Presentación da campaña polo 25 aniversario da Marcha

A Marcha Mundial das Mulleres ven de presentar a campaña que desenvolverá ao longo deste ano 2025 en torno á celebración e reivindicación do seu 25 aniversario como organización feminista na Galiza e no mundo. 

Con inicio neste 8M a campaña desenolverá máis de 30 actividades ao longo do país cunha manifestación nacional o 5 de outubro exixindo medidas reais para transformar a vida das mulleres traballadoras.

A Marcha Mundial das Mulleres naceu no ano 2000 en resposta a un chamado á movilización mundial das feministas anticapitalistas do mundo por parte das compañeiras do Quebec. Cando aínda non existían os fenómenos virais nen as posibilidades que hoxe existen de organización a nivel global feministas de todos os continentes uniron a súa voz para loitar contra a violencia machista e o empobrecimiento das mulleres. 

Naquela altura o feminismo galego respondeu a este chamado constituíndo a Coordenadora Nacional Galega da Marcha que leva 25 anos traballando a nivel local e internacional en pé de igualdade con compañeiras de máis de 60 países, dende Brasil a Moçambique, o Sahara Occidental, Kurdistán, Palestina, Cuba ou Guatemala até as Filipinas ou o Xapón. Elaborando análises colectivas e tamén trasladando a realidade e as alternativas feministas das mulleres galegas ao resto de compañeiras do mundo.

Ao longo destes 25 anos foron moitas as reivindicacións e accións que desenvolveu, dende a mobilización de mulleres de aquel 9 de marzo de 2003 na que mulleres de todo o país se desprazaron a Cee para berrar xuntas “Nem Guerras, nem machismo nem marés. Nunca máis chapapote patriarcal”, aos diferentes momentos chave na loita polo dereito ao aborto coa campaña de autoinculpacións de 2008 ou o impulso da plataforma galega polo dereito ao aborto ante a ameaza do PP en 2014, a Marcha iniciou a resposta coordenada fronte aos feminicidios no noso país, hoxe parte da axenda do conxunto do feminismo galego, reivindicou o 8M e o 25N con campañas nacionais e coa mobilización coordenada ao longo do país moito antes que estas datas tivesen a relevancia social que hoxe teñen. Tamén visibilizou  o 24 de maio de rana plaza, reivindica días como a visibilidade lésbica galega, ou o  día internacional para a erradicación da pobreza. A Marcha elabora un calendario nacional de accións co foco centrado no local. Organizou xornadas de formación, de debate, de partilla e reflexión colectiva e fixo parte da vida de centos de mulleres que se achegaron ao longo destes anos ao colectivo para loitar xuntas polos seus dereitos. A Marcha ten sido quen de poñer unha axenda feminista galega no centro da vida das galegas. 

As militantes da Marcha Mundial das Mulleres non queren que este 25 aniversario sexa só unha celebración da súa memoria, senón que sirva de impulso para seguir traballando e sumando mulleres á loita feminista na Galiza. Adicarán todo este ano, a partir do 8 de marzo, a desenvolver actividades por todo o país nas que colocar na axenda as que seguen a ser hoxe, 25 anos despóis, reivindicacións e exixencias que consideran imprescindíbeis para mudar a vida das mulleres traballadoras. 

Inician esta campaña este 8 de marzo, co lanzamiento de 8 reivindicacións urxente para transformar a vida das mulleres, e continuarán ao longo do ano desenvolvendo os 25 eixos de traballo que nestes anos de historia as teñen levado a percorrer o país e a realizar infinidad de actividades por todo o territorio. A Coordinadora Galega da Marcha ven de elaborar para este aniversario unha nova táboa reivindicativa que a través de 25 bloques ou temáticas de traballo desenvolve a maior parte das cuestións sobre as que colocan o foco como colectivo feminista. Queren que sexa tamén a súa folla de ruta para a acción nos próximos anos e que lles permita articular accións máis globais con demandas concretas ás institucións co fin de conquistar mudanzas e transformacións reais. 

A Marcha Mundial das Mulleres fai un chamamento á sociedade galega á mobilización activa en favor dos dereitos das mulleres. Após 15 anos de goberno do Partido Popular na Galiza fan un balanzo tremendamente negativo para os dereitos das mulleres, o máis recente o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres, a privatización dos centros de crise 24 horas ou a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade. Analizan que vivimos momentos de crise do capitalismo que impactan de forma devastadora na vida das mulleres, sen sistema de coidados público son as mulleres quenes soportan toda esa carga e ademáis cos salarios e pensións máis baixas do estado o que dificulta o sostén da vida a nivel de alimentación saudábel, acceso a vivenda, independencia económica e benestar emocional. 

Por todo isto convocan a construír un camiño colectivo que teña como resultado unha mobilización nacional o 5 de outubro para colocar no centro da axenda social a necesidade de mudanzas reais para mellorar a vida das mulleres. Convidando a todas as compañeiras do feminismo galego e a toda a socidade galega a sumarse a esta mobilización. 

Até finai de ano programarán máis de 30 actividades ao longo do país, que irán anunciando unha vez que pase o 8 de marzo, data na que ocuperán as rúas, como levan facendo dende hai 25 anos, co conxunto do movemento feminista galego, para seguir loitando pola vida das mulleres.

Como di o lema internacional: até que todas sexamos libres. 

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram