Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres Galiza ante os feitos de abuso sexual que se denuncian contra o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca

Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres Galiza ante os feitos de abuso sexual que se denuncian contra o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca: 

A Marcha Mundial das Mulleres en Galiza quere expresar con absoluta contundencia a súa condena fronte ás graves acusacións de acoso feitas contra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a nosa solidariedade plena coas mulleres denunciantes. Sabemos que non é doado sinalar situacións de violencia machista en estruturas de poder que, demasiadas veces, actúan como barreiras silenciosas.

Ademais, queremos condenar explicitamente as declaracións realizadas por José Tomé ante as acusacións, nas que califica as denuncias como “montaxe” e resta credibilidade ás vítimas. Este tipo de respostas non só revitimizan ás mulleres que deron o paso, senón que reproducen os patróns do machismo institucional.

Ante a gravidade destes feitos: 

  1. Exiximos a dimisión inmediata de José Tomé de todas as súas responsabilidades políticas e institucionais. A exemplaridade pública é incompatible con manter no cargo a alguén sobre quen recaen acusacións tan graves.
  2. Demandamos que o PSOE actúe con responsabilidade e sexa exemplar, evitando ratificar que é un partido que só performa feminismo cando lle convén, incapaz de actuar con firmeza cando as violencias machistas aparecen no seu seo. Nestes momentos debe decidir se é unha forza sistémica que antepón a súa autoprotección á defensa das mulleres ou non. É por isto que EXIXIMOS que pidan a dimisión inmediata e se deixen de dilacións e cálculos políticos.
  1. Solicitamos ao PSOE unha investigación interna rigorosa e independente, e exiximos que quen coñecese os feitos e non actuase abandone o partido e os seus cargos, pois o silencio perpetúa a violencia.
  1. Manifestamos que a ausencia dunha denuncia xudicial non invalida a gravidade das acusacións nin debe servir de escusa para a inacción. Os protocolos galegos de violencia machista non condicionan a actuación institucional á existencia de denuncia penal.

Instamos ao resto de organizacións políticas, nomeadamente ao Partido Popular,  a non utilizar este caso como arma arroxadiza, tendo en conta os precedentes moi recentes da súa actuación neglixente co Conselleiro Villares. A violencia machista é estrutural e manifesta tamén o seu poder en escenario políticos, partidarios e institucionais.

Denuncias como esta, como a do ex-conselleiro Alfonso Villares ou as doutros cargos socialistas coñecidas estes días, son síntoma dun machismo estrutural profundo que a sociedade galega está obrigada a confrontar.

A violencia machista é algo inherente ás estruturas sociais actuais, pero iso non significa que sexa inevitable. A diferenza está en escoller entre ser valentes ou ficar caladas, entre actuar ou consentir. Debemos estar do lado da valentía, da transparencia e da protección das agredidas. As declaracións públicas de José Tomé e a súa negativa a dimitir representan a opción contraria: a de blindarse, minimizar, negar e manterse no poder custe o que custe. Así como o posicionamiento actual do PSdeG: non exixir responsabilidades, escorrer o vulto e botar balóns fóra. 

Expresamos o noso apoio ás mulleres que deron o paso de denunciar. Pedimos máximo respecto á súa confidencialidade e agardamos que non exista calquera filtración ou cuestionamento público destas mulleres.

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram