PAREMOS O FEMINICIDIO

Manifesto 25 de novembro contra as violencias machistas

PAREMOS O FEMINICIDIO

A violencia de xénero é unha práctica que se remonta ao inicio da sociedade patriarcal. Durante séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis, a relixión e a cultura imperante.

Asasinatos  amparados por códigos de honra ou xustificados pola paixón, mutilacións xenitais transmitidas de xeración en xeración, violacións agochadas baixo a obriga do “débito conxugal”, acosos  ou chantaxes sexuais que se calaban para poder traballar, malleiras sufridas no silencio das catro paredes do fogar e vividas con culpabilidade.

Violencia considerada como un asunto privado e que grazas ao esforzo, á denuncia e a constancia dos movementos de mulleres e do feminismo deixou de ser invisible para a sociedade e para as institucións.

Hai 25 anos, no ano 1990, a  ONU declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres era o crime máis encuberto do mundo. Sen embargo na nosa sociedade aínda perdura a idea de que a violencia exercida contra a muller, sobre todo se quen a exerce é a súa parella, é un asunto privado.

Con cada caso de asasinato, con cada caso de violencia machista é necesario recordar que o privado é político, que a violencia de xénero está directamente co poder e a xerarquía, coas relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres. Si o terrorismo busca sementar o medo na poboación para lograr o acceso ao poder político, o fantasma da violación serve para aterrorizar ás mulleres e limitar o seu acceso ao espazo público. Si a tortura  baséase na destrución da identidade da persoa, destrozando a súa integridade física e moral e negándolle o control sobre o seu propio corpo, os malos tratos tamén acaban coa auto estima das mulleres agredidas, que son secuestradas en ocasións na súa propia casa, sen permitirlles decidir sobre as súas propias necesidades.

O que está en xogo é o poder, o que se perpetua é a desigualdade. E hai moitos interesados en que as mulleres sigamos vivindo a discriminación, a opresión e a violencia como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Estamos vivindo día a día un feminicidio contra o empoderamento feminino. Homes que asasinan as mulleres motivados polo odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade. Homes que a través da violencia tentan impedir a liberdade das mulleres. Feminicidio que a sociedade contempla narcotizada, acostumada aos titulares informativos  da aparición doutra muller ”morta” a mans da súa parella ou ex-parella.

Fronte a este feminicidio non chegan os minutos de silencio; Non chegan as medidas penais,  que precisan de compromisos e recursos; Non chegan os orzamentos que se destinan a protección e recuperación das vítimas. Pero sobre todo, non chegan as actuacións e recursos para erradicar o machismo.

A ONU na conferencia de Beijing en 1995 recoñeceu que a violencia contra as mulleres é un obstáculo para lograr os obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz e menoscaba o goce dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Os estados ademais da obriga de adoptar as disposicións legais que garantan os dereitos e liberdades das mulleres, neste caso o dereito a unha vida libre de violencia, teñen a obriga de adoptar outro tipo de medidas apropiadas para eliminala.

Xa é hora tamén de que a sociedade que está a prol da igualdade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio. Desde as escolas aos medios de comunicación, desde os parlamentos ás rúas, desde as organizacións políticas, veciñais e sindicais ata os xulgados.

Hoxe, 25 de novembro  queremos que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas.

Queremos denunciar o noso máis profundo rexeitamento da violencia contra as  mulleres, queremos apoiar ás máis vulnerables, queremos alentar a resistencia e a rebeldía  para construír un mundo novo, unha vida libre de violencias para nós e as futuras xeracións de mulleres.

Parar o feminicidio forma parte da nosa responsabilidade.

Convocatorias 25 de novembro de 2014

Convocatorias da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza este martes 25 de novembro de 2014:

  • Vigo: martes 25 ás 20h manifestación, saída dende a Farola de Urzaiz
  • Ourense: martes 25 ás 20.30h na Praza do Ferro
  • Ferrolterra: martes 25 ás 20h na Praza da Escola de Fene
  • Compostela: martes 25 / ás 20h na Praza 8 de Marzo, manifestación conxunta do movemento feminista
  • Pontevedra: martes 25 ás 20h na Praza da Peregrina
  • Vilagarcía de Arousa: martes 25 ás 20:30 Praza de Galiza, Convoca As. O soño de Lilith
  • A Coruña: martes 25 ás 19.00h no Obelisco, convoca acción Feminista da Coruña

opcionnal-25n-redes.jpg

Un ano máis, outro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, a Marcha Mundial das Mulleres estamos na rúa para denunciar e visibilizar a violencia que se segue a exercer sobre nosoutras polo único feito de sermos mulleres. Segundo unha enquisa feita no ámbito da Unión Europea:

Calcúlase que 13 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia física. Esa cifra equivale a un 7% de mulleres con idades entre 18 a 74 anos.

Calcúlase que 3,7 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia sexual. Esta cifra equivale a un 2% de mulleres con idades de entre 18 e 74 anos. Na UE un 18% das mulleres foron obxecto de acoso a partir dos 15 anos. Estas porcentaxes representan que 9 millóns de mulleres na UE sufriron e sufrirán violencia machista.

A metade de todas as mulleres da UE (53%) procuran evitar certos lugares ou situacións, por temor a ser vítimas de agresións físicas ou sexuais. Pola contra, enquisas recentes sobre victimización e medo aos delitos indican que o número de homes que limitan os seus movementos é infinitamente máis reducido.

España rexistra a taxa de criminalidade máis baixa dende o ano 2003, segundo o último informe que o Ministerio do Interior publicou a mediados de xullo. As infraccións penais rexistradas en 2013 descenderon o 4,3% Fronte a estes datos, un pero, a violencia sexual que medrou , segundo o mesmo informe, un 1,4%. As violacións son o delito menos denunciado no mundo, en porcentaxes aínda máis pequenas que no resto de denuncias por violencia machista da que se calcula que o 70% permanece silenciada e polo tanto, impune.

As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava.

A solución non é doada e necesita do compromiso de todas e de todos, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está enraizado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

A violencia contra as mulleres é a violación de dereitos humanos máis universal, presente en todas as sociedades do mundo. Esta violencia exércese de moitas formas, física, psicolóxica, sexual, económica, simbólica. É exercida en diferentes ámbitos da vida das mulleres, independentemente da clase social, nivel cultural, relixión ou raza.

Esta violencia, incrementouse nos últimos tempos. Coa escusa de “crise económica”, estamos a asistir a un brutal recorte de dereitos que se está a cebar especialmente coas mulleres (peores condicións laborais, problemas de conciliación da vida laboral e familiar, ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos, concepción da muller como obxecto sexual, entre outras). ISTO TAMÉN É VIOLENCIA.

Por iso, non podemos esquecer a todas as mulleres que sufriron e sofren diferentes tipos de violencias, aquelas que morreron ás mans das súas parellas, ou ex parellas (no que vai de ano 38 no Estado Español); e tampouco esquecemos a aquelas mulleres que no seu día a día se viron ameazadas, insultadas, desprezadas e coartadas na súa liberdade por ser mulleres. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

 

Mais tamén exercen violencia de xénero os que propagan ideas e conceptos que perpetúan os valores patriarcais, os que lexislan en contra dos dereitos das mulleres ou non velan polo cumprimento integral das leis existentes, os que privan as mulleres dos recursos para a igualdade, e negan a utilidade das accións e políticas para a igualdade; os que actúan con hipocrisía ao resgarse as vestiduras cada vez que nos asasinan e nos insultan e desprezan privadamente e no ámbito público, en definitiva, os que nos tratan como obxectos e non suxeitos de dereito e cidadás. Por tanto promoven a violencia machista contra todas as mulleres, os organismos e institucións que dan azos á perpetuación dos valores patriarcais: ao valor da familia tradicional en que as mulleres só podemos ser nais, convertendo a maternidade no único fin social para o que sermos educadas; ao valor da sexualidade pasiva, para non darnos ocasión para exercer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos; a impornos a heterosexualidade como único modelo sexual; ao intento de recluírnos no traballo dos coidados e no ámbito do privado, para impedir a autonomía económica das mulleres e a nosa participación social na toma de decisións.

Este é o caso do actual Goberno do Partido Popular. Así, comezamos un novo curso escolar, coa formación en economía e a transmisión dos supostos “valores” do emprendimiento asomándose ás aulas, mentres a educación afectivo sexual salta pola ventá. Isto fixeron o ministro de educación Wert e os seus compinches políticos e relixiosos, eliminándoas xunto a coeducación, a ética, a educación para a cidadanía, e a loita contra esta eiva, esquecendo a sensibilización das e dos profesionais e ignorando a incorporación da perspectiva de xénero en todas as etapas educativas, para promover relacións igualitarias como forma de prevención de calquera tipo de violencia machista.

Así tamén comezamos este ano coa ameaza por parte do mesmo Goberno do Partido Popular de reformar a actual lei do aborto. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!! A implicación ten recompensas como xa temos demostrado conseguindo coa unión das feministas e a implicación de moitas organizacións sociais a retirada por parte de Rajoi da reforma desta lei do aborto.

É necesaria a mobilización e rexeitamento de toda a sociedade, a implicación de todas e todos e rachar coa indiferenza, para rematar con este problema tan arraigado. Por iso, especialmente necesaria é a implicación dos medios de comunicación e os seus responsables, polo seu forte papel na socialización dos nenos, nenas e adolescentes e pola influencia que exercen na nosa sociedade.

Os medios de comunicación teñen a a obriga de desterrar expresións tan daniñas como “crime pasional”, “asasinada tras un ataque de celos”, “problema sentimental” ou “agrediuna despois dunha forte discusión”. Moitas veces tamén continúan a xustificar a violencia por causas externas: estaba baixo os efectos do alcohol ou as drogas; evitando así os debates de fondo: por exemplo, que valores lles estamos a transmitir ás novas xeracións para que, os datos digan que catro de cada dez rapaces continúen a pensar que o papel da muller é estar en casa e coidar da familia.

É noso deber denunciar situacións especialmente denigrantes, como é a realidade das mulleres en situación de prostitución, xa que esta é unha forma de violencia extrema para as mulleres, mostrándonos ás mulleres como meros obxectos sexuais para uso e disfrute masculino. A trata de mulleres con fins de explotación sexual é unha consecuencia da existencia da prostitución, onde os prostituidores, mal chamados “clientes”, perpetúan a violencia demandando mulleres como mercadoría, enriquecendo as mafias e a industria do sexo.

Especialmente sensible é a situación que viven as mulleres inmigrantes en situación irregular, xa que coa reforma sanitaria viron minguada as súas posibilidades de acceso aos recursos de atención primaria, sendo máis difícil a detección precoz de situacións de violencia, ademais de verse vulnerado o seu dereito fundamental de acceso á saúde.

Por todo iso dende a Marcha Mundial das Mulleres esiximos aos Poderes Públicos que se IMPLIQUEN, QUE RACHEN COA INDIFERENZA!!! Se os homes maltratadores enfrontáranse cun rotundo non, cun contundente rexeitamento social, especialmente por parte do resto dos homes, a violencia machista reduciríase moi considerablemente. A violencia existente no seo da sociedade, non é máis que a suma das violencias individuais de cada un dos seus membros; a que xera cada unha das persoas que a compoñen e a que é capaz de tolerar e asimilar. Cada xesto, actitude ou comentario pexorativo e discriminatorio contra as mulleres, aumenta a permisividade e abre o camiño cara á violencia contra as mulleres.

Se queremos avanzar como sociedade, non podemos permitir retrocesos en materia de prevención, denuncia e tratamento da violencia contra as mulleres. Por iso, instamos igualmente aos Poderes Públicos, medios de comunicación, sistema educativo e a toda a cidadanía a continuar coa loita e denuncia desta forma a violencia que ataca a metade da humanidade, as mulleres.

Machismo, Sociedade Patriarcal e Cultura da Violación… onde? Aquí, ao noso carón día a día. Esaxeramos?. Non, non esaxeramos!!! A violación silénciase, cálase. E hai veces, que os silencios, matan.

Pedimos a implicación de todos os sectores sociais, pedimos a implicación de todas as mulleres e homes. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

É por todo isto que a Marcha Mundial das Mulleres vos insta a IMPLICARVOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E RACHAR COA INDIFERENZA!!!

Crónica do 25N en Ourense

ourense25n02.jpg

En Ourense a Marcha Mundial das Mulleres realizou este ano dúas actividades en torno ao 25 de novembro.

ourense25n02.jpg

Na primeira, o Venres 25 ás 20.30h realizaronse unha serie de pequenas pezas teatralizadas en 4 prazas da cidade para tentar visibilizar diferentes tipos de violencia machista que padecen as mulleres.

ourense25n03.jpg

A primeira ‘estatua’ realizouse no Parque San Lázaro, espazo no que comezou a actividade, e foi unha denuncia do modelo de beleza imposto polo sistema e os estereotipos sexistas que as mulleres padecen como agresión á diversidade corporal.

ourense25n06.jpg

A segunda ‘estatua’, na Praza do Ferro, visibilizou a indiferencia que gran parte da sociedade mostra fronte aos traballos domésticos, a crianza e os coidados. Traballos que recaen maioritariamente nas mulleres.

ourense25n07.jpg

Nunha terceira ‘estatua’, xunto á Praza dos Suavez, a coordenadora local de Ourense realizou unha teatralización dos conflictos armados e como son as mulleres as principais víctimas tanto en época de conflicto como de paz, tanto pola perda das súas vidas, os abusos aos que son sometidas ou o entorno social no que viven nestes conflitos.

ourense25n08.jpg

A derradeira ‘estatua’ tivo lugar nas escaleiras da igrexa de Santa Eufemia e denunciou todo o que supón para as mulleres a escola machista e a sociedade debedora da tradición relixiosa que nega os dereitos das mulleres a decidir sobre a vida, a maternidade, o corpo e a sexualidade.

ourense25n04.jpg

O Sábado 26N ás 19.30h  tivo lugar a proxección do documental ‘As Silenciadas’ que contou coa presenza do director, Pablo Ces, e da guionista e investigadora Aurora Marco. Durante a proxección deste documental se puido escoitar a Pilo Sierra interpretar algúns dos temas que compuxo para este documental.

ourense25n01.jpg

‘As Silenciadas’ é un documental no que se recupera historias de vida de mulleres galegas que andaron na clandestinidade ou apoiaron dende a chaira ao movemento guerrilleiro e os custes desa defensa e apoio: cárcere, tortura física e psicolóxica, exilio…

ourense25n05.jpg

A proxección tivo lugar no Museo Municipal de Ourense e coincidiu coa exposición do Outono Fotográfico ‘Lesbianas e moito máis’ de Hanna Jarzabek motivo polo cal na rolda de prensa de apresentación a Coordenadora de Ourense de Marcha Mundial aproveitou para denunciar o trato ao que o goberno Polaco somete ás lesbianas.

[ Ver álbum de fotos ]

Crónica do 25N en Vigo

manivigo.jpg

manivigo.jpg

Manifestámonos na tarde-noite do venres 25 de novembro de 2011 percorrendo o centro da cidade para reclamarmos cambiar o mundo o mundo acabando coa violencia machista.

Instalamos o Museo interactivo contra a violencia de machista:

museovigo1.jpg

Este museo-exposición consistiu na visualización de diferentes obxectos vinculados coa vida das mulleres. Obxectos que teñen a peculiaridade de desempeñar diferentes significados en relación coa violencia machista, ben por ser considerados elementos xustificativos desta violencia, ou tamén, por seren empregados,polas mulleres, para paliar este drama.

museovigo2.jpg

Con esta actividade, tentamos imaxinar un futuro no que a violencia desapareza da sociedade e quede así reflectido nos museos como símbolo dun pasado xa superado.

museovigo3.jpg

[ Ver Álbum de fotos ]

Crónica do 25N en Ferrolterra

25 novembro 2011 fene 058.jpg

25 novembro 2011 fene 058.jpg

Na concentración á que acudiron unhas 170 persoas, realizouse un acto reivindicativo co obxectivo de facernos reflexionar sobre as diferentes formas de violencia contra a muller. Non só é violencia a agresión física, os insultos, as ameazas… senón que hai outras formas de exercer violencia e que se diron a coñecer a través de frases que foron lídas en voz alta, expostas en diferentes paneis para logo, de xeito simbólico, ser destruídas:

-O que nos agrede

-O que nos recorta dereitos

-O que nos invisibiliza

-O que nos discrimina

-O que nos asasina

O sexto panel era o listado das mulleres asasinadas no estado español no que vai deste 2011.

Unha vez destruidos os paneis con todo o que significa violencia contra as mulleres, fixemos aparecer unha gran flor con frases en positivo para darnos conta que “xuntas podemos, queremos e o faremos”.

[ Ver Álbum fotos ]

Actos da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza o 25 novembro de 2009

“Todas as ferramentas contra as raíces da violencia”
25 Novembro – Día Internacional contra a violencia de xénero

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, este 25 de Novembro, reivindicamos a posta en marcha de todas as ferramentas necesarias nos ámbitos da educación, a cultura, o ensino, a sanidade, a xustiza, as institucións políticas, as relixiosas, os medios de comunicación, a sociedade, etc…así como a optimización e a utilización de todas as ferramentas xa existentes, que faciliten que toda a sociedade sexa quen de arrincar as raíces que sustentan a violencia machista e parar xa e dunha vez por todas as agresións de todo tipo que sofren as mulleres e as nenas. Non podemos seguir asistindo aos asasinatos de mulleres como algo que pertence á rutina informativa ou ao espectáculo mediático.

Así foron as actividades das distintas coordenadoras:

Coruña

Este ano na Corunha figemos um roteiro reivindicativo polo centro da cidade em que recordámos as cinco mulheres assassinadas na Galiza. Começámos na Praça de Ponte Vedra ao pédo IES Eusébio da Guarda, antigo “Feminino” onde se fijo umha dinâmica sobre a história dos diferentes sistemas educativos desde que os homens eram os únicos com acesso à educaçom até ao actual sistema “lilás”, ainda em construçom, em que as mulheres e homens podemos desenvolver e compartilhar as nossas habilidades e interesses individuais em igualdade, e onde a violência de género se transformará em cultura de paz. À vista do Paço da Justiça representou-se umha pequena peça teatral intitulada “A justiça que queremos”. Reivindicámos melhoras dos recursos do Estado com respeito à linha de atendimento que segue umha mulher vítima da violência machista: sanidade, polícia, justiça, profissionais, centros de alojamento, assistência integral e um acesso real aos recursos de todas as mulheres sem discriminaçom geográfica nem de nacionalidade. Na Praça de Ourense improvisámos um estendal de roupa multicor onde fôrom penduradas as recomendações incluídas no decálogo de tratamento jornalístico contra a violência de género, até o momento assumido por mui poucos meios. Nos jardins de Mendes Nunes, ao pé da estátua de Concepción Arenal, festejámos todas as mulheres que no percurso da história rompérom e continuam a romper barreiras em prol da liberdade e igualdade de todas as mulheres, criando espaços que começam dentro de cada umha de nós e acabam na igualdade e justiça para todas.

O feche do roteiro realizou-se em frente da Subdelegaçom do Governo e aqui fijo-se questom na importância dos orçamentos para igualdade, verdadeiro indicador do compromisso real das administrações para acabar com a lacra da violência de género.

A participaçom das mulheres e homens que nos acompanhárom neste caminho de reflexom e reivindicaçom foi extraordinária e mui activa, e a todas agradecemos a sua presença e solidariedade.

{gallery}2009_25novembro/corunha{/gallery}

Compostela

Este 25 de Novembro 2009 a coordenadora de Compostela da Marcha Mundial das Mulleres convocou a toda a cidadania a unha concentración que se celebrou na Praza do Toural às 20.30 horas con un enorme suceso canto á participación e apoio cidadán.

Neste ano a coordenadora de Compostela quixo facer fincapé na corresponsabilidade do sector da hostelaria, convidando á súa implicación a través dunha campaña articulada a través da creación dun autocolante co lema “Aquí non entra a violencia machista”, lema que acompaña un deseño realizado pola pintora luguesa Sabela Arias e que pretende accionar os resortes sociais de condea da violencia machista na cidade de Compostela e que é a demostración de que o sector da hosteleria, de tanta presenza e incidencia na cidade, mostra o seu compromiso para a construción dunha sociedade libre da violencia contra as mulleres. O concello de Santiago de Compostela ampara esta campaña a través do subsídio da mesma.

{gallery}2009_25novembro/compostela{/gallery}

Ferrol

Na concentración de Ferrolterra comezamos facendo unha lembranza da nosa compañeira Anita, finada nun tráxico accidente apenas hai un mes, e colocando unha flor no pé do micro para simbolizar a súa presenza entre nós durante todo o acto.

A concentración estivo centrada no papel que xogan os medios de comunicación ante a violencia machista, e por iso convidamos á  xornalista María Xesús Arias, quen fixo unha intervención na que reivindicou a  boa práctica xornalística no tratamento da violencia contra as mulleres.

Despois de dar lectura a algunhas das recomendacións que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai ao respecto da información de xénero, animouse ao público a participar valorando, por medio dunha votación simbólica, varias noticias que persoas voluntarias foron lendo, o cal permitiu visibilizar as malas e boas prácticas dos medios de comunicación. Foron cerca de trinta novas as que se expuxeron, a maior parte contribuídas pola xornalista Belén Puñal e o grupo de investigación CIDACOM, ao que ela pertence.

Para rematar o acto, deuse lectura ao manifesto da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza para este 25 de Novembro

{gallery}2009_25novembro/ferrol{/gallery}

Fotos do arquivo de Fuco Buxán (alí podedes atopar máis fotos)

Podedes ver un video sobre esta actividade disponibilizado polo Colectivo Ártabra 21 AQUÍ

Vigo

{gallery}2009_25novembro/vigo{/gallery}

Pontevedra

En Pontevedra ás 12 da mañá colocamos a pancarta na Prza” 8 de marzo”, despois ás 5 da tarde comezamos coas actividades: puxemos no xardin globos cos nomes das mulleres asasinadas este ano no Estado Español, realizamos unha enquisa ás persoas que pasaban pola praza, fixemos 200 enquisas, a xente en xeral mostrábase con moi boa disposición para responder ás preguntas, os resultados mandaremolos esta semana á prensa. E ás 20.30 fixemos a concentración, concentración na que se leu o manifesto, antes da leitura do manifesto comezamos unha dinámica que consistía en facer uha rede entre todas as persoas que estabamos alí, a mado de símbolo de MMM como rede de asociacións e mulleres que unidas traballamos para erradicar a violencia machista. Mentras estabamos facendo e sostendo esa rede deuse leitura ao manifesto, unha vez lido o manifesto e de maneira simbólica tamén, botamos a rede sobre as causas da violencia machista, para podelas destruir.

{gallery}2009_25novembro/pontevedra{/gallery}

Fotos do 25 de Novembro de 2008

O pasado 25 de novembro, Dia Internacional contra a Violencia Machista a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza realizou concentracións en distintas cidades da nosa xeográfía coa esperanza de sementar un futuro sen violencia. Aquí tedes algunhas imaxes do que sucedeu.
Coruña:

{gallery}2008_25novembro/corunha{/gallery}

Vigo:
{gallery}2008_25novembro/vigo{/gallery}

Ferrol:
{gallery}2008_25novembro/ferrol{/gallery}

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram