Compostela // Non temos que pedir permiso!

De cara ao 25N a MMM anunciou unha ruada nocturna na que un grupo de mulleres sairíamos a percorrer as rúas de Compostela, ataviadas con mandis, fachos e fouciñas. A nosa acción tiña a intención da denuncia social manifestando a outra cara do medo, a de arrepoñernos a el, deixando claro que estamos fartas de ser acosadas, de non poder saír á rúa pola noite sen ser violentadas, humilladas e en casos extremos, agredidas, violadas ou asasinadas.

A piques de comezar a polícia nacional incautou as nosas fouciñas por orde da Subdelegación do Goberno e recriminou non ter solicitado permiso á mesma. Cabe destacar que o alcalde de Compostela, do mesmo partido que ostenta a Subdelegación, estivo na manifestación preto de nós, e non se achegou en ningún momento para explicarnos as suas intencións ocultas de sancionarnos. O PSOE acude ás nosas manifestacións mentres maquina ás nosas costas como pode sancionarnos, como pode facernos calar, como pode castigarnos.

Fomos identificadas pola polícia nacional, que advertiu que recibiremos sanción administrativa, malia terlle exposto que era unha actuación pacífica polas rúas, como se puido comprobar cando a levamos a cabo. Este é o patriarcado e a súa dobre cara: por un lado, a propia Subedelgación concédenos o recoñecemento Meninas 2022 uns dias antes, que rexeitamos porque non cremos en institucións machistas e, polo outro, cando loitamos contra a súa opresión, veñen a por nós ás agochadas, intimidándonos e sancionándonos, con covardía. Estas son as mesmas institucións que se fartan a dicir que non hai medios para protexer ás vítimas da violencia machista mais que, pola contra, poden escoltar a menos de 20 mulleres cunha grilleira chea de policías nunha ruada pacífica.

Cando loitamos contra o patriarcado, sempre está a se reinventar, este 25N foi coa escusa da nosa propia protección, pero o feminismo é máis forte, somos moitas, moi bravas e, aínda nos quedan máis fouciñas coas que recoller o froito da semente de vencer.

QUÉRENNOS CON MEDO BRAVAS NOS TERÁN! Até que todas sexamos libres.

Compostela, 27 de novembro de 2022.

// Compostela: sentada o 25N convocada por URXE! e Xuntxs por políticas

Comunicado en apoio á sentada convocada por URXE! e Xuntxs por políticas o 25N en Santiago de Compostela.

A USC leva anos branqueando a violencia patriarcal no seo da súa institución.

Centos de alumnas vense inmersas en situacións de acoso, abusos e agresións nas súas aulas, por parte de compañeiros e profesorado sen que a institución que ten obriga de ofrecerlles espazos seguros, a USC, se manifeste e posicione contra tales violencias, tomando medidas contra elas.

As mulleres accedemos a unha universidade pública onde somos constantemente violentadas sen que tales actos teñan consecuencias. Debemos seguir compartindo espazos cos nosos abusadores e agresores, ou decidir abandonar os nosos estudos e vida para resgardarnos nun espazo seguro onde non sintamos continuamente medos que coartan as nosas liberdades de ser e estar. Porén, eles seguen impunes, nos mesmos espazos, onde seguirán acosando, abusando e agredindo a outras compañeiras.

É por todo isto, que as organizacións estudantís URXE! e Xuntxs por políticas da USC están a convocar unha sentada para o vindeiro 25N, Día internacional contra a violencia de xénero, diante de dita facultade e en dous tramos horarios (12:00 – 13:00h e 17:00 – 18:00h).

Reclámase que:

– A USC sexa un espazo seguro onde todas e todos poidamos disfrutar dunha docencia de calidade e segura.
– As persoas agresoras deixen de gozar de impunidade como até o de agora.
– A seguridade e comodidade de todas as alumnas nas súas aulas.

Dende a Marcha Mundial de Mulleres da Galiza queremos mostrar todo o noso apoio e solidariedade coa mobilización convocada e coas mulleres vítimas desta violencia patriarcal na USC, animando a todas aquelas que poidan a participar nesta sentada e mobilizarnos unha vez máis polos nosos dereitos, polas nosas vidas. Ver menos

Encontro en Compostela!

A vindeira cuarta feira, día 28 de abril, a Marcha Mundial das Mulleres convídate a participar nun encontro aberto que terá lugar na Gentalha do Pichel ás 19h, no que poderás coñecer o que é a MMM e os seus obxectivos, como nos organizamos e todas aquelas cuestións que sempre quixeches saber sobre a Marcha e nunca te atreviches a preguntar 😄

Ademais, desfrutaremos da poesía de Arancha Nogueira.

Podes traer a túa merenda!

E todo isto, de xeito seguro, coas distancias e medidas precisas pola pandemia.

Se che apetece participar, vémonos o mércores ás 19h na Gentalha do Pichel, mais se non podes achegarte, tamén tés a posibilidade de participar virtualmente. Anótate enviándonos un correo a mmmcompostela@gmail.com

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram