No capitalismo todo está á venda!

O 23 de Setembro tamén é o Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas.

Desde a Coordenadora Galega da Mundial das Mulleres lembramos que máis de 2 millóns de mulleres e nenas son traficadas no mundo, a maioría delas para a explotación sexual.

Nun contexto internacional de violencia estrutural exercida contra as mulleres o alianza do patriarcado e o capital para mercantilizar as nosas vidas afecta especialmente ás mulleres.No capitalismo todo está á venda e é por iso que neste día queremos reivindicar a loita feminista e anticapitalista como ferramenta para acabar coa explotación e a trata.

Para que todas, en todas partes, sexamos libres!

23 de setembro

Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres e nenas.

Un 23 de setembro de 1913 promulgouse na Arxentina a Lei nº 9.143, a primeira norma legal no mundo destinada a loita contra a explotación sexual. Coñecida como “Lei Palacios” esta regulamentación marcou un punto de inflexión na loita contra a esclavización de mulleres e crianzas para o exercicio forzado da prostitución.

A Conferencia Mundial da Coalición contra o Tráfico de Persoas promulgou o 23 de setembro como o “Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas” en coordenación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Dhaka, Bangladesh, en xaneiro de 1999.

No mundo, a abolición da escravitude, data de principios do século XX. Sen embargo, a trata de persoas no mundo sigue sendo un negocio moi rendíbel e sófrena principalmente ás mulleres e nenas, nun 80%, sendo maiormente para a explotación sexual.

No século XXI, nos países que se autoproclaman no mundo como exemplo de democracia,dereitos da cidadanía… seguen existindo escravas explotadas sexualmente. Non de xeito escondido ou soterrado, senón diante dos nosos ollos nas rúas, en pisos, ou en clubs nas estradas. Algo tan inmundo e desapiadado convive connosco sen límites nas nosas cidades e vilas.

A sociedade e as administracións toleran esta situación e miran cara outro lado, actuandosó cando a súa presencia é molesta ou a exhibición é demasiado evidente, reprimindo na maior parte dos casos ás vítimas e sen menoscabar os privilexios dos opresores.

O estado español é o primeiro consumidor europeo de prostitución, sendo consumidores un 39% de homes. Este porcentaxe non é inocente, queremos poñer o foco nos consumidores, nos que antepoñen os seus desexos a toda ética, nos que asumen que as mulleres están no mundo para o seu servizo.

Cando falamos de prostitución ou de trata, os que demandan, os que alimentan este negocio inxente, fican nun cómodo segundo plano, exentos de toda responsabilidade. Son homes cos que convivimos, pais, fillos, veciños, amigos… e sen a súa demanda este comercioinhumano non existiría.

Dende colectivos feministas e de loita contra esta lacra levase reivindicando dende hai anos unha lei integral para as vítimas de trata e unha maior protección e dotación de medios para as prostituídas. Que non sexan precisas denuncias previas das vítimas para as actuacións, que estas teñan unha maior seguridade e protección para elas e as súas familias, alternativas e programas de axuda…

Na realidade asistimos a escasas e mornas actuacións contra redes e proxenetas, áfrecuente connivencia de poderes públicos cos propios proxenetas e a vítimas totalmente desprotexidas á vista de todo o mundo. Repetimos, non están agochadas, están a vista de todo o mundo.

Como sociedade, cómpre unha resposta urxente e sen físgoas contra este mercado escravista e misóxino: Esixir que se actúe e lexisle con contundencia contra algo que non podemos aceptar e normalizar no noso entorno.

Enlaces de interese

https://www.un.org/es/observances/end-human-trafficking-day 

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram