Onte xuntámonos mulleres de todo o mundo para asistir ao webinario do Capire e da Marcha Mundial das Mulleres arredor da resistencia e solidariedade das mulleres ao longo do mundo. Aproveitamos a xornada para analisar o impacto da pandemia da Covid-19, que leva un ano na maior parte dos territorios, e as consecuencias desta crise para as mulleres. Se ben é certo que a análise xeral é a precariedade que trouxo ás vidas das mulleres, a desvalorización aínda maior do traballo feminino, dos coidados e a necesidade aínda maior de pór a vida no centro fronte ao capitalismo, tamén se fixo unha análise máis pormenorizada da situación dos territorios e o impacto máis concreto que sofren.
Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres achamos fundamental partillar moitas das reflexións que se deron para achegar ao noso País a realidade de moitos outros cos que partillamos horizontes, análises e loita e tamén visibilizar a resistencia das mulleres ao longo do mundo.
En primeiro lugar, a Covid afectou contundentemente a Asia, as compañeiras analisaron que probablemente sexan a rexión máis afectada, moitas mulleres sofren o patriarcado en todos os ámbitos da súa vida (violencia física, mental, violencia médica, agresións sexuais, feminicidios…) e carecen de ferramentas para enfrontalas. Isto só se fixo máis visíbel coa covid, os gobernos non se preocupan nin teñen estruturas para protexer á poboación e agravado coa crise da saúde, as mulleres víronse máis afectadas. Nesta rexión o traballo das mulleres non é recoñecido, disto surxiu a necesidade de organizarse arredor de grandes plataformas e de construír movementos sociais que saíron á luz para expoñer as diferentes violencias que sofren mais tamén para pedir a protección do goberno. A raíz de todo isto estouraron moitos movementos por todo o Continente Asiático: comezaron movementos de campesiñas na India, na que milleiros saen a protestar polo seu dereito á terra; houbo un grande crecemento do movemento feminista nas últimos 3 ou 4 anos; no Paquistán afortalouse neste período o movemento feminista, no que as mulleres tanto das zonas urbanas como das rurais se uniron para facer fronte á violencia, se ben é certo que o sentimento relixioso exerce moita presión as mulleres saíron ás rúas o 8M aínda sendo atacadas polo fundamentalismo relixioso.
A relixión está sendo usada como ferramenta para limitar a liberdade das mulleres mais seguen organizadas e non van recuar, porque aprenderon como abrir os seus camiños e como expoñer as desigualdades económicas e sociais aos seus gobernos, saben como desafiar a desigualdades.
En segundo lugar, a pandemia en África non ten a amplitude que ten noutros territorios, a economía xa era débil, e a actividade das mulleres non era tan importante, a pandemia tivo efectos devastadores no sur que se sumou á contaminación terríbel nesas áreas (Mozambique, Sudáfrica…), o territorio está vivindo un período de cambios políticos, en moitos países constatan que as mulleres non teñen acceso real aos seus dereitos. Houbo un período de eleccións no que se constatou que a presenza das mulleres non era moi grande, houbo ataques terroristas en Níger que afectaron maioritariamente a mulleres; no Congo hai un movemento feminista afortalado reclamando os seus dereitos; en Costa de Marfil houbo un incremento das mulleres candidatas nas eleccións (incrementouse nun 15%), houbo traballo de base para axudar a candidatar as esas mulleres, facendo formacións para axudalas na política.
O cambio na rexión non é evidente mais está acontecendo, houbo marchas o 8M con moito contido político detrás, hai organizacións feministas en moitos países que colaboran entre elas e que dan apoio a mulleres refuxiadas doutros territorios.
En terceiro lugar, en Oriente Medio e Norte de África as mulleres enfrontan grandes desafíos economicos, sociais e culturais para alcanzar unha sociedade xusta. Como mulleres, teñen unha cultura diferente pero enfrontan a violencia das guerras e das crises do capitalismo que quere modelar as súas vidas, as condicions dificiles das mulleres na rexión están na fronte da loita e da dinámica. É un grande repto coordenar a rexión de cara a loita contra o capitalismo e a ocupación de territorios e todo tipo de violencia contra elas, a violencia afecta ás mulleres de todos os niveis económicos e a loita debe ser local, rexional e global contra o sistema que nos oprime. Sofren cun acceso desigual á saúde, que ficou claro coa covid, as mulleres non receben a mesma cantidade de vacinas, igual que a rexión tampouco, isto fai difícil a loita contra a pandemia. A organización económica mundial non pode permitir que isto sexa un privilexio de países ricos.
Enfrontan os asentamentos colonialistas que desprazan ás mulleres da rexión, o presidente do país ocupante controla toda a xestión sanitaria do país no caso palestino, visbilízase tamén a loita dos rebeldes tunisinos, do pobo curdo aprisionado, da resistencia fronte a Marrocos e da resistenccia de Sudán. O feminismo mobilízase contra a militarización, o ataque e intento de control dos seus pobos e territorios. Loitan polos presos políticos, e por darlle voz ao seu pobo. O movemento feminista loita contra a ocupación das terras e resiste a diario a violencia que viven nas súas sociedades, traballaron o 8M para erguer a sua voz e saíron ás rúas en Marrocos, Líbano, Tunisia… houbo moitas mulleres detidas pola loita feminista mais non importa porque hai que loitar pola unión e pola visibilización dos conflitos activos e das loitas que hai.
“Sororidade é unha accion que xunta as mulleres e as suas fortalezas”
En cuarto lugar, como Europa sabemos que falamos da rexión hexemónica, houbo un proceso de construción política que permitiu poñer un plan de acción para o 8M, o que vemos na Europa é que temos moitos puntos en común entre nós e somos unha rexión onde a causa feminista está “máis” avanzada pero se fai desde unha perspectiva economicista (=traballo =salario) mais hai outras cousas que se deixan aparte (os coidados), por iso a pandemia trouxo a luz os problemas da perspectiva economicista, incremento da probreza polo sistema capitalista, visibillización do traballo no fogar, comunitario e dos coidados que non trouxo unha valorización dos traballos, trouxo máis fraxilidades, a conciliación, o teletraballo e minusvalorar os coidados. A saude mental tamén se viu afectada pola pandemia, que se converteu nun tema social.
Aumento en xeral da violencia pola vixilancia das nosas vidas, perdemos o espazo público e as nosas vidas e movementos, non hai un plan para reverter estes efectos postpandemia.
Con este incremento da violencia perdeuse o acceso ao traballo digno e á saúde, á vacinación, hai unha loita entre os países por garantir o consumo e a economía “estábel”, todo isto aumentou aínda máis a dereita e a extrema dereita que xa existía.
O 8M unimos os movementos feministas, a folga feminista fíxose en moitos países e visibilizou o traballo das mulleres, surxiron novos problemas na vivenda, nos coidados, migración, na pegada ecolóxica e tamén aumentou a demanda polos traballos dignos, mais si se marchou este día aínda coas dificultades de ocupar espazo público.
Lanzamos as bases para seguir construíndo ese colectivo, exixir unha vida digna, que se valoren as nosas vidas, que se garanticen as liberdades, rematar coa inseguridade nas rúas, que deixen de usar ás mulleres migrantes, acabar coa lexislación abusiva da migración que condea a centos de mulleres, acabar coas transnacionais.
Por último lugar, na rexión das Américas este ano o desafío foi e seguirá sendo loitar por unha vida digna, que se viu aínda máis frustrada pola pandemia, vimos neste ano agravarse os fenomenos atmosféricos, problemas de alimentos, situación sanitaria, perdéronse garantías do estado. Perdeuse o dereito ao traballo e moitos máis polo capitalismo, aumentou a precarización do traballo, visibilizouse a carga adicional das´mulleres; as mulleres sostemos a vida, estamos na primeira liña, ante as adversidades respondemos de forma solidaria, conxugamos entre a palabra e a organización, resistimos de maneira franca e decidida. Este 8M renovamos forzas, para pór novas cores ás nosas loitas, poñendo a sostenibilidade da vida fronte ao capitalismo, o militarismo e as ditaduras.
O 8M foron milleiros as que se organizaron e marcharon por todo o continente, baixo o lema contundente de soster a vida no centro. Creáronse redes de coidados que foron vitais para garantir a supervivencia de moitas, púxose no centro do debate a economía feminista, a importancia da solidariedade con todas as mulleres do mundo, a importancia das loitas de todas as mulleres do continente, a resistencia e loita contra Bolsonaro, a aprobación do aborto legal na Arxentina, a Constitución chilena… Reclámanse vacinas para toda a poboación, o fin do bloqueo a Cuba, o cese dos ataques do imperialismo na rexión, medidas contra os feminicidios no territorio.
Infórmate de máis cousas sobre o movemento Capire en: https://capiremov.org/