Conmemorando o 28 de Maio Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres a coordinadora comarcal da Coruña organizamos un ciclo de conferencias, vídeo-forum e coloquios baixo o título ‘O dereito a decidir: Situación actual e alternativas à despenalización do aborto’. Nas xornadas introducíronse temas tais como a loita polos dereitos reprodutivos e sexuais, a situación actual e redes dos COF (Centros de Orientación Familiar), os aspectos legais do dereito a decidir, e coa colaboración de mulleres representantes do asociativismo e activismo da nosa cidade xerouse un debate sobre as alternativas á despenalización do aborto.
Coa publicación destas xornadas e a súa divulgación totalmente gratuíta tanto en papel como en formato electrónico, pretendemos partillar con todas a información, debate e reflexión que xurdiu dentro da dinámica desta actividade. Consideramos que este material pode axudar a entender mellor o contexto histórico, xurídico e sanitario da actual regularización do aborto e estabelecer as bases para a discusión dentro da sociedade galega das alternativas á despenalización. Para a Marcha Mundial das Mulleres é fundamental deseñar estratexias de presión social e política e encoraxar a participación de toda a sociedade e do activismo galego nestas estratexias.
Até todas as mulleres do mundo conseguirmos a soberanía sobre o propio corpo, nós continuaremos en marcha.