Querémonos libres: contra o secuestro e violación da nosa veciña no Porriño

Manifesto da Coordenadora Local da Louriña da Marcha Mundial das Mulleres ante o acontecido coa veciña do Porriño, no 28 de xullo de 2022:

Querémonos libres, sen medo e vivas. Este lema feminista non é vacuo de contido. Está vixente e por el nos volvemos concentrar hoxe aquí.


A uns escasos 500 metros deste lugar, ata o luns pasado, unha vivenda do concello do Porriño
volveuse converter, durante seis longos días, nunha caverna de terror para unha muller. Nel, un home sentiuse con dereito de privala de liberdade, de dignidade, de poder amputarlle os seus dereitos, como humana, máis básicos. Aquí, ao noso lado, un mozo de 26 anos sentiuse con lexitimidade de exercer a forza e o dominio que o patriarcado lle transmitiu que ten.


Isto demóstralle, a aqueles que o poñen en dúbida, que a violencia machista sistémica segue aquí, entre nós; e mantense nas novas xeracións. Non é algo do pasado superado; senón que se mantén con forza na nosa mocidade. Non é un acaso. Os discursos violentos ós que asistimos, o ataque frontal aos nosos dereitos e liberdades como mulleres, menosprezando as nosas denuncias, teñen estas consecuencias.


Como xa dixemos, este é un problema sistémico, do propio sistema social que construímos. E como tal debe ser tratado. E iso lévanos a facernos preguntas.


Debemos preguntarnos como un home en busca e captura por un “caso similar”, tal e como o
cualifica a prensa, podía estar na súa casa, cunha muller secuestrada. Supoño que debía estar ben aparcado e por iso a policía non o molestou.

Debemos preguntarnos como, despois de que a familia denunciase a súa desaparición, a ninguén se lle ocorrese ir chamar á porta da casa da súa exparella, un home en busca e captura por violentar unha muller.


Debemos tamén preguntarnos se esta vai ser, outra volta, unha ocasión na que o sistema xudicial patriarcal nos vai decepcionar. Unha ocasión na que humille e desprece unha muller fortemente violentada, pero que, seguramente, fixo algo que lles parece que relativiza o feito polo agresor, secuestrador, violador.


Mais sempre en toda noite aparece unha estrela que dá luz. Neste caso, como tamén é habitual, a luz vén da comunidade. Foi unha veciña quen deu a voz de alarma, quen se agouchou para recoller os papeis de socorro e quen creu. Porque é fundamental crer, apoiar, darnos a voz que nos roubaron ás vítimas. E iso só o podemos facer todas e todos nós: o poder da comunidade. A fortaleza da acción comunal é tan grande como nós queiramos que a sexa. E, neste caso, salvou unha vida.

Como somos conscientes desa forza grupal, mulleres da Louriña conformamos a Marcha Mundial das Mulleres aquí, na nosa comarca. Con forza, con vontade de que o patriarcado encontre unha parede grande e valente que lle diga: chega xa! Querémonos libres, sen medo e vivas!!!

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram