Por un #8M combativo!

Nós estamos nas rúas, e na folga, este 8 de marzo. Manifestarémonos e ocuparemos o espazo público porque sen mobilización social non hai transformación social. Até que haxa cambios reais, até que todas sexamos libres nunha sociedade xusta e nun pobo libre!!

Na Galiza levamos décadas de recortes en igualdade, o PP ocupouse de facer desaparecer ou baleirar de contido e orzamentos a diversos organismos públicos de igualdade e atención á diversidade, favorecendo a entidades relixiosas e anti-abortistas no canto de garantir unha anticoncepción e unha interrupción voluntaria do embarazo na rede pública; somos vítimas de violencia obstétrica, sen que poidamos garantir coidados e atención permanente nos procesos de embarazo, parto, postparto e perdas xestacionais; seguimos a padecer recortes en materia de servizos públicos e os efectos de políticas privatizadoras nos servizos sociosanitarios e de atención ás persoas por parte do Partido Popular; políticas ultraconservadoras adoptadas co obxectivo de que sexamos unha vez máis, as mulleres, as encargadas do coidado das crianzas e persoas dependentes, sexa de xeito precarizado, con salarios míseros e condicións de traballo ínfimas, ou sexa de balde, ante a imposibilidade de poder acceder a servizos públicos, sen ter en conta a dispersión xeográfica da poboación galega e a concentración destes servizos nas cidades; ao avellentamento da poboación temos que engadirlle a emigración da nosa mocidade, por mor da inexistencia de alternativas que posibiliten o seu desenvolvemento socioeconómico no noso país.

Por outra banda, a primeira decisión política adoptada polo goberno do estado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 consistiu en devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres. A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses. Colocando novamente a vida das mulleres ao servizo dunha sociedade que sequera dá valor a estes coidados.

Tamén engadir que pese a que as actividades esenciais resultaron ser maioritariamente as feminizadas (ámbito sanitario, comercio de alimentación, servizos de atención ás persoas), non houbo unha reposta dos poderes públicos dirixida a revalorizar económica e socialmente estes oficios, senón que foron sometidas a unha sobre-explotación, en moitos casos, sen garantir a protección da súa saúde, e sen que meses despois fosen recompensadas.

Desde o feminismo esiximos que se poña a sostenibilidade da vida no centro da análise das políticas públicas. Nós perseguimos o obxectivo político de transformar a realidade en sentido igualitario, mais non a costa de explotar ás mulleres ou de desposuírnos dos dereitos que temos conquistado.

Debemos continuar denunciando e combatendo o capitalismo, o racismo, o colonialismo, o imperialismo e o patriarcado, na busca da conquista da igualdade e da xustiza social. Debemos reclamar aos partidos políticos, aos movementos sociais e populares, que é imprescindíbel asumir a loita das mulleres para construír procesos realmente xustos, participativos e emancipatorios. Non imos renunciar aos avances, e non imos contentarnos con actos institucionais de recoñecemento, se non van acompañados de reformas tanxíbeis. As demandas de igualdade entre os xéneros e a loita contra o patriarcado deben ser parte da axenda do movemento feminista, mais tamén das axendas dos gobernos, e da sociedade en xeral.

Por todos estes motivos consideramos que non podemos ficar inmóbiles. O sistema agarda de nós que sigamos confinadas e que aceptemos a situación como inevitábel cando non o é. Por iso facemos un chamamento a encher as vilas e cidades da Galiza de columnas de mulleres, que a distancia social imposta pola xestión da pandemia non impida a mobilización, coidándonos entre nós, como levamos feito ata agora. Salvagardando a nosa saúde, fagamos que xurda un novo modelo de mobilización, na que recuperemos a nosa visibilidade no espazo público, poñendo no foco da atención as nosas demandas, as nosas denuncias e unha advertencia aos gobernos: non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram