PETRA e a Marcha Mundial das Mulleres alíanse para reforzar a defensa dunha maternidade feminista

Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza queremos manifestar o noso compromiso conxunto de reforzar a nosa loita e as nosas organizacións a través dunha alianza que recoñece mutuamente o noso labor no movemento feminista. 

Ambas organizacións compartimos a imprescindíbel perspectiva anticapitalista da loita feminista e a necesidade de que esta perspectiva estea presente en todas as reivindicacións que realizamos na loita polos dereitos das mulleres. 

Nunha sociedade capitalista e patriarca, como a nosa, a maternidade desde posicións feministas é un acto político de rebeldía contra a lóxica individualista e mercantilista das nosas vidas e dos imprescindíbeis coidados que todas precisamos. As crianzas son un ben social pois encarnan o noso futuro colectivo, e como tales os seus coidados deben interpelarnos a todas e temos que garantir colectivamente as mellores condicións en que eses coidados poidan desenvolverse.

Tanto a Marcha Mundial das Mulleres como PETRA defendemos o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seus corpos e a súa maternidade, garantindo por un lado a todas as mulleres unha interrupción voluntaria do embarazo segura e gratuíta na sanidade pública e por outro as condicións sociais e económicas necesarias e dignas para exercer unha maternidade libre. Como feminismos anticapitalistas denunciamos a mercantilización dos corpos das mulleres a través dos ventres de alugueiro, unha forma de compra venta de crianzas que ademáis despreza ás mulleres como suxeitos de dereitos. 

Con esta alianza queremos expresar o noso compromiso de loita por unha maternidade libre e profundamente política que coloque a vida e a súa reproducción no centro das políticas reclamando: 

  • A ampliación dos permisos por nacemento e a súa transferibilidade nun tempo non inferior ao recomendado como período de lactancia (6 meses). Con especial atención ás familias monomarentais.
  • Protección das mulleres e as crianzas fronte á violencia obstétrica pola súa condición de violencia machista revisando as prácticas e protocolos do SERGAS de cara a garantir a eliminación desta violencia dos procesos de embarazo-parto-puerperio. 
  • Garantías no eido laboral para as embarazadas e mulleres nais: reduccións de xornada co 100% do salario, aumentar o tempo dos permisos retribuídos por enfermidade das crianzas, reducción da xornada laboral a 30 horas para traballador@s con crianzas menores de 12 anos e asignacións universais por crianzas a cargo. E sobre todo garantír un sistema laboral que non penalice a maternidade e o coidado das crianzas que son un ben social e colectivo. 
  • Transformacións no eido educativo e social eliminando a ollada adultocéntrica sobre as crianzas e entendendo a necesidade dunha corresponsabilidade social para a crianza. 

O compromiso que adquirimos desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e PETRA Maternidades Feministas Galiza con este alianza é traballar xuntas e colaborar en que os nosos obxetivos políticos sexan acadados a través da mobilización social, a intervención política e a reflexión e debate colectivo sempre desde a sororidade e o apoio mútuo. 

Galiza, marzo de 2021.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram