cese inmediato do actual presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.

  • O remate da campaña de criminalización da denunciante e que deixe actuar á xustiza libremente.

  • Esixir ao presidente do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo que realice unhas disculpas públicas polas declaracións nas que sinalou a inexistencia de delito por non ter conseguido a denunciante un emprego, restando importancia ao feito da existencia da promesa que puido ser empregada como presión para violentar a liberdade sexual da denunciante.

Demandamos da Xunta de Galicia que proceda a:

  • Exercer a acción popular en caso de que se abra un proceso xudicial derivado da denuncia presentada contra José Manuel Baltar por ofrecer un emprego a cambio de relacións sexuais a unha ex traballadora da Deputación de Ourense.

 

Ourense, novembro de 2015

colante1redes.png

En sororiedade feminista

Seguimos en Marcha ata que todas vivamos libres de violencias.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram